[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Pleuroto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pleuroto

Pleuroto nun bosque de Bélxica.
Pleuroto nun bosque de Bélxica.

Clasificación científica
Reino: Fungi
Filo: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Pleurotaceae
Xénero: Pleurotus
Especie: P. ostreatus
Nome binomial
'Pleurotus ostreatus'
Champ. Jura. Vosg. 1: 112, 1872
Pleuroto nun tronco.

O pleuroto[1] ou cogomelo ostra (Pleurotus ostreatus) é un fungo comestíbel, estreitamente emparentado co cogomelo de cardo (Pleurotus eryngii)[2], que se consome amplamente polo seu sabor e a facilidade da súa identificación.

É un fungo bastante común en Galiza, e adoita comercializarse para a súa venda, de feito é o cogomelo máis cultivado[3]. Inicialmente foi cultivado en Alemaña como medida de subsistencia, durante a primeira guerra mundial.[4]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome vulgar galego e o latino pleurotus (pé desprazado) refírense ao crecemento do talo respecto do chapeu ou parte superior, mentres que o termo específico latino ostreatus (ostra) refírese á forma do chapeu en si, que se asemella ao bivalbo do mesmo nome. En chinés estes cogomelos son chamados píng gū (平菇; literalmente "Fungo chato").

O pleuroto é un dos cogomelos bravos máis arelados, aínda que tamén pode ser cultivado sobre unha camada de palla e noutros ambientes. Con frecuencia presentan un recendo a anís por mor da presenza de benzaldehído.

Descrición

[editar | editar a fonte]

P. ostreatus presenta un chapeu de 5 a 20 cm de diámetro, co desprazado cara a unha banda e medrando habitualmente en feixes superpostos. A tona é lisa e brillante; de cor cinsenta ou cinsenta escura, e en ocasións parda ou azulada. As marxes do chapeu cambian coa idade, sendo enroladas nos exemplares novos e abertas nos adultos. Ten as lamelas apertadas, magras, recorrentes e de cor abrancazada. A carne é firme, algo dura nos exemplares adultos, e de sabor e cheiro agradábeis. Medra na superficie dos cotos, canoucos, toros etc de madeiras brandas como as do lamigueiro, a faia ou o salgueiro, entre outros.

Comestibilidade e confusións

[editar | editar a fonte]

É frecuente a súa confusión con outros Pleurotus, coma Pleurotus pulmonarius máis miúdo e de cor abrancazada. Pola súa calidade é un bo comestíbel, sendo amplamente cultivado para a súa comercialización.

Nutrición e gastronomía

[editar | editar a fonte]

O pleuroto, como outros cogomelos, representa unha fonte importante de selenio, elemento moi importante para o metabolismo humano, sendo un dos micronutrientes que posúen un maior efecto antioxidante e de protección contra algúns tipos de cancro. O seu alto contido en polisacáridos comporta unha acción beneficiosa sobre o sistema inmunolóxico.

Comparte co resto de cogomelos comestébeis o feito de conter un tipo de glícidos que os encimas humanas non poden dixerir, mais que poden ser fermentadas parcialmente polas bacterias do colon de xeito que se comportan no aparato dixestivo humano de xeito semellante á fibra alimentaria. A fibra e estes glícidos inchan coa auga e regulan o tránsito intestinal. Os cogomelos tamén aumentan a excreción de ácidos biliares e teñen propiedades antioxidantes e hipocolesterolemiantes.

O pleuroto é un cogomelo moi apreciado na gastronomía, mais algo menos que o outro Pleurotus, o cogomelo de cardo (Pleurotus eryngii).

  1. Guía da alimentación Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1995
  2. Aclaración en Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela - https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm#15674065
  3. http://www.aelg.org/resources/centrodoc/members/paratexts/pdfs/autor457/PT_paratext5673.pdf
  4. Eger, G., Eden, G. & Wissig,E. (1976).Pleurotus ostreatus – breeding potential of a new cultivated mushroom. Theoretical and Applied Genetics 47: 155–163. (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  • Pleurana (polisacárido illado de P. ostreatus)