[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Euxenesia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"A euxenesia é a autodirección da evolución humana", lema do Segundo Congreso Internacional de Euxenesia, en 1921, representado como unha árbore que unifica gran número de campos diferentes.

A euxenesia é unha filosofía social que defende a mellora dos trazos hereditarios humanos mediante varias formas de intervención.[1]

O termo foi cuñado en 1883 por Francis Galton (1822-1911), curmán de Charles Darwin e considerado como o pai da euxenesia moderna, co significando de 'ben nacido' (do grego εύ, 'ben', e γένεσις, 'nacemento').[2]

Galton definiu a euxenesia como o estudo dos axentes que actúan sobre o control social e que poden mellorar ou empobrecer as calidades raciais das futuras xeracións, sexa física ou mentalmente.[3] Noutras palabras, o melloramento xenético.

As metas perseguidas pola euxenesia variaron entre a creación de persoas máis sas e intelixentes, o aforro dos recursos da sociedade e o alivio do sufrimento humano. Os medios que se propuxeron antigamente para alcanzar estes obxectivos baseábanse na selección artificial, mentres que os modernos empregan o diagnóstico prenatal e a exploración fetal, a orientación xenética, o control de natalidade, a fecundación in vitro e a enxeñaría xenética.

A euxenesia é un asunto moi controvertido, particularmente despois do xurdimento da euxenesia nazi, que foi unha parte fundamental da ideoloxía da pureza racial, e que culminou no Holocausto. Pero xa desde o seu nacemento, e até os nosos días, diversos filósofos, sociólogos e científicos argumentaron que a euxenesia expuña serios problemas éticos, como a discriminación de persoas segundo categorías, xa que acaba por etiquetar ás persoas como "aptas" ou "non aptas" para a reprodución.

Mesmo coa cada vez maior utilización de técnicas de melloramento xenético empregadas actualmente en plantas e animais, aínda existen cuestionamentos éticos en canto ao seu uso en seres humanos, chegando até o punto de que algúns científicos declararon que é de feito imposíbel cambiar a natureza humana.

Os seus opoñentes aducen que a euxenesia é inmoral e está fundamentada en, ou é en si mesma, unha pseudociencia. Historicamente, a euxenesia usouse como xustificación para discriminacións coercitivas e violacións dos dereitos humanos promovidas polo Estado, como a esterilización forzosa de persoas con defectos xenéticos, o asasinato institucional e, nalgúns casos, o xenocidio de razas consideradas inferiores.

Significados da euxenesia

[editar | editar a fonte]

A euxenesia, desde o seu mesmo principio, significou varias cousas diferentes para moitas persoas. Historicamente, o termo usouse para designar calquera feito comprendido entre o coidado prenatal das nais até a esterilización forzosa e a eutanasia. No pasado houbo moitos debates, algúns dos cales continúan aínda na actualidade, sobre o que se considera exactamente que forma parte da euxenesia.[4]

O termo euxenesia úsase a miúdo para referirse a algúns movementos políticos e sociais que tiveron grande influencia a principios do século XX. Nun amplo sentido histórico, a euxenesia tamén pode ser o estudo da "mellora das calidades xenéticas humanas". Algunhas veces aplícase para describir en termos xerais calquera acción humana cuxa finalidade sexa mellorar o acervo xenético. Algunhas formas de infanticidio nas sociedades antigas, a actual reproxenética, os abortos preventivos e os bebés de deseño chamáronse, non sen controversia, euxenesia.

Debido ás súas finalidades normativas e á súa relación histórica co racismo científico, así como a unha visión particular no desenvolvemento da ciencia da xenética, a comunidade científica internacional desvinculouse, hoxe en día, case totalmente do termo euxenesia; porén, aínda poden encontrarse, na comunidade científica, algúns defensores do que se deu en chamar a euxenesia liberal.

As investigacións modernas sobre os potenciais usos da enxeñaría xenética conduciron a unha cada vez maior invocación da historia da euxenesia en discusións sobre bioética, as máis das veces de forma cautelar. Algúns bioéticos suxiren que incluso os programas de euxenesia non coactiva serían inherentemente pouco éticos, aínda que este punto de vista foi cuestionado por pensadores tales como Nicholas Agar.[5]

Os euxenistas defenden políticas específicas que (de teren éxito) levarían a unha mellora notábel do acervo xenético humano. Posto que definir as melloras que son desexábeis ou beneficiosas percíbese como unha elección cultural máis que como un asunto que poida determinarse obxectivamente (é dicir, por investigacións empíricas e científicas), a euxenesia é considerada a miúdo unha pseudociencia. O aspecto máis discutido dela foi a definición de "mellora" do acervo xenético humano, por exemplo determinar o que é unha característica beneficiosa e o que é unha característica defectuosa. Este aspecto da euxenesia foi contaminado historicamente polo racismo científico.

Os primeiros euxenistas estaban máis preocupados polos factores observábeis da intelixencia, que a miúdo se correlacionaban coa clase social. Moitos euxenistas inspiráronse na cría selectiva de animais (onde adoitaba traballarse daquela para lograr razas puras) como analoxía para a mellora da sociedade humana. A mestura de razas (ou miscexenación) adoitaba considerarse como algo a evitar en nome da pureza racial. Naquela época este concepto parecía ter certo apoio científico, e seguiu sendo un asunto belixerante até que o desenvolvemento avanzado da xenética levou ao consenso científico de que a división dos humanos en razas desiguais é totalmente inxustificábel. Pero algúns ven isto como un consenso ideolóxico, dado que a igualdade, o mesmo que a desigualdade, é unha elección cultural máis que un asunto que poida ser determinado obxectivamente.

A euxenesia tamén se preocupou pola eliminación de enfermidades hereditarias tales como a hemofilia e a enfermidade de Huntington. Porén, hai varios problemas á hora de cualificar certos factores hereditarios como "defectos xenéticos":

  • En moitos casos non hai consenso científico sobre o que é un "defecto xenético". A miúdo arguméntase que é máis un asunto de elección social ou individual.
  • O que parece ser un "defecto xenético" nun contexto ou contorno pode non selo noutro. Este pode ser o caso dos xenes cunha vantaxe heterocigota, como os que provocan a anemia falciforme e a enfermidade de Tay-Sachs que, na súa forma heterocigota, poden ofrecer unha vantaxe contra, respectivamente, a malaria e a tuberculose.
  • Moitas persoas discapacitadas ou inválidas poden ter éxito na vida.
  • Moitas das enfermidades que os primeiros euxenesistas identificaron como hereditarias (por exemplo, a pelagra) considéranse actualmente imputábeis completa ou polo menos parcialmente ás condicións medioambientais.

Parecidas preocupacións xurdiron cando o diagnóstico prenatal dunha enfermidade conxénita leva ao aborto.

As políticas euxenésicas clasifícanse conceptualmente en dúas categorías:

  • euxenesia positiva, que fomenta a maior reprodución dos designados como "máis aptos", e
  • euxenesia negativa, que desaconsella ou impide a reprodución dos designados como "menos aptos".

A euxenesia negativa non necesita ser sempre coactiva. Un Estado podería ofrecer recompensas económicas a certas persoas que se sometan á esterilización, aínda que algúns críticos poderían responder que tal incentivo, xunto coa presión social, podería percibirse como unha coacción. Por outra parte, a euxenesia positiva tamén pode ser coactiva. O aborto en mulleres "aptas" era ilegal na Alemaña nazi.

A euxenesia recibiu o apoio de destacados pensadores, incluíndo a Alexander Graham Bell, George Bernard Shaw e Winston Churchill. E foi unha disciplina académica en moitos institutos e universidades. Durante o século XX, moitos países promulgaron políticas e programas euxenésicos, incluíndo promoción de taxas de natalidade diferenciais, esterilización obrigatoria, abortos forzosos, restrición do matrimonio, exploración xenética, control da natalidade, control da inmigración, segregación (tanto racial como dos enfermos mentais) e xenocidio.

A súa reputación científica comezou a decaer nos anos 1930, época en que Ernst Rüdin comezou a incorporar a retórica euxenésica ás políticas raciais da Alemaña nazi. Durante o período da posguerra gran parte do público e da comunidade científica comezaron a asociar a euxenesia cos horríbeis abusos nazis, que incluíron a "hixiene racial" e o "exterminio".[6]

A maioría destas políticas foron posteriormente consideradas coactivas, restritivas ou xenocidas, e actualmente son poucas as leis que inclúen políticas explicitamente cualificadas de euxenésicas ou inequivocamente euxenésicas en esencia. Porén, aínda varios gobernos rexionais e nacionais de diversas partes do mundo mantiveron programas euxenésicos até os anos 1970. E a día de hoxe algunhas organizacións privadas axudan á xente con servizos de orientación xenética, e a reproxenética pode considerarse como unha forma de euxenesia liberal non patrocinada polo Estado.

A selección artificial de seres humanos suxeriuse desde moi antigo, polo menos desde os tempos da Grecia antiga, onde Platón, que cría que a reprodución humana debía ser controlada polo goberno, deixou os seus puntos de vista ao respecto:

"Que os mellores cohabiten coas mellores tantas veces como sexa posíbel, e os peores coas peores ao contrario".
Platón, A república.

Platón propoñía que este proceso de control da reprodución polo goberno se ocultase ao público.[Cómpre referencia]

Outros exemplos antigos inclúen a suposta práctica dos espartanos de abandonaren aos acabados de nacer débiles fóra dos límites da cidade para que morreran.

Contrariamente a unha xeneralizada creza popular, a euxenesia é inglesa, non alemá, en invención, e estadounidense, non alemá, na súa incorporación ás leis, como veremos de contado.

Teoría de Galton

[editar | editar a fonte]

A versión moderna da euxenesia formulouna por primeira vez Sir Francis Galton, curmán de Charles Darwin. Baseado na obra deste, A orixe das especies, onde aparece o concepto de selección natural, Galton propuxo a selección artificial para o melloramento da poboación humana segundo os criterios considerados como mellores na época.

Sir Francis Galton iniciou o desenvolvemento de ideas sobre a euxenesia a partir de estatísticas sociais.

Despois da lectura de A orixe das especies, entre os anos 1860 e 1870, Galton sistematizou as súas ideas de acordo co novo coñecemento sobre a evolución do home e os animais. Interpretou a obra de Darwin no sentido de que os mecanismos da selección natural eran potencialmente frustrados pola civilización humana.

Razoou que, dado que moitas sociedades humanas procuraban protexer aos desfavorecidos e aos débiles, ditas sociedades estaban enfrontándose coa selección natural responsábel da extinción dos máis débiles. Só cambiando estas políticas sociais, pensou Galton, podería a sociedade salvarse dunha "reversión cara a mediocridade", unha frase que cuñou primeiro en estatística e que máis tarde cambiou para a hoxe frecuentemente usada "regresión cara á media".[7]

Galton esbozou por primeira vez a súa teoría no artigo, escrito en 1865, "Talento e personalidade hereditarios" ("Hereditary Talent and Character"),[8] explicándoa logo máis detalladamente no seu libro de 1869 O xenio hereditario (Hereditary genius: an inquiry into its laws and consequences).[9]

Galton comezou estudando a forma en que os trazos humanos intelectuais, morais e de personalidade tendían a presentarse nas familias. Seu argumento básico era que o "xenio" e o "talento" eran caracteres hereditarios nos humanos (aínda que nin el nin Darwin tiveran un modelo para describir este tipo de herdanza).

Galton concluíu que, xa que se pode usar a selección artificial para exaxerar certas características noutros animais, poderían esperarse resultados similares ao aplicarmos estas prácticas en humanos. Como escribiu na introdución de O xenio hereditario:

Propóñome mostrar neste libro que as habilidades naturais do home derivan da herdanza, baixo exactamente as mesmas limitacións en que o son as características físicas de todo o mundo orgánico. Consecuentemente, como é fácil, e a pesar destas limitacións, lograr mediante a coidadosa selección unha raza permanente de cans ou de cabalos dotada de especiais facultades para correr ou para facer calquera outra cousa, da mesma forma sería bastante factíbel producir unha raza de homes altamente dotada mediante casamentos sensatos durante varias xeracións consecutivas.
Galton, O xenio hereditario, 1

Segundo Galton, a sociedade xa estaba fomentando as enfermidades disxenéticas, afirmando que os menos intelixentes se reproducían máis que os máis intelixentes. Galton non propuxo ningún sistema de selección, senón que esperaba que se acharía unha solución cambiando os bos costumes sociais de forma que animasen á xente a darse de conta da importancia da reprodución.

Galton usou por primeira vez a palabra euxenesia (eugenics) no seu libro de 1883 Investigacións sobre as facultades humanas e o seu desenvolvemento (Inquiries into Human Faculty and Its Development), no que quixo "mencionar os diversos tópicos máis ou menos relacionados co cultivo da raza ou, como poderiamos dicir, coas cuestións euxenésicas". Incluíu unha nota a pé de páxina para a palabra que rezaba:

Isto é, con cuestións relacionadas co que se denomina en grego eugenia, a saber, de boa liñaxe, dotado hereditariamente de cualidades nobres. Esta e as palabras relacionadas euxénico etcétera) son igualmente aplicábeis a homes, bestas e plantas. Desexamos enormemente unha palabra breve para aludir á ciencia da mellora da liñaxe, que en ningún modo se limita ás cuestións de emparellamentos sensatos, senón que, especialmente no caso do home, toma conciencia de todas as influencias que tenden a dar aínda que sexa en remoto grao ás razas ou variedades máis aptas unha mellor oportunidade de prevalecer máis rapidamente sobre os menos aptos do que doutra forma faría. A palabra euxenesia expresaría suficientemente esta idea, sendo como mínimo unha palabra máis efectiva que viricultura, que unha vez me aventurei a usar.
Francis Galton, Inquiries into human faculty and its development Londres, Macmillan, 1883, páx. 17, nota 1

Ao escribir o seu libro Hereditary Genius (O xenio herdado), en 1869, Galton observou, recompilou datos e sistematizou a intelixencia en varios membros de diversas familias inglesas durante sucesivas xeracións. A súa conclusión foi que a intelixencia por riba da media nos individuos dunha determinada familia se transmite hereditariamente (Bulmer argumenta que Galton fora tan tendencioso na explicación pola hereditariedade que nin sequera tomou o coidado de analizar os medios neurosociais de forma imparcial e proporcional).[10]

En 1904 Galton aclarou a súa definición de euxenesia como "a ciencia que trata sobre todas as influencias que melloran as calidades innatas dunha raza, e tamén con aquelas que as desenvolven até a maior vantaxe".[11]

Por crer que a condición innata, e non o ambiente, determinaba a intelixencia, Galton propuxo unha euxenesia positiva a través de casamentos selectivos. Na súa época, a poboación inglesa crecía nas clases pobres e diminuía nas clases máis ricas e cultas, e se temía unha disxenia ou dexeneración biolóxica.

A formulación de Galton da euxenesia estaba baseada nun enfoque estatístico, fortemente influído pola "física social" de Adolphe Quetelet. Porén, a diferenza deste, Galton non exaltaba ao "home medio" senón que o desprezaba por mediocre. Galton e o seu herdeiro estatístico Karl Pearson desenvolveron o que se chamou o enfoque biométrico da euxenesia, que fixo aparecer novos e complexos modelos estatísticos (máis tarde exportados a campos completamente diferentes) para describir a herdanza dos caracteres.

Porén, co redescubrimento das leis da herdanza biolóxica de Gregor Mendel, xurdiron dous bandos separados de defensores da euxenesia. Un estaba formado por estatísticos e o outro por biólogos. Os primeiros crían que os segundos tiñan modelos matemáticos demasiado primitivos, mentres que os biólogos pensaban que os estatísticos sabían ben pouco de bioloxía.[12]

A euxenesia de contado transformouse nun movemento que acadou innumerábeis adeptos entre a inmensa maioría dos científicos e, sobre todo, entre a poboación en xeral na súa época dourada (1870-1933). Acabou promovendo a reprodución humana selectiva como intento de obter nenos con características desexábeis, xeralmente mediante o método de influír sobre as taxas de natalidade diferenciais.

Pero trouxo, porén, debido ao seu simplismo e ao arcaísmo da súa análise, a súa propia decadencia. No pasado, as políticas euxenésicas negativas foron desde a segregación e a esterilización forzosa, até o mesmo xenocidio. As políticas euxenésicas positivas tomaron tipicamente a forma de premios ou bonificacións para os pais "aptos". Prácticas relativamente inocuas como a orientación matrimonial, teñen vínculos coa ideoloxía euxenésica. Pero as súas ideas sobreviven.

A euxenesia é diferente do que máis tarde se coñecería como darwinismo social.[13] Aínda que ambos sosteñan que a intelixencia é hereditaria, a euxenesia afirmaba que eran necesarias novas políticas para cambiar activamente o statu quo cara a un Estado máis "euxenésico", mentres que os darwinistas sociais argumentaban que a propia sociedade "advertiría" naturalmente o problema da "disxenesia" se non se poñían en práctica políticas de benestar social (por exemplo, os pobres poderían reproducirse máis, pero terían taxas de mortalidade máis elevadas).

A euxenesia e o Estado (1890-1945)

[editar | editar a fonte]

Estados Unidos

[editar | editar a fonte]

Un dos primeiros defensores modernos das ideas euxenésicas (antes aínda de que foran cualificadas como tales) foi Alexander Graham Bell. En 1881 Bell investigou a taxa de xordeira en Martha's Vineyard, Massachusetts. Diso concluíu que a xordeira era de natureza hereditaria e recomendou a prohibición do matrimonio con xordos ("Memoria sobre a formación dun tipo de xordeira na raza humana") incluso a pesar de que el mesmo estaba casado cunha xorda. Como moitos outros dos primitivos euxensistas, propuxo controlar a inmigración con fins euxenésicos e advertiu que os colexios con internado para xordos poderían considerarse posibelmente como lugares de cría dunha raza humana xorda.

Nos EEUU foi onde xurdiu a euxenesia negativa, combinación entre as teorías euxénicas europeas e o racismo (xa existente naquel país), que consiste na eliminación das futuras xeracións de incapaces (doentes, individuos de razas indesexadas e empobrecidos) a través da prohibición de casamentos, esterilizacións coercitivas e eutanasia. Como teoría, floreceu no final do século XIX, cando os inmigrantes non xermánicos eran mal vistos polos descendentes dos primeiros colonizadores.

Comezando por Connecticut, en 1896, moitos estados dos Estados Unidos aprobaron leis sobre o matrimonio con criterios euxenésicos, prohibindo casar a calquera que fose "epiléptico, imbécil ou débil mental".

O patrocinio privado á euxenesia comezou nos Estados Unidos nos anos iniciais do século XX. Os seus principais financiadores, así como do racismo, foron os millonarios John D. Rockefeller, Harriman, Carnegie e tantos outros. Ao capital uníronse científicos de Harvard, Yale, Princeton e Stanford.

En 1898 Charles Davenport, un prominente biólogo estadounidense, comezou a traballar, como director dunha estación de investigación biolóxica do Brooklin Institute of Arts and Science, situada en Cold Spring Harbor, nuns experimentos sobre a evolución de plantas e animais. Alí, en 1904, Davenport recibiu fondos do Instituto Carnegie para que fundara a Estación de evolución experimental. Apoiado por criadores de animais e especialistas en sementes que participaban no movemento euxenista, fundou en 1909 o Eugenics Record Office(Oficina de rexistro de euxenesia), que creou un rexistro dos antecedentes xenéticos de americanos e co que pretendía forzar ao goberno para que promovera leis que propiciasen a prevención do nacemento de individuos indesexábeis. A Eugenics Record Office abriu en 1910, e Davenport e Harry H. Laughlin empezaron a promocionar a euxenesia.[14]

Diagrama dunha árbore xenealóxica da familia Kallikak, destinado a ilustrar como un "descoido ilícito" podía provocar unha xeración completa de "imbéciles".

A Eugenics Record Office reuniu unha enorme colección de árbores xenealóxicas e concluíu que os quen eran "non aptos" procedían de entornas económica e socialmente pobres. Euxenistas como Davenport, o psicólogo Henry H. Goddard e o conservacionista Madison Grant (todos moi respectados na súa época) comezaron a presionar para lograr diversas solucións políticas ao problemas dos "non aptos". (Davenport avogaba pola restrición da inmigración e a esterilización como métodos principais, Goddard recomendaba a segregación no seu libro A familia Kallikak, e Grant era partidario de todo o anterior e, ademais, consideraba incluso a idea do exterminio).[15]

Aínda que a súa metodoloxía e métodos de investigación considéranse actualmente moi defectuosos, na época pensábase que era unha investigación científica lexítima. Tivo, non obstante, detractores científicos (notabelmente Thomas Hunt Morgan, un dos poucos mendelistas que criticou explicitamente, naquela época, a euxenesia), aínda que a maioría deles cuestionaron máis a primitiva metodoloxía dos euxenistas e a consideración de case calquera característica humana como hereditaria, pero non na idea da euxenesia en si.[16]

Durante o século XX, os investigadores, convencidos da idea de que as enfermidades mentais podían transmitirse dentro das familias, levaron a cabo varios estudos para documentar a herdabilidade de enfermidades tales como a esquizofrenia, o trastorno bipolar e a depresión. Estes intereses terminaron asociados co movemento euxenista.

O estado de Indiana foi o primeiro a legalizar a esterilización forzosa, seguido por outros 27 estados. Estas leis prohibían o matrimonio e forzaban a esterilización dos enfermos mentais co fin de evitar a "transmisión" das enfermidades mentais á seguinte xeración. Algúns estados esterilizaron aos "imbéciles" durante boa parte do século XX. As leis foron ratificadas polo Tribunal Supremo dos Estados Unidos cando en 1927 sentenciou, no caso Buck contra Bell, que o estado de Virxinia podía esterilizar aos considerados "no aptos".

A época máis importante de esterilizacións euxenésicas forzosas foi entre 1927 e 1963 cando unhas 64 000 persoas, a metade delas en California, se esterilizaron forzosamente baixo as leis euxenésicas dos Estados Unidos.[17]

Un informe favorábel sobre os resultados da esterilización en California, con moito o estado que máis esterilizacións realizou, publicouno en formato de libro o biólogo Paul Popenoe e sería amplamente citado polo goberno nazi de Alemaña como evidencia de que os programas masivos de esterilizacións eran factíbeis e humanos. E cando os dirixentes nazis foron xulgados por crimes de guerra nos Xuízos de Núremberg despois da Segunda guerra mundial, xustificaron as esterilizacións masivas (unhas 450 000 en menos dunha década) citando aos Estados Unidos como os seus inspiradores.[18]

Demostración de antropometría nunha conferencia sobre euxenesia de 1921

A idea do "xenio" e o "talento" tamén foi considerada por William Graham Sumner, un dos fundadores da American Sociological Society (actual American Sociological Association), que mantiña que se o goberno non interfería na política social de laissez faire, xurdiría unha clase de xenios no cumio do sistema de estratificación social, seguida dunha clase de talentos. E a maior parte do resto da sociedade caería na clase dos mediocres. Na súa idea, aqueles que se consideraban anormais (atrasados mentais, minusválidos etc.) tiñan un efecto negativo sobre o proceso social ao consumiren recursos necesarios para outras cousas, e deberían, por tanto, deixarse sós para que se valesen por si mesmos, e os da clase de delincuentes (criminais, pervertidos etc.) deberían ser eliminados da sociedade.[19]

Coa aprobación da lei de inmigración Johnson-Reed, os euxenistas xogaron por primeira vez un papel protagonista no debate do Congreso dos Estrados Unidos como expertos asesores sobre a ameaza de "liñaxes inferiores" procedentes do leste e o sur de Europa. Isto reduciu o número de inmigrantes do estranxeiro ao 15 % do continxente de anos anteriores, ao controlar o número de individuos "non aptos" que entraban no país.

A nova lei reforzou as anteriores que prohibían a mestura racial nun intento por conservar o acervo xenético.[20]

As consideracións euxenésicas tamén estiveron detrás da aprobación de leis sobre o incesto en boa parte dos Estados Unidos e usáronse para xustificar moitas leis antimiscexenación.[21]

Outros datos que permiten comprender o alcance da euxenesia nos Estados Unidos son:

Varios autores, notabelmente Stephen Jay Gould, afirmaron repetidamente que as restricións sobre a inmigración aprobadas nos Estados Unidos durante os anos 1920 (e derogadas en 1965) estiveron motivadas pola euxenesia, en particular polo desexo de excluír ás razas consideradas "inferiores" do acervo xenético nacional. Durante o comezo do século XX, os Estados Unidos e o Canadá comezaran a recibir un número moi grande de inmigrantes do sur e o leste de Europa. Euxenistas influentes como Lothrop Stoddard e Harry Laughlin (que foi designado como experto para testemuñar diante do Comité do Congreso para a Inmigración e Naturalización, en 1920) argumentaban que estas eran razas "inferiores" contaminarían o acervo xenético nacional se o seu número non se restrinxía. E que isto levou aos Estados Unidos e ao Canadá a aprobar leis que creaban unha xerarquía de nacionalidades, clasificándoas desde os máis desexábeis, anglosaxóns e nórdicos, até os inmigrantes chineses e xaponeses, aos que se lles prohibiu case completamente entrar no país.[22]

Porén, varias persoas, entre elas Franz Samelson, Mark Snyderman e Richard Herrnstein, argumentaron que, baseándose no exame dos rexistros dos debates do Congreso sobre política de inmigración, non se deu virtualmente consideración ningunha a estes factores. Segundo estes autores, as restricións foron primordialmente motivadas polo desexo de manter a integridade cultural do país fronte ao forte influxo dos estranxeiros.[23] Esta interpretación, porén, non é aceptada pola maioría dos historiadores da euxenesia.

Alemaña nazi

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Nazismo.

As ideas alemás sobre euxenesia son antigas, e veñen do Essai sur l'inégalité des races humaines (Ensaio sobre as desigualdades das razas humanas) do Conde de Gobineau, publicado en 1854.

Pero alcanzan a súa máxima expresión no III Reich. O nazismo desenvolveu varias teorías con respecto das razas. Dicía que podían establecerse cientificamente unha xerarquía estrita entre as razas humanas; á cabeza, estaba a "raza nórdica", e máis abaixo, as "razas inferiores". No derradeiro chanzo desta xerarquía estaban as "razas parasitas", ou "Untermenschen", "subhumanos", os cales eran considerados como perigosos para a sociedade. Os que estaban máis abaixo de todos na política racial da Alemaña nazi eran os africanos, xitanos, polacos e xudeus. Os xitanos e os xudeus eran eventualmente considerados Lebensunwertes Leben ("de vida indigna de vivir").

Os xudeus, e posteriormente os xitanos foron, expulsados da Alemaña Nazi antes de seren confinados en campos de concentración e despois exterminados durante o Holocausto. Richard Walther Darré, Ministro de Alimentación e Agricultura do Reich entre 1933 e 1942, popularizou a expresión "Blut und Boden" ("Sangue e solo"), unha das moitas expresións do glosario da ideoloxía nazi usadas para reforzar o racismo popular entre a poboación alemá.

Ideoloxía nazi
[editar | editar a fonte]

A ideoloxía nazi entendía que por ser a nación a expresión da raza, a importancia da raza podería avaliarse de acordo coa capacidade e desexo dunha "raza" de obter unha gran terra natal. As realizacións xermanas en ciencia, tecnoloxía, filosofía e cultura eran interpretadas como evidencias científicas para apoiar a ideoloxía racista nazi. A "pureza racial" considerábase como carente de proteción, mentres que as clínicas Lebensborn trataban de xerar unha "raza aria máis pura", incluso a través de accións como a de quitarlle á forza a nais norueguesas os seus fillos e levalos para seren criados no Terceiro Reich.

Certas artes consideránbase capaces de xerar dexeneración racial polo que se cualificaron como artes dexeneradas ("Entartete Kunst"), e acusadas de seren non xermánicas senón "xudeu-bolxeviques".

Este conxunto de alegacións fíxose a partir dun movemento maior de racismo científico, desenvolvido conxuntamente con teorías de darwinismo social e evolucionismo uniliear, que situaban a cultura europea no liderado mundial. O racismo científico ensinábase nas mellores universidades de Europa e dos Estados Unidos durante a década de 1930.

O nazismo combinou isto con teorías panxermánicas e antisemitas, que inspiraron as políticas raciais do Terceiro Reich, en particular as leis de Núremberg de 1935. Alén diso, desenvolveu reivindicacións polos "Heimatvertriebene" ("alemáns desterrados"), isto é, membros do pobo alemán residentes fóra do Reich (por exemplo, os sudetes en Checoslovaquia). Tales teorías do racismo científico tamén se mesturaron con algunhas correntes nazis como a "Ariosofía", parte do misticismo nazi, que creara un mito en torno á chamada "raza aria".[24]

Filósofos e outros teóricos tamén participaron na elaboración da ideoloxía nazi. A relación entre Heidegger e o nazismo é aínda un asunto controvertido na historia da filosofía. De acordo co filósofo Emmanuel Faye, Heidegger di de Spinoza que era "ein Fremdkörper in der Philosophie", un "corpo estraño na filosofía" (Faye observa que Fremdkörper era un termo pertencente ao glosario nazi, e non ao alemán clásico).[25] O xurista Carl Schmitt elaborou unha filosofía do dereito louvando o Führerprinzip e o pobo alemán, en tanto que Alfred Baeumler instrumentalizou o pensamento de Nietzsche, en particular o seu concepto de "Vontade de poder", nun intento de xustificar o nazismo.

Catro libros pertencentes á ideoloxía do racismo científico, que reivindicaban que as diferenzas raciais percibidas eran xerárquicas e centrais para a orde social, tiveron unha influencia preponderante sobre a traxectoria das teorías raciais nazis:

  • Essai sur l'inégalité des races humaines (Ensaio sobre a desigualdade das razs humanas) do conde Arthur de Gobineau (1853);
  • Hereditary Genius: An Inquiry into Its Laws and Consequences de Francis Galton (1870);
  • The Passing of the Great Race de Madison Grant (1916/1924);
  • The Rising Tide of Color Against White World Supremacy de Lothrop Stoddard (1920).

Euxenistas estadounidenses intercambiaron ideas cos seus conxéneres na Alemaña nazi (véxase Lombardo, 2002; Kühl 1994).

Cara ao exterminio
[editar | editar a fonte]

En 1935 as "leis de Núremberg" prohibiron o casamento e calquera contacto sexual de alemáns con xudeus, persoas con problemas mentais, doenzas contaxiosas ou hereditarias, aínda que en 1933 xa era lei a esterilización de persoas con problemas hereditarios e a castración de delincuentes sexuais, ou de persoas que na cultura nazi así as cualificara, como era o caso dos homosexuais.

Segundo algúns historiadores a Alemaña Nazi levou as políticas euxénicas ao extremo, porén, segundo outras fontes, crese que o que ocorreu cos xudeus durante o Terceiro Reich foi un xenocidio, e non a aplicación de ideas euxénicas o que causou o holocausto, e si o odio racial entre grupos étnicos distintos. O único consenso é que a euxenesia foi praticada con alemáns que tiñan deficiencias físicas ou mentais, a través do exterminio e da esterilización.

Como vimos, existen distincións entre dúas formas de euxenesia, a euxenesia positiva e a euxenesia negativa.[26][27] A euxenesia positiva incentiva ás persoas saudábeis para que teñan máis fillos, mentres que a euxenesia negativa impide que persoas con certas limitacións se reproduzan.

A euxenesia positiva foi practicada tamén no Terceiro Reich, coa a creación de centros de reprodución humana do programa Lebensborn. Pero a Alemaña de Adolf Hitler foi famosa sobre todo polos programas euxenésicos que intentaban manter unha raza alemá "pura" mediante unha serie de medidas recollidas baixo a chamada "hixiene racial".

Paritorio dunha casa Lebensborn en 1943

Entre outras actividades, os nazis realizaron extensos experimentos en seres humanos vivos para comprobar as súas teorías xenéticas, indo desde a simple medida das características físicas aos horrendos experimentos efectuados por Josef Mengele e Otmar von Verschuer con xemelgos nos campos de concentración.

Entre os anos 1930 e 1940, o réxime nazi esterilizou forzosamente a centos de miles de persoas ás que se consideraban mental e fisicamente "non aptos" (estímase que unhas 400.000 entre 1934 e 1937).

A escalada do programa nazi provocou que os defensores estadounidenses da euxenesia demandaran unha ampliación do seu, con queixas como que "os alemáns están a gañarnos no noso propio xogo".[28] Os nazis foron incluso máis alá, matando decenas de miles de inválidos oficiais mediante programas obrigatorios de eutanasia.[29]

Tamén implantaron varias políticas euxenésicas positivas, outorgando premios ás mulleres arias que tiñan un gran número de fillos e promovendo un servizo no que mulleres solteiras "racialmente puras" eran fecundadas por oficiais das SS (Lebensborn). Moitas das súas preocupacións sobre a euxenesia e a hixiene racial estiveron tamén presentes no exterminio sistemático de millóns de persoas "indesexábeis", incluíndo xudeus, xitanos, testemuñas de Xehová e homosexuais durante o Holocausto (boa parte do equipo e os métodos de exterminio usados nos campos de concentración desenvolvéranse inicialmente nun programa de eutanasia).

O alcance e a coacción dos programas euxenésicos alemáns, xunto co abundante uso da retórica euxenésica e a chamada "ciencia racial" durante todo o réxime, crearon unha indelébel asociación cultural entre a euxenesia e o Terceriro Reich nos anos de posguerra.[30]

Euxenesia en Latinoamérica. O Caso do Brasil

[editar | editar a fonte]
Redención de Cam (1895).[31] Avoa negra, filla mulata, xenro e neto brancos. Para o goberno da época, en cada xeración sucesiva o brasileiro ficaría máis branco. Cadro de Modesto Brocos.

As políticas estatais dalgúns países latinoamericanos defenderon o predominio social branco incrementando a inmigración europea e erradicando as poboacións indíxenas. Isto é particularmente obvio na Arxentina, Chile e o Brasil, países nos que este proceso se coñece como blanqueamiento e branqueamento, respectivamente.

O Brasil foi o primeiro país da América do Sur en ter un movemento euxénico organizado. A Sociedade Eugênica de São Paulo, que se creou en 1918.[32] O movemento euxénico no Brasil foi bastante heteroxéneo, traballando na saúde pública e a saúde psiquiátrica. Unha parte do movemento euxenista, que pode ser cualificada de inxenua ou menos radical, dedicouse a áreas como o saneamento e a hixiene, sendo estes esforzos sempre aplicados en relación co movemento racial.

En 1931 creouse o Comitê Central de Eugenismo, presidido por Renato Kehl e Belisário Penna. Propoñía o fin da inmigración de non brancos, e "prestixiar e auxiliar as iniciativas científicas ou humanitarias de carácter euxenista que sexan dignas de consideración". Medidas que trataban impedir a miscixenación.[33] No Brasil, hixienismo e euxenismo confúndendense.

A Revista Brasileira de Enfermagem pasou por tres fases en relación coa euxenesia; conceptuación (1931-1951), conflitos éticos, legais e morais (1954-1976), e euxenesia como asunto do comezo do século XX (1993-2002). Expresa tres categorías de conceptos:

  • 1 loita polo perfeccionamento euxénico do pobo brasileiro;
  • 2 responsabilidade do enfermeiro en relación ao tema, e
  • 3 non hai solución para os males sociais fóra das leis da bioloxía.

Outros países

[editar | editar a fonte]

Case todos os países occidentais non católicos adoptaron algunhas leis euxenésicas.

O Canadá levou a cabo miles de esterilizacións forzosas até os anos 1970. Moitos First Nations (nativos canadenses), así como inmigrantes do leste de Europa, foron obxecto deste programa que identificaba como xeneticamente inferiores ás minorías raciais e étnicas.

Suecia esterilizou pola forza 62.000 persoas, principalmente enfermos mentais, nas últimas décadas, pero tamén minorías étnicas e raciais ao principio, como parte dun programa euxenésico que durou 40 anos. Como foi o caso doutros programas, críase que a etnia e a raza tiñan relación coa saúde mental e física. Aínda que o programa non era do agrado de moitos suecos, os políticos normalmente o apoiaban, máis como un medio de mellorar a saúde social que como a medida de proteccionismo racial que en realidade era. (O goberno sueco indemnizou posteriormente aos afectados.)

Á parte dos programas a grande escala dos Estados Unidos e Alemaña, e os citados do Canadá e Suecia, outros países como Australia, o Reino Unido, Noruega, Francia, Finlandia, Dinamarca, Estonia, Islandia e Suíza levaron a cabo programas de esterilización de persoas declaradas deficientes mentais polo estado. Singapur practicou unha forma limitada de euxenesia positiva que incluía a promoción do matrimonio entre graduados universitarios coa esperanza de que enxendrarían mellores fillos.[34]

Nas últimas décadas denunciouse en Australia o engano por parte de certos médicos que, aproveitando o descoñecemento e a confusión respecto á medicina e á linguaxe occidental, obtiñan nesgadas autorizacións para faceren ligaduras de trompas de Falopio a mulleres aborixes, incluso sen fillos, cando acudían a revisar outros problemas aos hospitais. Estas prácticas subrepticias buscaban reducir a natalidade entre as etnias nativas da illa-continente.

Algúns dos que non están de acordo coa idea da euxenesia en xeral sosteñen que a pesar diso a lexislación euxenésica tivo beneficios. Margaret Sanger (fundadora de Planned Parenthood of America) pensou que era unha ferramenta útil para impulsar a legalización dos métodos anticonceptivos. No seu tempo a euxenesia era vista por moitos como científica e progresista, como aplicación natural do coñecemento sobre reprodución ao campo da vida humana. Antes dos campos de exterminio da Segunda guerra mundial, a idea de que a euxenesia puidera levar ao xenocidio non se consideraba seriamente.

Sitación actual

[editar | editar a fonte]

Estigmatización da euxenesia nos anos seguintes ao nazismo

[editar | editar a fonte]

Tras a experiencia da Alemaña nazi, políticos e membros da comunidade científica renegaron publicamente de moitas das ideas sobre a "hixiene racial" e os membros "non aptos" da sociedade. Os Xuízos de Núremberg contra antigos dirixentes nazis revelaron ao mundo moitas das prácticas xenocidas do réxime nazi e levaron á formalización de políticas de ética médica e a declaración sobre as razas da UNESCO en 1950.

Nas décadas seguintes á Segunda guerra mundial, a euxenesia fíxose cada vez máis impopular para a ciencia académica. Moitas organizacións e publicacións que tiveron a súa orixe no movemento euxenésico empezaron a distanciarse de dita filosofía, como cando Eugenics Quarterly se converteu en Social Biology, en 1969.

Moitas sociedades científicas publicaron as súas propias "declaracións raciais" e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, desenvolvida en resposta aos abusos cometidos na Segunda guerra mundial, adoptada pola ONU, afirma no seu Artigo 16 que "Os homes e as mulleres, a partir da idade núbil, teñen dereito, sen restrición ningunha por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casar e fundar unha familia". A continuación, a declaración da UNESCO en 1978 sobre a raza e os prexuízos raciais declara que a igualdade fundamental de todos os seres humanos é o ideal cara ao que deberían converxer a ética e a ciencia.

Como reacción aos abusos nazis, a euxenesia pasou a ser case universalmente vilipendiada en moitas das nacións nas que fora unha vez popular (porén, os programas euxenésicos, incluíndo a esterilización, continuaron discretamente durante décadas). Moitos euxenistas dedicados antes da guerra ao que máis tarde sería cualificado como "criptoeuxenesia" enterraron decididamente as súas crenzas euxenésicas e convertéronse en respectados antropólogos, biólogos e xenetistas na posguerra (incluíndo a Robert Yerkes nos Estados Unidos e a Otmar von Verschuer en Alemaña). O euxenista californiano Paul Popenoe fundou a orientación familiar durante os anos 1950, un cambio de profesión que xurdiu dos seus intereses euxenésicos por promover os "matrimonios saudábeis" entre persoas "aptas".[35]

Os libros de texto de educación secundaria e universitaria adoitaban teren entre 1920 e 1940 capítulos sobre o progreso científico que suporía a aplicación de principios euxenésicos sobre a poboación. Moitas publicacións científicas antigas dedicadas á xenética eran editadas por euxenistas e incluían artigos euxenésicos xunto con estudos sobre a herdanza en organismos non humanos. Despois de que a euxenesia caera en desgraza ante a comunidade científica, a maior parte das referencias á euxenesia elimináronse dos libros de texto e das edicións das publicacións importantes. Incluso cambiaron os nomes dalgunhas delas para reflectir as novas actitudes. Por exemplo, Eugenics Quarterly converteuse en 1969 en Social Biology (a revista segue existindo, pero parécese ben pouco á súa predecesora). Entre os membros notábeis da American Eugenics Society (1922–94) durante a segunda metade do século XX están Joseph Fletcher, creador da ética situacional; o Dr. Clarence Gamble, da empresa farmacéutica Procter & Gamble, e Garrett Hardin, un defensor do control de natalidade e autor de A traxedia dos comúns.

A pesar do cambio de actitude da posguerra sobre a euxenesia nos Estados Unidos e Europa, uns poucos países, notabelmente Canadá e Suecia, mantiveron programas euxenésicos a grande escala, incluíndo a esterilización forzosa de individuos con taras mentais, así como outras prácticas, até os anos 1970. Nos Estados Unidos, as esterilizacións abolíronse nos anos 1960, a pesar de que o movemento euxenésico perdera a maior parte da súa popularidade e apoio político a finais dos anos 1930.[36]

Euxenesia moderna e enxeñaría xenética

[editar | editar a fonte]

Desde comezos dos anos 1980, cando o coñecemento sobre a xenética avanzou significativamente, a historia e os conceptos euxenésicos foron amplamente discutidos. Esforzos como o Proxecto xenoma humano lograron que a modificación efectiva da especie humana volva a parecer posíbel (como fixo a teoría orixinal da evolución de Darwin nos anos 1860, xunto co redescubrimento das leis de Mendel a principios do século XX). A diferenza a principios do século XXI é a actitude cautelosa cara á euxenesia, que se converteu nunha consigna a temer máis que a abrazar.

Só uns poucos investigadores científicos (como o controvertido psicólogo Richard Lynn) pediron abertamente a adopción de políticas euxenésicas usando a tecnoloxía moderna, pero representan unha opinión minoritaria nos actuais círculos científicos e culturais.[37] Un intento de implantación dunha forma de euxenesia foi un "banco de esperma de xenios" (1980-99) creado por Robert Klark Graham, no que foron concibidos cerca de 230 nenos (o doante máis coñecido foi o gañador do premio Nobel William Shockley). Porén, nos Estados Unidos e Europa estes intentos foron moi criticados por teren o mesmo espírito racista e clasista que as iniciativas euxenésicas dos anos 1930.

Debido á súa relación coa esterilización forzosa e os ideais raciais do Partido Nazi, a palabra "euxenesia" rara vez se usa polos defensores de tales programas.

Só uns poucos gobernos teñen actualmente algo parecido a un programa euxenésico no mundo. En 1994 China aprobou a lei de Asistencia sanitaria maternal e infantil, que incluía unha exploración premarital obrigatoria para "enfermidades xenéticas de natureza grave" e "enfermidades mentais relevantes". Aos que se lles diagnosticaban tales enfermidades eran obrigados a a non casar, a aceptar "medidas anticonceptivas a longo prazo" ou a someterse á esterilización.

Unha política parecida de exploracións (incluíndo a exploración prenatal e o aborto) destinada a reducir a incidencia da talasemia existe nas dúas partes da illa de Chipre. Desde a implantación do programa nos anos 1970, reduciuse a porcentaxe de nenos nacidos con esta doenza sanguínea hereditaria de 1 de cada 158 a practicamente cero. Dor Yeshorim, un programa que busca reducir a incidencia da enfermidade de Tay-Sachs en certas comunidades xudías, é outro programa de diagnóstico que se compara coa euxenesia. En Israel, desde o Estado, anímase á poboación en xeral a realizar probas xenéticas para diagnosticar enfermidades antes do nacemento dun neno. De diagnosticarse a enfermidade de Tay-Sachs a un feto pode optarse pola interrupción do embarazo de forma voluntaria. A maioría das comunidades xudías asquenacís tamén efectúan programas de diagnóstico debido ás altas taxas de incidencia de certas enfermidades hereditarias. Nalgunhas comunidades xudeas, o antigo costume da terzaría (shidduch) séguese practicando, e nun intento por evitar a traxedia da morte infantil que sempre resulta de ser homocigótico para a Tay-Sachs, asociacións como a moi relixiosa Dor Yeshorim (que fundou un rabino que perdeu catro fillos por esta enfermidade para evitar que outros sufriran a mesma traxedia) realizan probas ás parellas novas para comprobar se teñen risco de transmitir esta enfermidade o algunha outra mortal. Se ambos resultan ser portadores de Tay-Sachs, é frecuente que o compromiso se rompa. O xudaísmo, como moitas outras relixións, desaconsella o aborto salvo que haxa risco para a nai, en cuxo caso a saúde desta ten preferencia. Debe tamén advertirse que, dado que todos os nenos coa enfermidade morrerán na súa infancia, estes programas intentan evitar tales traxedias máis que directamente erradicar o xene, o que é unha coincidencia secundaria.

Na literatura bioética moderna, a historia da euxenesia presenta moitas cuestións morais e éticas. Os comentaristas suxeriron que a "nova euxenesia" xurdirá de tecnoloxías reprodutivas que permitirán aos pais crear os chamados "bebés de deseño" (o que o biólogo Lee M. Silver denominou "reproxenética"). Argumentouse que este tipo "non coactivo" de "mellora" biolóxica estará predominantemente motivado pola competitividade individual e o desexo de lograr "as mellores oportunidades" para os fillos máis que polo impulso de mellorar a especie que caracterizou as formas de euxenesia de principios do século XX. Debido a esta natureza non coactiva, a falta de implicación do Estado e as diferenzas nas metas, algúns comentaristas cuestionaron que estas actividades sexan euxenésicas.

Algúns activistas prominusválidos argumentan que aínda que as súas discapacidades poden provocarlles dor e malestar, o que realmente lles incapacita como membros da sociedade é un sistema sociocultural que non recoñece o seu dereito a un trato xenuinamente igualitario. Tamén se mostran escépticos sobre que algunha forma de euxenesia puidera beneficiar aos discapacitados de terse en conta o trato que lle dispensaron as campañas euxenésicas históricas.

James D. Watson, o primeiro director do Proxecto xenoma humano, iniciou o Programa de implicacións éticas, legais e soiales (Ethical, Legal and Social Implications Program), que financiou varios estudos sobre as implicacións da enxeñaría xenética humana (canda un importante sitio web sobre a historia da euxenesia), porque:

Ao situar a ética tan axiña na axenda do xenoma, estou dando resposta ao meu propio temor persoal de que demasiado pronto os críticos do "Proxecto xenoma humano" sinalarían que era un representante do Cold Spring Harbor Laboratory que unha vez albergou a controvertida Eugenics Record Office. A miña "non formulación" dun programa ético sobre o xenoma podería usarse como falsa evidencia de que eu son un euxenista secreto, tendo como propósito real a longo prazo a identificación inequívoca dos xenes que levan á estratificación social e a ocupacións como as dos que xustifican a discriminación racial.
James D. Watson, A passion for DNA: Genes, genomes, and society. Cold Spring Harbor, New York: Cold Spring Harbor Laboratory Press, 2000: 202.

Distinguidos xenetistas entre os cales están os gañadores do premio Nobel John Sulston ("Non creo que un deba traer ao mundo a un neno claramente minusválido")[38] e Watson ("Unha vez que temos unha forma para mellorar os nosos fillos, ninguén pode detela")[39] apoian o diagnóstico xenético. Que ideas deberían describirse como "euxenésicas" segue a ser un asunto polémico en círculos de investigadores e de opinión pública. Algúns observadores como Philip Kitcher describiron o uso do diagnóstico xenético por parte dos pais como a habilitación dunha forma de euxenesia "voluntaria".[40]

Algunhas subculturas modernas defenden diferentes formas de euxenesia apoiada por clonación humana e enxeñaría xenética humana, algunhas veces como parte dun novo culto (véxase o movemento raeliano, cosmoteísmo ou prometeísmo). Estes grupos falan tamén de "neoeuxenesia", "evolución consciente" ou "liberdade xenética".

Os trazos condutuais identificados tamén como potenciais obxectivos de modificación mediante enxeñaría xenética humana inclúen a intelixencia, a depresión, a esquizofrenia, o alcoholismo, o comportamento (ou orientación) sexual e a delincuencia.

Máis recentemente, no Reino Unido podería dicirse que o caso A Coroa contra James Edward Whittaker-Williams sentou un precedente ao prohibir o contacto sexual entre persoas con "problemas de aprendizaxe". O acusado, un home con problemas de aprendizaxe, foi encarcerado por bicar e abrazar a unha muller da mesma condición. Este fallo baseouse na lei de Delitos sexuais, de 2003, que redefine os bicos e abrazos como sexuais e afirma que as persoas con problemas de aprendizaxe son incapaces de dar o seu consentimento independentemente de que o acto implique coacción ou non. Os opositores a esta lei atacárona por traer de volta a euxenesia pola porta de atrás baixo o disfrace da exixencia de "consentimento".[41]

Compañías de seguros, plans de saúde e centros de inmigración están usando os novos descubrimentos científicos para detectar características xenéticas. O diagnóstico prenatal de posíbeis defectos permite a opción polo aborto. Estímase que entre o 91 % e o 93 % dos fetos diagnosticados con Síndrome de Down foron abortados [42] Estes temas, así como a SIDA, foron discutidos con base a presupostos euxénicos, sen que se explicitase esta referencia.

A disxenia é a dexeneración xenética nas poboacións humanas modernas, e xorde coa medicina moderna, cando diversas enfermidades de carácter xenético comezaron a tratarse, e as vítimas de tales doenzas comezaron a ter unha expectativa de vida maior, posibilitando a transmisión de certas doenzas ás futuras xeracións, o que contribuiría á acumulación de enfermidades en cada xeración. Tal feito foi amplamente discutido entre os euxenistas modernos, e recentemente foi publicado un libro do científico inglés Richard Lynn tratando do asunto.[43]

Críticas

[editar | editar a fonte]

Enfermidades fronte a trazos

[editar | editar a fonte]

Mentres a ciencia da xenética subministrou cada vez máis medios para poder identificar e entender certas características e enfermidades, dada a complexidade da xenética humana, a cultura e a psicoloxía, non hai neste momento ningún medio para determinar as características que serían definitivamente desexábeis ou indesexábeis. As manipulacións euxenésicas destinadas a reducir a propensión cara á criminalidade e a violencia, por exemplo, poderían dar lugar a que a poboación terminase sendo escravizada por un agresor externo se perde a capacidade de defenderse a si mesma. Por outra parte, as enfermidades xenéticas como a hemocromatose poden incrementar a vulnerabilidade ante algunhas doenzas, provocar deformidades físicas e outras disfuncións. Medidas euxenésicas contra moitas destas enfermidades xa están a emprenderse en países de todo o mundo, mentres que as medidas contra características que afectan máis sutilmente e se entenden peor, como a criminalidade, están relegadas ao ámbito da especulación e a ciencia ficción. Os efectos das enfermidades son en esencia totalmente negativos e as sociedades de todas as partes do mundo buscan reducir a súa incidencia por varios medios, algúns dos cales son euxenésicos en todo salvo no nome. As outras características que se discuten teñen efectos tanto positivos como negativos e xeralmente non se controlan na actualidade en ningún lugar.

Pendente esvaradiza

[editar | editar a fonte]

Unha crítica comunmente feita á euxenesia é que, como queda demostrado pola súa historia, inevitabelmente leva a medidas que resultan pouco éticas (véxase Lynn, R., 2001). H. L. Kaye escribiu que "a verdade obvia é que a euxenesia foi desacreditada polos crimes de Hitler" (véxase Kaye, H. L., 1989). R. L. Hayman argumentou que "o movemento euxenésico é anacrónico, revelándose as súas implicacións políticas polo Holocausto" (véxase Hayman, R. L., 1990).

Steven Pinker afirmou que é "unha opinión ortodoxa entre os académicos de esquerda que é que os xenes implican xenocidio". Respondeu a esta "opinión ortodoxa" comparando a historia do marxismo, que tiña a posición oposta á do nazismo sobre os xenes:

Pero o século XX sufriu dúas ideoloxías que levaron a xenocidios. A outra, o marxismo, non tiña en conta a raza, non cría nos xenes e negaba que a natureza humana fose un concepto significativo. Claramente, non é un énfase nos xenes ou a evolución o que é perigoso. O é o desexo de refacer a humanidade mediante métodos coactivos (euxenesia ou enxeñaría social) e a crenza de que a humanidade avanza grazas a unha loita na que os grupos superiores (raza ou clases) trunfan sobre os inferiores.
Steve Sailer[44]

Richard Lynn argumenta que calquera filosofía social é susceptíbel de uso ético incorrecto. Aínda que os principios cristiáns axudaron á abolición da escravitude e a institución de programas de benestar social, Lynn advirte que a igrexa cristiá tamén queimou a moitos disidentes e fixo a guerra contra os infieis, asasinando os cruzados cristiáns a gran número de mulleres e nenos. Tamén argumenta que a resposta apropiada é condenar estas mortes, pero crer que o cristianismo "inevitabelmente leva á exterminación de aqueles que non aceptan a súa doutrina" carece de xustificación (Lynn, 2001).

Diversidade xenética

[editar | editar a fonte]

As políticas euxenésicas tamén levan a perder diversidade xenética, en cuxo caso unha mellora culturalmente aceptada do acervo xenético pode, aínda que non necesariamente, terminar nun desastre biolóxico debido a unha maior vulnerabilidade ás enfermidades, menor capacidade de adaptación aos cambios ambientais e outros factores tanto coñecidos como descoñecidos. Este tipo de argumento procedente do principio de precaución é á súa vez amplamente criticado. Un plan euxenésico a longo prazo é probábel que leve a un escenario parecido debido a que a eliminación de trazos considerados indexesábeis reduciría a diversidade xenética por definición.

Pola contra, algúns estudos parecen mostrar que as tendencias disxenésicas levan a unha menor diversidade xenética, unha tendencia que en teoría podería ser contrarrestada cun programa euxenésico.

A posíbel eliminación do xenotipo do autismo é un asunto político importante para o movemento polos dereitos dos autistas, que sostén que o autismo é unha forma de neurodiversidade. Moitos defensores dos dereitos dos afectados pola síndrome de Down (trisomía do par 21) consideran esta enfermidade un tipo de neurodiversidade, a pesar de que os homes afectados adoitan seren estériles.

Caracteres recesivos heterocigóticos

[editar | editar a fonte]

Nalgúns casos os esforzos por erradicar certas mutacións dun único xene resultarían inútiles. No caso de que a enfermidade en cuestión fose un carácter recesivo heterocigótico, o problema é que tras a eliminación do trazo visíbel non desexado, quedarían aínda tantos xenes para a enfermidade no xenoma como os que foron eliminados en virtude do principio de Hardy-Weinberg, que afirma que os xenes dunha poboación defínense como pp+2pq+qq no punto de equilibrio. Mediante o diagnóstico xenético sería posíbel detectar todos os caracteres heterocigóticos, pero suporía un custe enorme coa tecnoloxía actual. En circunstancias normais só é posíbel eliminar un alelo dominante do xenoma. Os caracteres recesivos poden reducirse drasticamente, pero nunca eliminarse a non ser que se coñeza a composición xenética completa de todos os membros da poboación, como se mencionou antes. Dado que só uns poucos trazos indesexados, como a enfermidade de Huntington, son dominantes, o valor práctico de "eliminar" trazos á bastante baixo.

[editar | editar a fonte]

A euxenesia é un tema recorrente na ciencia ficción. A novela Un mundo feliz de Aldous Huxley explora o tema en profundidade, ao igual que a máis recente (e cientificamente actualizada) película Gattaca, cuxa trama xira en torno ao diagnóstico xenético. Boris Vian (baixo o pseudónimo Vernon Sullivan) adoptou un enfoque máis alegre na súa novela Que morran os feos.

Algunhas das novelas que tocan este tema son A porta ao país das mulleres de Sheri S. Tepper e Esa horríbel fortaleza de C. S. Lewis. As Guerras Euxenésicas son unha parte importante da historia de fondo do universo de Star Trek (episodios Semente espacial, Terra fronteiriza, Estación Fría 12, Os amplificados e a película A ira de Khan). A euxenesia é tamén unha parte importante da trama da película de James Bond 007: Moonraker (o personaxe de Sir Hugo Drax está baseado en Adolf Hitler).

Na serie de novelas Dune de Frank Herbert os programas de reprodución selectiva constitúen un tema importante. Ao comezo da serie, a orde relixiosa Bene Gesserit manipula os patróns reprodutivos durante moitas xeracións para crear ao Kwisatz Haderach. En Deus Emperador de Dune, o emperador Leto II volve a manipular a reprodución humana para lograr os seus propios fins. Os Bene Tleilax tamén empregaron a enxeñaría xenética para crear seres humanos con atributos xenéticos concretos.

Nas novelas Os fillos de Matusalén e Tempo para amar de Robert A. Heinlein, créase un gran fondo de investimentos para dar incentivos financeiros aos matrimonios entre persoas cuxos pais e avós foron lonxevos. O resultado é un subconxunto da poboación da Terra que ten unha esperanza de vida significativamente maior que a media. Os membros deste grupo aparecen en moitas das outras obras deste autor.

No libro de Eoin Colfer The Supernaturalist, Ditto é un bebé Bartoli, nome dun experimento errado do famoso Dr. Bartoli, quen intentou crear unha raza superior de humanos, pero terminou en desenvolvemento atrofiado, con mutacións, incluíndo percepción extrasensorial e imposición de mans.

Na serie televisiva de ciencia ficción de Gene Roddenberry Andrómeda, toda a raza nietzscheana está fundada sobre os principios da reprodución selectiva.

Na serie do Mundo Anel, de Larry Niven, o personaxe Teela Brown é un resultado de varias xeracións de gañadores da "lotaría da procreación", un sistema que intenta animar ás persoas gañadoras a procrear.

Na 2ª tempada de Dark Angel, o principal malo Ames White é membro dunha seita coñecida como "o Conclave", que infiltrou en varios niveis da sociedade unha raza de superhumanos. Esta seita intenta exterminar a todos os transxénicos, incluíndo ao protagonista Max Guevara, ao quen ven como un ser xeneticamente impuro por ter algún ADN animal mesturado co ADN humano.

  1. Osborn, Frederick: "Desenvolvemento dunha filosofía euxénica" ("Development of a Eugenic Philosophy") en American Sociological Review, Vol. 2, Nº 3, xuño de 1937, páxs. 389-397.
  2. Galton, Francis (1973): Inquiries into human faculty and its development. New York: AMS Press. ISBN 0-404-08127-4
  3. José Roberto Goldim, Eugenia, UFRGS, 1998 (en portugués)
  4. Unha discusión sobre o cambiante significado do termo pode verse en: Diane Paul, Controlling human heredity: 1865 to the present, New Jersey, Humanities Press, 1995). ISBN 1-57392-343-5
  5. Véxase, por exemplo: Nicholas Agar, Liberal Eugenics: In Defence of Human Enhancement, Blackwell, 2004.
  6. André Pichot, L’Eugénisme, ou les généticiens saisis par la philanthropie, éd. Hatier, col. Optiques, 1995; Histoire de la notion de gène, éd. Flammarion, col. Champs, 1999; La Société pure: de Darwin à Hitler, éd. Flammarion, col. Champs, 2001; Aux origines des théories raciales, de la Bible à Darwin, éd. Flammarion, 2008.
  7. Donald A. MacKenzie, Statistics in Britain, 1865-1930: The social construction of scientific knowledge, Edimburgo: Edinburgh University Press, 1981, capítulo 3.
  8. Francis Galton, "Herditary talent and character", Macmillan's Magazine 12, 1865, páxs. 157-166 e 318-327.
  9. Francis Galton, Hereditary genius: an inquiry into its laws and consequences Londres, Macmillan, 1869.
  10. Bulmer, M. (2003): Francis Galton: Pioneer of Heredity and Biometry. Baltimore: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-7403-3
  11. Francis Galton, "Eugenics: Its definition, scope, and aims" Arquivado 03 de novembro de 2007 en Wayback Machine., The American Journal of Sociology 10:1, xullo de 1904.
  12. Donald A. MacKenzie, Statistics in Britain, 1865-1930: The social construction of scientific knowledge, Edimburgo: Edinburgh University Press, 1981, capítulos 2 e 6.
  13. Soutullo, Daniel (2001): Sobre clons e xenes. Santiago: Laiovento, col. Ensaio, nº 150, parte III. Evolucionismo, euxenesia e sociedade. ISBN 84-89896-92-5
  14. A historia da euxenesia nos Estados Unidos discútese con detalle en: Mark Haller, Eugenics: Hereditarian attitudes in American thought, New Brunswick, Nova Jersey: Rutgers University Press, 1963, e en Daniel Kevles, In the name of eugenics: Genetics and the uses of human heredity, New York: Knopf, 1985, sendo o último libro citado a obra estándar de investigación sobre a materia.
  15. Véxase: Kevles, In the name of eugenics.
  16. Hamilton Cravens, The triumph of evolution: American scientists and the heredity-environment controversy, 1900-1941, Filadelfia, University of Pennsylvania Press, 1978, páx. 179.
  17. Paul Lombardo, "Eugenic Sterilization Laws", ensaio no Eugenics Archive (versión en liña).
  18. As relacións entre euxenistas estadounidenses e nazis discútense en Edwin Black, "Eugenics and the Nazis. The California connection", in San Francisco Chronicle (9 de novembro de 2003), así como en Edwin Black, War Against the Weak, New York, Four Wars Eight Windows, 2003. A obra de Stefan Kühl, The Nazi connection: Eugenics, American racism, and German National Socialism, New York, Oxford University Press, 1994, considérase como a obra estándar de investigación sobre a materia.
  19. Sumner, William Graham: Folkways (1907). ISBN 0-7812-8970-X
  20. Paul Lombardo, "Eugenics Laws Restricting Immigration", ensaio no Eugenics Archive (versión en liña Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.).
  21. Paul Lombardo, "Eugenic Laws Against Race-Mixing", ensaio no Eugenics Archive (versión en liña).
  22. Véxase Lombardo, "Eugenics Laws Restricting Immigration"; e Stephen Jay Gould, The mismeasure of man Ne2 York: Norton, 1981.
  23. Richard Herrnstein & Charles Murray, The Bell Curve. Free Press, 1994, 5; e Mark Syderman & Richard Herrnstein, "Intelligence tests and the Immigration Act of 1924", American Psychologist 38, 1983: 986-995.
  24. As relacións entre o misticismo nazi e as teorías racistas pseudocientíficas continuáronse na posguerra por algúns teóricos do movemento esotérico hitleriano. Así, Alfred Rosenberg, un dos principais teóricos raciais dos nazis, imaxinou unha "relixión de sangue" a cal transformaría o cristianismo nun "cristianismo positivo", que vía en Cristo un membro da chamada "raza nórdica" á que o pobo alemán pretendidamente pertencía. Estas ideas respecto dunha "relixión racial" foron popularizadas no xornal Der Stürmer, liderado por Julius Streicher, e no semanario do NSDAP Völkischer Beobachter, editado por Rosenberg.
  25. Faye, Emmanuel (2005): Heidegger, l'introduction du nazisme dans la philosophie. Albin Michel. Véxase Nazi Foundations in Heidegger's Work, South Central Review, Volume 23, Número 1, Primavera de 2006, páxs. 55-66.
  26. Centro de filosofía e ciencias humanas: O natural e o artificial: Argumentos morais e políticos contra a euxenesia positiva segundo Jürgen Habermas e Michel Foucault. Universidade Federal de Santa Catarina. (en portugués)
  27. Scielo Euxenia negativa e positiva: significados e contradições. (en portugués)
  28. Citado en: Selgelid, Michael J. (2000): "Neugenics?", Monash Bioethics Review 19 (4):9-33
  29. As políticas euxenésicas nazis discútense en varias fontes. Algunhas das máis definitivas son: Robert Proctor, Racial hygiene: Medicine under the Nazis, Cambridge, MA: Harvard University Press, 1988, e Dieter Kuntz, ed., Deadly medicine: creating the master race, Washington, DC: Museo del Holocausto, 2004) (véxase en liña Arquivado 26 de outubro de 2012 en Wayback Machine.) (en inglés). Sobre o desenvolvemento do movemento de hixiene racial anterior ao nazismo, véxase Paul J. Weindling, Health, race and German politics between national unification and Nazism, 1870-1945, New York: Cambridge University Press, 1989. ISBN 0-521-42397-X (véxase en liña). (en inglés)
  30. Véxase Proctor, Racial hygiene, e Kuntz, ed., Deadly medicine.
  31. Ciência Hoje. Explica o xurdimento do Homo brasilis Arquivado 07 de outubro de 2008 en Wayback Machine. (en portugués)
  32. Scielo A hora da eugenia: raça, gênero e nação na América latina. (en portugués)
  33. Universidade Federal do Rio Grande do Sul (UFRGS): "Eugenia no Brasil". Maria Eunice de Souza Maciel. (en portugués)
  34. Hai varias obras que discuten a euxenesia en diversos países do mundo. Para a historia da euxenesia en Escandinavia, véxase Gunnar Broberg & Nils Roll-Hansen, eds., Eugenics And the Welfare State: Sterilization Policy in Denmark, Sweden, Norway, and Finland, Michigan State University Press, 2005. Outro estudo internacional á o de Mark B. Adams, ed., The Wellborn Science: Eugenics in Germany, France, Brazil, and Russia New York: Oxford University Press, 1990.
  35. Unha discusión dos cambios xerais nos puntos de vista sobre a euxenesia e a raza tras da Segunda guerra mundial pode verse en: Elazar Barkan, The retreat of scientific racism: changing concepts of race in Britain and the United States between the world wars, New York: Cambridge University Press, 1992.
  36. Véxase Broberg & Nil-Hansen, ed., Eugenics And the Welfare State, e Alexandra Stern, Eugenic nation: faults and frontiers of better breeding in modern America, Berkeley: University of California Press, 2005.
  37. Véxase, p. ex., Richard Lynn, Eugenics: A Reassessment (Human Evolution, Behavior, and Intelligence), Praeger Publishers, 2001.
  38. Citado en Brendan Bourne, "Scientist warns disabled over having children", The Sunday Times Gran Bretaña (13 de outubro de 2004). Dispoñíbel en liña Arquivado 11 de xaneiro de 2008 en Archive.is.
  39. Citado en Mark Henderson, "Let's cure stupidity, says DNA pioneer", The Times (28 de febreiro de 2003). Dispoñíbel en liña. Arquivado 29-05-2020 en Wayback Machine. (en inglés)
  40. Philip Kitcher, The Lives to Come, Penguin, 1997.
  41. McKellar, Ian (29 de setembro de 2005). "Jail sentence for kiss and cuddle man". Hunts Post.
  42. Caroline Mansfield, Suellen Hopfer & Theresa M. Marteau (1999): "Termination rates after prenatal diagnosis of Down syndrome, spina bifida, anencephaly, and Turner and Klinefelter syndromes: a systematic literature review", Prenatal Diagnosis, 19, nº 9 páxs. 808–812. Isto é similar ao 90 % de resulados encontrados por David W. Britt, Samantha T. Risinger, Virginia Miller, Mary K. Mans, Eric L. Krivchenia & Mark I. Evans (1999): "Determinants of parental decisions after the prenatal diagnosis of Down syndrome: Bringing in context" American Journal of Medical Genetics, 93, nº 5, páxs. 410–416.
  43. Lynn, Richard (2001): Eugenics: a reassessment. New York: Praeger.
  44. United Press International: Q&A: Steven Pinker of 'Blank Slate'

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Biddiss, Michael D. (1970): Father of Racist Ideology: The Social and Political Thought of Count Gobineau. Nova York: Weybright and Talley.
  • Black, Edwin War (2003): Against the Weak: Eugenics and America's Campaign to Create a Master Race. Four Walls Eight Windows. ISBN 1-56858-258-7
  • Carlson, Elof Axel (2001): The Unfit: A History of a Bad Idea. Cold Spring Harbor, Nova York: Cold Spring Harbor Press. ISBN 0-87969-587-0
  • Engs, Ruth C. (2005): The Eugenics Movement: An Encyclopedia. Westport CT: Greenwood Publishing Group. ISBN 0-313-32791-2.
  • Gobineau, Arthur de (1853): Essai sur l'inégalité des Races humaines. París.
  • Galton, David (2002): Eugenics: The Future of Human Life in the 21st Century. Abacus. ISBN 0-349-11377-7
  • Galton, Francis (1870): Hereditary Genius: An Inquiry into Its Laws and Consequences.
  • Glad, John (2008): Future Human Evolution: Eugenics in the Twenty-First Century. Hermitage Publishers. ISBN 1-55779-154-6
  • Gould, Stephen Jay (2006): The mismeasure of man. Nova York: Norton.
  • Hayman, Robert. L.(1990): "Presumptions of justice: Law, politics, and the mentally retarded parent". Harvard Law Review, 103, 1202–71
  • Joseph, J. (2004): The Gene Illusion: Genetic Research in Psychiatry and Psychology Under the Microscope. Nova York: Algora.
  • Joseph, J. (2005): "The 1942 "Euthanasia" Debate"" in American Journal of Psychiatry. History of Psychiatry, 16, 171–179.
  • Joseph, J. (2006): The Missing Gene: Psychiatry, Heredity, and the Fruitless Search for Genes. Nova York: Algora.
  • Kaye, H. L. (1987): The social meaning of modern biology. New Haven, CT: Yale University Press.
  • Kevles, Daniel (1985): In the name of eugenics: Genetics and the uses of human heredity. Nova York: Knopf.
  • Kühl, Stefan (1994): The Nazi Connection: Eugenics, American Racism, and German National Socialism. Nova York, NY: Oxford University Press.
  • Kuntz, Dieter (ed.) (2004): Deadly medicine: creating the master race. Washington, D.C.: United States Holocaust Memorial Museum. véxase en liña (en inglés)
  • Larson, Edward J. (2004): Evolution. Modern Library. ISBN 0-679-64288-9
  • Lewontin, Richard Charles (200): A doutrina do ADN. A bioloxía como ideoloxía. Santiago: Laiovento, col. Ensaio, nº 139. ISBN 84-89896-78-X (Biology as Ideology. Trad. da 1ª ed., de 1991, Anastasi Press Ltd.)
  • Lombardo, Paul A. (2002): "'The American Breed': Nazi Eugenics and the Origins of the Pioneer Fund." in Albany Law Review 65:743–830.
  • Lynn, Richard (2001): Eugenics: a reassessment. Nova York: Praeger. ISBN 0-275-95822-1
  • Mintz, Frank P. (1985): The Liberty Lobby and the American Right: Race, Conspiracy, and Culture. Westport, CT: Greenwood.
  • Ordover, Nancy (2003): American Eugenics: Race, Queer Anatomy, and the Science of Nationalism. Minneapolis: University of Minneapolis Press. ISBN 0-8166-3559-5
  • Pichot, André (1995): L’Eugénisme, ou les généticiens saisis par la philanthropie. Hatier.
  • Pichot, André (1999): Histoire de la notion de gène. Flammarion.
  • Pichot, André: (2001): La Société pure: de Darwin à Hitler. Flammarion.
  • Pichot, André (2008): Aux origines des théories raciales, de la Bible à Darwin. Flammarion.
  • Poliakov, Leon (1974): Aryan Myth: A History of Racist and Nationalist Ideas in Europe. Nova York, NY: Basic Books.
  • Soutullo, Daniel (2001): Sobre clons e xenes. Santiago: Laiovento, col. Ensaio, nº 150. ISBN 84-89896-92-5
  • Stoddard, Lothrop (1920): The Rising Tide of Color Against White World Supremacy.
  • Tucker, William (2002): The Funding of Scientific Racism: Wickliffe Draper and the Pioneer Fund. Urbana, Illinois: University of Illinois Press.
  • Weindling, Paul J. Health, race and German politics between national unification and Nazism, 1870-1945, Nova York: Cambridge University Press, 1989. ISBN 0-521-42397-X (véxase en liña). (en inglés)

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]