[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Premios Nobel

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Premio Nobel»)

Premios Nobel
Tipopremio e premio científico
Data de fundación1901
Fundador(es)Alfred Nobel
Nomeado en referencia aAlfred Nobel
PaísSuecia e Noruega
Na rede
https://www.nobelprize.org/
IMDB: ev0002882 Facebook: nobelprize Twitter: NobelPrize Instagram: nobelprize_org LinkedIn: nobelprize Youtube: UC-V6odR7HzLCuqjYeowPjLA Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Alfred Bernhard Nobel.

Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset;[1] en noruegués, Nobelprisen[2]) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades.[3]

Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado.[3] Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.[4]

En 1968 estableceuse tamén o Premio de Ciencias Económicas en Memoria de Alfred Nobel, patrocinado polo Banco de Suecia e xestionado pola Real Academia das Ciencias de Suecia, e que é comunmente chamado Premio Nobel de Economía.[4]. O primeiro Premio Nobel de Economía entregouse en 1969.[5]

Ante a inexistencia dun Premio Nobel de Matemáticas, Sophus Lie foi o primeiro en propor a creación do Premio Abel cando descubriu en 1897 que Alfred Nobel non tivera a intención de crear un premio de Matemáticas. Tras unha primeira tentativa de instauralo a comezos do século XX, non foi ata 2003, logo de que a Academia Norueguesa de Ciencias e Letras se fixera cargo del, que non se entregou por primeira vez. Conmemora ao matemático noruegués Niels Henrik Abel, a quen debe o seu nome e, aínda que non é un dos Premios Nobel, está en correspondencia con estes. As matemáticas tamén teñen desde 1933 outro galardón importante, a Medalla Fields, na honra do matemático canadense John Charles Fields, outorgado cada catro anos pola Unión Matemática Internacional a matemáticos menores de 40 anos.

O Comité Internacional de Ciencias Históricas creou en 2015 o Premio Internacional de Ciencias Históricas.[6]

A Real Academia das Ciencias de Suecia é a encargada de nomear ao ganadores dos Premios Nobel de Física; de Química e do Premio en Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel.[7] A Asemblea do Nobel do Instituto Karolinska elixe ao ganador de Medicina,[8] e a Academia Sueca nomea ao ganador do de Literatura.[9] Os catro premios citados entréganse nunha cerimonia celebrada na capital sueca, Estocolmo, cada 10 de decembro, aniversario da morte de Nobel.[10] Pola contra, o Premio Nobel da Paz outórgao o Comité Noruegués do Nobel, e entrégase en Oslo, capital norueguesa.[11]

Os premios Nobel entréganse anualmente. Cada persoa ou institución laureada recibe unha medalla de ouro, un diploma e unha cantidade de diñeiro que determina a Fundación Nobel.[12] En 2020 esta cantidade ascendía a 10 millóns de coroas suecas,[4] equivalente a uns 980 000 euros. O premio non se pode outorgar de forma póstuma, a non ser que o ganador fose nomeado antes da súa defunción.[4][13] Se o premio é compartido, a contía repártese entre os ganadores, que non poderán ser máis de tres.[4]

O testamento de Alfred Nobel

[editar | editar a fonte]

Alfred Nobel naceu o 21 de outubro de 1833 en Estocolmo, Suecia, no seo dunha familia de enxeñeiros. Foi químico, enxeñeiro e inventor. En 1894 comprou Bofors, unha empresa siderúrxica de ferro e aceiro que converteu nunha importante fábrica de armamento. Nobel amasou unha considerable fortuna ao longo da súa vida grazas aos seus 355 inventos, entre os que se encontran a nitroglicerina, precursora de moitos outros explosivos sen fume, especialmente a cordita, e a dinamita. Porén tamén arrastrou un certo sentimento de culpa polo mal que as súas invencións puideran ter ocasionado á humanidade.[14]

En 1888 Nobel sorprendeuse ao ler o seu propio obituario, ao que titularan "Morreu o mercador da morte", nun xornal francés, que confundira a morte do seu irmán Ludvig coa súa propia, que acaecería oito anos despois.[15] Esta noticia desconcertouno e volveuse receoso acerca de como sería lembrado, inspirándoo a cambiar o seu testamento.[16]

Nobel escribiu varios testamentos en vida; o derradeiro asinouno o 27 de novembro de 1895 no Club Sueco-Noruegués de París pouco máis dun ano antes de morrer.[17] Nel, para sorpresa xeneralizada, especificaba que a súa fortuna se empregase en crear unha serie de premios para aqueles que levasen a cabo "o maior beneficio á humanidade" nos campos da física, a química, a fisioloxía ou medicina, a literatura e a paz.[17][18]

Segundo se recolle no testamento de Alfred Bernhard Nobel:[17]

A totalidade do que queda da miña fortuna quedará disposta do xeito seguinte: o capital invertido en valores seguros polos meus testamentarios, constituirá un fondo e os seus intereses serán distribuídos cada ano en forma de premios entre aqueles que durante o ano precedente realizaran o maior beneficio á humanidade. Estes intereses dividiranse en cinco partes iguais, que serán repartidas do seguinte xeito: unha parte á persoas que fixera o descubrimento máis importante no campo da física; unha parte á persoa que realizara o descubrumento ou mellora máis importante no campo da química; unha parte á persoa que fixera o descubrimento máis importante no campo da fisioloxía e a medicina; unha parte á persoa que producira a obra máis destacada de tendencia idealista no campo da literatura, e unha parte á persoa que traballara máis ou mellor a prol da fraternidade entre as nacións, a abolición ou redución dos exércitos existentes e a celebración e promoción de procesos de paz. Os premios para a física e a química serán outorgados pola Real Academia das Ciencias de Suecia, o de fisioloxía e medicina será concedido polo Instituto Karolinska de Estocolmo, o de literatura, pola Academia de Estocolmo, e o dos defensores da paz, por un comité formado por cinco persoas escollidas polo Storting (Parlamento) noruegués. É o meu expreso desexo que, á hora de outorgar estes premios, non se teña en consideración a nacionalidade dos candidatos, senón que sexan os máis merecedores os que reciban o premios, sexan escandinavos ou non.

A primeira entrega dos premios

[editar | editar a fonte]

A primeira cerimonia que concedeu os Premios Nobel en literatura, física, química e medicina ocorreu no Conservatorio Real de Estocolmo en 1901, entregándose o Premio Nobel da Paz en Oslo. Desde 1902, os premios concédeos formalmente o rei de Suecia. Porén a entrega do Premio Nobel da Paz dáse en Oslo, sendo presidida polo rei de Noruega.

O rei Óscar II inicialmente non aprobou que os premios fosen concedidos a estranxeiros, mais mudou de ideas despois de comprender o valor da publicidade que os premios darían ao seu país.

Os Premios

[editar | editar a fonte]
Stockholm Konserthuset (Concert Hall), onde acontece a cerimonia de entrega dos premios Nobel e Polar Music.

Os Premios concédense nunha cerimonia formal en Estocolmo, anualmente o 10 de decembro, a data en que Alfred Nobel faleceu. Exceptúase o Nobel da Paz, que se entrega en Oslo. Entre tanto, os nomes dos persoas laureadas anúncianse en outubro polos diferentes comités e institucións que realizan a selección para os premios. A Fundación Nobel, a entidade administradora dos fondos do premio, con sede en Estocolmo, non está involucrada na selección dos vencedores.

O premio consiste nunha medalla de ouro, un diploma coa citación da condecoración e unha suma en diñeiro que varía de acordo cos rendementos da Fundación Nobel, que rolda os 10 millóns de Coroas suecas (máis dun millón de euros ou dólares). A idea orixinal era permitir que as persoas laureadas continuasen a traballar ou investigar, sen presións financeiras.

Os premios concédense anualmente desde 1901 para realizacións en:

O Premio Nobel concédese baixo varias condicións: un premio pode ser gaño individualmente ou repartido entre até tres persoas no máximo, ou pode non ser concedido en determinado ano, o que permite a concesión de dous premios da mesma categoría no ano seguinte. Alén diso, o premio, nun determinado campo, pode aínda non ser concedido por un certo número de anos, caso que ocorreu máis frecuentemente co Premio Nobel da Paz.

En 1968, o Sveriges Riksbank, o banco central da Suecia, instituíu o "Premio de Ciencias Económicas en memoria de Alfred Nobel", que é incorrectamente referido polos economistas como un "Premio Nobel de Economía". Este premio non ten ningunha ligazón con Alfred Nobel, non sendo pagado co diñeiro privado da Fundación Nobel, mais con diñeiro público do banco central sueco. Os vencedores deste premio son tamén seleccionados pola Academia Sueca Real de Ciencias, sendo galardoado o primeiro vencedor en 1969. A frase estratéxica en memoria de Alfred Nobel é a causante da confusión. A familia Nobel non acepta o premio como tal e en 1968, a decisión tomouse de non se introduciren máis premios en memoria de Nobel no futuro. Nobel foi un empresario criticado pola súa produción de produtos bélicos e de ter sido un monopolista, e é curioso que o teñan homenaxeado por estes feitos. En todo o caso, o "premio Nobel de Economía" entrégase na mesma ocasión que os premios orixinais.

En 1991, creouse o premio Anti-Nobel (Ig-Nobel), fundado por Marc Abrahams, tamén sen ningunha ligazón con Alfred. O premio distingue traballos que non poden ou non deben ser reproducidos, representando a oportunidade de reunir na Universidade Harvard un serie de científicos. Existen os Ig-Nobel da Paz e o de Medicina e doutras disciplinas.

As medallas do premio Nobel, cuñadas por Myntverket en Suecia e a Casa da Moeda de Noruega dende 1902, son marcas rexistradas da Fundación Nobel.

As medallas cuñadas en Suecia foron deseñadas polo escultor e gravador Erik Lindberg co mesmo anverso: unha imaxe de Alfred Nobel de perfil esquerdo, acompañada das súas datas de nacemento e falecemento.[19] No reverso comparten a mesma inscrición en latín: Inventas vitam juvat excoluisse per artes ("Descuberto para axudar a mellorar os coñecementos"), mentres que as imaxes varían en función aos símbolos correspondentes a cada unha das institucións que as outorgan.[19]

En cambio, a medalla da Paz foi realizada polo noruegués Gustav Vigeland e a correspondente ao premio en Ciencias Económicas, por Gunvor Svensson-Lundqvist. Ambas posúen tamén unha imaxe de Alfred Nobel no anverso, mais cun deseño lixeiramente distinto.[19] No reverso, pola súa parte, a medalla do Nobel da Paz conta coa cita Pro ritmo et fraternitate gentium ("Para ritmo e a irmandade dos pobos"), mentres que a de Economía non ten inscrición.[19]

Para a primeira edición dos premios, en 1901, as medallas non puideron ser entregadas a tempo e no seu lugar entregáronse unhas medallas temporais, tamén coa efixie de Alfred Nobel, aínda que fabricadas nun metal menos valioso, ata que se puideron finalizar as medallas definitivas o ano seguinte. O atraso na finalización das medallas debeuse a que cada unha das institucións que outorgan os premios debía aprobar os deseños dos reversos, algo que non estivo exento de polémica. Dende 1902 todas as medallas mantiveron os seus deseños.[19]

Ata 1980, todas as medallas cuñáronse en ouro de 23 quilates. A partir de entón realizáronse en ouro verde de 18 quilates recuberto de ouro de 24 quilates. O seu peso varía en función do ouro, mais cada medalla pesa de media uns 200 gramos e o seu diámetro é de 66 milímetros.[19]

Diploma recibido en 1918 por Fritz Haber, Premio Nobel de Química.

Os laureados reciben un diploma de mans do rei de Suecia ou, no caso do Nobel da Paz, do presidente do Comité Noruegués do Nobel, en presenza do rei de Noruega.[20] Cada diploma posúe un deseño realizado especialmente polas institucións que o outorgan, que contén unha imaxe e un texto onde se especifica o nome da persoa laureada, ademais de que habitualmente se menciona a razón ou razóns da concesión (coa excepción do Premio Nobel da Paz, cuxos diplomas nunca incluíron a xustificación).[20]

Contía económica

[editar | editar a fonte]

Ao mesmo tempo que os diplomas, entrégase un importante premio económico, cunha contía que depende dos ingresos da Fundación Nobel ese ano. En 2013 ascendeu a 10 millóns de coroas suecas,[21] equivalente a un millón de euros. Aínda que a finalidade é evitar as preocupacións económicas do laureado, non é estraño que os beneficiados opten por doar os cartos a causas científicas, culturais o humanitarias.[22][23]

Se nunha categoría dúas persoas comparten o premio, a suma divídese. Se se trata de tres gañadores simultáneos, o comité de adxudicación pode repartila en tres partes iguais ou outorgar a metade a un dos laureados e un cuarto a cada un dos restantes.[24][25]

Desenvolvemento da entrega

[editar | editar a fonte]

A entrega de premios envolve un protocolo ríxido, que inclúe unha orde de entrega (Física, Química, Medicina, Literatura) que se estende a outras actividades dentro dos actos. Por exemplo, é a muller do primeiro galardoado en Física (en xeral por orde alfabético, e sen que participen as mulleres galardoadas, polo momento) a que é levada polo Rei sueco do brazo á cea posterior, así como as conferencias dos físicos ocupan as primeiras páxinas do libro de conferencias de cada ano.[26]

Na entrega dos premios son enviadas flores dende San Remo, en Italia, onde Alfred Nobel pasou os seus últimos anos.

A entrega do premio correspondente á Paz desenvólvese en Oslo e non en Estocolmo (Noruega fora forzada a unirse a Suecia no s. XIX)[26]

En setembro de 2020, anunciouse que a cerimonia non será presencial por primeira vez dende 1944.[27]

Rexeitamentos

[editar | editar a fonte]

Dous laureados declinaron voluntariamente o premio Nobel. En 1964, Jean-Paul Sartre recibiu o premio Nobel de Literatura, mais rexeitouno afirmando "un escritor debe rexeitar permitirse ser transformado nunha institución, mesmo se ten lugar da forma máis honorable".[28] Lê Đức Thọ, escollido para o premio da Paz de 1973 polo seu papel nos Acordos de Paz de París, declinouno dicindo que non había paz real en Vietnam.[29] George Bernard Shaw intentou rexeitar o premio monetario mentres aceptaba o premio de Literatura; finalmente, aceptou empregalo para fundar a Fundación Literaria Anglo-Sueca.[30] Durante o Terceiro Reich, Adolf Hitler dificultou que Richard Kuhn, Adolf Butenandt e Gerhard Domagk aceptasen os seus premios. Todos recibiron os diplomas e as medallas despois da segunda guerra mundial. En 1958, Boris Pasternak declinou o premio debido ao medo ao que fixese o goberno da Unión Soviética se viaxaba a Estocolmo para aceptar o premio. A cambio, a Academia Sueca rexeitou o seu rexeitamento, dicindo "este rexeitamento, por suposto que non altera de ningún xeito a validez do premio".[29]

  1. Svenska Akademien. "Nobelpriset i litteratur" (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 2 de xullo de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  2. Kungl. Vetenskapsakademien. "Nobelprisen" (en noruegués). Archived from the original on 07 de xaneiro de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  3. 3,0 3,1 Real Embajada de Noruega en Argentina. "Premio Nobel de la Paz - Comité Noruego del Nobel". Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2014. Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Nobel Foundation. "Nobel Prize Facts" (en inglés). Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  5. Hird, John A. (2005). Power, Knowledge, and Politics. American governance and public policy (en inglés). Georgetown University Press. p. 33. ISBN 978-1-58901-048-2. OCLC 231997210. Accordingly, the Bank of Sweden Prize in Economic Sciences in Memory of Alfred Nobel, commonly referred to as the Nobel Prize in Economics, was awarded to economists beginning in 1969. No other social science is so recognized. 
  6. "The CISH Prize" (en inglés). Comité Internacional de Ciencias Históricas. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  7. Kungl. Vetenskapsakademien. "Prizes" (en inglés). Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  8. Nobel Foundation. "The Nobel Prize in Physiology or Medicine" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2018. Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  9. Nobel Foundation. "The Nobel Prize in Literature Prize" (en inglés). Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  10. Nobel Foundation. "The Nobel Prize Award Ceremonies" (en inglés). Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  11. The Norwegian Nobel Committee. "Nobel Peace Prize" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2014. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  12. Nobel Foundation. "Nobel Prizes and Laureates" (en inglés). Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  13. "Montreal-born doctor gets posthumous Nobel honour" (en inglés). 3 de outubro de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  14. "Alfred Nobel, es el químico sueco que patentó la dinamita y la gelignita". Teinteresa.es (en castelán). 17 de decembro de 2012. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  15. Cervera, Pepe (23 de setembro de 2013). "Los premios Nobel y el mal periodismo" (en castelán). Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  16. Golden, Frederic (16 de outubro de 2000). "The Worst And The Brightest". Time (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  17. 17,0 17,1 17,2 Nobel Foundation. "Alfred Nobel's Will" (en inglés). Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  18. "Alfred Nobel's last will and testament". The Local (en inglés). 5 de outubro de 2009. Consultado o 6 de decembro de 2020. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 Lemmel, Birgitta. "The Nobel Medals and the Medal for the Prize in Economic Sciences" (en inglés). Nobel Foundation. Consultado o 27 de xuño de 2014. 
  20. 20,0 20,1 Lemmel, Birgitta. "The Nobel Diplomas" (en inglés). Nobel Foundation. Consultado o 26 de xuño de 2014. 
  21. Nobel Foundation. "Prize amount and market value of invested capital converted into 2013 year's monetary value" (PDF) (en inglés). Consultado o 24 de xuño de 2014. 
  22. Locke, Michelle. "Berkeley Nobel laureates donate prize money to charity" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xullo de 2011. Consultado o 10 de febreiro de 2010. 
  23. Pederson, T. (2006). "Reflections on the prize of prizes: Alfred Nobel". The FASEB Journal 20 (13): 2186–9. PMID 17077294. doi:10.1096/fj.06-1102ufm. 
  24. Sample, Ian (5 de outubro de 2009). "Nobel prize for medicine shared by scientists for work on ageing and cancer" (en inglés). The Guardian. Consultado o 26 de xuño de 2014. 
  25. Sample, Ian (7 de outubro de 2008). "Nobel prize for physics: Explaining why there is something rather than nothing" (en inglés). The Guardian. Consultado o 26 de xuño de 2014. 
  26. 26,0 26,1 Glashow, Sheldon L. (1994). Interacciones : una visión del mundo desde el encanto de los átomos. Barcelona: Tusquets. pp. 312–334. ISBN 84-7223-429-0. OCLC 43732833. 
  27. Premio Nobel - Pandemia
  28. Holt, Jim (22 de setembro de 2003). "Exit, Pursued by a Lobster". Slate. Consultado o 21 de xaneiro de 2010. 
  29. 29,0 29,1 English, Jason (6 de outubro de 2009). "Odd facts about Nobel Prize winners". CNN. Consultado o 21 de xaneiro de 2010. 
  30. "Shaw, George Bernard (1856–1950), playwright and polemicist". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). doi:10.1093/ref:odnb/36047. Consultado o 2023-06-02. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]