[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Celtas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Gálata Ludovisi, unha copia romana dun orixinal helenístico, no Palazzo Massimo alle Terme.
Distribución diacrónica dos pobos celtas:
     Territorio central Hallstatt, no s. VI a.C.      Máxima expansión celta, no s. III a.C.      Área lusitana de Iberia, onde a presenza celta non é segura.      As seis "nacións celtas" que retiveron as linguas celtas na idade moderna.      Áreas onde as linguas celtas teñen presenza no presente.

Os celtas[1] son[2] un conxunto de pobos indoeuropeos[3] de Europa identificados polo uso das linguas celtas e outras semellanzas culturais.[4][5][6][7] A historia da Europa precelta e a relación exacta entre os diferentes grupos étnicos, lingüísticos e culturais dentro do espazo celta é tema de debate e controversia.[8] Por outra banda, o alcance xeográfico dos antigos celtas tamén está en disputa; particularmente, se os habitantes da Idade de Ferro de Gran Bretaña e Irlanda así coma os da Gallaecia deberían ser considerados ou non como celtas.[7][8][9][10] Segundo unha teoría, a orixe común das linguas celtas, a lingua protocelta, xurdiu na cultura dos Campos de Urnas a finais da Idade de Bronce en Europa central, a cal floreceu arredor do ano -1200.[11]

Envés dun espello de bronce británico, con motivos en espiral e trompeta típicos da arte celta de La Tène en Gran Bretaña.

De acordo con outra teoría proposta no século XIX, o primeiro pobo en amosar características culturais consideradas como celtas foi o pobo da cultura de Hallstatt da Idade de Ferro, en Europa central (c. -800 e -450), chamada así polos ricos achados de tumas en Hallstatt, Austria.[11][12] É por iso que ás veces a zona é coñecida como a "patria celta". Durante o período de La Tène (c. -450 BC até a conquista romana), chamado así polo sitio arqueolóxico de La Tène, en Suíza, esta cultura celta supostamente expandiuse por difusión transcultural ou migración até as Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e gran parte de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, célticos, lusitanos e galaicos) e o norte de Italia (cultura de Golasecca e galos cisalpinos)[13] e, posteriormente o asentamento celta en Europa oriental que comezou no ano -279, chegando ao leste até Anatolia central (gálatas) na actual Turquía.[14]

Os exemplos máis antigos e sen disputa dunha lingua celta son as inscricións en lepóntico do século -VI.[15] As linguas celtas continentais son coñecidas case exclusivamente a través de inscricións e nomes de lugares. As linguas celtas insulares están rexistradas dende o século IV en inscricións Ogham, aínda que está claro que foron faladas nas illas moito tempo antes. A tradición literaria celta comezou con textos en irlandés antigo arredor do século VIII. Os textos da tradición literaria irlandesa antiga, como Táin Bó Cúailnge, sobreviviron en recensións do século XII.

A partir da metade do primeiro milenio, coa expansión do Imperio Romano e a migración dos pobos xermánicos, a cultura celta e as linguas celtas insulares quedaron restrinxidas a Irlanda, o oeste e o norte de Gran Bretaña (Gales, Escocia e Cornualla), a Illa de Man e a Bretaña. Entre os séculos V e VIII, as comunidades de fala celta destas rexión atlánticas emerxeron como unha entidade cultural razoablemente cohesionada. Tiñan unha herdanza lingüística, relixiosa e artística común que os distinguía da cultura e das entidades políticas que as rodeaban.[16] Porén, por volta do século VI, as linguas celtas continentais deixaron de ser amplamente usadas.

A cultura celta insular diverxeu entre os gaels (irlandeses, escoceses e manx) e os britanos (galeses, córnicos e bretóns) nos períodos medieval e moderno.[4][17][18] Unha identidade celta moderna foi construída como parte dun Rexurdimento celta romanticista en Gran Bretaña, Irlanda, e noutros territorios europeos, como Portugal e Galicia.[19] No presente, o irlandés, o escocés, o galés e o bretón son falados aínda en parte do seu territorio histórico, e o córnico e o manx están en proceso de recuperación.

Nomes e terminoloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Nomes dos celtas.
Estela de Crecente procendente de Galicia, estela celta do século II: "APANA·AMBO(-) /
LLI·F(ilia)·CELTICA /
SUPERTAM(arica) /
(castello) MAIOBRI /
AN
(norum)·XXV·
H
(ic)·S(ita)·E(st) /
APANUS·FR(ater)·
F
(aciendum)·C(uravit)"

O primeiro uso rexistrado do nome dos celtas – Κελτοί (Keltoi) en grego – para facer referencia ao grupo étnico procede de Hecateo de Mileto, o xeógrafo grego, no ano -517,[20] cando escribiu sobre a xente que vivía preto de Massilia (a moderna Marsella).[21] No século -V, Heródoto refírese como Keltoi aos habitantes no nacemento do Danubio e tamén aos que viven na parte máis occidental de Europa.[22] A etimoloxía do termo Keltoi é pouco clara. Posibles raíces da palabra poderían ser o indoeuropeo *kʲel 'agochar' (presente tamén no irlandés antigo ceilid), IE *kʲel 'quentar' ou *kel 'impeler'.[23] Varios autores suxeriron a posible orixe celta da palabra, mentres que outros considérano un termo acuñado polos gregos. A lingüista Patrizia De Bernardo Stempel encándrase no segundo grupo, e suxire como significado "os altos".[24]

No século -I, Xulio César rexistrou que os pobos coñecidos polos romanos como galos (en latín: Galli) chamábanse a si mesmos celtas,[25] o cal suxire que mesmo se o nome Keltoi foi outorgado polos gregos, foi adoptado até certa medida como un nome colectivo polas tribos da Galia. O xeógrafo Estrabón, escribindo sobre a Galia a finais do século -I, fai referencia á "raza que agora se chama tanto galo como gálico," aínda que el tamén usa o termo Celtica como sinónimo para a Galia, a cal está separada de Iberia polos Pireneos. Porén, informa sobre os pobos celtas en Iberia e tamén utiliza os nomes étnicos Celtiberi e Celtici para falar deles, a contraste con Lusitani e Iberi.[26] Plinio o Vello cita o uso do termo Celtici en Lusitania como apelido tribal,[27] o cal foi confirmado polos descubrimentos epigráficos.[28][29]

O termo en latín Gallus (en plural Galli) pode provir orixinalmente dun nome tribal ou étnico celta, e se cadra foi tomado como préstamo polo latín durante as expansións celtas en Italia a comezos do século -V. A súa raíz pode ser do protocelta *galno, que quere dicir "poder, forza", de aí o irlandés antigo gal "atrevemento, ferocidade" e galés gallu "ser quen, poder". Os nomes tribais dos Gallaeci e o termo grego Γαλάται' (Galatai, latinizado como Galatae; véxase a rexión de Galacia en Anatolia) probablemente teñan a mesma orixe.[30] O sufixo -atai pode ser unha inflexión do grego antigo.[31] Os autores clásicos non aplicaron os termos Κελτοί (Keltoi) ou Celtae para os habitantes de Gran Bretaña ou Irlanda,[7][8][9] o cal provocou que algúns estudosos non usen o termo para os habitantes das illas durante a Idade de Ferro.[7][8][9][10]

Celta ou céltico fai referencia tamén á familia de linguas. Diversas culturas arqueolóxicas son consideradas de natureza celta en base a conxuntos únicos de artefactos. O vínculo entre linguaxe e artefacto vese favorecido pola presenza de inscricións.[32] A idea relativamente moderna dunha identidade cultural celta ou da "celticidade" céntrase polo xeral nas semellanzas entre as linguas, obras de arte e textos clásicos,[33] e ás veces tamén entre os artefactos materiais, a organización social, a patria e a mitoloxía.[34] Teorías antigas sinalaban que estas semellanzas tamén poderían implicar unha orixe racial común entre os distintos pobos celtas, mais as teorías recentes sosteñen que a conexión só se reflicte nos aspectos cultural e lingüístico e non no xenético. As culturas celtas parecen ter sido moi diversas, sendo o uso dunha lingua celta o principal que tiñan en común.[7]

No presente, o termo celta refírese principalmente ás linguas e as culturas de Irlanda, Escocia, Gales, Cornualla, a Illa de Man e a Bretaña, tamén coñecidas como as nacións celtas. Estas son as rexións onde catro linguas celtas aínda seguen a falarse en certo grao como linguas nais. As catro linguas son o irlandés, o escocés, o galés e o bretón; ademais producírons dúas revitalizacións recentes, o córnico (unha das linguas britónicas) e o manx (unha das linguas goidélicas). Tamén hai intentos por reconstruír o cúmbrico, unha lingua britónica do noroeste de Inglaterra e o suroeste de Escocia. As rexións celtas da Europa continental son aquelas cuxos habitantes reivindican unha herdanza celta, mais non teñen unha lingua celta que sobrevivise; estas áreas inclúen o oeste da Península Ibérica, como por exemplo Portugal ou Galicia, Asturias e Cantabria.[35]

Os celtas continentais son os pobos orixinarios de fala celta de Europa continental, e os celtas insulares son os pobos de fala celta das illas Británicas e os seus descendentes. Os celtas da Bretaña teñen unha lingua que procede da migración de celtas insulares, principalmente de Gales e Cornualla, e como tales son agrupados.[36]

Artigo principal: Período precelta.
Mapa mostrando a distribución da cultura Hallstatt e La Tène.      O centro do territorio Hallstatt (sobre o 800 AdC) móstrase en amarelo escuro,      a eventual área de influencia da cultura Hallstatt (sobre o 500 AdC) en amarelo claro.      O centro do territorio da cultura La Tène (450 AdC) móstrase en verde escuro,      a eventual área de influencia da cultura La Tène (sobre o 50 AdC) móstrase en verde claro.
O escudo de Wandsworth, no estilo plástico, atopado en Londres.
Unha estatua dun guerreiro celta, do século -I, no Museo da Bretaña, en Rennes, Francia.

As linguas celtas forman parte da familia indoeuropea. No -400 a lingua celta xa estaba dividida en varios grupos, e estendeuse sobre gran parte de Europa occidental, a Península Ibérica, Irlanda e Gran Bretaña. O historiador grego Éforo de Cumas, en Asia Menor, segundo escribiu no século -IV, cría que os celtas proviñan das illas na boca do río Rin e que eran levados dos seus fogarees pola frecuencia das guerras e a violenta suba do mar".

Cultura de Hallstatt

[editar | editar a fonte]

A primeira Idade de Ferro céltica data de arredor dos séculos VIII e V A.C. e recibe o nome da necrópole austriaca de Hallstatt, asentamento asociado ás minas de sal. Nela aparecen por vez primeira a diferenciación social e unha clase dirixente. Esta clase dirixente controlaba os medios de produción, as vías de comunicación e a terra, ou sexa o resto da sociedade. Esta situación de privilexio é posíbel que se transmitise de pais a fillos ou por grupos de guerreiros que se foron impoñendo progresivamente aos demais. Coñécense polo nome dos "príncipes", máis que nada pola riqueza atopada nos seus enterramentos, con xoias de ouro, cerámicas gregas, bronces etruscos, fíbulas e torques. As fíbulas eran a modo de pasadores para suxeitar as roupas de vestir. Os torques como un tipo de colar de metal, ouro ou bronce e nos extremos con tapóns esféricos. Tamén os soterraban coas súas armas, as frechas, puñais, espadas, anzois, útiles de barbear e peitear etc.

Os lugares onde habitaban eran residencias fortificadas, rodeadas de foxo e murallas, en cuxo interior se distribuían as casas. Non existían avenidas nin edificios senlleiros, só espazos abertos que servían de lugar de reunión. Nestas residencias vivían os "príncipes" e a súa familia, os guerreiros e serventes. O pobo habitaba nas aldeas, pero cando aparecía un problema, acollíanse xunto o gando tras as murallas. Como controlaban o comercio, estas residencias construíanse en lugares estratéxicos para protexer as rotas comerciais.

Este tipo de organización desaparece no século V A.C. co desenvolvemento do estilo de La Tène, que abarca entre este século e a dominación romana. Desaparecen os "príncipes". Só unha caste de guerreiros son os dominantes e aparece o xefe, elixido entre eles e coidador da tribo e clans.

A cultura de La Tène coincide no tempo coas invasións celtas. Así, no ano 390 A.C. Roma é saqueada. No 280 a.C. invaden Macedonia, aséntanse na Tracia e polo Norte chegan a Inglaterra e Irlanda. Aparecen os grandes asentamentos, coñecidos como oppida.

Os oppida eran asentamentos fortificados, comunmente sobre un outeiro, rodeados de grandes foxos e murallas, con pesadas portas: atopábanse preto das grandes vías de comunicación, ou sitios de materias primas como minas de ferro, ouro, sal etc. Tiñan dimensións variábeis, pero algúns eran enormes, como o de Manching, de 380 hectáreas. Cumprían diversas funcións: campamento militar, centro relixioso, control de puntos económicos, estratéxicos e territorial. De cando en vez celebrábase o mercado. A aparición dos oppida comporta grandes cambios económicos e sociais. Os guerreiros van perdendo poder a mans dunha oligarquía non guerreira. Esta organización mantense deica o final do celtismo e a romanización dos pobos celtas.

Extensión

[editar | editar a fonte]

Determinación arqueolóxica

[editar | editar a fonte]

Do punto de vista arqueolóxico, a máxima dispersión da cultura material dos celtas abarcou desde, no oeste, o sueste da Inglaterra, Francia e o norte de España, até, no leste, o oeste de Hungría, Eslovenia, e o norte de Croacia; desde o norte de Italia no sul até o extremo norte das montañas do centro de Alemaña. Por outro lado, existen achados do período de La Tène por todos os Balcáns até Anatolia (asentamento dos Gálatas, na Turquía actual), que se explican polas migracións celtas acontecidas no IV século a. C.

A inclusión do sueste da Inglaterra no territorio de dispersión da cultura designada como celta do punto de vista arqueolóxico é contestada. Os achados arqueolóxicos locais da Idade de Ferro media e tardía (ca. 600–30 a. C.) presentan propiedades rexionais e locais que difiren de modo significativo dos achados continentais contemporáneos. En Galiza tamén se acharon algunhas fíbulas do período de La Tène, mais non se pode falar dun horizonte cultural celta fechado no sentido da cultura de La Tène.

Ese territorio centroeuropeo de carácter celta, limitaba, no sul, inicialmente aínda coa zona de influencia da cultura etrusca, e no leste e no sueste, coas áreas de influencia grega, tracia e escita. Partes extensas deses territorios foron incorporados mais adiante ao Imperio Romano e á súa cultura. A norte do territorio de influencia celta estaban asentadas tribos xermánicas. Con todas as culturas citadas mantiñan os celtas intensas relacións culturais e económicas.

Probas lingüísticas

[editar | editar a fonte]

Existe evidencia da extensión de linguas celtas desde partes da Península Ibérica a Irlanda no oeste, no suroeste até os Balcáns setentrionais, cun agromo serodio en Anatolia. Polo norte, as montañas do centro da Alemaña constituían o límite aproximado cos xermanos. Ao sur dos Alpes, o mundo celta chega á planicie do Po. As probas para esa interpretación lingüística son:

  • A máxima extensión histórica das tribos celtas fundamentada en fontes antigas, por exemplo a migración de tribos celtas (e tracias) a Anatolia, confirmada por autores gregos e romanos, cf. a carta de Paulo aos Gálatas.
  • Documentos da antigüidade tardía segundo os cales en Anatolia se falaba un dialecto similar ao da rexión de Tréveris.
  • Exemplos de palabras celtas en linguas modernas de Europa Central e Oriental, empréstitos no vasco como iskos (peixe).
  • Reflexos nos nomes dalgunhas tribos ou de rexións como Galia, Galiza, Gálatas.
  • Elementos lingüísticos celtas característicos en topónimos terminados en -briga e -durum, coas variacións propias de cada rexión lingüística.
  • Inscricións en pedras, en fragmentos de cerámica, en moedas, en táboas de chumbo en lingua celtibérica, lepóntica e gálica a partir do século VI a. C., ora en escrita propia (por exemplo o alfabeto lepóntico de Lugano) ora en escritas alleas como a ibérica, a etrusca ou máis adiante a latina.

As linguas celtas pertencen ao grupo occidental das linguas indoeuropeas. Dentro destas, segundo algúns investigadores, o ramo itálico é o máis próximo ao celta.[37] A lingua celta orixinaria, da que proceden os chamados celta p e celta q[38], non foi transmitida. Os documentos lingüísticos mais antigos considerados celtas son os da lingua lepóntica do século VI a. C. Alén de inscricións curtas na súa maioría, en materiais duradouros (pedra, chumbo), o calendario lunisolar de Coligny, en lingua gala, permite unha ollada directa nos aspectos non materiais da cultura relixiosa celta e da vida cotiá. As táboas de Botorrita, dos séculos II e I a. C., son documentos mais extensos en lingua celtibera tamén dignos de mención.

As linguas celtas continentais están extintas. O celtibero falado na Península Ibérica, así como o galo e o lepóntico, desapareceron durante a romanización. A lingua gálata de Asia Menor, mal documentada, pervivía aínda na Antigüidade Clásica.

As linguas celtas insulares aínda son faladas hoxe en Gales (galés), en Irlanda (irlandés, desde 1922 primeira lingua oficial xunto ao inglés), en Escocia (escocés-gaélico nas Terras Altas e particularmente nas illas Hébridas) e na Bretaña (bretón, levado ao continente por emigrantes das illas Británicas no século V). O gaélico da illa de Man (manés) extinguiuse na década de 1970, o córnico xa no século XVIII. Na actualidade existen tentativas para revitalizar ámbalas linguas e tornalas de uso corrente.

Fontes históricas

[editar | editar a fonte]

Os primeiros coñecementos escritos sobre os celtas son de autores gregos e latinos: Heródoto, Xulio César, Diodoro Sículo, Estrabón, Pomponio Mela, Lucano.

Fontes arqueolóxicas

[editar | editar a fonte]

Da primeira época da Idade de Ferro, son sitios arqueolóxicos do Hallstatt (Austria), que nos permiten coñecer os celtas. Logo, na segunda época da Idade de Ferro, son os sitios de La Tène (Suíza).

Disolución da civilización

[editar | editar a fonte]

Nos séculos II e I antes da nosa era, os Celtas foron sometidos sobre o continente á presión conxugada dos pobos xermánicos ao leste, dos Romanos ao sur e ao pulo do imperio dos dácios.

Os enclaves celtas da Francia e da Península Ibérica foron conquistados polos romanos e, en maior ou menor medida, romanizados.

Cultura celta

[editar | editar a fonte]
Cerámica celta

Os celtas eran xente de pel clara e longos cabelos, que acostumaban levar soltos ou anoados en xeito de trenzas. Segundo os Comentarios da Guerra das Galias de Xulio César, eran valentes no combate, traballadores, supersticiosos e moi relixiosos. Tiñan un gran senso da hospitalidade e xamais preguntaban aos seus invitados polo seu nome e de onde procedían até rematar o xantar.

Non practicaban a escrita, e na poesía e na música, os bardos ensinaban a historia dos seus devanceiros e a mitoloxía celta. Vestían saio, pantalóns bombachos e blusas con manga longa dunha la tecida dun xeito moi especial. No armamento usaban espada longa, escudo oblongo dunhas grandes dimensións, longas picas e unha especie de xavelina que chamaban "mandari".

Nos tempos finais a súa organización básica eran os clans, agrupándose arredor dun nobre. Diferentes clans formaban unha tribo. Cara a supremacía, os clans facían a guerra entre si e do mesmo xeito, unhas tribos contra outras.

Entre os celtas existían tres clases sociais: o pobo, os nobres e os druídas.

O pobo non tiña dereito a ser consultado nin a formar parte das asembleas. Os nobres toman parte na guerra e segundo a súa fortuna e nacemento tiñan en torno de seu un maior ou menor número de clientes.

Dous druídas, encontrado no baixo-relevo de Autun

Os druídas eran a clase social sagrada para os celtas. Requiríase anos de estudo intenso para formar parte dela. Encargábase da educación dos fillos dos nobres, considerábanse os máis sabios e xustos dos homes ao estar en contacto cos deuses e confiábanselle os xuízos. Adicábanse aos oficios divinos, facían os sacrificios e practicaban os ciencias da natureza e consagraban a parte moral da súa filosofía. Eran venerados por todas as tribos, non ían á guerra e mesmo podían deter unha batalla paseando polo medio dos contendentes onde se celebrase. Representaban o vínculo que mantiña unidos os celtas: a relixión.

O seu máximo dogma era a inmortalidade da alma e do universo. Tiñan como árbore sagrada o carballo e todo o que medraba a carón del tiña alento divino. O visgo era a planta sagrada. Elixían carballeiras para facer os seus ritos. Cando atopaban visgo nun carballo, recollíase con gran solemnidade o sexto día da lúa. Organizábase un gran xantar baixo as ponlas do carballo, o druída vestíase cun saio branco e cortaba o visgo cun fouciño de ouro.

Os druídas de todas as tribos xuntábanse para elixir entre eles o druída supremo dos Celtas. Suponse que na Galia o bosque sagrado de carballos onde facían a xuntanza estaba no mesmo lugar onde hoxe se ergue a catedral de Chartes; o seu altar marca o lugar exacto onde os antigos druídas facían os seus sacrificios.

Cando a conquista romana, os druídas foron os primeiros en ser perseguidos, xa que eran o vínculo da ligazón entre os celtas, ademais promulgaban a revolta contra os romanos até conseguir botalos da Galia.

Pouco a pouco a cultura druída xunto coa civilización celta foise romanizando coa conquista da Galia. En Galiza, tamén Xulio César conquistou os derradeiros redutos celtas, así como a invasión da Britannia, deixando os derradeiros redutos celtas na Irlanda, illa que mantivo por máis tempo a lembranza deste pobo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para celta.
  2. Waldman & Mason 2006, p. 144. "CELTS location: Greater Europe time period: Second millennium B.C.E. to present ancestry: Celtic
  3. Mac Cana & Dillon. "Os celtas, un antigo pobo indoeuropeo, alcanzaron o seu apoxeo de influencia e expansión territorial durante o século -IV, estendéndose ao longo de Europa dende Gran Bretaña até Asia Menor."; Puhvel, Fee & Leeming 2003, p. 67. "[T]he Celts, were Indo-Europeans, a fact that explains a certain compatibility between Celtic, Roman, and Germanic mythology."; Riché 2005, p. 150. "The Celts and Germans were two Indo-European groups whose civilizations had some common characteristics."; Todd 1975, p. 42. "Celts and Germans were of course derived from the same Indo-European stock."; Encyclopedia Britannica. Celt. "Celt, also spelled Kelt, Latin Celta, plural Celtae, a member of an early Indo-European people who from the 2nd millennium bce to the 1st century bce spread over much of Europe.";
  4. 4,0 4,1 Drinkwater 2012, p. 295. "Celts, a name applied by ancient writers to a population group occupying lands mainly north of the Mediterranean region from Galicia in the west to Galatia in the east. (Its application to the Welsh, the Scots, and the Irish is modern.) Their unity is recognizable by common speech and common artistic traditions.
  5. Waldman & Mason 2006, p. 144. "Celts, in its modern usage, is an encompassing term referring to all Celtic-speaking peoples."
  6. Encyclopedia Britannica. Celt. "Celt, also spelled Kelt, Latin Celta, plural Celtae, a member of an early Indo-European people who from the 2nd millennium bce to the 1st century bce spread over much of Europe. Their tribes and groups eventually ranged from the British Isles and northern Spain to as far east as Transylvania, the Black Sea coasts, and Galatia in Anatolia and were in part absorbed into the Roman Empire as Britons, Gauls, Boii, Galatians, and Celtiberians. Linguistically they survive in the modern Celtic speakers of Ireland, Highland Scotland, the Isle of Man, Wales, and Brittany.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Koch, John (2005). Celtic Culture: a historical encyclopedia. Santa Barbara: ABC-CLIO. p. xix–xxi. ISBN 978-1-85109-440-0. Consultado o 9 de xuño de 2010. This Encyclopedia is designed for the use of everyone interested in Celtic studies and also for those interested in many related and subsidiary fields, including the individual CELTIC COUNTRIES and their languages, literatures, archaeology, folklore, and mythology. In its chronological scope, the Encyclopedia covers subjects from the HALLSTATT and LA TENE periods of the later pre-Roman Iron Age to the beginning of the 21st century. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 James, Simon (1999). The Atlantic Celts – Ancient People Or Modern Invention. University of Wisconsin Press. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Collis, John (2003). The Celts: Origins, Myths and Inventions. Stroud: Tempus Publishing. ISBN 978-0-7524-2913-7. 
  10. 10,0 10,1 Pryor, Francis (2004). Britain BC. Harper Perennial. ISBN 978-0007126934. 
  11. 11,0 11,1 Chadwick, Nora; Corcoran, J. X. W. P. (1970). The Celts. Penguin Books. pp. 28–33. 
  12. Cunliffe, Barry (1997). The Ancient Celts. Penguin Books. pp. 39–67. 
  13. Koch, John T (2010). Celtic from the West Chapter 9: Paradigm Shift? Interpreting Tartessian as Celtic – see map 9.3 The Ancient Celtic Languages c. 440/430 BC – see third map in PDF at URL provided which is essentially the same map (PDF). Oxbow Books, Oxford, UK. p. 193. ISBN 978-1-84217-410-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2012. Consultado o 25 de agosto de 2020. 
  14. Koch, John T (2010). Celtic from the West Chapter 9: Paradigm Shift? Interpreting Tartessian as Celtic – see map 9.2 Celtic expansion from Hallstatt/La Tene central Europe – see second map in PDF at URL provided which is essentially the same map (PDF). Oxbow Books, Oxford, UK. p. 190. ISBN 978-1-84217-410-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2012. Consultado o 25 de agosto de 2020. 
  15. Stifter, David (2008). Old Celtic Languages (PDF). pp. 24–37. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2011. Consultado o 26 de agosto de 2020. 
  16. Cunliffe, Barry (2003). Oxford University Press, ed. The Celts – a very short introduction. p. 109. ISBN 978-0-19-280418-1. 
  17. Minahan, James (2000). One Europe, Many Nations: A Historical Dictionary of European National Groups. Greenwood Publishing Group. p. 179. ISBN 978-0313309847. Os córnicos están relacionados con outros pobos celtas de Europa, os bretóns,* irlandeses,* escoceses,* manx,* galeses* e os galegos* do noroeste de España. 
  18. Minahan, James (2000). One Europe, Many Nations: A Historical Dictionary of European National Groups. Greenwood Publishing Group. p. 766. ISBN 978-0313309847. Celtas, 257, 278, 523, 533, 555, 643; bretóns, 129–33; córnicos, 178–81; galegos, 277–80; irlandeses, 330–37; manx, 452–55; escoceses, 607–12; galeses 
  19. McKevitt, Kerry Ann (2006). "Mythologizing Identity and History: a look at the Celtic past of Galicia" (PDF). E-Keltoi 6: 651–73. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de xuño de 2011. Consultado o 8 de abril de 2011. 
  20. Sarunas Milisauskas, European prehistory: a survey. Springer. 2002. p. 363. ISBN 978-0-306-47257-2. Consultado o 7 de xuño de 2010. 
  21. H. D. Rankin, Celts and the classical world. Routledge. 1998. pp. 1–2. ISBN 978-0-415-15090-3. Consultado o 7 de xuño de 2010. 
  22. Herodoto, The Histories, 2.33; 4.49.
  23. John T. Koch (ed.), Celtic Culture: a historical encyclopedia. 5 vols. 2006. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, p. 371.
  24. P. De Bernardo Stempel 2008. "Linguistically Celtic ethnonyms: towards a classification", in Celtic and Other Languages in Ancient Europe, J. L. García Alonso (ed.), 101–18. Ediciones Universidad Salamanca.
  25. Xulio César, Commentarii de Bello Gallico 1.1: "Toda a Galia está dividida en tres partes, unha na que viven os belgas, outra na que viven os aquitanos, e unha terceira daqueles que na súa propia lingua se chaman Celtae, na nosa lingua Galli."
  26. Estrabón, Xeografía, 3.1.3; 3.1.6; 3.2.2; 3.2.15; 4.4.2.
  27. Plinio o Vello, The Natural History 21: "os Mirobriguenses, apelidados Celtici" ("Mirobrigenses qui Celtici cognominantur").
  28. "Archived copy" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de outubro de 2017. Consultado o 9 de xuño de 2013. 
  29. Fernando De Almeida, Breve noticia sobre o santuário campestre romano de Miróbriga dos Celticos (Portugal): D(IS) M(ANIBUS) S(ACRUM) / C(AIUS) PORCIUS SEVE/RUS MIROBRIGEN(SIS) / CELT(ICUS) ANN(ORUM) LX / H(IC) S(ITUS) E(ST) S(IT) T(IBI) T(ERRA) L(EVIS).
  30. Koch, John Thomas (2006). Celtic culture: a historical encyclopedia. ABC-CLIO. pp. 794–95. ISBN 978-1-85109-440-0. 
  31. Spencer and Zwicky, Andrew e Arnold M (1998). The handbook of morphology. Blackwell Publishers. p. 148. ISBN 978-0-631-18544-4. 
  32. Kruta, Venceslas; et al. (1991). The Celts. Thames and Hudson. pp. 95–102. 
  33. Paul Graves-Brown, Siân Jones, Clive Gamble, Cultural identity and archaeology: the construction of European communities, pp. 242–244. Routledge. 1996. ISBN 978-0-415-10676-4. Consultado o 7 de xuño de 2010. 
  34. Carl McColman, The Complete Idiot's Guide to Celtic Wisdom. Alpha Books. 2003. pp. 31–34. ISBN 978-0-02-864417-2. Consultado o 7 de xuño de 2010. 
  35. Monaghan, Patricia (2008). The Encyclopedia of Celtic Mythology and Folklore. Facts on File Inc. ISBN 978-0-8160-7556-0. 
  36. Chadwick, Nora (1970). The Celts with an introductory chapter by J.X.W.P. Corcoran. Penguin Books. p. 81. 
  37. Wolfram Euler: Die Frage der italisch-keltischen Sprachverwandtschaft im Lichte neuerer Forschungen. In: George E. Dunkel et al. (Hrsg.): Früh-, Mittel-, Spätindogermanisch. Akten der IX. Fachtagung der indogermanischen Gesellschaft vom 5. bis 9. Oktober 1992 in Zürich. Reichert Verlag, Wiesbaden 1994. S. 37-51
  38. "P-Celts". Oxford Reference (en inglés). doi:10.1093/oi/authority.20110803100312300. Consultado o 2022-09-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Xeografía

Organizacións