[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Olaría da Grecia antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cerámica grega»)
Vasos corintios

Até o século III a. C., a olaría da Grecia antiga, ou cerámica da Grecia antiga, foi especialmente apreciada en todo o Mediterráneo e xerou un intenso comercio. O motivo do seu éxito debeu ser non tanto a beleza da decoración, pois hai fermosas cerámicas das máis diversas orixes, como a calidade da súa factura, que, ademais, permitiu que as pezas se preservasen en gran cantidade e bo estado nos sitios arqueolóxicos.

Fabricación

[editar | editar a fonte]

O proceso de fabricación era longo e complexo. A arxila era inicialmente modelada polo oleiro nun torno manual, no que formaba primeiro o corpo da vasilla, para lle acrecentar logo as asas e pés, se é que tiña. O seguinte paso era someter a peza a un primeiro proceso de secado ao sol ou semicocedura no forno, para que o vaso adquirise a dureza necesaria para ser decorado. A decoración estaba a cargo dun pintor, que facía os seus deseños con pinceis e burís. A peza introducíase no forno para a súa cocción definitiva e, finalmente, aplicábaselle unha capa de verniz que proporcionase brillo.

Épocas e tipos de decoración

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Pintura da Grecia Antiga.

A clasificación da cerámica grega faise normalmente atendendo á súa decoración, que se corresponde con épocas de produción determinadas. Dun xeito máis amplo, eses períodos están contemplados no artigo.

Cerámica xeométrica e protoxeométrica

Os primeiros exemplos datan xa dos comezos da Idade de Ferro. Os vasos decóranse con siluetas angulosas que representan estilizacións de homes ou animais, en cor negra ou parda, que fan destacar os deseños sobre fondos pálidos de arxila.

Cerámica orientalizante
Artigo principal: Período orientalizante.

Introdúcese en Grecia durante o século VIII a. C. Corinto convértese no primeiro foco produtor. O trazo máis característico da decoración son os frisos zoomorfos, con representacións de animais salvaxes ou fantásticos en estilo miniaturista. Utilizábanse a cor vermella, o negro e o violeta, realzados con toques de branco.

Cerámica de figuras negras
Artigo principal: Cerámica de figuras negras.
Loutróforo proto-ático de figuras negras.

Esta técnica ten a súa orixe en Atenas a finais do século VII a. C. Sobre o fondo vermello do barro píntanse figuras en negro e os detalles perfílanse con buril e con pequenos toques ou liñas vermellas e brancas. As figuras forman cenas de carácter narrativo, representando historias da mitoloxía ou aspectos da vida cotiá. A miúdo son pezas asinadas polo oleiro e/ou o pintor, sendo o máis célebre dentro do estilo o pintor Clitias.

Cerámica de figuras vermellas
Aquiles dando morte a un troiano (cráter de figuras vermellas).

Desenvólvese en volta do 530-520 a. C. O verniz negro comézase a usar como fondo, mentres que as figuras déixanse coa cor do barro. Este procedemento permite utilizar os pinceis, no canto do buril, para trazar perfís e detalles e, polo tanto, flexibilizar as liñas. A técnica de figuras vermellas non desprazou inmediatamente á de figuras negras, senón que ambas as dúas conviviron durante case 80 anos, chegando mesmo a utilizárense simultaneamente no mesmo vaso. A finais do século V, o estilo de figuras vermellas estáncase e iniciase a decadencia da arte cerámica grega.

Os estilos gregos foron verdadeiras modas que se estenderon e imitaron por todo o Mediterráneo e proporcionaron notábeis ingresos aos focos produtores: Atenas, Corinto e as colonias do Sur de Italia. É só nas vaixelas máis antigas nas que achamos unha gran variedade de orixes, pois, a partir do século V, Atenas vai exercer practicamente un monopolio na fabricación cerámica, ben pola produción directa, ben porque oleiros e pintores atenienses se instalan noutros puntos (Magna Grecia) ou porque as súas técnicas son imitadas exactamente.

Pódense agrupar os diferentes recipientes gregos en varias categorías:

Aríbalos con hoplitas, 580–560 a.C.

Esta é unha tipoloxía moderna, posibelmente demasiado ríxida e pensada para a comodidade da descrición. En realidade, o nome que se lle dá hoxe en día a un recipiente non se corresponde necesariamente co que lle daban os gregos: un lécito podía moi ben ser chamado aríbalo, por exemplo. Igualmente, un recipiente non tiña por que estar limitado a un uso concreto: unha ánfora podía transportar calquera outra cousa que non fose un líquido.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]