Halla-san
Halla-san | |
---|---|
Altitude | 1.950 m |
Latitude | 33° 22′ N |
Lonxitude | 126° 32′ L |
Rexión | Illa de Jeju, Corea do Sur |
Montaña | |
Primeiro ascenso | Inmemorial |
Tipo de volcán | Volcán de escudo, inactivo |
O Halla-san é un volcán de escudo sito na illa de Jeju, ao S.O. de Corea do Sur, país do que é a súa máis alta montaña cunha altitude de 1.950 m.s.n.m.. A área que arrodea o volcán foi protexida como Parque Nacional do Halla-san (Hallasan Gungnip Gongwon en transcrición do coreano). O Halla-san xunto co Jiri-san e mais o Seorak-san conforman o trío de montañas principais de Corea.
Nomes
[editar | editar a fonte]En tempos pasados o Halla-san recibiu, en Corea, moitos outros nomes, como: Buag, Weon-san, Jin-san, Seon-san, Dumuag, Bura-san, Yeongju-san e Hyeolmangbong (혈망봉/穴望峯).
Xeología e xeografía
[editar | editar a fonte]O Halla-san é volcán de escudo enorme que conforma o "bulbo" da illa de Jeju e que se toma, con frecuencia, como representando a mesma illa, tal e como recolle o dito local: "A illa de Jeju é o Halla-san; e Halla-san é Jeju", e de feito a montaña é visíbel desde todos os sitios da illa, porén o cumio está, a miúdo, cuberta por nubes. A montaña foi declarada Monumento Natural de Corea do Sur, co nº 182.
A illa volcánica creouse no período Plioceno, erguéndose sobre a plataforma continental, a cal na actualidade está mergullada a 100 m de profundidade no mar da zona. Erupcións de basalto e traquitas configuraron a illa por encima do nivel do mar, até chegar aos 1950 m.s.n.m. no presente. Sobre a cima do volcán ábrese un grande cráter, cun diámetro de 400 m. Sobre 300 conos parasitos foron contabilizados nas ladeiras, a maioría de cinzas e escoiras, pero tamén se rexistran conos de lava e uns 30 aneis de toba, xa cerca da costa e das praias, que se formaran por erupcións de augas freáticas. As erupcións máis recentes, que se rexistraron, ocorreron nos anos 1002 e 1007.
Hai un pequeno lago no cráter do Halla-san denominado Baengnokdam (ko-Hang / ko-Hant), literalmente "lago do cervo branco". Dependendo da estación, a circunferencia do lago pode medrar até 2 km e atinxir unha profundidade duns 100 metros.
Monumentos
[editar | editar a fonte]A montaña sitúase o santuario de Gwaneumsa, o máis antigo templo budista da illa de Jeju. O templ orixinario ergueuse durante a Dinastía Guryeo. Como moitos outros templos coreanos, Gwaneumsa foi destruído e reedificado no século XX. Fora do templo hai un monumento en memoria das das vítimas do levantamento de Jeju, que tivo lugar entre 1948 e 1950.
Sendeirismo
[editar | editar a fonte]Hai catro rutas de sendeirismo en Halla-san, pero só dúas (Gwaneumsa e Seongpanak) levan até o cume do monte:
- Gwaneumsa - 8.7 km
- Eorimok - 4.7 km
- Seongpanak - 9.6 km
- Yeongshil - 3.7 km
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Este artigo é unha versión do correspondente da Wikipedia en inglés.