[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Demanda do Santo Graal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Demanda do Santo Graal é un manuscrito medieval escrito en galego-portugués que se insire nun dos ciclos máis importantes da literatura medieval europea: o chamado Ciclo Bretón ou Materia de Bretaña. Esta obra constitúe un dos maiores expoñentes da prosa medieval galego-portuguesa. Nela nárranse as aventuras de Galaaz e dos Cabaleiros da Táboa Redonda na procura do Santo Graal, o lendario cáliz empregado na Última cea e que despois usou Xosé de Arimatea para recoller o sangue de Cristo. Na actualidade, consérvase un manuscrito datado do século XV da Demanda do Santo Graal na Biblioteca Nacional de Viena, catalogado co número 2594.

A Demanda do Santo Graal está incluída dentro da temática da Materia de Bretaña. Mais dentro deste ciclo da literatura medieval que fala do Rei Artur e dos seus cabaleiros existen varios períodos. Na actualidade, as orixes históricas da Demanda do Santo Graal galego-portuguesa e as fontes das que bebe a obra son aínda polémicas. Aínda que o manuscrito que se conserva na Biblioteca Nacional de Viena data do século XV, os indicios históricos e lingüísticos apuntan a que se trata dunha tradución realizada no século XIII no Reino de Portugal a partir de textos anteriores. Moitos expertos, como a investigadora británica Fanni Bogdanow, sinalan a relación de boa parte do texto coa “Estoire del Saint Graal” da chamada Vulgata, mentres que outros apuntan a que a Demanda do Santo Graal sería de composición máis tardía e bebería do Ciclo da Pos-Vulgata. Así, esta obra pertencería ao ciclo da Post-Vulgata e sería unha recompilación en galego-portugués dos textos literarios medievais artúricos anteriores, escritos orixinalmente en francés antigo. Porén, a denominación de Post-Vulgata foi discutida por algúns investigadores, como o profesor da Universidade do Porto José Carlos Ribeiro Miranda. En definitiva, a data de composición da obra e a súa clasificación cronolóxica dentro do ciclo artúrico aínda seguen a ser moi controvertidas.

Malia ás discrepancias entre os estudosos sobre a orixe e composición da Demanda do Santo Graal, todos coinciden en que esta obra sería unha recompilación de textos artúricos anteriores, escritos orixinalmente en francés medieval, que serían traducidos ao galego-portugués. Así, a Demanda bebería de fontes europeas anteriores. Na obra podemos apreciar a influencia, entre outras, das seguintes obras artúricas:

  • Estoire del Saint Graal: Esta obra da Vulgata tería sido unha importante fonte de inspiración para a Demanda do Santo Graal. Nela fálase de Xosé de Arimatea (San Xosé), quen recolle o sangue de Cristo no Santo Graal e leva o Cáliz Sagrado desde Terra Santa até Inglaterra.
  • Perceval ou le Conte du Graal: Esta sería a principal inspiración da obra. Trátase dunha novela do escritor francés Chrétien de Troyes, publicada en 1176. Nela tamén se desenvolve o tema da busca do Santo Graal. Aínda así, existe unha diferenza importante. Mentres que na novela francesa será Percival quen consiga o Graal, na Demanda galego-portuguesa será Galaaz o cabaleiro que se fará co Vaso Sagrado.
  • La folie de Lancelot: Este ciclo pertencente á Suite du Merlin tamén está presente na Demanda do Santo Graal. Nel relátense os amores do cabaleiro Lanzarote do Lago coa raíña Xenebra, esposa do Rei Artur. Lanzarote será desterrado por Rei Artur e Xenebra condenada a fogueira. Finalmente Lanzarote decidirá convertirse en ermitán e Xenebra pasará o resto dos seus días nun convento.
  • Mort Artu: Aínda que este non é o motivo central da obra, a Mort Artu tamén está presente no final do libro. Podemos apreciar a presenza deste motivo nos capítulos finais da Demanda do Santo Graal. Neles, o sobriño do Rei Artur, Mordred, aproveita a ausencia do seu tío para usurpar o trono do Reino de Logres. Mordred dará morte ao Rei Artur na Batalla de Camlann. Isto porá fin ao Reino de Logres a ás aventuras dos Cabaleiros da Táboa Redonda.

A Demanda do Santo Graal é unha obra que se centra na figura de Galaaz, o cabaleiro perfecto nacido do adulterio de Lanzarote do Lago con Elaine de Corbenic, a filla do rei Peles. Ao chegar á idade adulta, Galaaz reúnese co seu pai Lanzarote, que o arma cabaleiro. Despois, durante a Pascua de Pentecoste, Galaaz diríxese a Corte do Rei Artur en Camelot, onde estaban reunidos todos os Cabaleiros da Táboa Redonda, e ocupa a Seeda Perigosa (Asento Perigoso), reservado para o único cabaleiro do mundo que tería éxito na demanda do Graal. Tras superar todas as probas, Rei Artur recoñece a Galaaz como o mellor cabaleiro do mundo e da por comezada a Demanda do Santo Graal. Todos os Cabaleiros da Táboa Redonda parten de Camelot e buscarán por todos os lugares do Reino de Logres o Vaso Sagrado. O manuscrito relata unha gran variedade de aventuras (A Besta Ladrador (Glatisant a Besta), O Cervo Branco e os Catro Leóns...) que lles suceden a moitos dos Cabaleiros da Táboa Redonda, mais soamente Galaaz, Bors e Perceval terán éxito na busca. Finalmente, despois de moitas aventuras, Galaaz será o único que dará co Cáliz. O manuscrito non remata coa consecución do Santo Graal, senón que nel podemos apreciar tamén outros tópicos presentes na Materia de Bretaña, como son o adulterio da Raíña Xenebra con Lanzarote do Lago, a Traizón de Mordred e, finalmente, a morte do Rei Artur, o que suporá a fin do Reino de Logres. O corpo de Artur é depositado nunha barca pola súa irmá,a fada Morgana, que o levará a lendaria illa de Avalon. Alí descansará até que chegue o día en que regrese e volva reinar polos séculos dos séculos.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

O manuscrito está dividido en 706 capítulos encabezados por unha lenda en que se resume brevemente o contido do mesmo. A obra pódese dividir en varias partes ben diferenciadas: A historia comeza na véspera do Pentecoste, na corte do Rei Artur, coa chegada de Galaaz, quen é armado cabaleiro da Táboa Redonda. Na segunda parte, os cabaleiros sepáranse e parten na demanda do Santo Graal, dando comezo a diferentes aventuras. Primeiro relátanse as aventuras de Galaaz e Bors (cando Galaaz arma a Melias cabaleiro, cando Galaaz e Bors chegan ao castelo do rei Brutus ou o combate de Bors e seu irmán Lionel). A seguir, descríbense as aventuras de Galván, sobriño do Rei Artur e cabaleiro da Táboa Redonda, cando chega a un castelo onde está sepultado Lamorak, cabaleiro que debía a súa morte a Gauvain. En terceiro lugar, Bors, Galaaz, Perceval e a irmá deste último, encontran o Cervo Branco e os Catro Leóns que representaban a Cristo e aos catro Evanxelistas. Ao día seguinte, pasan por un castelo onde tiñan por costume que as doncelas doaran unha escudela chea de sangue, feito ao que os cabaleiros se negan, mais ao final, a irmá de Perceval accede e morre. Na terceira parte, Galaaz, Bors e Perceval chegan a Corbenic, onde xa agardaban nove Cabaleiros da Táboa Redonda. Galaaz é o primeiro en entrar na cámara do Graal, onde máis tarde entraron os demais cabaleiros e un home vestido de branco dá a hostia a cada un dos alí presentes. Galaaz, Bors e Perceval embarcan na barca de Salomón e diríxense a Sarras coa fin de depositar o Graal no Pazo Espiritual, mais o rei de Sarras, Escorante, encérraos nunha torre onde son alimentados polo Santo Vaso. Galaaz convértese en rei tras a morte de Escorante. Reina durante un ano, morre e unha man leva o Graal ao ceo. Tempo despois morre Perceval, quen se fixera ermitán e Bors regresa ao reino de Logres. Na cuarta parte, descóbrese a traizón de Lanzarote e Xenebra, polo que a raíña é condenada a morte e o cabaleiro é desterrado. Isto desemboca nunha guerra entre Lanzarote e o Rei Artur. Por último, ten lugar a traizón de Mordred, que pretendía apoderarse das terras do seu tío, o que provoca un combate no que ambos acaban mortos e Morgana leva o corpo do rei nunha barca cara Avalon. A raíña Xenebra morre refuxiada nun mosteiro e tempo despois morre Lanzarote, quen se convertera en ermitán.

Condicións sociais

[editar | editar a fonte]

A produción dos textos que forman parte da Materia de Bretaña vén determinada por unha serie de factores sociais. Para comprender isto, débese ter en conta que o contexto histórico en que aparecen os textos artúricos está caracterizado pola concentración de poder na figura do rei e o ascenso social da burguesía, vinculado este último co renacemento das cidades. Estes dous factores sociais supoñían unha seria ameaza para a nobreza, a clase por excelencia da sociedade feudal, que ve perigar os seus privilexios na figura do monarca absoluto e na eventual alianza da burguesía coa monarquía. Para combater isto, redáctanse unha serie de textos que promoven unha imaxe de harmonía entre o rei e a nobreza. Nestas obras deféndense os vellos valores da xenerosidade do rei, a largueza fundamental para a harmonía do reino e a unidade do estamento nobiliario. Con isto recordábaselle ao rei que el non era máis ca un nobre máis, o primeiro dos señores feudais, e que o apoio destes era fundamental para o monarca. A Táboa Redonda, en que todos os cabaleiros eran iguais, é un símbolo que representa perfectamente a unidade estamental propugnada polos textos artúricos.

Cristianización do repertorio

[editar | editar a fonte]

A Demanda do Santo Graal representa a cristianización dos mitos artúricos e o paso da cabalaría terreal á cabalaría celestial. Aínda que os mitos artúricos están baseados en lendas pagás de substrato céltico, foron progresivamente cristianizados. Esta cristianización, levada a cabo principalmente polos monxes do Císter, pódese percibir nos lugares, datas, símbolos e obxectivos do libro. Nun principio o propio Graal (do francés antigo “graal”, que significa prato ou bandexa) non tiña ningunha connotación relixiosa, até que máis tarde foise identificado co cáliz da Última Cea. Canto ás datas, cómpre destacar que a Demanda do Santo Graal comeza na festa de Pascua de Pentecoste. Esta localización temporal non é casual senón que ten unha importante simboloxía detrás. Outro aspecto en que se pode apreciar claramente a cristianización da Materia de Bretaña é na caracterización dos personaxes. Así, mentres que nas primeiras obras artúricas aparecen personaxes como Lanzarote, exemplo de cabaleiro terreal que sucumbe ás tentacións da carne e comete adulterio coa raíña Xenebra, pouco a pouco irán gañando protagonismo figuras como Perceval ou Galaaz, que representan o perfecto cabaleiro espiritual. No tocante aos lugares tamén é evidente a cristianización dos espazos. Mentres que nas obras máis primitivas do ciclo artúrico a acción transcorría en bosques e castelos, pouco a pouco van aparecendo en escena espazos relixiosos como mosteiros ou capelas. A Táboa Redonda tamén é outro símbolo cristianizado. Así, podemos identificar a figura do Rei Artur coa de Cristo e a dos Cabaleiros da Táboa Redonda cos discípulos do Señor. O rei Artur sería a representación de Cristo, bondadoso e xeneroso, o monarca ideal tanto nos tempos de paz como nos de guerra. Pola súa banda, a figura de Mordred, o traidor, tamén se pode relacionar co personaxe bíblico de Xudas Iscariote. A morte do Rei Artur tamén garda relación coa de Xesús, xa que ambos son traizoados por un dos seus. Artur, igual que Cristo, tamén ha de regresar algún día das terras de Avalon e reinará para sempre. Nisto percíbese un claro paralelismo coa Parusía ou Segunda chegada de Cristo, é dicir, a Apocalipse ou Xuízo Final en que Deus ha de xulgar a vivos e mortos.

Continuidade na literatura galega

[editar | editar a fonte]

A Materia de Bretaña tivo continuidade na literatura galega, sendo un dos temas máis recorridos no seu repertorio. A Demanda do Santo Graal é a proba de que na Idade Media existía unha literatura de inspiración artúrica escrita en galego-portugués. Esta tradición non desapareceu despois do medievo senón que se mantivo viva até os nosos días. Podemos rastrexar a importancia da Materia de Bretaña en obras destacadas da nosa literatura contemporánea como as seguintes:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Referencias bibliográficas

[editar | editar a fonte]
  • A DEMANDA DO SANTO GRAAL: versão de Augusto Magne. Vol. I. Río de Xaneiro: Imprensa Nacional / INL - Ministério da Educação e Saúde, 1944.
  • A DEMANDA DO SANTO GRAAL: manuscrito do século XIII / Texto sob os cuidados de Heitor Megale. São Paulo: T. A. QUEIROZ / EDUSP, 1988.
  • A DEMANDA DO SANTO GRAAL E O CILCO ARTURIANO DA VULGATA: José Carlos Ribeiro Miranda / Imprensa: Riagráfica, Artes Gráficas, Lda, Estarreja / outubro de 1998

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.