Merlín e familia
Merlín e familia | |
---|---|
Título orixinal | Merlín e familia i outras historias |
Autor/a | Álvaro Cunqueiro |
Ilustrador/a | Manuel Prego de Oliver |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 25 de agosto de 1955 |
Formato | rústica |
Páxinas | 152 páxinas |
ISBN | ISBN 978-84-8288-669-5 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Merlín e familia i outras historias é unha novela de Álvaro Cunqueiro, publicada en 1955 por Editorial Galaxia, coa que principiou un camiño exitoso como narrador en lingua galega.
Orixe
[editar | editar a fonte]Enmárcase na recuperación da narrativa dentro da literatura galega logo da guerra civil española, como proxecto narrativo singular do autor. Nesa época na literatura feita en España estaba de moda o realismo social. O libro comezou a desenvolverse en 1953, cando Francisco Fernández del Riego animou a Cunqueiro a que escribise unha novela en galego, intuíndo que podía ser un bo narrador, aínda que só tiña experiencia con relatos en castelán. A obra sorprendeu porque foi a primeira novela de moitas en tomar como fonte o ciclo artúrico, que xa fora reinterpretado por Cabanillas na obra poética Na noite estrelecida.
O título de Merlín e familia xunta o personaxe mítico do mago Merlín con personaxes próximos e coloquiais. O subtítulo de i outras historias fai mención ao carácter fragmentario da obra, se ben hai unha fonda conexión entre os personaxes. É unha serie de historias fantásticas concatenadas, sen interpretación ideolóxica, o que foi criticado como unha evasión da realidade (faría o mesmo con As crónicas do sochantre e con Si o vello Sinbad volvese ás illas...), un modo de evitar falar dos feitos sociais do momento.
Narración
[editar | editar a fonte]Os dous primeiros capítulos son descritivos e introdutorios. No capítulo prototípico chegan estranxeiros, formulan as súas novidades, resólvese o conflito e regresan ao seu lugar de orixe. Comeza cunha situación de partida relaxada, ociosa. Adoita haber digresións co fin de simular a oralidade e para detallar e reafirmar o realismo. Dáselle moita importancia á liturxia e a cerimonia, pero tamén aparecen feitos cotiáns que humanizan os personaxes.
A obra está narrada por Felipe de Amancia, que pon en relación o mundo artúrico coa terra de Miranda; na primeira parte conta relatos que lle aconteceron cando estaba ao cargo de Merlín, e a segunda parte foi incluída nas reedicións a partir de 1968, con relatos acontecidos cando xa non traballaba para Merlín. Inclúe un índice onomástico, mais que é un espazo narrativo de seu, máis alá do eu papel como paratexto auxiliar.
Hai unha fonda relación das estratexias de oralidade. Na introdución Felipe di que el é xa vello, e a distancia temporal respecto dos feitos leva a unha perda da exactitude, e unha fina fronteira entre a realidade e a imaxinación. Así aclara xa na introdución que a novela non pode lerse en clave tradicional, identificando realismo con descrición empírica.
Existen cronotopos da oralidade: a lareira (que tamén empregou Ánxel Fole), o camiño, a pousada e a taberna.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Merlín é o personaxe principal, profeta e mago do ciclo artúrico. Está humanizado nunha localidade rural, onde van persoas a consultalo. Aparece descontextualizado, atemporal -non se sabe se morre-, pero plenamente integrado no contexto galego.
- Xenevra é a muller do rei Artur, a quen traizoou con Lancelot.
- Felipe de Amancia é un personaxe ponte, que recibe os visitantes e os pon en relación co mundo de Miranda. Aparece xa na narración “El caballero, la muerte y el diablo” (1930), e reaparece en Xente de aquí e de acolá (1971) e El año del cometa con la batalla de los cuatro reyes (1974).
- Marcelina é a cociñeira-camareira. O feito de ser gorda entra no canon de beleza e saúde, amais de entrar no estereotipo de taberneira ben alimentada. Isto contrasta co perfil de Xenevra. É namoradeira e aspira a aproximarse ao status dos personaxes míticos.
- Manueliña de Cairos e Casilda son as súas axudantes, e Xosé do Cairo era o amo da casa.
Tanto os nomes como as formas de tratamento dos personaxes estranxeiros denotan exotismo, mentres que os personaxes da casa responden ao prototipo de nome de pía con parentesco.
O índice onomástico está posto tamén en boca de Felipe de Amancia, e vai máis alá da simple identificación dos personaxes, dando cohesión á obra. É amplo e inclúe personaxes secundarios ou irrelevantes no texto pero propios da literatura universal, como Hamlet ou Perceval. Aparecen tamén animais, obxectos, seres sobrenaturais e topónimos. En certo modo son microrrelatos.
Edicións
[editar | editar a fonte]A primeira edición foi feita por Galaxia en 1955, con ilustracións de Manuel Prego de Oliver. Trala morte de Cunqueiro en 1981 foi incluído no tomo II das Obras completas, na sección narrativa. Xa en 2005, co gallo do 50 aniversario, fíxose unha reedición con ilustracións de Fausto Isorna. Nese mesmo ano fíxose unha exposición sobre o libro no Museo do Pobo Galego e adaptouse ao teatro.
Traducións
[editar | editar a fonte]- Ao castelán polo propio autor co título de Merlín y familia publicado en 1957 pola Editorial AHR, Col. Pigmalión[1].
- Ao asturiano por Concha Prieto co título de Merlín y familia y otres histories publicado en 1989 por Editorial Llibros del Pexe, Col. Puzzle[2].
- Ao alemán por Elke Wehr co título de In Gesellschaft des Zauberers publicado en 1992 por Frankfurt am Main; Leipzig: Insel-Verlag[3].
- Ao inglés por Colin Smith co título de Merlin and Company publicado en 1996 por Everyman Paperbacks, Col. Classic[4].
- Ao italiano por Andrea Bernardi co título de Merlino e famiglia (Miranda) publicado en 2006 por Morlacchi Editore[5].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ficha Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraga
- ↑ Ficha Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraga
- ↑ Ficha Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraga
- ↑ Ficha Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraga
- ↑ Ficha Arquivado 19 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraga
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cunqueiro, Álvaro (2005). Merlin and Company. (Trad. Colin Smith). Londres: Everyman.
- González Millán, Xoán (1991). Álvaro Cunqueiro e 'Merlín e familia'. Vigo: Editorial Galaxia.
- Moreiras Menor, A. (1983): La novela moderna y Álvaro Cunqueiro. Análisis de Merlín e familia. Tesis de doutoramento. Athens: Universidade de Xeorxia.
- Tarrio, Anxo (1989). Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía. Vigo: Editorial Galaxia.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
- VV.AA. (2005). 50 anos con Merlín e familia. Cadernos Grial. Vigo: Editorial Galaxia.
A Galicitas posúe citas sobre: Merlín e familia |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha de Merlín e familia na colección Biblioteca Álvaro Cunqueiro no sitio web da Editorial Galaxia.