[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Biblia

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Libro da Xénese nunha Biblia de 1723.

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Historia e relevancia

[editar | editar a fonte]

A Biblia aprobada pola Igrexa católica contén 73 libros, isto é, 7 libros a máis que as Biblias non católicas. Eses son os ditos libros Deuterocanónicos, que, segundo unha perspectiva non católica, se chaman apócrifos. Os libros deuterocanónicos son os seguintes: Tobías, Xudit, I Macabeos, II Macabeos, Sabedoría, Eclesiástico (ou Sirácida) e Baruc. Posúe, ademais, adicións nos libros de Ester e Daniel.

Os cristiáns consideran que estes homes escribiron a Biblia inspirados por Deus e por iso consideran que a Biblia é a Escritura Sagrada. Porén, non todos os cristiáns consideran que a Biblia debe ser interpretada de forma literal, e moitos consideran que moitos dos textos da Biblia son textos metafóricos ou que son textos datados que tiñan sentido no tempo en que foron escritos, e que debe ser tido en conta o seu contexto para poder interpretalos correctamente.

Os cristiáns consideran que a Biblia é a Palabra de Deus, polo tanto ela é máis que só un libro, é a vontade de Deus escrita para a humanidade. Para eses cristiáns nela, e apenas nela, atópanse as respostas para os problemas da humanidade.

Á marxe das crenzas, a Biblia é un libro de gran relevancia tanto histórica como literariamente, pois nel figuran, dunha ou outra maneira, as formas de vida e o designios culturais de diversos pobos. É, por outra banda, un dos libros máis lidos, investigados e publicados en toda historia da humanidade, boa parte das linguas e dialectos existentes xa foron alcanzados polas súas traducións.

Páxina do prólogo da Biblia de Delft (1477), primeira editada en neerlandés

As linguas bíblicas

[editar | editar a fonte]

Foron utilizadas tres linguas diferentes na escrita dos diversos libros da Biblia: o hebreo, o grego e o aramaico. En hebraico foi escrito todo o Antigo Testamento, con excepción dos libros chamados deuterocanónicos que se escribiron en grego, e dalgúns capítulos do libro de Daniel, que foron redactados en aramaico. En grego, alén dos xa referidos libros deuterocanónicos do Antigo Testamento, foi escrito todo o Novo Testamento, agás unhas poucas expresións en arameo que atopamos nos evanxeos.

Debido ao seu longo proceso de elaboración, que abrangue un período duns 800 anos, o hebraico utilizado na Biblia non é todo igual. Atopamos nalgúns libros o hebraico clásico (Ex. libros de Samuel e Reis), noutros un hebraico máis rudimentario e noutros aínda, especialmente os últimos en seren escritos, un hebraico elaborado, con termos novos e influencia doutras linguas veciñas.

Pola contra, o grego do Novo Testamento que foi escrito nun período duns 70 anos, a pesar das diferenzas de estilo entre os libros, corresponde ao chamado grego Koiné, isto é, o grego común falado entón máis ou menos en todo o oriente do Imperio Romano.

As versións da Biblia

[editar | editar a fonte]

A pesar da antigüidade dos libros bíblicos, os manuscritos existentes máis antigos datan a maior parte dos séculos III-IV. Tales manuscritos son o resultado do traballo de copistas que, durante séculos, foron facendo copias dos textos, de modo que fosen transmitidos ás xeracións seguintes. Transmitido por un traballo desta natureza o texto bíblico, como é obvio, está suxeito a erros e modificacións, involuntarios ou voluntarios, dos copistas, o que se traduce na coexistencia, para un mesmo treito bíblico, de varias versións que, aínda que non afecten grandemente o contido, suscitan diversas lecturas e interpretacións dun mesmo texto.

A gran fonte hebraica para o Antigo Testamento é o chamado Texto Masorético. Trátase do texto hebraico fixado ao longo dos séculos por escolas de copistas, chamados Masoretas, que tiñan como particularidade un escrúpulo rigoroso na fidelidade da copia ao orixinal. O traballo dos masoretas, de copia e tamén de vocalización do texto hebraico (que non ten vogais, e que, por ese motivo, ao tornarse lingua morta, necesitou de as indicar por medio de sinais), prolongouse ata o séc. VIII d.C. Pola gran seriedade deste traballo, e por ter sido feito ao longo de séculos, o Texto Masorético (abreviatura: TM) é considerado a fonte máis autorizada para o texto hebraico bíblico orixinal.

No entanto, outras versións do Antigo Testamento teñen importancia, e permiten suplir as deficiencias do testo Masorético. É o caso do Pentateuco Samaritano (os samaritanos son unha comunidade étnica e relixiosa separada dos xudeus, que tiñan culto e templo propios, e que só aceptan como libros sagrados os do Pentateuco), e principalmente a chamada versión dos Setenta.

A Biblia dos Setenta, ou Septuaginta (abreviatura: LXX), designa a tradución grega do Antigo Testamento, elaborada entre os séculos IV e II a.C., probabelmente no Exipto. O seu nome débese á lenda que refería ser esa tradución un resultado milagroso do traballo de 70 sabios. A versión dos LXX é a máis antiga versión do Antigo Testamento que coñecemos. A súa grande importancia provén tamén do feito de ser esa a versión da Biblia utilizada entre os cristiáns, desde o inicio, e a que é citada en gran parte do Novo Testamento.

Da versión dos LXX fan parte, alén dos libros da Biblia Hebraica, os deuterocanónicos (aceptados pola Igrexa Católica, mais non por xudeus nin protestantes), e algúns apócrifos (non aceptados como sagrados por ningunha destas relixións ou Igrexas).

O Novo Testamento, escrito en grego, atópase en moitos manuscritos, que presentan moitas variantes. Á diferenza do Antigo Testamento, non hai para o Novo Testamento unha versión á que se poida chamar, por así dicir, normativa. Hai con todo algúns manuscritos máis importantes, polas súa antigüidade ou credibilidade, e que son o alicerce da Crítica Textual.

Outra versión con importancia é a chamada Vulgata, ou sexa, a tradución latina de San Xerome, elaborada no séc. IV-V, e que foi utilizada durante moitos séculos polas Igrexas Cristiás do occidente.

Edición en galego

[editar | editar a fonte]

Tralo Concilio Vaticano II comezou a formularse a posibilidade de traducir a Biblia en lingua galega, e en 1973 o consello de administración da SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, creada en 1966) decidiu levar a cabo o proxecto. Creouse un grupo de traballo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do que formaban parte Martín María Díaz, Xesús Ferro Ruibal, Anxo González Núñez, Emilio Losada Castiñeiras, Xosé Antón Miguélez Díaz, Francisco Pérez Santalices, Manuel Regal Ledo, Xosé Rodríguez Carballo, Xoán Carlos Rodríguez Herranz, Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Xosé Antonio Salgado Agromartín. En 1980 saíu a tradución do Novo Testamento, e a edición completa da Biblia en galego apareceu en 1989, tomada directamente do hebreo, arameo e o grego. En 1990 acadou o Premio Nacional de Tradución de España[1].

No ano 2022 presentouse a cuarta edición da Biblia en galego[2].

Libros da Biblia

[editar | editar a fonte]

A Biblia é un conxunto de escritos antigos. Foi composta ao longo dun período de preto de 1500 anos. No entanto, entre os exexetas cristiáns hai bastante consenso verbo da autoría e datación das obras, aínda que tamén hai diverxencias notábeis.

Os primeiros escritos do Antigo Testamento serían de arredor do ano -950, aínda que farían tamén referencia a feitos anteriores e os últimos libros serían entre os anos -100 ou 1. No caso do Novo Testamento, o período de tempo foi moito máis breve, pois a primeira obra, I Tesalonicenses, é de arredor do ano 40 e as derradeiras, II Carta de Pedro e Apocalipse, entre os anos 100 e 110.

O canon foi fixado ben posteriormente, no caso do canon católico fixouse no Concilio de Trento en 1512, aínda que existen teorías controvertidas, e a división en capítulos e versículos que coñecemos hoxe debeu xurdir en 1550 ou 1600 d.C. como medio para facilitar o estudo e a citación.

Antigo Testamento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Antigo Testamento.

Os cinco primeiros libros da Biblia, que os xudeus chaman a Tora (Lei).

Xénese - Éxodo - Levítico - Números - Deuteronomio.

Repasan a historia de Israel desde a chegada á terra prometida ata pouco antes do nacemento de Cristo.

Xosué - Xuíces - Rut - I Samuel - II Samuel - I Reis - II Reis - I Crónicas - II Crónicas - Esdras - Nehemías - Tobías - Xudit[3] - Ester.

Libros Poéticos e Sapienciais
[editar | editar a fonte]

Oracións e reflexións dos "sabios de Israel", mestres da Lei.

Xob - Salmos - Proverbios - Eclesiastés - Cantar dos Cantares - Sabedoría - Eclesiástico.

Recollen a mensaxe dos profetas, que desenvolveron a súa misión nos tempos das monarquías de Israel e Xudá.

Isaías - Xeremías - Lamentacións - Ezequiel - Daniel - Oseas - Xoel - Amós - Abdías - Xonás - Miqueas - Nahum - Habacuc - Sofonías - Axeo - Zacarías - Malaquías.

Novo Testamento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Novo Testamento.

Escritos que, aínda que seguen a tradición veterotestamentaria, nacen arredor da figura e a mensaxe de Xesús de Nazaret.

Vida e mensaxe de Xesús e da primeira igrexa.

Evanxeos sinópticos: Mateu - Marcos - Lucas

Evanxeo de Xoán

Os Feitos dos Apóstolos

Cartas que teñen como autor ou son atribuídas a Paulo de Tarso.

Romanos - I Corintios - II Corintios - Gálatas - Efesios - Filipenses - Colosenses - I Tesalonicenses - II Tesalonicenses - I Timoteo - II Timoteo - Tito - Filemón

Escritos atribuídos a outros apóstolos ou seguidores de Xesús.

Hebreos - Carta de Santiago - I Carta de San Pedro - II Carta de San Pedro - I Carta de San Xoán - II Carta de San Xoán - III Carta de San Xoán - Carta de Xudas

Reflexións sobre a historia cun estilo caracterizado pola riqueza de imaxes e por unha linguaxe escura. Aínda que a literatura apocalíptica é, sobre todo, extrabíblica, tamén hai libros ou fragmentos de libros da Biblia que se adscriben a este xénero.

Apocalipse. Tamén fragmentos do Libro de Isaías e boa parte do Libro de Daniel.

Tobías - Xudit - I Macabeos - II Macabeos - Sabedoría - Eclesiástico - Baruc - Ester - Adicións en Daniel.

Inspiración bíblica

[editar | editar a fonte]

Na segunda epístola do apóstolo Paulo a Timoteo, (1Tim 3, 16) atópase a afirmación de que a Biblia fora inspirada por Deus.

O criterio de inclusión dun libro como parte da Biblia baséase en que se considere como inspirado por Deus.

O concepto de inspiración divina vén sendo discutido desde hai séculos. Poderíamos distinguir dous sensos:

  • Inspiración nun senso literal: o autor do libro bíblico sería pouco máis que un secretario que vai escribindo ao ditado de Deus: os feitos narrados, as leis, a valoración positiva ou negativa que se fai de persoas e acontecementos son expresión directa da vontade de Deus.
  • Inspiración en senso amplo: o autor escribe o libro segundo os seus coñecementos, a súa propia experiencia e fiel ao seu estilo literario. A inspiración divina consiste simplemente no empurrón divino que leva a escribir, se acaso aporta o contido xeral do libro, sen detalles concretos.

Esta segunda acepción casa mellor co feito de que a Biblia ten libros de estilos literarios moi distintos, coa evolución teolóxica ou moral dos libros, coas distintas posicións ideolóxicas de cada autor etc.

Historicidade da Biblia

[editar | editar a fonte]

Os asuntos narrados na Biblia parecen ser xeralmente ligados a datas e a personaxes históricos. Hai, porén, personaxes cuxa existencia real e as súas accións entran nun terreo esvaradío entre a historia e a lenda.[Cómpre referencia]

Nestes casos, a validez histórica que se lle atribúe a cada texto depende da postura de cada persoa ou grupo cristián. Por exemplo, para as principais correntes teolóxicas e de estudosos cristiáns da Biblia, as personaxes de Adán e Eva son simplemente unhas figuras literarias que serven para falar da fe nun Deus criador e para explicar a orixe do mal. Pola contra, para grupos cristiáns máis literalistas ou de corte fundamentalista, a orixe do mundo e da humanidade é tal e como relata a Biblia.

A Biblia é un texto, por riba de todo, doutrinal. A pesar de se asumir como un texto que revela directamente o coñecemento de Deus para os homes, o que é totalmente contrario á visión científica e experimental, algunhas persoas pretenden demostrar a validez das escrituras por unha suposta exactitude científica. Os textos bíblicos utilízanse ou utilizáronse para rexeitaren os datos da experiencia e as teorías científicas de científicos como Galileo Galilei e Charles Darwin.

A interpretación da Biblia varía en cada denominación cristiá, de grupo para grupo, e de lector para lector. Por iso, entanto que para algúns movementos relixiosos e persoas en particular, o relato da Xénese sobre a creación é aceptábel ou mesmo verdadeiro - habendo mesmo unha crítica acérrima aos datos empíricos que fundamentan a teoría da evolución -, para outros, o relato é apenas un poema que acentúa o papel de Deus como creador, que non debe ser lido de forma literal mais, apenas, metafórica e adaptada ao contexto histórico en que foi escrito. A Igrexa católica, por exemplo, acepta hoxe a teoría da evolución, propondo unha interpretación metafórica do texto bíblico. Da mesma forma, hai quen defende que o relato da "paraxe" do sol, xa referida, no libro dos Xuíces débese a un hebraísmo - unha figura de estilo do hebraico que non é traducíbel para outras linguas, ou que o ataque da Igrexa católica á teoría heliocéntrica de Copérnico e Galileo se debe apenas ao erro de interpretación da xerarquía católica.

Cronoloxía bíblica

[editar | editar a fonte]

As datas que marcamos nesta cronoloxía deben ser tomadas só como orientativas. No caso dos documentos que compoñen a Biblia, tomamos a data que os estudosos consideran como máis probábel.

Século Historia Universal Historia de Israel Composición da Biblia
- XIX (-1800) Primeira dinastía babilónica e primeiras referencias á cidade de Nínive Abraham e o seu clan en Palestina Epopea de Gilgamesh (texto mesopotámico no que se inspira o relato de Noé)
- XVIII (-1750) Reinado de Hammurabi en Babilonia Chegada de Xosé e o seu clan a Exipto ---
- XVII (-1600) Comeza o Período micénico de Grecia --- ---
- XIII (-1279 a -1235) Reinado de Ramsés II
(-1250) Crise dos hicsos en Exipto
As tribos semíticas que formarán Israel foxen de Exipto a través da península do Sinaí ---
- XII (-1194 a -1163) Reinado de Ramsés III en Exipto
Establecemento dos filisteos na costa sur de Palestina
(-1104) Fundación de Gadir, a actual Cádiz, polos fenicios, a primeira cidade europea da que temos constancia
As tribos de Israel constitúen unha especie de "federación". Comeza o período dos Xuíces de Israel Primeiras tradicións orais sobre os patriarcas e a historia de Israel, paso previo á Biblia escrita
- XI Dinastía XXI en Exipto (-1030) Xaúl, primeiro rei de Israel
(-1010 a 970) David, rei de Israel
Composición dos primeiros Salmos bíblicos
- X --- (-970 a -931) Salomón, rei de Israel
División de Israel entre Reino do Norte e do Sur
(-950) Tradición iavista
(-950 a -700) Libro de Rut
- VIII (-753) Fundación de Roma (-716) Reinado de Ezequías (-750) Tradición eloísta
(-740 a -700) Primeira parte do Libro de Isaías
- VII --- (-640) Reinado de Ioxías, reforma relixiosa. O Templo de Xerusalén, único lugar de culto Tradición deuteronómica
Libros de Xosué, Xuíces, I e II Samuel e I e II Reis
- VI (-559 a -529) Ciro II, o Grande, rei de Persia (-587 a -539) Desterro de Babilonia
(-539) Volta do desterro, reconstrución do Templo
(-550 a -450) Redacción definitiva do Libro dos Proverbios
(-549 a -539) Segunda parte do Libro de Isaías
(-538 a -485) Terceira parte do Libro de Isaías
(-500) Tradición sacerdotal
- V (-428) Nace o filósofo grego Platón --- ---
- IV (-384) Nace o filósofo grego Aristóteles
(-336) Principia o reinado de Alexandre Magno
(-333 a -332) Conquistas de Alexandre Magno desde Fenicia ata Exipto
--- Composición do Eclesiastés
Versión definitiva do Libro de Xob
- III (-221) Inicio da dinastía Qin na China
(-218 a -201) Segunda Guerra Púnica, Haníbal
--- Composición de 1 e 2 Crónicas, Esdras e Nehemías, Cantar dos Cantares
- II --- --- Composición dos Salmos máis serodios, Libro de Tobías, Libro de Ester e versión definitiva do Libro de Daniel
(-190) Libro do Eclesiástico ou Sirácida
(-165) Libro de Xudit
- I (-63) Pompeio conquista Israel
(-27) César Augusto, emperador de Roma
Herodes o Grande, rei de Palestina
(-4 a -6) Nace Xesús de Nazaret
Composición do 1 e 2 Libro dos Macabeos, Libro da Sabedoría
Biblia dos LXXII, versión grega que inclúe algúns libros máis que no canon xudeu
I --- Actividade pública e morte (ano 30) de Xesús de Nazaret
(70) Guerras xudaicas, o Templo de Israel é destruído
(60) Evanxeo de Marcos
(68) Durante as guerras xudaicas, os romanos destrúen a comunidade esenia de Qumrán, as covas onde viven, con gran cantidade de escritos, quedan seladas
(70) Evanxeo de Mateu
(80) Evanxeo de Lucas
II --- --- (100 a 110) Composición da II Carta de San Pedro
XX segunda guerra mundial
(1948) Independencia do Estado de Israel
--- (1947) Descuberta das covas de Qumrán, con tódolos seus papiros e pergamiños

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]