[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

II Carta aos corintios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «II Carta aos Corintios»)
O apóstolo Paulo nun mosaico da basílica de San Vital de Rávena.

A Segunda Carta aos corintios é unha epístola paulina que forma parte do Novo Testamento da Biblia cristiá. O texto, nun ton polemista e apaixonado, defende a tarefa evanxelizadora de Paulo de Tarso ante os cuestionamentos de parte da comunidade cristiá de Corinto.

Paulo de Tarso é considerado como un dos principais apóstolos do cristianismo. Malia non ser discípulo en vida de Xesús de Nazaret, desenvolveu un apostolado activo dende a súa conversión no ano 34. Tras un accidente que o deixou temporalmente sen vista, abandonou a persecución dos cristiáns nas que participaba e converteuse. Fariseo e cidadán romano, foi educado na cultura helenística e foi nas rexións gregas onde desenvolveu principalmente a súa predicación.[1] Paulo, ademais, redactou varias cartas a comunidades cristiás que se incorporaron ao Novo Testamento e que se denominan colectivamente como cartas paulinas. A lingua empregada nelas é a koiné do grego clásico.

As discordias dentro da comunidade cristiá de Corinto, fundada por el uns anos antes, levaron a Paulo a escribir varias cartas: considérase que debeu escribir unha epístola hoxe desaparecida, a "carta precanonica" e a I Carta aos corintios, datada no 56, onde amoestara determinados comportamentos e resolveu dúbidas doutrinais e litúrxicas formuladas pola comunidade. A II Carta escríbea logo dunha visita a Corinto onde foi cuestionado e desautorizado por algúns membros da comunidade, influídos por outros predicadores xudeizantes.[2] O impacto destes feitos magoaron a Paulo, quen escribe esta misiva "cheo de bágoas".[3] A carta foi enviada por Tito, a quen volvería a ver un ano despois en Macedonia e que lle informou que os problemas entre os cristiáns corintios xa se resolveran. Logo disto, Paulo visitaría Corinto arredor do ano 57.

Folio do Papiro 46 que contén un fragmento da II Carta aos corintios: do versículo 33 do capítulo 11 ao versículo 9 do capítulo 12.

Problemas de composición

[editar | editar a fonte]

Actualmente, a maior parte dos eruditos bíblicos sosteñen que a II Carta aos corintios é a recompilación de varias misivas dentro do longo intercambio epistolar que Paulo de Tarso debeu manter con Corinto.[2] Con todo, semella que a perícope 6, 14-7,1 non foi escrita por Paulo por abondar nel termos non empregados noutros documentos. É así que se considera que este é un fragmento á parte posteriormente introducido por alguén posterior a Paulo e próximo aos rolos de Qumrán.

A tese de que se trata dunha unión de varios textos identifica as seguintes unidades dentro da II Carta aos corintios:[4]

  • A perícope 6, 14-7,1 é considerada como un engadido posterior que non foi obra de Paulo de Tarso.
  • Os capítulos 8 e 9 abordan a organización dunha colecta e consideránse como un dos texto refundidos.
  • Os capítulos 10, 11, 12 e 13 debe corresponderse cos momentos máis tensos do conflito, emprégase unha linguaxe máis exaltado.
  • Entre o 1,1 e o 2,13, así coma o 7,5-16 deben ser escritos logo da resolución do conflito pois o ton é reconciliador.
  • A "carta precanónica", é dicir, a epístola escrita antes da I Carta, debe ser a que se recolle entre o 2,14 e o 6,13 e no 7,2-4.

Outros, minoritarios, defenden que se corresponde cun texto único escrito por Paulo de Tarso e que as incoherencias son o resultado do seu gusto polo anacolutos e que as repeticións son entendibles no contexto da tristura que di pasar.

Destinatarios

[editar | editar a fonte]
Templo de Apolo de Corinto e o Acrocorinto

A comunidade cristiá de Corinto fora fundada por Paulo de Tarso por volta do ano 51 con xudeus e gregos, especialmente os humildes, que se convertiran. Corinto, a mediados do século I, era un importante porto comercial e centro político e relixioso: dous terzos dos seus veciños eran escravos, era a capital da provincia romana de Acaia e acollía varios templos, entre os que destacaba o de Afrodita Pandemos.

Paulo predicou en Corinto ata o ano 52, mais logo da súa marcha, a comunidade comezou a ter problemas internos. No seu seo había prácticas aínda vencelladas ao paganismo, cuestionábanse determinados puntos da doutrina cristiá e relaxáronse na observación das normas morais. Estes asuntos foron reprendidos por Paulo na I Carta aos corintios que foi enviada no ano 56.

As desavinzas continuaron polo que Paulo optou por visitar a cidade. Con todo, durante a súa estadía tivo que afrontar o desafío dun membro da comunidade que lle faltou o respecto. Logo deste episodio, Paulo escribiu a carta.

Para os que defenden que a II Carta aos corintios é un texto único, a epístola tivo que ser escrita a comezos do ano 57 dende Macedonia, antes de que pasase o inverno do 57-58 en Corinto coa situación xa solucionada. Doutra parte, aqueles que defenden que se trata dun texto que xunta varias cartas entenden que foron escritas entre o ano 55 e 57 en Éfeso e Macedonia e que foron recompiladas na última década do século I para dar lugar á epístola actual.[4]

Fragmento da II Carta aos corintios (6, 5-7) en copto. Manuscrito do século VII conservado no Museo do Louvre.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A II Carta aos corintios aborda distintos temas podéndose diferenciar a seguinte estrutura dentro da misiva:

  1. Encabezamento: presentación e acción de grazas (1,1-11).
  2. Autodefensa e xustificación do apostolado de Paulo de Tarso (1,12 - 7,16)
  3. Colecta en favor da comunidade cristiá de Xerusalén (8,1 - 9,15)
  4. Polémicas de Paulo de Tarso contra os inimigos (10,1 - 13,10)
  5. Conclusión: exhortacións, saúdos e bos desexos (13,11-13)

Edicións en galego

[editar | editar a fonte]

Ao abeiro do Concilio Vaticano II (1962-1965), a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[5] Deste xeito, a editorial SEPT publicou en 1989 unha tradución da Biblia dende as linguas orixinais que foi merecente do Premio Nacional de Tradución de España de 1990.[6] Nesa edición, a II Carta aos corintios foi traducida por Xosé Fernández Lago.[7]

  1. "San Pablo, viajero incansable". es.la-croix.com (en castelán). Consultado o 2022-10-16. 
  2. 2,0 2,1 "Segunda Carta a los Corintios - El Libro del Pueblo de Dios". www.sanpablo.es (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-16. 
  3. "II Corintios: capítulo 2, versículo 4 - A Biblia (SEPT)". jw.org. 
  4. 4,0 4,1 O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 420. ISBN 84-7337-048-1. 
  5. "El uso de las lenguas vernáculas en la edición de los libros de la liturgia romana. Instrucción quinta "para aplicar debidamente la constitución del Concilio Vaticano II sobre la sagrada liturgia" (ad Const. art. 36)". Congregación para el culto divino y la disciplina de los sacramentos. 
  6. "SEPT: 50 ANOS – Editorial SEPT". Consultado o 2022-10-16. 
  7. O Novo Testamento. SEPT. 1998. p. 11. ISBN 84-7337-048-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]