[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Acantocéfalos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Acanthocephala»)
Acantocéfalos

Corynosoma wegeneri
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Platyzoa
Filo: Acanthocephala
Kohlreuther, 1771
Clases

Os acantocéfalos (Acanthocephala, do grego ἄκανθος, ákanthos, "espiña" e κεφαλή, kephalé, "cabeza") son unha clase de vermes parasitos que se caracterizan pola presenza dunha probóscide (trompa) reversible, armada con espiñas que usa para apreixarse no intestino do animal que parasitan.

Estes animais teñen ciclos biolóxicos moi complexos, que implican a varios hospedeiros intermedios, como invertebrados, peixes, anfibios, aves e mamíferos.

Coñécense unhas 1 100 especies descritas,[1] cuxo tamaño oscila desde uns poucos milímetros até 65 cm en Gigantorhynchus gigas.

Os acantocéfalos parecen ser un filo discreto. Recentes análises de xenoma demostraron que son descendentes dos rotíferos, e que deben ser consideradas como descendentes moi modificados deles.[2]

A primeira descrición recoñecíbel dun acantocéfalo fíxoa o italiano Francesco Redi en 1684.[3] En 1771, I. T. Koelreuther propuxo o nome acantocéfalo.[3] Müller, independentemente, chamouno Echinorhynchus en 1776. Karl Rudolphi, en 1809, nomeou formalmente aos acantocéfalos.[3]

Morfoloxía e fisioloxía

[editar | editar a fonte]
Anatomía dos acantocéfalos.
1: probóscide; 2: lemnisco; 3: bolsa da probóscide; 4: ganglio nervioso; 5: ligamento xenital; 6: testículos; 7: glándulas do cemento.
Probóscide de Rhadinorhynchus mostrando as súas espiñas.

Probóscide

[editar | editar a fonte]

A característica que dá o nome ao grupo é a presenza dunha probóscide ou trompa invaxinábel no extremo anterior do corpo que está armada con ganchos ou espiñas que lles permite a estes animais fixarse firmemente á mucosa do hóspede.

A probóscide pode invaxinarse grazas a un músculo (músculo retractor da probóscide) nun saco muscular denominado receptáculo da probóscide. Este saco comeza na capa muscular que se encontra na unión do colo coa probóscide.

O número de ganchos ou espiñas con que está armada a probóscide é variábel segundo a especie, sendo un dato que se emprega en taxonomía.

Parede corporal

[editar | editar a fonte]

Do exterior ao interior poden diferenciarse a cutícula, baixo a cal se acha unha epiderme sincitial seguida dunha capa muscular.

Aparello dixestivo

[editar | editar a fonte]

Os acantocéfalos carecen de boca para inxerir o alimento, característica compartida con cestodos como as tenias. Por iso absorben os nutrientes xa dixeridos polo hóspede a través do tegumento corporal, moi fino, o cal simplifica enormemente o aparello dixestivo.

Sistema nervioso

[editar | editar a fonte]

Posúen un ganglio central situado tras a probóscide, á que innerva. Ademais, existe un ganglio xenital na zona máis distal.

Na superficie corporal hai unhas papilas das que se pensa que son sensíbeis a diversos estímulos.

Aparello reprodutor

[editar | editar a fonte]

Os acantocéfalos repordúcense sexualmente e os seus individuos son dioicos. Os machos posúen dous testículos, dous condutos deferentes, dúas vesículas seminais, dúas glándulas para completar o fluído seminal e un pene, na zona posterior do corpo. As femias teñen dous ovarios.

A fecundación é interna, e os embrións almacénanse no útero expulsándose polo oviduto e pasan ao medio a través do conduto dixestivo do hóspede, até seren expulsados polo organismo parasitado mediante as feces.

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]
Pomphorhynchus infestando ao peixe Pomatomus saltatrix.

Os acantocéfalos teñen ciclos vitais complexos, cun gran número de hospedes intermedios; de feito, só se logou a súa completa caracterización en 25 especies.

Unha vez expelidos pola femia, os embrións elimínanse polas feces do hóspede. Despois, deben ser inxeridos por un invertebrado, xeralmente un crustáceo, ou ben un molusco. Nel, o acantocéfalo alóxase na cavidade do corpo, onde se enquista e se desenvolve até chegar a unha fase adulta incapaz de reproducirse.

Cando o crustáceo (ou o molusco) é inxerido por outro animal, este pode converterse no hospedador final ou ben tratarse dun hospedador intermedio. De tratarse do final, nel o quiste reactívase transfórmase nunha fase infectiva; de non ser así, aínde segue enquistado. Unha vez situado no hospedador final, o acantocéfalo evaxina a súa probóscide ancorándose no hospedador, tras o cal desenvolve o seu aparello reprodutor. Despois da fecundación, os embrións son liberados do útero da femia e o ciclo volve a repetirse.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

Mediante análises do ARN ribosómico adoitan asociarse os acantocéfalos, segundo a sistemática tradicional, con filos de pseudocelomados como os rotíferos, ou cos Platyzoa, segundo as tendencias filoxenéticas actuais.

Segundo a interpretación de Zrzavý et al.[4] na súa análise conxunta de datos morfolóxicos e moleculares, os acantocéfalos e os rotíferos son grupos irmáns, como queda reflectido no cladograma seguinte:

Pseudocoelomata
Syndermata

Rotifera

Acanthocephala

Cycloneuralia

Cycloneuralia é un clado que inclúe os gastrotricos e os ecdisozoos (priapúlidos, nematodos, artrópodos etc.), entre outros.

  1. Brusca & Brusca (2005).
  2. Shimek, Ronald (2006). "Nano-Animals, Part I: Rotifers". Reefkeeping.com. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Crompton (1985), p. 27.
  4. Zrzavý, J.; Mihulka, S.; Kepka, P.; Bezdék, A. & Tietz, D. (1998): "Phylogeny of Metazoa based on morphological and 18S ribosomal DNA evidence", Cladistics, 14 (3): 249-285.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. Madrid. ISBN 0-87893-097-3.
  • Crompton, David W. T. e Nickol, Brent B. (1985): Biology of the Acanthocephala. Cambridge University Press. p. 27. [1]
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]