[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Forónidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Forónidos
(Phoronida)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Lophotrochozoa
Filo: Phoronida
Hatschek, 1888
Xéneros

Os forónidos[2] (Phoronida, do grego Φορωνίς -ιδος , Phorōnís -idos "descendente de Foroneo" personaxe que, segundo a mitoloxía, foi o primeiro home, fillo de Ínaco, unha divindade fluvial, e da ninfa Melia) constitúen un filo de animais celomados, protóstomos, sendentarios, bilaterais, con forma de verme e que posúen un lofóforo situado no extremo anterior do corpo. O seu aparato dixestivo ten forma de U e o ano ábrese preto da boca.

Os forónidos son mariños e benónicos; viven dentro de tubos quitinosos cementados en substratos duros ou escavados en sedimentos brandos, a miúdo en grupos. Colonizan desde a zona intermareal até uns 400 m de profundidade.[3]

O filo está composto tan só por 2 xéneros e ao redor de 20 especies vivas, coñecéndose representantes fósiles desde o Devoniano, sendo moi abundantes en épocas pasadas. O número e identificación das especies son incertos.[4][5]

Anatomía

[editar | editar a fonte]
Anatomía interna dun forónido.
Lexenda en inglés.

As principais características do grupo pódense resumir nos seguintes puntos:

  1. Son animais que posúen un lofóforo con simetría bilateral, espiralizado.
  2. O arquentero orixina o mesoderma a partir do cal aparece o celoma.
  3. A forma corporal e vermiforme, que se ensancha nun bulbo terminal que suxeita o animal ao tubo onde vive.
  4. O corpo consta de tres partes: o prosoma, que se transforma no epistoma que é un labio que recobre a boca; o meosoma que comprende a boca e o lofóforo e que ten o mesocele impar; e o metasoma que forma o tronco e que comprende a cavidade celómica par do metacele.
  5. O aparato dixestivo é completo e en forma de U, coa boca e o ano próximos ao lofóforo.
  6. Un sistema excretor cun par de metanefrídios con nefrostomas abertos ao celoma.
  7. Posúen un verdadeiro aparato circulatorio pechado con vasos contráctiles e sangue con hemoglobina.
  8. As gónadas son simples e difusas e expulsan ao exterior os gametos a través dos nefridios.
  9. Durante o seu desenvolvemento forman unha larva actinotroca.
  10. O sistema nervioso é moi simple, cun anel nervioso na rexión anterior.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]
  • Os forónidos son animais que pasan toda a súa vida no tubo que eles fabrican. Aliméntanse do que recollen do mar usando os tentáculos podendo retraer ditos tentáculos ou lofóforos no interior do tubo cando así o precisan.
  • Non posúe un aparato respiratorio especial pero o intercambio respiratorio que se produce nos lofóforos debe encher de oxíxeno a hemoglobina.
Densa colonia de forónidos.
Larva actinotroca.
  • O sistema nervioso é simple e primitivo existindo un anel nervioso do que saen fibras cara aos tentáculos exteriores do lofóforo. Os tentáculos interiores conectan co campo nervioso principal que está nas proximidades da rexión oral. Aparecen un ou dous nervios laterais que percorren o corpo do animal e que serven para producir a retracción rápida do corpo no interior do tubo.
  • O sistema circulatorio existe, é pechado aínda que simple. Carecen de corazón pero teñen vasos maiores que son contráctiles. Teñen uns vasos tentaculares en cada lofóforo que se fan dobres e se unen e forman o vaso lonxitudinal eferente que viaxa até o estómago e forma un plexo que se recolle nun vaso lonxitudinal aferente medio que leva, de volta, o sangue até os tentáculos.
  • O aparato dixestivo é completo. O alimento chega á boca e pasa ao esófago, de aí pasa ao preestómago continuado polo estómago que se atopa na rexión do bulbo terminal. A continuación está o intestino groso, o intestino delgado e o recto que remata no ano.
  • O aparato excretor consta dun par de metanefridios que verten á cavidade xeral polos nefrostomas cos seus nefridióporos que serven para expulsar os restos nitroxenados e os gametos.
  • A musculatura lonxitudinal e máis grosa que a circular para favorecer así a retracción do animal. O líquido do celoma actúa como esqueleto hidrostático e intervén no transporte interno.
  • A maioría reprodúcense só sexualmente, existindo individuos monoicos e dioicos. Cando chega a época de reprodución, os cegos capilares convértense en gónadas que orixinan os gametos. Estes saen ao exterior polos nefridióporos ou quedan incubados nun repregamento entre os brazos do lofóforo.
  • Durante o desenvolvemento forman unha larva nadadora cun lóbulo preoral ciliado chamada larva actinotroca que sufrirá unha metamorfose complexa até dar lugar a un adulto.

Filoxenia

[editar | editar a fonte]

A pesar de que a boca se orixina a partir do blastóporo (como nos protóstomos), autores tan prestixiosos como Brusca & Brusca[3] considéranos deuteróstomos, xa que presentan segmentación radial e enterocelia. Estes mesmos autores supoñen que os forónidos son os lofoforados que menos cambios acumularon a partir do lofoforado ancestral, que viviu probabelmente no precámbrico; así, o primeiro lofoforado foi semellante a un forónido, e estaría na base dos deuteróstomos.

  1. Emig, Christian C. (2003): "Phylum: Phoronida". In Bernhard Grzimek, Devra G. Kleiman, Michael Hutchins. Grzimek’s Animal Life Encyclopedia. 2: Protostomes (2 ed.). Thompson Gale. pp. 491–495. ISBN 0-7876-5362-4.
  2. Tamén denominados na bibliografía foronídeos.
  3. 3,0 3,1 Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  4. Temereva, E. N. (2009): "New data on distribution, morphology and taxonomy of phoronid larvae (Lophophorata: Phoronida)". Invertebrate Zoology 6 (1): 47–48.
  5. Santagata, Scott (2009): "Phorida of the Gulf of Mexico". In Darryl L. Felder, Sylvia A. Earle. Gulf of Mexico Origin, Waters, and Biota: Biodiversity. Texas A&M University Press. pp. 1133–1134. ISBN 978-1-60344-094-3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]