[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Coanozoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os coanozoos (Choanozoa, do grego χόανος chóanos, "embude" e ζῶον zōon, "animal") é un filo de protistas relacionado cos animais e cos fungos.

En efecto, baseándose en estudos moleculares, os Choanozoa inclúense no supergrupo de eucariontes denominado Opisthokonta xunto cos Animalia e os Fungi.[1] [2]

Un sinónimo de Choanozoa é Mesomycetozoa, que significa "entre fungos e animais",[3] pero non debe confundirse con Mesomycetozoea, que é unha clase.

O nome Opisthokonta (opistocontos) alude a que o flaxelo, único cando está presente, ocupa unha posición posterior, avanzando a célula co flaxelo detrás, como se observa nos espermatozoides dos animais e ao revés que na maioría dos protistas, que son acrocontos (levan o flaxelo no extremo dianteiro). Isto é un dos detalles que permiten unir aos animais, os coanozoos e os fungos nun grupo maior (os opistocontos) como pode comprobarse no cladograma que vai ao final deste texto

Composición

[editar | editar a fonte]

O filo dos Choanozoa inclúe unha colección diversa de protistas que se clasifican en varias clases.

Delas destaca Choanoflagellata, que comprende unhas 150 especies que viven en augas doces e mariñas e que presentan un colar de microvilosidades que rodea o único flaxelo e do cal toman o nome.

Os coanoflaxelados son case idénticos en forma e función aos coanocitos das Porifera (esponxas), os animais actuais máis primitivos, polo que os coanoflaxelados (e os Ministeriida) parecen estar moi relacionados co reino animal.

Porén, as clases dos Corallochytrea e os Mesomycetozoea parecen estar no límite entre os fungos e os animais.

A clase dos Mesomycetozoea ou Ichthyosporea comprende especies parasitas de vertebrados, principalmente de peixes, aparecendo nos tecidos do hóspede como esferas ou óvalos que conteñen esporas.

Esquema dun coanoflaxelado.

A clase dos Corallochytrea inclúe un único organismo, Corallochytrium limacisporum, mariño e saprófito.

As clases dos Nucleariida e os Ministeriida antigamente se clasificaban xuntas na clase dos Cristidiscoidea, pero esta resultou ser polifilética, como o demostran diversos estudos de árbores filoxenéticas.

A clase dos Nucleariida comprende un pequeno grupo de ameboides con pseudópodos filiformes (filopodios), que viven principalmente no solo e en auga doce, e son a miúdo parasitos.

A clase dos Ministeriida inclúe a un protista mariño radiado e non flaxelado. Os Nucleariida parecen estaren relacionados cos fungos e os Ministeriida cos animais.

No pasado incluíranse tamén entre os protistas aos Chytridiomycota, pero agora se clasifican entre os fungos.

Filoxenia

[editar | editar a fonte]
Cladograma
   Unikonta   

Amoebozoa

   Opisthokonta   
   

Animalia

   Choanozoa   
   

Choanoflagellatea

Corallochytrea

Mesomycetozoea

Cristidiscoidea

   

Fungi

Os coanozoos permiten facernos unha idea de como empezou a evolución dos verdadeiros animais pluricelulares (reino dos Animalia) a partir dos protistas. De feito, a comparación de xenes e proteínas e o estudo da ultraestrutura permitiron confirmar que un dos grupos dos coanozoos, os coanoflaxelados son, evolutivamente falando, o grupo irmán dos animais verdadeiros. Algúns especialistas tenden ultimamente a incluílos no reino animal, como o filo máis basal, dándolle o nome de Choanozoa (coanozoos), en lugar de incluílos no reino dos protistas.

  1. Eichinger, L.; Pachebat, J.A.; Glöckner, G.; Rajandream, M.A.; Sucgang, R.; Berriman, M.; Song, J.; Olsen, R.; Szafranski, K.; Xu, Q.; Others, (2005). "The genome of the social amoeba Dictyostelium discoideum". Nature 435 (7038): 43–57. doi:10.1038/nature03481. 
  2. Steenkamp, E.T.; Wright, J.; Baldauf, S.L. (2006). "The Protistan Origins of Animals and Fungi". Molecular Biology and Evolution 23 (1): 93–106. doi:10.1093/molbev/msj011. 
  3. Do grego μέσος mésos, "que está no medio", μύκης mýkēs, "fungo", e ζῶον zōon, "animal".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole. ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]