[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Onicóforos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Onicóforos
Onychophora

Un onicóforo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasif.) Bilateria
Filo: Onychophora
Grube, 1853 [1][2]
Familias
Distribución mundial dos onicóforos:
Verde: Familia dos Peripatidae.
Vermello: Familia dos Peripatopsidade
.
Individuo da familia dos peripátidos (Peripatidae).
Individuo da familia dos peripatópsidos (Peripatopsidae).

Os onicóforos (Onychophora, do grego ὄνυξ, ὄνυχος ónyx, ónychos, "unlla", e φορός phorós, "portador") constitúen un filo de animais invertebrados terrestres semellantes a eirugas, coñecidos dende o Cámbrico. Teñen ollos pequenos e antenas, e están estreitamente emparentados cos artrópodos pero os seus numerosos pares de apéndices, os lobópodos, non son realmente articulados. Coñécense unhas 165 especies.[3]

Anatomía

[editar | editar a fonte]

Os onicóforos son un grupo de animais que presentan caracteres mesturados dos anélidos e os artrópodos, polo que no seu día se lles chamou o elo perdido destes dous grupos, idea que hoxe resulta algo difícil de manter.

A estrutura do corpo non presenta unha segmentación visible, pero en cambio as patas presentan metámeros con apéndices pares. Na cabeza hai un primeiro par de apéndices que son as antenas que son móbiles e que teñen un ollo na súa base. Ao redor da boca hai unhas papilas orais das que sae un chorro dunha substancia pegañenta non tóxica que utilizan tanto para a caza doutros animais como para a defensa.

Ao longo do corpo hai entre 14 e 43 pares de patas segundo as especies, as cales rematan nun par de garras e nunha almofada que serve de apoio durante a locomoción.

A parede corporal está formada por unha fina e flexible cutícula quitinizada que non está endurecida como no caso dos artrópodos. A epiderme está pigmentada, atopándose diversas cores neste tipo de animais: azuis (ver imaxe superior), laranxas, negras etc.

Fisioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

O aparato dixestivo presenta unha boca con tres mandíbulas, unha medio-dorsal e outras dúas laterais. A parte anterior do tubo dixestivo continúa cunha farinxe quitinizada e desemboca nun esófago. O tubo dixestivo medio presenta un intestino grande e tamén quitinoso que vai dende a parte anterior á posterior do animal. O tubo dixestivo posterior ten un curto recto e remata nun ano polo que saen as feces ao exterior.

O aparato circulatorio é aberto presentando un corazón alongado en forma de tubo contráctil que se abre á cavidade pericárdica por un par de buratos en cada metámero que levan o nome de ostíolos.

O aparato respiratorio é de tipo traqueal. Os metámeros teñen moitos orificios chamados espiráculos que conectan coas traqueas que levan o osíxeno directamente a cada órgano. Este sistema é moi pouco eficiente polo que supón unha grande limitación para este tipo de animais xa que non poden abrir e pechar os espiráculos para limitar as perdas de auga tal e como fan os artrópodos.

A excreción e de tipo uricotélico cun par de metanefridios en cada metámero, excepto nos dous primeiros. Os nefridios desembocan nuns nefridióporos que desembocan na base das patas.

Relación

[editar | editar a fonte]

O sistema nervioso amosa unhas antenas con papilas táctiles como principais órganos dos sentidos. Tamén hai un par de ollos na base destas. Outros órganos importantes son receptores higroscópicos que son capaces de detectar a presenza de humidade e orientar ao animal na súa busca dun ambiente húmido imprescindible para a súa vida. O seu cerebro é dorsal, e del saen uns nervios cara ás antenas e dous cordóns nerviosos ventrais dos que parten as comisuras nerviosas e nervios periféricos que van a cada segmento.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

A reprodución é sexual, con sexos separados: as femias son máis grandes que os machos e o seu aparato reprodutor presenta un par de ovarios cun útero e un oviduto que se ensancha formando un receptáculo seminal. Os machos teñen un par de testículos con vesículas seminais, espermidutos e glándulas accesorias e un conduto exaculador. Poden almacenar os espermatozoides formando espermatóforos.

Estes animais poden ser ovíparos, ovovivíparos e vivíparos. A súa fecundación é interna e o seu desenvolvemento, directo.

O desenvolvemento embrionario segue unha segmentación superficial, abríndose un blastóporo que se alonga dando lugar á boca na parte anterior e ao ano na posterior (protóstomos).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brusca, R. C. e G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]