[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Rubén Darío

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRubén Darío

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Félix Rubén García Sarmiento Editar o valor en Wikidata
18 de xaneiro de 1867 Editar o valor en Wikidata
Ciudad Darío, Nicaragua (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte6 de febreiro de 1916 Editar o valor en Wikidata (49 anos)
León, Nicaragua (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecirrose hepática Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCatedral de León (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Cónsul
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Actividade
Ocupaciónpoeta, reporteiro, escritor, diplomático, xornalista, autobiógrafo Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioEl Príncipe de las Letras Castellanas
El Padre del Modernismo Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeFrancisca Sánchez del Pozo (1899–1916), morte da persoa
Rosario Murillo (1893–)
Rafaela Contreras (1890–1893), morte do cónxuxe Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Library of the World's Best Literature Editar o valor en Wikidata
BNE: XX896547 Dialnet: 12767 Musicbrainz: 7c400fc8-294b-43bd-9587-6a3652c3232a Discogs: 1400238 Find a Grave: 7620484 Editar o valor en Wikidata

Félix Rubén García Sarmiento, coñecido como Rubén Darío, nado en Metapa (actual Ciudad Darío, Matagalpa), o 18 de xaneiro de 1867 e finado en León (Nicaragua) o 6 de febreiro de 1916, foi un poeta nicaraguano, iniciador e máximo representante do Modernismo literario en lingua castelá. É posiblemente o poeta que tivo unha maior e máis duradeira influencia na poesía do século XX no ámbito hispánico. É chamado príncipe das letras castelás.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Rubén foi o primeiro fillo do matrimonio formado por Manuel García e Rosa Sarmiento, que casaran en León o 26 de abril de 1866, tras conseguir as dispensas eclesiásticas necesarias, pois tratábase de curmáns segundos. Así e todo, a conduta de Manuel, afeccionado en exceso ó alcohol e ás prostitutas, fixo que Rosa, xa embarazada, tomara a decisión de abandonar o fogar conxugal e refuxiarse na cidade de Metapa, na que deu a luz ó seu fillo, Félix Rubén. O matrimonio terminaría por reconciliarse, e incluso Rosa chegou a dar a luz a outra filla de Manuel, Cándida Rosa, que morreu ós poucos días de nacer. A relación volveuse deteriorar e Rosa abandonou o seu marido para ir vivir co seu fillo á casa dunha tía súa, Bernarda Sarmiento, que vivía co seu esposo, o coronel Félix Ramírez Madregil, na mesma cidade de León. Rosa Sarmiento coñeceu pouco despois a outro home, e estableceu con el a súa residencia en San Marcos de Colón, no departamento de Choluteca, en Honduras.

Aínda que segundo a súa fe de bautismo o primeiro apelido de Rubén era García, a familia paterna era coñecida desde xeracións polo apelido Darío. O propio Rubén o explica na súa autobiografía:

Catedral-basílica da Asunción, na cidade de León, na que transcorreu a infancia do poeta. Os seus restos están sepultados nesta igrexa.
Segundo o que algúns anciáns daquela cidade da miña nenez me referiron, un meu tataravó tiña por nome Darío. Na pequena poboación coñecíao todo o mundo por don Darío; aos seus fillos e fillas, polos Daríos, as Daríos. Foi así desaparecendo o primeiro apelido, a punto de que a miña bisavoa paterna asinaba xa Rita Darío; e isto, convertido en patronímico, chegou a adquirir valor legal; pois o meu pai, que era comerciante, realizou todos os seus negocios xa co nome de Manuel Darío.

Os primeiros anos de Rubén Darío transcorreron na cidade de León, criado polos seus tíos-avós Félix e Bernarda, a quen considerou na súa infancia os seus verdadeiros pais (de feito, durante os seus primeiros anos asinaba os traballos escolares como Félix Rubén Ramírez). Apenas tivo contacto coa súa nai, que residía en Honduras, nin co seu pai, a quen chamaba "tío Manuel".

Sobre os seus primeiros anos hai poucas noticias, aínda que se sabe que á morte do coronel Félix Ramírez, en 1871, a familia pasou apuros económicos, e incluso se pensou en colocar ó mozo Rubén como aprendiz de xastre. Segundo o seu biógrafo Edelmiro Torres, asistiu a varias escolas da cidade de León antes de pasar, nos anos 1879 e 1880, a educarse cos xesuítas.

Lector precoz (el mesmo dicía que aprendeu a ler con tres anos), entre os primeiros libros que menciona ler están O Quixote, As mil e unha noites, a Biblia e as obras de Moratín. Axiña empezou tamén a escribir os seus primeiros versos: consérvase un soneto escrito por el en 1879, e publicou por primeira vez nun xornal pouco despois de cumprir os trece anos: trátase da elexía Una lágrima, que apareceu no diario El Termómetro, da cidade de Rivas, o 26 de xullo de 1880. Pouco despois colaborou tamén en El Ensayo, revista literaria de León, e alcanzou fama como "poeta neno". Nestes primeiros versos, segundo Teodosio Fernández, as súas influencias predominantes eran os poetas españois da época Zorrilla, Campoamor, Núñez de Arce e Ventura de la Vega. Máis adiante, porén, interesouse moito pola obra de Víctor Hugo, que tería unha influencia determinante no seu labor poético. As súas obras desta época amosan tamén a impronta do pensamento liberal, hostil á excesiva influencia da Igrexa católica, como é o caso da súa composición El jesuita, de 1881. En canto á súa actitude política, a súa influencia máis destacada foi o ecuatoriano Juan Montalvo, a quen imitou deliberadamente nos seus primeiros artigos xornalísticos. Xa nesta época (contaba catorce anos) proxectou publicar un primeiro libro, Poesías y artigos en prosa, que non vería a luz ata o cincuenta cabodano da súa morte. Posuía unha superdotada memoria, gozaba dunha creatividade e retentiva xenial, e era invitado con frecuencia a recitar poesía en reunións sociais e actos públicos.

En decembro dese mesmo ano trasladouse a Managua, capital do país, a instancias dalgúns políticos liberais que concibiran a idea de que, dadas as súas dotes poéticas, debería educarse en Europa a costa do erario público. Non obstante, o ton anticlerical dos seus versos non convenceu ó presidente do Congreso, o conservador Pedro Joaquín Chamorro y Alfaro, e resolveuse que estudaría na cidade nicaraguana de Granada. Rubén, porén, preferiu quedar en Managua, onde continuou a súa actividade xornalística, colaborando cos xornais El Ferrocarril e El Porvenir de Nicaragua. Na capital namorouse dunha rapaza de once anos, Rosario Emelina Murillo, coa que incluso proxectou casar. Pouco despois, en agosto de 1882, embarcaba no porto de Corinto, en dirección ao Salvador.

No Salvador

[editar | editar a fonte]

No Salvador, o mozo Darío foi presentado polo poeta Joaquín Méndez ó presidente da república, Rafael Zaldívar, que o acolleu baixo a súa protección. Alí coñeceu o poeta salvadoreño Francisco Gavidia, gran coñecedor da poesía francesa. So os seus auspicios, Darío intentou por primeira vez adaptar o verso alexandrino francés á métrica castelá. A influencia de Francisco Gavidia foi decisiva por canto foi este autor quen descubriu a Darío a poesía francesa. O nicaraguano escribiu:

Años atrás, en Centroamérica, en la ciudad de San Salvador, y en compañía del poeta Francisco Gavidia, mi espíritu adolescente había explorado la inmensa salva de Víctor Hugo y había contemplado su océano divino en donde todo se contiene...
Rubén Darío: Historia de mis libros.

O uso do verso alexandrino converteríase despois nun trazo distintivo non só da obra de Darío, senón de toda a poesía modernista. Aínda que no Salvador gozou de bastante celebridade e levou unha intensa vida social, participando en festexos como a conmemoración do centenario de Bolívar, que abriu coa recitación dun poema seu, máis tarde as cousas comezaron a empeorar: pasou penalidades económicas e enfermou de varíola, polo que en outubro de 1883, aínda convalecente, regresou ó país natal.

Tralo seu regreso, residiu brevemente en León e despois en Granada, pero finalmente trasladouse de novo a Managua, onde encontrou traballo na Biblioteca Nacional, e retomou os seus amoríos con Rosario Murillo. En maio de 1884 foi condenado por vagancia á pena de oito días de obra pública, se ben logrou eludir o cumprimento da condena. Por entón continuaba experimentando con novas formas poéticas, e mesmo chegou a ter un libro listo para a súa impresión, que se ía titular Epístolas y poemas. Este segundo libro tampouco chegou a publicarse: debería esperar ata 1888, cando apareceu por fin co título de Primeras notas. Probou sorte tamén co teatro, e chegou a estrear unha obra, titulada Cada oveja..., que tivo certo éxito, pero que hoxe se atopa perdida. Non obstante, encontraba insatisfactoria a vida en Managua e, aconsellado por algúns amigos, optou por embarcar para Chile, cara a onde partiu o 5 de xuño de 1886.

Desembarcou en Valparaíso o 23 de xuño de 1886. En Chile, grazas ás recomendacións obtidas en Managua, recibiu a protección de Eduardo Poirier e do poeta Eduardo de la Barra. A medias con Poirier escribiu unha novela de tipo sentimental, titulada Emelina, co obxecto de participar nun concurso literario que non chegaron a gañar. Grazas á amizade de Poirier, Darío encontrou traballo no xornal La Época, de Santiago desde xullo de 1886.

Na súa etapa chilena, Darío viviu en condicións moi precarias, e tivo ademais que soportar continuas humillacións por parte da aristocracia do país, que o desprezaba polo seu escaso refinamento e pola cor da súa pel. Non obstante, chegou a facer algunhas amizades, como o fillo do entón presidente da República, o poeta Pedro Balmaceda Toro. Grazas ó apoio deste e doutro amigo, Manuel Rodríguez Mendoza, a quen o libro está dedicado, logrou Darío publicar o seu primeiro libro de poemas, Abrojos, que apareceu en marzo de 1887. Entre febreiro e setembro de 1887, Darío residiu en Valparaíso, onde participou en varios certames literarios. De regreso á capital, encontrou traballo no xornal El Heraldo, co que colaborou entre febreiro e abril de 1888. No mes de xullo, apareceu en Valparaíso, grazas á axuda dos seus amigos Eduardo Poirier e Eduardo de la Barra, Azul..., o libro chave da había pouco iniciada revolución literaria modernista.

Azul... recompilaba unha serie de poemas e de textos en prosa que xa apareceran na prensa chilena entre decembro de 1886 e xuño de 1888. O libro non tivo un éxito inmediato, pero foi moi ben acollido polo influente novelista e crítico literario español Juan Valera, que publicou no xornal madrileño El Imparcial, en outubro de 1888, dúas cartas dirixidas a Rubén Darío, nas que, se ben reprochaba a Darío as súas excesivas influencias francesas (o seu "galicismo mental", segundo a expresión utilizada por Valera), recoñecía nel a un prosista e un poeta de talento. Foron estas cartas de Valera, logo divulgadas na prensa chilena e doutros países, as que consagraron definitivamente a fama de Darío.

Periplo centroamericano

[editar | editar a fonte]

Esta fama permitiulle obter o posto de correspondente do xornal La Nación, de Buenos Aires, que era na época o xornal de maior difusión de toda Hispanoamérica. Pouco despois de enviar a súa primeira crónica a La Nación, emprendeu a viaxe de regreso a Nicaragua. Tras unha breve escala en Lima, onde coñeceu ó escritor Ricardo Palma, chegou ó porto de Corinto o 7 de marzo de 1889. Na cidade de León foi agasallado cun recibimento triunfal. Con todo, detívose pouco tempo en Nicaragua, e axiña se trasladou a San Salvador, onde foi nomeado director do xornal La Unión, defensor da unión centroamericana. En San Salvador casou civilmente con Rafaela Contreras, filla dun famoso orador hondureño, Álvaro Contreras, o 21 de xuño de 1890. Ó día seguinte á súa voda produciuse un golpe de estado contra o entón presidente, o xeneral Menéndez, que contou co liderado do xeneral Ezeta (que estivera presente, en calidade de invitado, na voda de Darío). Aínda que o novo presidente quixo ofrecerlle cargos de responsabilidade, Darío preferiu marchar do país. A finais de xuño trasladouse a Guatemala, mentres a recentemente casada permanecía no Salvador. En Guatemala, o presidente Manuel Lisandro Barillas estaba iniciando os preparativos dunha guerra contra O Salvador, e Darío publicou no xornal guatemalteco El Imparcial un artigo, titulado "Historia negra", denunciando a traizón de Ezeta.

En decembro de 1890 foille encomendada a dirección dun xornal de nova creación, El Correo de la Tarde. Ese mesmo ano publicou en Guatemala a segunda edición do seu exitoso libro de poemas Azul..., substancialmente ampliado, e levando como prólogo as dúas cartas de Juan Valera que supuxeran a súa consagración literaria (desde entón, é habitual que as cartas de Valera aparezan en tódalas edicións deste libro de Rubén Darío). En xaneiro do ano seguinte, a súa esposa, Rafaela Contreras, reuniuse con el en Guatemala, e o 11 de febreiro casaron pola igrexa na catedral de Guatemala. En xuño, o diario que dirixía Darío, El Correo de la Tarde, deixou de percibir a subvención gobernamental, e tivo que pechar. Darío optou por probar sorte en Costa Rica, instalándose en agosto dese ano na capital do país, San José. En Costa Rica, onde apenas era capaz de sacar adiante á súa familia, co poeta abafado polas débedas a pesar dalgúns empregos eventuais, naceu o seu primeiro fillo, Rubén Darío Contreras, o 12 de novembro de 1891.

Ó ano seguinte, deixando á súa familia en Costa Rica, marchou a Guatemala, e logo a Nicaragua, en busca de mellor sorte. Inesperadamente, o goberno nicaraguano nomeouno membro da delegación que ese país ía enviar a Madrid con motivo do cuarto centenario do descubrimento de América, o que para Darío supuña ver realizado o seu soño de viaxar a Europa.

Na viaxe cara a España fixo escala na Habana, onde coñeceu o poeta Julián del Casal e a outros artistas, como Aniceto Valdivia ou Raoul Cay. O 14 de agosto de 1892 desembarcou en Santander, desde onde seguiu a viaxe por tren até Madrid. Entre as personalidades que frecuentou na capital de España están os poetas Gaspar Núñez de Arce, José Zorrilla ou Salvador Rueda, os novelistas Juan Valera e Emilia Pardo Bazán, o erudito Marcelino Menéndez Pelayo, e varios destacados políticos, como Emilio Castelar ou Antonio Cánovas del Castillo. En novembro regresou de novo a Nicaragua, onde recibiu un telegrama procedente de San Salvador onde se lle notificaba a enfermidade da súa esposa, que faleceu o 23 de xaneiro de 1893.

A comezos de 1893, Rubén permaneceu en Managua, onde renovou os seus amoríos con Rosario Murillo, obrigando á familia desta a contraer matrimonio coa moza. En abril viaxou a Panamá, onde recibiu a nova de que o seu amigo, o presidente colombiano Miguel Antonio Caro, lle concedera o cargo de cónsul honorífico en Buenos Aires. Deixou a Rosario en Panamá, e emprendeu a viaxe á capital arxentina. Antes de chegar, pasou brevemente por Nova York, cidade na que coñeceu ó ilustre poeta cubano José Martí, con quen lle unían non poucas afinidades; tamén viu realizado o seu soño da mocidade de viaxar a París, onde foi introducido nos medios bohemios polo guatemalteco Enrique Gómez Carrillo e o español Alejandro Sawa. Na capital francesa, coñeceu a Jean Moréas e tivo un decepcionante encontro co seu admirado Paul Verlaine (posiblemente o poeta francés que máis influíu na súa obra). Finalmente, o 13 de agosto de 1893 chegou a Buenos Aires, cidade que lle causaría unha fonda impresión.

Na Arxentina

[editar | editar a fonte]

En Bos Aires, Darío foi moi ben recibido polos medios intelectuais. Colaborou con varios xornais: alén de en La Nación, do que xa era correspondente, publicou artigos en La Prensa, La Tribuna ou El Tiempo entre outros. O seu traballo como cónsul de Colombia era soamente honorífico, xa que, como el mesmo indica na súa autobiografía, non había case colombianos en Bos Aires e non existían transaccións nin trocos comerciais entre Colombia e a República Arxentina. Na capital arxentina levou unha vida de desenfreo, sempre ó bordo das súas posibilidades económicas, e os excesos co alcohol foron causa de que tivese que recibir coidados médicos en varias ocasións. Entre os personaxes que tratou alí atópanse políticos ilustres, como Bartolomé Mitre, pero tamén poetas como o mexicano Federico Gamboa, o boliviano Ricardo Jaimes Freyre, os arxentinos Rafael Obligado e máis Leopoldo Lugones.

O 3 de maio de 1895 morreu a súa nai, Rosa Sarmiento, a quen o poeta apenas coñecera, aínda que se viu afectado profundamente pola súa morte. En outubro do mesmo ano xurdiu un novo contratempo, xa que o goberno colombiano suprimiu o seu consulado en Bos Aires, polo cal Darío quedou sen unha importante fonte de ingresos. Para remedialo, obtivo un emprego como secretario de Carlos Carlés, director xeral de Correos e Telégrafos.

En 1896, en Bos Aires, publicou dous libros cruciais na súa obra: Los raros, unha colección de artigos sobre os escritores que, por unha razón ou outra, máis lle interesaban; e, sobre todo, Prosas profanas y otros poemas, o libro que supuxo a consagración definitiva do Modernismo literario en castelán. Como o propio Rubén explica na súa autobiografía, co tempo os poemas deste libro acadarían unha gran popularidade en tódolos países de lingua castelá. Porén, nos seus comezos non foi tan ben recibido como sería de esperar.

As peticións de Darío ó goberno nicaraguano para que lle concedese un cargo diplomático non foron atendidas; porén, o poeta viu unha posibilidade de viaxar a Europa cando soubo que La Nación necesitaba un correspondente en España que informase da situación no país tralo desastre de 1898. O 3 de decembro de 1898, Darío embarcaba de novo rumbo a Europa. O 22 de decembro chegaba a Barcelona.

Entre París e España

[editar | editar a fonte]

Darío chegou a España co compromiso, que cumpriu impecablemente, de enviar catro crónicas mensuais a La Nación verbo do estado en que se atopaba a nación española trala súa derrota fronte a Estados Unidos e a perda das súas posesións coloniais de Cuba, Porto Rico, Filipinas e a illa de Guam. Estas crónicas terminarían recompilándose nun libro, que apareceu en 1901, titulado España Contemporánea. Crónicas y retratos literarios. Nelas, Rubén manifesta a súa profunda simpatía por España, e a súa confianza na recuperación do estado, a pesar do estado de abatemento no que a encontraba.

En España, Darío espertou a admiración dun grupo de mozos poetas defensores do Modernismo (movemento que non era en absoluto aceptado polos autores consagrados, especialmente os pertencentes á Real Academia Española de la Lengua). Entre estes mozos modernistas estaban algúns autores que logo brillarían con luz propia na historia da literatura española, como Juan Ramón Jiménez, Ramón María del Valle-Inclán ou Jacinto Benavente, e outros que hoxe están bastante máis esquecidos, como Francisco Villaespesa, Mariano Miguel de Val (director da revista Ateneo), ou Emilio Carrere.

En 1899, Rubén Darío, que continuaba legalmente casado con Rosario Murillo, coñeceu, na Casa de Campo de Madrid, a Francisca Sánchez del Pozo, campesiña analfabeta, natural de Navalsauz, na provincia de Ávila, que se convertería na compañeira dos seus últimos anos.

No mes de abril de 1900 Darío visitou por segunda vez París, coa encarga de La Nación de cubrir a Exposición Universal que ese ano tivo lugar na capital francesa. As súas crónicas sobre este tema serían recollidas posteriormente no libro Peregrinaciones.

Nos primeiros anos do século XX, Darío fixou o seu lugar de residencia na capital de Francia, e atinxiu unha certa estabilidade, non exenta de infortunios. En 1901 publicou en París a segunda edición de Prosas profanas. Ese mesmo ano Francisca tivo unha filla do poeta e, tralo parto, viaxou a París a reunirse con el, deixando a nena ó coidado dos avós. A nena falecería de varíola pouco despois, sen que o seu pai chegase a coñecela.

En 1902 coñeceu na capital francesa a un poeta español mozo, Antonio Machado, declarado admirador da súa obra. En marzo de 1903 foi nomeado cónsul de Nicaragua, o que lle permitiu vivir con maior desafogo económico. Ó mes seguinte naceu o seu segundo fillo con Francisca, que morrería tamén con pouca idade. Durante eses anos, Darío viaxou por Europa, visitando, entre outros países, o Reino Unido, Bélxica, Alemaña ou Italia.

En 1905 desprazouse a España como membro dunha comisión nomeada polo goberno nicaraguano coa finalidade de resolver unha disputa territorial con Honduras. Ese ano publicou en Madrid o terceiro dos libros capitais da súa obra poética: Cantos de vida y esperanza, los cisnes y otros poemas, editado por Juan Ramón Jiménez. Tamén datan de 1905 algúns dos seus máis memorables poemas, como "Salutación del optimista" ou "A Roosevelt", nos que enaltece o carácter hispánico fronte á ameaza do imperialismo ianqui. En particular, o segundo, dirixido ó entón presidente dos Estados Unidos, Theodore Roosevelt, resulta case profético no referente á política que os Estados Unidos seguiría en Latinoamérica:

Es os Estados Unidos,
es o futuro invasor
da América inxenua que ten sangue indíxeno,
que aínda reza a Xesucristo e aínda fala en español.

En 1906 participou, como secretario da delegación nicaraguana, na Terceira Conferencia Panamericana que tivo lugar no Río de Xaneiro. Con este motivo escribiu o seu poema Salutación del águila, que ofrece unha visión dos Estados Unidos moi diferente da dos seus poemas anteriores:

Ben veñas, máxica aguia de ás enormes e fortes
a estender sobre o Sur a túa gran sombra continental,
a traer nas túas garras, aneladas de vermellos brillantes,
unha palma de gloria, da cor da inmensa esperanza,
e no teu peteiro a oliva dunha vasta e fecunda paz.

Este poema foi moi criticado por algúns autores que non entenderon o súbito cambio de opinión de Rubén con respecto á influencia dos Estados Unidos en Latinoamérica. No Río de Xaneiro, o poeta protagonizou un escuro romance cunha aristócrata, rumoreándose que era a filla do embaixador ruso no Brasil. Parece ser que por entón concibiu a idea de divorciarse de Rosario Murillo, de quen levaba xa anos separado. De regreso a Europa, fixo unha breve escala en Bos Aires. En París reuniuse con Francisca Sánchez, e xuntos foron a pasar o inverno de 1907 a Mallorca, illa na que frecuentou a compañía do despois poeta futurista Gabriel Alomar e do pintor Santiago Rusiñol. Iniciou unha novela, La Isla de Oro, que non chegou a terminar, se ben algúns dos seus capítulos apareceron por entregas en La Nación.

Interrompeu a súa tranquilidade a chegada a París da súa esposa, Rosario Murillo, que se negaba a aceptar o divorcio a menos que se lle garantise unha compensación económica que o poeta xulgou desproporcionada. En marzo de 1907, cando ía partir para París, Darío, cun alcoholismo xa moi avanzado, caeu gravemente enfermo. Ó recuperarse, regresou a París, pero non puido chegar a un acordo coa súa esposa, polo que decidiu regresar a Nicaragua para presentar o seu caso perante os tribunais.

Embaixador en Madrid

[editar | editar a fonte]
Rubén Darío (esquerda), con José Santos Zelaya (sentado), canda o coronel Luis A. Cousin e Mariano Miguel de Val en Madrid, España, en 1910, por Francisco Goñi.

Tras dúas breves escalas en Nova York e en Panamá, chegou a Nicaragua, onde se lle tributou un recibimento triunfal, e se lle colmou de honores, aínda que non tivo éxito na súa demanda de divorcio. Ademais non se lle pagaron os honorarios que se lle debían polo seu cargo de cónsul, polo que foi incapaz de volver a París. Despois de meses de xestións, conseguiu outro nomeamento, esta vez como ministro residente en Madrid do goberno nicaraguano de José Santos Zelaya. Tivo problemas, así e todo, para facer fronte ós gastos da súa legación ante o reducido do seu orzamento, e pasou dificultades económicas durante os seus anos como embaixador, que só puido solucionar en parte grazas ó soldo que recibía de La Nación.

Cando Zelaya foi derrocado, Darío tivo que renunciar ó seu posto diplomático, o que fixo o 25 de febreiro de 1909. Permaneceu fiel a Zelaya, a quen eloxiara desmesuradamente no seu libro Viaje a Nicaragua e Intermezzo tropical, e co que colaborou na redacción do libro deste Estados Unidos y la revolución de Nicaragua, no que acusaba aos Estados Unidos e ó ditador guatemalteco Manuel Estrada Cabrera, de tramar o derrocamento do seu goberno.

Durante o desempeño do seu cargo diplomático, enemistouse co seu antigo amigo Alejandro Sawa, quen lle solicitara axuda económica sen que as súas peticións foran escoitadas por Darío. A correspondencia entrámbolos dous dá a entender que Sawa foi o verdadeiro autor dalgúns dos artigos que Darío publicara en La Nación.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

Tras abandonar o seu posto á fronte da legación diplomática nicaraguana, Darío trasladouse de novo a París, onde se adicou a preparar novos libros, como Canto a la Argentina, encargado por La Nación. Por entón, o seu alcoholismo causáballe frecuentes problemas de saúde e crises psicolóxicas, caracterizadas por momentos de exaltación mística e por unha fixación obsesiva coa idea da morte.

En 1910 viaxou a México como membro dunha delegación nicaraguana para conmemorar o centenario da independencia do país azteca. Porén, o goberno nicaraguano mudou mentres se atopaba de viaxe, e o ditador mexicano Porfirio Díaz negouse a recibir o escritor, actitude á que non foi allea probablemente a diplomacia estadounidense. Con todo, Darío foi recibido triunfalmente polo pobo mexicano, que se manifestou a favor do poeta e en contra do seu goberno. Na súa autobiografía, Darío relaciona estas protestas coa Revolución Mexicana, entón a piques de estourar:

Por primeira vez, após trinta e tres anos de dominio absoluto, apedrouse a casa do vello Cesáreo que imperara. E alí viuse, pódese dicir, o primeiro lóstrego da revolución que trouxera o destronamento.

Ante o desaire do goberno mexicano, Darío levantou áncora cara á Habana, onde, so os efectos do alcohol, tentou suicidarse, talvez a causa do desprezo recibido. En novembro de 1910 regresou de novo a París, onde continuou sendo correspondente do xornal La Nación e desempeñou un traballo para o Ministerio de Instrución Pública mexicano que seica lle fora ofrecido a modo de compensación pola humillación sufrida.

En 1912 aceptou a oferta dos empresarios uruguaios Rubén e Alfredo Guido para dirixir as revistas Mundial e Elegancias. Para promocionar estas publicacións, partiu en xira por América Latina, visitando, entre outras cidades, Río de Xaneiro, São Paulo, Montevideo e Buenos Aires. Foi tamén por esta época cando o poeta redactou a súa autobiografía, que apareceu publicada na revista Caras y caretas co título de La vida de Rubén Darío escrita por él mismo. Tamén deste ano é a obra Historia de mis libros, moi interesante para o coñecemento da súa evolución literaria.

Tralo final desta xira, tras desligarse do seu contrato cos irmáns Guido, regresou a París, e, en 1913 viaxou a Mallorca invitado por Joan Sureda, aloxándose na cartuxa de Valldemosa, na que moitas décadas atrás residiran Chopin e George Sand. Nesta illa empezou a novela El oro de Mallorca, que é, en realidade, unha autobiografía novelada. Acentuouse, porén, a deterioración da súa saúde mental, debido ó alcoholismo. En decembro regresou a Barcelona, hospedándose na casa do xeneral Zelaya, que fora o seu protector sendo presidente de Nicaragua. En xaneiro de 1914 regresou a París, onde preiteou longamente cos irmáns Guido, que aínda lle debían unha importante suma en concepto de honorarios. En maio instalouse en Barcelona, onde deu á imprenta a súa última obra poética de importancia, Canto a la Argentina y otros poemas, que inclúe o poema laudatorio do país austral que escribira anos atrás por encarga de La Nación. A súa saúde estaba xa moi deteriorada: sufría de alucinacións, e estaba patoloxicamente obsesionado coa idea da morte.

Ó comezar a primeira guerra mundial, partiu cara a América, coa idea de defender o pacifismo nas nacións americanas. Atrás ficou Francisca cos seus dous fillos superviventes, a quen o abandono do poeta condenaría pouco despois á miseria. En xaneiro de 1915 leu, na Universidade de Columbia (Nova York) o seu poema "Pax". Seguiu a viaxe a Guatemala, onde foi protexido polo seu antigo inimigo, o ditador Estrada Cabrera, e por fin, a finais de ano, regresou á súa Nicaragua natal. Chegou a León, a cidade da infancia, o 7 de xaneiro de 1916, falecendo menos dun mes despois, o 6 de febreiro. As honras fúnebres duraron varios días. Está sepultado na catedral da cidade de León.

A poesía de Rubén Darío

[editar | editar a fonte]
A Rubén Darío: Principe del verso castellano na Alameda da Praza de Compostela de Vigo.

Influencias

[editar | editar a fonte]

Para a formación poética de Rubén Darío foi determinante a influencia da poesía francesa. En primeiro lugar, os románticos, e moi especialmente Victor Hugo. Máis adiante, e con carácter decisivo, chega a influencia dos parnasianos: Théophile Gautier, Catulle Mendès, e José María de Heredia. E, por último, o que remata por definir a estética dariana é a súa admiración polos simbolistas, e entre eles, por riba de calquera outro autor, Paul Verlaine. Tan determinantes son as influencias que o Parnasianismo e o Simbolismo tiveron na obra de Darío e no Modernismo en xeral, que autores como Ricardo Gullón falaron dunha "dirección parnasiana" e unha "dirección simbolista" do Modernismo. Recapitulando a súa traxectoria poética no poema inicial de Cantos de vida y esperanza (1905), o propio Darío sintetiza as súas principais influencias afirmando que foi "con Hugo fuerte y con Verlaine ambiguo".

Xa nas "Palabras Liminares" de Prosas profanas (1896) escribira un parágrafo que revela a importancia da cultura francesa no desenvolvemento da súa obra literaria:

El abuelo español de barba blanca me señala una serie de retratos ilustres: "Éste —me dice— es el gran don Miguel de Cervantes Saavedra, genio y manco; éste es Lope de Vega, éste Garcilaso, éste Quintana." Yo le pregunto por el nobre Gracián, por Santa Tareixa, por el bravo Góngora y el más fuerte de todos, don Francisco de Quevedo y Villegas. Después exclamo: "¡Shakespeare! ¡Dante! ¡Hugo...! (Y en mi interior: ¡Verlaine...!)"
Luego, al despedirme: "—Abuelo, preciso es decíroslo: mi esposa es de mi tierra; mi querida, de París.

Moi ilustrativo para coñecer os gustos literarios de Darío resulta o volume Los raros, que publicou tamén en 1896, adicado a glosar brevemente a algúns escritores e intelectuais cara ós que sentía unha profunda admiración. Entre os seleccionados están Edgar Allan Poe, Villiers de l'Isle Adam, Léon Bloy, Paul Verlaine, Lautréamont, Eugenio de Castro ou José Martí (este último é o único autor mencionado que escribiu a súa obra en castelán). O predominio da cultura francesa é máis que evidente. Darío escribiu: O Modernismo non é outra cousa que o verso e a prosa casteláns pasados polo fino bortel do bo verso e da boa prosa franceses.

Non quere isto dicir, con todo, que a literatura castelá non tivese importancia na súa obra. Deixando á parte a época inicial, anterior a Azul..., na que a súa poesía é en gran medida debedora dos grandes nomes da poesía española do século XIX, como Núñez de Arce ou Campoamor, Darío foi un grande admirador de Bécquer. Os temas españois están moi presentes na súa produción xa desde Prosas profanas (1896) e, moi especialmente, desde a segunda viaxe a España, en 1899. Consciente da decadencia do español tanto na política como na arte (preocupación que compartiu coa chamada Xeración do 98 española), inspírase con frecuencia en personaxes e elementos do pasado. Así ocorre, por exemplo, na Letanía de nuestro señor Don Quijote, poema incluído en Cantos de vida y esperanza (1905), no que se exalta o idealismo de Don Quijote.

En canto ós autores doutras linguas, debe mencionarse a profunda admiración que sentía por tres autores estadounidenses: Emerson, Poe e Whitman.

Evolución

[editar | editar a fonte]
Facsímile do poema Pax de Rubén Darío.

A evolución poética de Rubén Darío está marcada pola publicación dos libros que a crítica recoñeceu como as súas obras fundamentais: Azul... (1888), Prosas profanas y otros poemas (1896) e Cantos de vida y esperanza (1905).

Antes de Azul... Darío escribira tres libros e gran número de poemas soltos, que constitúen o que se deu en denominar a súa "prehistoria literaria". Os libros son Epístolas y poemas (escrito en 1885, pero non publicado ata 1888, co título de Primeras notas), Rimas (1887) e Abrojos (1887). No primeiro é patente a pegada da lectura de clásicos españois, así como a impronta de Victor Hugo. A métrica é clásica (décimas, romances, estanzas, tercetos encadeados, en versos predominantemente heptasílabos, octosílabos e hendecasílabos) e o ton predominantemente romántico. As epístolas, de influencia neoclásica, van dirixidas a autores como Ricardo Contreras, Juan Montalvo, Emilio Ferrari ou Víctor Hugo.

En Abrojos, publicado xa en Chile, a influencia máis acusada é a do español Ramón de Campoamor. En canto a Rimas, publicado tamén en Chile o mesmo ano, foi escrito para un concurso de composicións a imitación das Rimas de Bécquer, polo que non é estraño que o seu ton intimista sexa moi similar ó das composicións do poeta sevillano. Consta de só catorce poemas, de ton amoroso, cuns procedementos expresivos (estrofas de pé quebrado, anáforas, antítese etc.) caracteristicamente becquerianos.

Azul... (1888), considerado o libro inaugural do Modernismo hispanoamericano, recolle tanto relatos en prosa como poemas, cunha variedade métrica que chamou a atención da crítica. Presenta xa algunhas preocupacións características de Darío, como a expresión da súa insatisfacción ante a sociedade burguesa (véxase, por exemplo, o relato "El rey burgués"). En 1890 viu a luz unha segunda edición do libro, aumentada con novos textos, entre eles unha serie de sonetos en alexandrinos.

A etapa de plenitude do Modernismo e da obra poética dariana márcaa o libro Prosas profanas y otros poemas, colección de poemas na que a presenza do erótico é máis importante, e do que non está ausente a preocupación por temas esotéricos (como no longo poema "Coloquio de los centauros"). Neste libro está xa toda a imaxinería exótica propia da poética dariana: a Francia do século XVIII, a Italia e a España medievais, a mitoloxía grega etc.

En 1905, Darío publicou Cantos de vida y esperanza, que anuncia unha liña máis intimista e reflexiva dentro da súa produción, sen renunciar ós temas que se converterían en sinais de identidade do Modernismo. Asemade, aparece na súa obra a poesía cívica, con poemas como "A Roosevelt", unha liña que se acentuará en El canto errante (1907) e en Canto a la Argentina y otros poemas (1914). O trazo intimista da súa obra acentuarase, en troques, en Poema del otoño y otros poemas (1910), onde amosa unha sinxeleza formal sorprendente na súa obra.

Non tódolos poemas de Darío foron recollidos en libros en vida do poeta. Moitos deles, aparecidos unicamente en publicacións periódicas, foron recompilados após a súa morte.

Recursos formais

[editar | editar a fonte]

Darío fixo seu o lema do seu admirado Paul Verlaine: De la musique avant toute chose. Para el, como para tódolos modernistas, a poesía era, ante todo, música. De aí que concedese unha enorme importancia ó ritmo. A súa obra supuxo unha auténtica revolución na métrica castelá. Xunto ós metros tradicionais baseados no octosílabo e o hendecasílabo, Darío empregou profusamente versos apenas empregados con anterioridade, ou xa en desuso, como o eneasílabo, o dodecasílabo ou o alexandrino, enriquecendo a poesía en lingua castelá con novas posibilidades rítmicas.

Aínda que existen exemplos anteriores de utilización do verso alexandrino na poesía castelá do século XIX, o achado de Darío consistiu en liberar este verso da ríxida correspondencia ata entón existente entre a estrutura sintáctica do verso e a súa división métrica en dous hemistiquios, recorrendo a varios tipos de encabalgamento. Nos poemas de Darío, a cesura entre os dous hemistiquios atópase ás veces entre un artigo e un substantivo, entre un substantivo e o adxectivo que o acompaña, ou incluso no interior dunha mesma palabra. Darío adaptou este verso a estrofas e poemas estróficos para as que tradicionalmente se empregaba o hendecasílabo, como o cuarteto, o sexteto ou o soneto.

Probou tamén a adaptar os ritmos propios da poesía latina, baseados na cantidade vocálica (distinción entre vogais longas e breves), á métrica castelá, utilizando a distinción entre sílabas tónicas e átonas. Unha mostra destes experimentos co ritmo pode verse no verso inicial do seu poema "Salutación del optimista]]", onde o ritmo é tónica-átona-átona:

Ínclitas razas urrimas, sangre de Hispania fecunda

Darío destaca pola renovación da linguaxe poética, visible no léxico utilizado nos seus poemas. Gran parte do vocabulario poético de Rubén Darío está encamiñado á creación de efectos exotistas. Destacan campos semánticos que connotan refinamento, como o das flores ("xasmíns", "nelumbos", "dalias", "crisantemos", "lotos", "magnolias"...), o das pedras preciosas ("ágata", "rubí", "topacio", "esmeralda", "diamante", "xema"...), o dos materiais de luxo ("seda", "porcelana", "mármore", "armiño", "alabastro"...), o dos animais exóticos ("cisne", "papemores", "bulbuis"), ou o da música ("lira", "violoncelo", "clave", "arpexo"...). Con frecuencia encóntranse na súa obra cultismos procedentes do latín ou do grego ("canéfora", "liróforo", "hipsipila"), e incluso neoloxismos creados polo propio autor ("canallocracia", "pitagorizar"). Recorre con frecuencia a personaxes e elementos propios da mitoloxía grega e latina (Afrodita ou Venus, moitas veces designada polos seus epítetos "Anadiomena" ou "Cipris", Pan, Orfeo, Apolo, Pegaso...), e a nomes de lugares exóticos (Hircania, Ormuz...).

Figuras retóricas

[editar | editar a fonte]

Unha das figuras retóricas clave na obra de Darío é a sinestesia, mediante a que logra asociar sensacións propias de distintos sentidos: especialmente a vista (a pintura) e o oído (a música).

En relación coa pintura, hai na poesía de Darío un grande interese pola cor: o efecto cromático lógrase non só mediante a adxectivación, a miúdo infrecuente (para a cor branca, por exemplo, utiliza adxectivos como "albo", "ebúrneo", "cándido", "lilial" ou incluso "eucarístico"), senón mediante a comparación con obxectos desta cor. No poema "Blasón", por exemplo, a brancura do cisne compárase sucesivamente coa do liño, a rosa branca, o año e o armiño. Un dos mellores exemplos deste interese de Darío por lograr efectos cromáticos é a súa Sinfonía en Gris Mayor, incluída en Prosas profanas:

El mar como un vasto cristal azogado
refleja la lámina de un cielo de zinc;
lejanas bandadas de pájaros manchan
el fondo bruñido de pálido gris

O musical está presente, á parte de no ritmo do poema e no léxico, en numerosas imaxes:

El teclado harmónico de su risa fina
los líricos cristales
de tu reír

Outro elemento con moita importancia na poesía de Darío é a metáfora.

Símbolos

[editar | editar a fonte]

O símbolo máis característico da poesía de Darío é o cisne, identificado co Modernismo ata o punto de que cando o poeta mexicano Enrique González Martínez quixo derogar esta estética, fíxoo cun poema no que exhortaba a torcerlle o pescozo ao cisne. A presenza do cisne é obsesiva na obra de Darío, desde Prosas profanas, onde o autor adícalle os poemas "Blasón" e "El cisne", ata Cantos de vida y esperanza, onde unha das súas seccións se titula tamén "Los cisnes". Salinas explica a connotación erótica do cisne, en relación co mito, ó que Darío se refire en varias ocasións, de Xúpiter e Leda. Así e todo, trátase dun símbolo ambivalente, que en ocasións funciona como emblema da beleza e outras simboliza ó propio poeta.

Outro gran símbolo é o centauro, en poemas como o "Coloquio de los centauros", ou en Prosas profanas, expresa a dualidade alma-corpo a través da súa natureza medio-humana medio-animal. Gran contido simbólico teñen tamén na súa poesía as imaxes espaciais, como os parques e xardíns, imaxe da vida interior do poeta, e a torre, símbolo do seu illamento nun mundo hostil. Estudáronse na súa poesía outros moitos símbolos, como a cor azul, a bolboreta ou o pavón.

O erotismo é un dos temas centrais da poesía de Rubén Darío. Para Pedro Salinas trátase do tema esencial da súa obra poética, ó que tódolos demais están subordinados. Trátase dun erotismo basicamente sensorial, que ten como finalidade o pracer.

Diferénciase doutros poetas amorosos no feito de que a súa poesía carece da personaxe literaria da amada ideal (como pode selo, por exemplo, a Laura de Petrarca). Non hai unha soa amada ideal, senón moitas amadas pasaxeiras. Como escribiu:

Plural ha sido la celeste
historia de mi corazón...

O erotismo convértese en Darío no centro da súa cosmovisión poética. Salinas fala da súa "visión panerótica do mundo", e opina que todo o seu mundo poético se estrutura en consonancia con este tema principal. Na obra do poeta nicaraguano, o erotismo non se esgota no desexo sexual (aínda que escribiu varios poemas, como "Mía", con explícitas referencias ó acto sexual):

Tu sexo fundiste
con mi sexo fuerte,
fundiendo dos bronces

senón que se converte no que Ricardo Gullón definiu como "anhelo de transcendencia na éxtase". Por iso, en ocasións o erótico está na obra de Darío intimamente ligado co relixioso, como no poema "Ite, missa est" (as palabras coas que conclúe a misa segundo a liturxia romana antes do Concilio Vaticano II, sendo actualmente "Podedes ir en paz"), onde di da súa amada que o seu espírito é a hostia da miña amorosa misa. A atracción erótica encarna para Darío o misterio esencial do universo, como se pon de manifesto no poema "Coloquio de los centauros":

¡El enigma es el rostro fatal de Deyanira!
Mi espalda aún guarda el dulce perfume de la bella;
aún mis pupilas llaman su claridad de estrella.
¡Oh aroma de su sexo! ¡Oh rosas y alabastros!
¡Oh envidia de las flores y celos de los astros!

En "¡Carne, celeste carne de la mujer!", de Cantos de vida y esperanza, exprésao doutro modo:

¡Carne, celeste carne de mujer! Arcilla
-dijo Hugo-, ambrosía más bien, ¡oh maravilla!,
la vida se soporta,
tan doliente y tan corta,
solamente por eso:
¡roce, mordisco o beso
en ese pan divino
para el cual nuestra sangre es nuestro vino!
En ella está la lira,
en ella está la rosa,
en ella está la ciencia armoniosa,
en ella se respira
el perfume vital de toda cosa.

Estreitamente relacionado co tema do erotismo está o recurso a escenarios exóticos, afastados no espazo e no tempo. A busca de exotismo interpretouse xeralmente nos poetas modernistas como unha actitude de rexeitamento á realidade que lles tocou vivir. En xeral, a poesía de Darío (agás nos poemas cívicos, como o Canto a la Argentina, ou a Oda a Mitre), exclúe a actualidade dos países en que viviu, centrándose en escenarios remotos.

Entre estes escenarios está o que lle proporciona a mitoloxía da antiga Grecia. Os poemas de Darío están poboados de sátiros, ninfas, centauros e outras criaturas mitolóxicas. A imaxe que Darío ten da antiga Grecia está pasada polo bortel da Francia do século XVIII. En Divagación escribiu:

Amo más que la Francia de los griegos
la Grecia de la Francia, porque en Francia
el eco de las risas y los juegos,
su más dulce licor Venus escancia.

Precisamente a Francia galante do século XVIII é outro dos escenarios exóticos favoritos do poeta, grande admirador do pintor Watteau. En Divagación, ó que o propio Darío se referiu, en Historia de mis libros, como "un curso de xeografía erótica", aparecen, alén dos citados, os seguintes ambientes exóticos: a Alemaña do Romanticismo, España, China, Xapón, a India e o Israel bíblico.

Mención á parte merece a presenza na súa poesía dunha imaxe idealizada das civilizacións precolombianas, xa que, como dixo nas Palabras Liminares a Prosas profanas:

Si hay poesía en nuestra América ella está en las cosas viejas, en Palenke y Utatlán, en el indio legendario, y en el inca sensual y fino, y en el gran Moctezuma de la silla de oro. Lo demás es tuyo, demócrata Walt Whitman.

Ocultismo

[editar | editar a fonte]

A pesar do seu apego ó sensorial, atravesa a poesía de Rubén Darío unha poderosa corrente de reflexión existencial sobre o sentido da vida. É coñecido o seu poema Lo fatal, de Cantos de vida y esperanza, onde afirma que:

no hay dolor más grande que el dolor de ser vivo
ni mayor pesadumbre que la vida consciente

A relixiosidade de Darío apártase da ortodoxia católica para buscar refuxio na relixiosidade sincrética propia da fin de século, na que se mesturan influencias orientais, un certo rexurdir do paganismo e, sobre todo, varias correntes ocultistas. Unha delas é o pitagorismo[1], co que se relacionan varios poemas de Darío que teñen que ver co transcendente. Nos últimos anos da súa vida, Darío amosou tamén grande interese por outras correntes esotéricas, como a teosofía. Como lembran varios autores [2], porén, a influencia do pensamento esotérico na poesía é un fenómeno común desde o Romanticismo. Maniféstase, por exemplo, na visión do poeta como un mago ou sacerdote dotado da capacidade de discernir a verdadeira realidade, unha idea xa presente na obra de Víctor Hugo, e da que hai abondosos exemplos na poesía de Rubén Darío, que en ¡Torres de Dios! ¡Poetas! chama os poetas "torres de Deus".

Temas cívicos e sociais

[editar | editar a fonte]

Rubén Darío tivo tamén unha faceta, bastante menos coñecida, de poeta social e cívico. Unhas veces por encarga, e outras por desexo propio, compuxo poemas para exaltar heroes e feitos nacionais, así como para criticar e denunciar os males sociais e políticos.

Un dos máis destacados poemas nesta liña é Canto a la Argentina, incluído en Canto a la Argentina y otros poemas, e escrito por encarga do xornal bonaerense La Nación con motivo do primeiro centenario da independencia do país austral. Este extenso poema (con máis de 1.000 versos é o máis longo dos que escribiu o autor), destaca o carácter de terra de acollida para inmigrantes de todo o mundo do país suramericano, e enaltece, como símbolos da súa prosperidade, á Pampa, a Buenos Aires e ó Río da Prata. Nunha liña similar está o seu poema, "Oda a Mitre", dedicado ó prócer arxentino Bartolomé Mitre.

O poema A Roosevelt, incluído en Cantos de vida y esperanza, xa anteriormente mencionado, expresa a confianza na capacidade de resistencia da cultura latina fronte ó imperialismo anglosaxón, que tiña por cabeza visible ó entón presidente dos Estados Unidos, Theodore Roosevelt. En Los cisnes, pertencente ó mesmo libro, o poeta expresa a súa inquedanza polo futuro da cultura hispánica fronte ó aplastante predominio dos Estados Unidos:

¿Seremos entregados a los bárbaros fieros?
¿Tantos millones de hombres hablaremos inglés?
¿Ya no hay nobles hidalgos ni bravos caballeros?
¿Callaremos ahora para llorar después?

Unha preocupación similar está presente no famoso poema Salutación del optimista. Moi criticado foi o xiro de Darío cando, con motivo da Terceira Conferencia Interamericana, escribiu, en 1906, a súa Salutación al águila, onde enfatiza a influencia benéfica dos Estados Unidos sobre as repúblicas latinoamericanas.

No que a Europa se refire, é notable o poema A Francia (do libro El canto errante). Esta vez a ameaza vén da belicosa Alemaña (un perigo real, como demostrarían os acontecementos da primeira guerra mundial):

¡Los bárbaros, Francia! ¡Los bárbaros, cara Lutecia!
Bajo áurea rotonda reposa tu gran paladín.
Del cíclope al golpe ¿qué pueden las risas de Grecia?
¿Qué pueden las gracias, si Herakles agita su crin?

A prosa de Rubén Darío

[editar | editar a fonte]

É frecuente esquecer que gran parte da produción literaria de Darío foi escrita en prosa. Trátase dun heteroxéneo conxunto de escritos, a maior parte deles publicados en xornais, se ben algúns deles foron posteriormente recompilados en libros.

Novela e prosa autobiográfica

[editar | editar a fonte]

O primeiro intento por parte de Darío de escribir unha novela tivo lugar a pouco de desembarcar en Chile. Xunto con Eduardo Poirier, escribiu en dez días, en 1887, un folletín romántico titulado Emelina, para a súa presentación ó Certame Varela, se ben a obra non acadou o premio. Máis adiante, volveu a probar fortuna co xénero novelesco con El hombre de oro, escrita contra 1897, e ambientada na Antiga Roma.

Xa na etapa final da súa vida, intentou escribir unha novela, de marcado carácter autobiográfico, que tampouco chegou a terminar. Apareceu por entregas en 1914 en La Nación, e leva o título de El oro de Mallorca. O protagonista, Benjamín Itaspes, é un alter-ego do autor, e na novela son recoñecibles personaxes e situacións reais da estancia do poeta en Mallorca.

Entre o 21 de setembro e o 30 de novembro de 1912 publicou en Caras y caretas unha serie de artigos autobiográficos, logo recollidos en libro como La vida de Rubén Darío escrita por él mismo (1915) [3]. Tamén ten interese para o coñecemento da súa obra a Historia de mis libros, aparecida postumamente, acerca dos seus tres libros máis importantes (Azul..., Prosas profanas e Cantos de vida y esperanza).

O interese de Darío polo relato breve comeza sendo mozo. Os seus primeiros contos, "Las albóndigas del Rhin" e "Los diamantes del coronel" datan de 1885 e 1886. Son especialmente destacables os relatos recollidos en Azul..., como El rey burgués, El sátiro sordo ou La muerte de la emperatriz de la China. Continuaría cultivando o xénero durante os seus anos arxentinos, con títulos como Las lágrimas del centauro, La pesadilla de Honorio, La leyenda de San Martín o Thanatophobia.

Artigos xornalísticos

[editar | editar a fonte]

O xornalismo foi para Darío a principal fonte de sustento. Traballou para varios xornais e revistas, nos que escribiu un elevadísimo número de artigos, sendo algúns deles posteriormente recompilados en libros, seguindo criterios cronolóxicos ou temáticos.

Crónicas.

Son moi destacables España contemporánea (1901), que recolle as súas impresións da España inmediatamente posterior ó desastre de 1898, e as crónicas de viaxes a Francia e Italia recollidas en Peregrinaciones (1901). En El viaje a Nicaragua e Intermezzo tropical recolle as impresións que lle produciu o seu breve retorno a Nicaragua en 1907.

Crítica literaria.

Ten grande importancia no conxunto da súa produción a colección de descricións Los raros (1896), unha especie de vademécum para o interesado na nova poesía. Críticas doutros autores están recollidas en Opiniones (1906), Letras (1911) e Todo al vuelo (1912).

Rubén Darío e o Modernismo

[editar | editar a fonte]

Rubén Darío cítase xeralmente como o iniciador e máximo representante do Modernismo hispánico. Se ben isto é certo a grandes liñas, é unha afirmación que debe matizarse. Outros autores hispanoamericanos, como José Santos Chocano, José Martí, Salvador Díaz Mirón ou Manuel Gutiérrez Nájera, por citar algúns, comezaran a explorar esta nova estética antes incluso de que Darío escribise a obra que tradicionalmente se considerou o punto de partida do Modernismo, o seu libro Azul... (1888).

Malia todo, non se pode negar que Darío é o poeta modernista máis influente e o que maior éxito acadou, tanto en vida como despois da morte. O seu maxisterio foi recoñecido por numerosísimos poetas en España e en América, e a súa influencia nunca deixou de facerse sentir na poesía en lingua castelá. Ademais, foi o principal artífice de moitos achados estilísticos emblemáticos do movemento, como a adaptación á métrica castelá do alexandrino francés.

Ademais, foi o primeiro poeta que articulou as innovacións do Modernismo nunha poética coherente. Voluntariamente ou non, sobre todo a partir de Prosas profanas, converteuse na cabeza visible do novo movemento literario. Se ben nas "Palabras liminares" de Prosas profanas escribira que non desexaba coa súa poesía marcar o rumbo dos demais, no "Prefacio" de Cantos de vida y esperanza refírese ó movemento de liberdade que me tocou iniciar en América, o que indica claramente que se consideraba o iniciador do Modernismo. A influencia nos seus contemporáneos foi inmensa: desde México, onde Manuel Gutiérrez Nájera fundou a Revista Azul, sendo xa o propio título unha homenaxe a Darío, ata España, onde foi o principal inspirador do grupo modernista do que sairían autores tan relevantes como Antonio Machado, Ramón del Valle-Inclán ou Juan Ramón Jiménez, pasando por Cuba, o Perú e a Arxentina, apenas hai un só poeta nos anos 1890-1910 quen de subtraerse ó seu influxo. A evolución da súa obra marca ademais as pautas do movemento modernista: se en 1896 Prosas profanas significa o triunfo do esteticismo, Cantos de vida y esperanza (1905) anuncia xa o intimismo da fase final do Modernismo, que algúns críticos denominaron posmodernismo.

Rubén Darío e a Xeración do 98

[editar | editar a fonte]

Desde a súa segunda visita a España, Darío converteuse no mestre e inspirador dun grupo de mozos modernistas españois, entre os que estaban Juan Ramón Jiménez, Ramón Pérez de Ayala, Francisco Villaespesa, Ramón del Valle-Inclán, e os irmáns Antonio e Manuel Machado, colaboradores da revista Helios, dirixida por Juan Ramón Jiménez.

En varios textos, tanto en prosa como en verso, Darío deu mostra do respecto que lle merecía a poesía de Antonio Machado, a quen coñeceu en París en 1902. Un dos primeiros recoñecementos é unha crónica titulada "Nuevos poetas españoles", que se recolleu no libro Opiniones (1906), onde escribe o seguinte:

Antonio Machado es quizá el más intenso de todos. La música de su verso va en su pensamiento. Ha escrito poco y meditado mucho. Su vida es la de un filósofo estoico. Sabe decir sus enseñanzas en frases hondas. Se interna en la existencia de las cosas, en la naturaleza [4].

Grande amigo de Darío foi Valle-Inclán, des que ámbolos dous se coñeceron en 1899. Valle-Inclán foi un rendido admirador do poeta nicaraguano durante toda a súa vida, e incluso o fixo aparecer como personaxe na súa obra Luces de bohemia, xunto a Max Estrella e ó marqués de Bradomín. Coñecido é o poema que Darío adicou ó autor de Tirano Banderas, que comeza así:

Este gran don Ramón de las barbas de chivo,
cuya sonrisa es la flor de su figura,
parece un viejo dios altanero y esquivo
que se animase en la frialdad de su escultura.

Menos entusiasmo pola obra de Darío manifestaron outros membros da Xeración do 98, como Unamuno ou Baroja. Sobre a súa relación con este último, cóntase unha curiosa anécdota, segundo a que Darío diría de Baroja: "Es un escritor de mucha miga, Baroja: se nota que ha sido panadero", e este último contraatacaría coa frase: "También Darío es escritor de mucha pluma: se nota que es indio".

A influencia de Rubén Darío foi inmensa nos poetas de principios de século, tanto en España como en América. Moitos dos seus seguidores, porén, mudaron pronto de rumbo: é o caso de Leopoldo Lugones, Julio Herrera y Reissig, Juan Ramón Jiménez ou Antonio Machado.

Darío chegou a ser un poeta extremadamente popular, sendo as súas obras memorizadas nas escolas de tódolos países castelanfalantes e imitadas por centos de poetas mozos. Isto, paradoxalmente, resultou prexudicial para a recepción da súa obra. Despois da primeira guerra mundial, co nacemento das vangardas literarias, os poetas volveron as costas á estética modernista, que consideraban anticuada e excesivamente retoricista.

Os poetas do século XX amosaron con respecto á obra de Darío actitudes diverxentes. Entre os seus principais detractores figura Luis Cernuda, que reprochaba ó nicaraguano o seu afrancesamento superficial, a súa trivialidade e a súa actitud "escapista" [5]. En cambio, foi admirado por poetas tan distanciados do seu estilo como Federico García Lorca ou Pablo Neruda, se ben o primeiro referiuse a "su mal gusto encantador, y los ripios descarados que llenan de humanidad la muchedumbre de sus versos" [6]. Pedro Salinas adicoulle o ensaio La poesía de Rubén Darío, en 1948.

O poeta mexicano Octavio Paz, en varios textos dedicados a Darío e ó Modernismo, subliñou o carácter fundacional e rupturista da estética modernista, para el inscrita na mesma tradición da modernidade que o Romanticismo e o Surrealismo [7]. En España, a poesía de Rubén Darío foi reivindicada nos 60 polo grupo de poetas coñecidos como os "novísimos", e moi especialmente por Pere Gimferrer, quen titulou un dos seus libros, en clara homenaxe ó nicaraguano, Los raros.

Rubén Darío foi escasamente traducido a outras linguas, polo que non é moi coñecido fóra dos países castelanfalantes. Algunhas das súas obras, porén, foron traducidas ó inglés (entre outros polo seu compatriota Salomón de la Selva), e o francés.

Listaxe da obra

[editar | editar a fonte]

Poesía (primeiras edicións)

[editar | editar a fonte]
  • Abrojos. Santiago de Chile: Imprenta Cervantes, 1887.
  • Rimas. Santiago de Chile: Imprenta Cervantes, 1887.
  • Azul.... Valparaíso: Imprenta Litografía Excelsior, 1888.
  • Primeras notas, [Epístolas y poemas, 1885]. Managua: Tipografía Nacional, 1888.
  • Prosas profanas y otros poemas. Buenos Aires, 1896.
  • Cantos de vida y esperanza. Los cisnes y otros poemas. Madrid, Tipografía de Revistas de Archivos y Bibliotecas, 1905.
  • Oda a Mitre. París: Imprimerie A. Eymeoud, 1906.
  • El canto errante. Madrid, Tipografía de Archivos, 1907.
  • Poema del otoño y otros poemas, Madrid: Biblioteca "Ateneo", 1910.
  • Canto a la Argentina y otros poemas. Madrid, Imprenta Clásica Española, 1914.
  • Lira póstuma. Madrid, 1919.

Prosa (primeiras edicións)

[editar | editar a fonte]
Obras completas v. IV (1924), ilustrado por Máximo Ramos.
  • Los raros. Buenos Aires: Talleres de "La Vasconia", 1906.
  • España contemporánea. París: Librería de la Vda. de Ch. Bouret, 1901.
  • Peregrinaciones. París. Librería de la Vda. de Ch. Bouret, 1901.
  • La caravana pasa. París: Hermanos Garnier, 1902.
  • Tierras solares. Madrid: Tipografía de la Revista de Archivos, 1904.
  • Opiniones. Madrid: Librería de Fernando Fe, 1906.
  • El viaje a Nicaragua e Intermezzo tropical. Madrid: Biblioteca "Ateneo", 1909.
  • Letras (1911)
  • Todo al vuelo. Madrid: Juan Pueyo, 1912.
  • La vida de Rubén Darío escrita por él mismo. Barcelona: Maucci, 1913.
  • La isla de oro (1915) (inconclusa).
  • Historia de mis libros. Madrid, Librería de G. Pueyo, 1916.
  • Prosa dispersa. Madrid, Mundo Latino, 1919.

Obras completas

[editar | editar a fonte]
  • Obras completas. Prólogo de Alberto Ghiraldo. Madrid: Mundo Latino, 1917-1919 (22 volumes).
  • Obras completas. Edición de Alberto Ghiraldo e Andrés González Blanco. Madrid: Biblioteca Rubén Darío, 1923-1929 (22 volumes).
  • Obras poéticas completas. Madrid: Aguilar, 1932.
  • Obras completas. Edición de M. Sanmiguel Raimúndez e Emilio Gascó Contell. Madrid: Afrodisio Aguado, 1950-1953 (5 volumes).
  • Poesías. Edición de Ernesto Mejía Sánchez. Estudo preliminar de Enrique Ardenson Imbert. México: Fondo de Cultura Económica, 1952.
  • Poesías completas. Edición de Alfonso Méndez Plancarte. Madrid: Aguilar, 1952. Edición revisada, por Antonio Oliver Belmás, en 1957.
  • Obras completas. Madrid: Aguilar, 1971 (2 volumes).
  • Poesía. Edición de Ernesto Mejía Sánchez. Caracas: Biblioteca Ayacucho, 1977.
  1. A idea que Darío se forxara verbo do pitagorismo ten menos que ver co que era o verdadeiro pensamento de Pitágoras que coa imaxe que do mesmo daba un clásico do esoterismo, Os grandes iniciados: un estudo da historia secreta das relixións, obra de Edouard Schuré. Neste libro, Pitágoras era descrito como un iniciado na sabedoría oculta, xunto con outros nomes, reais ou míticos, da historia das relixións (como Rama, Krishna, Hermes, Moisés, Orfeo, Platón ou Xesús).
  2. Como Octavio Paz, en Los hijos del limo, e Cathy Login Jrade, na súa obra sobre a influencia do pensamento esotérico na poesía de Darío (véxase bibliografía)
  3. En edicións posteriores, esta obra editouse co título de Autobiografía. É un libro moi útil para coñecer a traxectoria biográfica do autor, se ben non está exento de inexactitudes (voluntarias ou non).
  4. Citado en José Luis Cano, Españoles de tres mundos. Madrid: Seminarios y Ediciones S.A., 1974 (ISBN 84-299-0064-0), p. 84
  5. Luis Cernuda, "Experimento en Rubén Darío", en Prosa I, Madrid: Siruela, 1994 (ISBN 84-7844-214-6); pp. 711-721
  6. "Discurso al alimón de Federico García Lorca y Pablo Neruda sobre Rubén Darío", en Federico García Lorca, Obras completas III. Prosa, Barcelona: Galaxia Gutenberg, 1996 (ISBN 84-8109-090-5); pp. 228-230.
  7. Octavio Paz, art. cit., p. 27

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fernández, Teodosio: Rubén Darío. Madrid, Historia 16 Quórum, 1987. Colección "Protagonistas de América". ISBN 84-7679-082-1.
  • Ferreiro Villanueva, Cristina: Claves de la obra poética de Rubén Darío. Madrid:Ciclo Editorial, 1990. ISBN 84-87430-79-1.
  • Litvak, Lily (ed.): El Modernismo. Madrid: Taurus, 1986. ISBN 84-306-2081-8.
  • Login Jrade, Cathy: Rubén Darío y la búsqueda romántica de la unidad. El recurso modernista a la tradición esotérica. México: Fondo de Cultura Económica, 1986. ISBN 986-16-2480-7.
  • Ruiz Barrionuevo, Carmen: Rubén Darío. Madrid: Síntesis, 2002. ISBN 84-9756-048-5.
  • Salinas, Pedro: La poesía de Rubén Darío. Barcelona: Península, 2005. ISBN 84-8307-650-0.
  • Vargas Vila, José María: “Rubén Darío". 1917.
  • Ward, Thomas: “El pensamiento religioso de Rubén Darío: Un estudio de Prosas profanas y Cantos de vida y esperanza.” Revista Iberoamericana 55 (xaneiro-xuño 1989): 363-375.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]