[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Rakı

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Brindando con rakı.

Rakı (ou raki) é un licor anisado sonado en Turquía (en turco rakı, en turco otomán "راقى" [ɾaˈkɯ]), pero no estranxeiro aparece a miúdo grafado coma raki.[1] É semellante a varias bebidas alcólicas que se poden atopar no Mediterráneo e zonas dos Balcáns como: pastis, sambuca, arak, ouzo, tsikoudia, tsipouro e mastika. Elaborado a partir de varias froitas, pero polo xeral empréganse uvas e uvas pasas na súa produción.

Características

[editar | editar a fonte]

En Turquía dita bebida é considerada o licor nacional (é moi típico bebela xunto a uns entrantes turcos ou meze). Xeralmente tómase mesturado cunha parte igual de auga. Cando se engade a auga, a mestura adquire unha cor esbrancuxada, que é onde a bebida consegue o seu coñecido sobrenome, Aslan Sütü, que significa o "leite do león".[2]

Ademais do rakı, que se mestura con auga no seu propio vaso, adóitase beber rakı cunha bebida separada (auga neste caso) pero complementaria. Para o bebedor ocasional de rakı, é conveniente tomar tamén un vaso de auga fría.

No Imperio Otomán, até o Século XIX, os meyhanes (restaurantes tradicionais turcos) dirixidos por turcos e albaneses[3] dedicábanse principalmente a servir viño, xunto con Meze, debido ás restricións relixiosas impostas por varios sultáns. Aínda que había moitos musulmáns entre os asistentes aos meyhanes, as autoridades da xaria ás veces impuñan penas. Coa atmosfera relativamente liberal da época Tanzimat (1839-1876), a asistencia aos meyhanes entre os musulmáns aumentou considerabelmente, e o rakı converteuse nunha bebida favorita entre os clientes. A finais de século, o rakı tomou a súa forma estándar actual e o seu consumo superou ao do viño.

Durante este período, o rakı era producido pola destilación do follo das uvas (cibre) obtido durante a fermentación do viño. Cando a cantidade de bagazo non era de abondo, íanse agregando bebidas alcólicas importadas de Europa. Se non se engadía anís, tomaba o nome de Duz Rakı (raki), mentres que o rakı preparado coa adición de xarope de goma foi denominado Sakiz Rakısı (Raki de goma) ou "Mastika", especialmente se se producía na illa de Tenedos.

Co colapso do Imperio Otomán e a creación da moderna República de Turquía, o Rakı de uva comezou a ser destilado pola empresa estatal de monopolio dos alcois Tekel (que literalmente significa "unha soa man" ou "Monopolio"), coa primeira fábrica inaugurada en 1944 en Esmirna. Ao aumentar a produción de azucre de beterraba, Tekel tamén empezou a destilar o alcol de melaza e introduciuse unha nova marca de rakı, feito a base de azucre-alcol de beterraba, co nome de "Yeni Rakı" (literalmente, "Novo Rakı"). A melaza deu a este rakı novo un sabor amargo distintivo e contribuíu a que se popularizase máis esta bebida.

Hoxe en día, co incremento da competencia do sector privado e a privatización de Tekel en 2004, xurdiron novas marcas e tipos de rakı, con cadansúa composición e método de produción, a pesar de que as calidades xerais da bebida en xeral mantivéronse coherentes, tales como Efe Rakı, Cilingir Rakı, Mercan Rakı, Fasil Rakı, Burgaz Rakı, Ata Rakı e Anadolu Rakı. Sarı Zeybek Rakısı, outra marca recente, é unha bebida envellecida en barricas de carballo, o cal lle dá unha cor dourada distintiva.

Tipos de Rakı

[editar | editar a fonte]

O rakı estándar é un produto de uva, aínda que pode ser producido tamén a partir de figos. O rakı obtido a base de figos é especialmente popular nas provincias do sur de Turquía, chámaselle incir boğmaisı, incir rakısı (rakı de figos), ou en árabe, Tini. Tekel deixou de producir o Rakı de figos en 1947.

Suma Raki, é dicir, o rakı destilado antes da adición do anís, é producido xeralmente a partir de uvas pasas, porén as fábricas de rakı de viño establecidas en zonas de produción de viño, como Tekirdağ, Nevsehir e Esmirna, tamén poden utilizar as uvas frescas para obter rakı de alta calidade. Recentemente, o Yas Uzum rakısı (rakı de uva fresca) volveuse máis popular en Turquía. Unha marca recente, Efe rakı, foi a primeira compañía en producir raki exclusivamente do zume de uva fresca, chamado Efe Yas Uzum Rakısı (Rakı Efe de uva fresca). Tekirdağ Altın Seri (Tekirdağ Etiqueta Dourada) seguiu a tendencia e moitos outros foron producidos por outras empresas.

As máis coñecidas e populares marcas de raki, con todo, seguen a ser Yeni Raki, producido orixinalmente por Tekel, que transferiu os dereitos de produción a Mey Alkol coa privatización en 2004 de Tekel e Tekirdağ Rakısı da rexión de Tekirdağ, que é sonado polo seu sabor característico, que disque se debe á auga das fontes artesianas de Çorlu utilizadas na súa produción. Yeni Rakı ten un contido de alcol de 45% e 1,5 gramos por litro de anís; Tekirdağ Rakısı é de 45% ABV e ten 1,7 gramos por litro de anís. Hai tamén dúas marcas de alta calidade chamadas Kulüp Rakısı e Altınbaş, cun 50% de alcol.

Dip rakısı (rakı de abaixo) é o rakı que ficou no fondo dos tanques durante a produción. O rakı de fondo pénsase que captura mellor o recendo mesto e o sabor, e chámaselle özel Rakı (rakı especial). Polo xeral non se conseguen comercialmente, pois as fábricas de rakı resérvanos como un agasallo de prestixio para os grandes clientes.

  1. Bebidas Alcohólicas Destiladas.
  2. Turkish Raki (Arack).
  3. Inna Naroditskaya, Linda Phyllis Austern.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]