Pioneiros mormóns
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2015.) |
Os pioneiros mormóns eran membros da Igrexa de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días, tamén coñecidos como Santos dos Últimos Días, que emigraron a través dos Estados Unidos desde o Medio Oeste ata o Val de Lago Salgado, no que é hoxe o Estado de Utah. A viaxe, que realizaron unhas 70.000 persoas, iniciouse en abril de 1847 e concluíu coa terminación da primeira liña de ferrocarril transcontinental en 1869.
Antecedentes á migración
[editar | editar a fonte]A Igrexa de Xesucristo dos Santos dos Últimos Días foi fundada en abril de 1830 por Joseph Smith e un pequeno grupo de seguidores, inaugurando entre o cristianismo do leste dos Estados Unidos elementos teolóxicos novos, con tendencias restauracionistas.
Compañía de vangarda de 1847
[editar | editar a fonte]Establecendo unha percepción favorable do territorio de Utah e aprobándose o éxodo, organizouse unha compañía de vangarda para abrir o camiño do oeste ata as Montañas Rochosas, recoller información sobre as condicións do camiño, incluíndo fontes de auga e tribos de amerindios, e seleccionar, en última instancia, o punto central na Gran Cunca, no que establecerían o seu refuxio. O obxectivo principal era arribar a un punto de división entre os territorios de Oregón e California, aproximadamente no paralelo 42, onde se marca unha división climática.
A compañía inicial seleccionaría e abriría un camiño principal, coa expectativa de que os pioneiros posteriores a mantivesen e mellorasen. Esperábase que o grupo puidese, onde for posible, establecer vaos e transbordadores e sementar e cultivar coas técnicas de irrigación que se requirisen. A finais de febreiro, fixéronse os plans para recoller os botes portátiles, os mapas, os instrumentos científicos, os instrumentos de granxa e as sementes. Elixiuse unha ruta nova no lado do norte do río Platte, un afluente do río Missouri, para evitar interferir cos viaxeiros que estableceran o popular Oregon Trail no lado sur do mesmo río. Dadas as necesidades dun grupo tan numeroso, os líderes da igrexa SUD decidiron evitar conflitos potenciais sobre os dereitos de pastoreo, o acceso á auga os sitios para acampar establecidos por exploradores do pasado.
O grupo conformárono 143 homes, incluíndo tres escravos negros e oito membros do Quórum dos doce Apóstolos, tres mulleres e dous nenos. A compañía contivo 73 carromatos, un canón, 93 cabalos, 52 mulas, 66 bois, 19 vacas, 17 cans e algúns pitos. Levaban suficientes provisións para un ano. Dividiuse este grupo en 14 compañías, cada unha cun capitán designado. Ante a posibilidade dun ataque por parte de nativos americanos, formouse unha milicia e gardas nocturnas.
A travesía
[editar | editar a fonte]O 15 de abril de 1847 o grupo de carromatos comezou a súa travesía. O campamento levantábase ás 5 da mañá para emprender viaxe ás 7 da mañá. A viaxe e as súas faenas diarias debían terminar ás 8:30 da noite e o campamento debíase deitar ás 9 pm. Viaxaban seis días á semana, xeralmente descansando o domingo para observaren o día de repouso.
"Nas chairas, logo dun día de marcha, púñanse os carromatos en círculo, un home cun violín tomaba o seu lugar preto da cacharela e alí mesmo, na pradería, os tenaces pioneiros, logo de ofrecer unha oración, tomábanse da man e púñanse a bailar e a gozar dun entretemento que fomentaba o espírito do Evanxeo.David McKay, Conference Report, abril de 1920
Algúns membros da compañía tiñan funcións específicas. Por exemplo, William Clayton foi nomeado escriba da compañía. Debía redactar unha descrición precisa do día de viaxe e a distancia percorrida. Para non ter que contar as voltas da roda dunha carreta para medir a distancia percorrida, deseñou xunto con Orson Pratt, matemático, un mecanismo que rexistraba as revolucións da roda. O percorrido medio era de entre 22 e 32 km diarios. Orson Pratt, un dos apóstolos da Igrexa, foi nomeado observador científico. Tomou notas sobre as formacións xeolóxicas e os recursos minerais e describiu plantas e animais. Outros membros tiñan faenas laborais, como espantar as mandas de decenas de miles de búfalos do camiño para permitiren o paso das compañías.
O primeiro segmento da viaxe, desde Winter Quarters ata o Forte Laramie, levou seis semanas, arribando a compañía ao forte o 1 de xuño. En Fort Laramie uníronse ao grupo de vangarda membros do Batallón Mormón. Tamén no grupo atopábanse fieis provenientes de Mississippi, quen tomaran unha ruta máis cara ao sur en dirección á Gran Cunca. Durante a última semana de xuño, Sam Brannan, líder do barco de mormóns emigrantes Brooklyn, atopouse coa compañía de vangarda cerca do pobo de Green River, en Wyoming. A compañía continuou a súa ruta polo chamado Paso do Sur (South Pass), descenderon o río Verde en balsas ata chegar a Fort Bridger o 7 de xullo. Ao mesmo tempo, uníronse a eles outros trece membros do destacamento de enfermos do Batallón Mormón.
Para franquear os pasos das Montañas Rochosas seguiron o camiño deixado polos buscadores de ouro do Grupo Donner. A compañía dividiuse en tres seccións. Creouse unha terceira división de recoñecemento para adiantarse polas montañas sobre a ruta designada.
O Val do Lago Salgado
[editar | editar a fonte]O 21 de xullo de 1847, a primeira compañía chegou ao Val do Lago Salgado. Os exploradores fixeron un circuíto de recoñecemento duns 19 km no val antes de volver ao grupo máis grande. O día seguinte, exploráronse zonas máis amplas do val foron, localizáronse regatos e fontes de augas termais e estableceuse o primeiro campamento. O 28 de xullo estableceuse o lugar para o futuro Templo de Salt Lake City e discutiuse un plano da cidade.
Para decembro de 1847, máis de dous mil mormóns completaran a viaxe ao Val do Lago Salgado. Varios centos deles regresaron ao leste para congregar e organizar travesías programadas para os anos seguintes. Cada ano, durante as subsecuentes migracións mormoas, continuáronse organizando ás persoas en compañías, que se dividían en grupos de 10 e 50.
Condicións da viaxe
[editar | editar a fonte]Os pioneiros viaxaron desde o Val do Lago Salgado ata a Gran Cunca usando carromatos, carretas de man e, nalgúns casos, cargando persoalmente coas súas pertenzas. Os carromatos de bois eran frecuentes, en particular en compañías con mellores recursos. Aínda que existen evidencias de ocasionais desvíos e atallos, a viaxe ao longo das ribeiras do río Platte e a través do río Sweetwater chegou a ser coñecida como o traxecto mormón (inglés: Mormon Trail).
Os recursos financeiros dos membros da Igrexa eran variables. Moitas das familias sufriran polas perdas das súas propiedades en Missouri e Illinois. Os fondos da igrexa eran tamén limitados, pero os líderes lograron prover os recursos para asistir o mellor posible ás familias e ás compañías no seu tránsito pioneiro. En outubro de 1845, mentres os Santos dos Últimos Días se preparaban para partir de Nauvoo, un xornal local, o Nauvoo Neighbor, imprimiu unha exhaustiva lista de provisións suxeridas para cada carreta familiar: 2 ó 3 xuntas de bois , 2 vacas leiteiras, outros animais, armas e municións, 7 quilos de ferro, poleas e cordas, equipo de pesca, para granxas e de cociña, así como maquinaria, e polo menos 500 kg de fariña e outros alimentos. Algúns pioneiros sobreestimaron a cantidade de bens que podían cargar e, a medida que os bois se debilitaban polo exceso de peso, víanse na necesidade de alixeirar os carros descartando posesións preciosas, incluíndo coleccións {{Literatura|literarias]], utensilios e mobles. Algunhas das compañías máis numerosas estaban constituídas maiormente por persoas de menos recursos, que empuxaron as súas carretas con todas as posesións que podían cargar. Moitos destes pioneiros camiñaron a maioría do traxecto mentres as súas familias viaxaban sobre as carretas, desde Iowa, unha distancia de 2.090 quilómetros.
Debido ao clima nesa rexión, a mellor época para viaxar era entre abril e setembro. Con todo, algunhas compañías empezaron tarde o seu percorrido, o que causou dificultades e, nalgúns casos, desastres.
O barco Brooklyn
[editar | editar a fonte]En novembro de 1845 pedíuselle a Samuel Brannan, xornalista e pequeno publicista do xornal mormón The Prophet (logo chamado The New York Messenger) que fletase un barco de pasaxeiros desde os Estados Unidos ao territorio de California. En só dous meses, Brannan foi quen de recrutar 70 homes, 68 mulleres e 100 nenos, 238 persoas en total. Brannan negociou a pasaxe de 75 dólares por adulto e a metade para os nenos, co capitán Abel W. Richardson, mestre e principal propietario do barco Brooklyn. O 4 de febreiro de 1846, o mesmo día que comezara o éxodo mormón desde Nauvoo, o Brooklyn comezou a súa viaxe de case 6 meses rumbo á costa do Pacífico do entón Territorio Mexicano de California. A nave pesaba 445 toneladas curtas, medía 38 x 8.5 x 4.25 m (125' x 28' x 14') e foi construída en 1834 por Joseph H. Russell, de Newcastle, Maine.
A viaxe chegou a ser a travesía máis longa cuberta por unha compañía emigrante mormoa. O barco fíxose ao mar desde o porto de Brooklyn, Nova York. Viaxou ao sur atravesando o ecuador atlántico, ao redor do Cabo de Fornos e detívose no arquipélago Juan Fernández. Botou áncora logo nas illas de Hawai ata que finalmente atracou en San Francisco o 29 de xullo de 1846, investindo na viaxe 5 meses e 27 días.
Augusta Joyce Crocheron, pasaxeira do barco Brooklyn, describiu a viaxe:
No que respecta aos praceres da viaxe, atopámonos con decepcións, pois nunha ocasión a calma deixounos parados por falta de vento nos trópicos, e noutra oportunidade estivemos debaixo, metidos nas bodegas a causa dunha terrorífica tormenta. As mulleres e os nenos tiveron que ser amarrados aos seus camarotes durante a noite, pois de ningunha outra forma podían permanecer neles. O mobiliario rodaba dun lado ao outro, poñendo en perigo extremidades e vidas. As olas varrían a cuberta e ata alcanzaron os camarotes... Os choros dos nenos na escuridade, as voces das súas nais acougando ou reprimindo, as dos homes alzadas por sobre as outras voces, todas mesturadas cos angustiados xemidos dos enfermos implorando socorro e, por sobre todo, o ruxido do vento e o ouvear da tempestade, fixeron unha escena e sentimentos indescritibles.
Esta perigosa viaxe marítima cubriu preto de 24.000 millas (39.000 km), cobrándose as vidas de 10 das 238 persoas que había a bordo da nave, nove das cales foron sepultadas en mar aberto. Dous novos pasaxeiros naceron durante este éxodo marítimo.
Migración subsecuente
[editar | editar a fonte]Logo da partida dos Santos dos Últimos Días de Illinois e Missouri, os conversos doutras áreas dos Estados Unidos e Europa seguiron o traxecto inicial para unirse ao corpo da igrexa en Salt Lake City. Cada ano, desde 1847 ata 1869, membros da igrexa facían a viaxe en grupos organizados en compañías. A migración continuou ata 1890, pero aqueles que chegaron ao val do Lago Salgado no recentemente creado ferrocarril da primeira liña transcontinental estadounidense (1869), polo xeral, non son considerados parte dos «pioneiros mormóns».
Colonización do deserto
[editar | editar a fonte]Ao chegar ao Val do Lago Salgado, os pioneiros mormóns tiveron que facerse un lugar para vivir. Crearon sistemas de irrigación, asentaron granxas, aceas, curtidoras, construíron casas, igrexas e escolas e estableceron novas industrias de algodón, la, remolacha azucreira etc. O acceso á auga foi un elemento crucial na colonización da área. Case de inmediato creáronse partidas de exploradores para identificar lugares axeitados para establecer novas comunidades. Pouco despois estableceuse a comunidade de Bountiful (Utah), ao norte.
En 1848 os colonos compraron terras aínda máis ao norte, no que agora é Ogden (Utah). Logo, en 1849, fundáronse as comunidades no Condado de Utah, incluíndo Provo (Utah). Tamén nese ano, por invitación do xefe Wakara, da tribo de Utes, os pioneiros entraron ao Val de Sanpete, no centro do actual Estado de Utah, onde se estableceu o pobo de Manti. Fillmore, lugar no que estaba previsto erguer a capital do novo territorio, estableceuse en 1851. En 1855 os esforzos misionais dirixidos ás culturas nativas locais trouxeron como consecuencia a creación de postos fronteirizos, en Idaho, Las Vegas, Nevada e Elk Mountain, ao leste de Utah, tales como o Fort Lemhi e Salmon River.
A petición en 1849 de converterse nun Estado da Federación foi negada polo goberno estadounidense. En 1852, con novas leis no país norteamericano prohibindo a poligamia, aumentaron as tensións co goberno do país. O masacre de Mountain Meadows trouxo como consecuencia o envío de milicias despachadas de parte do presidente James Buchanan e a asignación dun novo gobernador, Alfred Cummings, un non-mormón que finalmente logrou popularidade entre os santos. Co tempo logrouse a paz cos Estados Unidos e Utah ingresou como o Estado número 45, en xaneiro de 1896, o último en ser admitido á unión estadounidense no século XIX.