[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Pechenego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os pechenegos ou patzinakos (en grego: Πατζινάκοι, Πετσενέγοι ou Πατζινακίται; en latín: Pacinacae ou Bisseni; húngaro: Besenyő; búlgaro: печенеги; ruso: Печенеги; ucraíno: Печеніги) foron un pobo seminómade das chairas da Asia Central que falaban unha lingua turca[1] e invadiron Europa oriental e central arribando a Bulgaria, Hungría e Ucraína ao redor do século IX.

Orixes e área

[editar | editar a fonte]

As teorías sobre as súas orixes son diversas. A primeira noticia que se ten dos pechenegos é nas crónicas chinesas da dinastía Sui (581-618) compilada pouco despois. Nas crónicas fálase de catro confederacións bárbaras entre Bizancio e o mar Caspio; unha delas, a segunda xeograficamente, sería a dos Pei-ju (* pək-njiwok) polos arredores da actual Tashkent. Paul Pelliot identificou ese nome con Pecheneg (Pachanag), e esta hipótese é, xeralmente, aceptada no mundo académico.

Segundo unha delas, os pechenegos proveñen dos wusun da Asia Central, que foron rexistrados nas crónicas chinesas dos primeiros séculos da nosa era. Verdade ou non, os pechenegos xorden nos documentos históricos só a partir do século VIII ou IX, nos que habitaban a rexión entre o baixo Volga, o Don e os Urais.

Segundo Omeljan Pritsak, os pechenegos son descendentes dos antigos Kangars que eran orixinarios de Tashkent. As inscricións Orkhon listaban aos kangars entre os pobos suxeitos ao Khaganato turco oriental. Pritsak, afirma que a patria dos pexenegos estaba situada entre o mar de Aral e o curso medio do Sir Daria, ao longo das importantes rutas comerciais que conectan Asia central con Europa do Leste, e asóciaos ao Kangars.[2]

Segundo o escrito en 950 por Constantino Porfiroxénito, Patzinakia, o reino pechenego, atopábase ao oeste, no río Siret (ou mesmo nos Cárpatos orientais) e atopábase a catro días de distancia de «Tourkias», é dicir, Hungría:

Patzakia está dividida en oito provincias e posúe o mesmo número de príncipes. As provincias son as que seguen: Irtim, Tzour, Gyla, Koulpei, Charaboi, Talmat, Chopon e Tzopon. Nos tempos nos que os pechenegos foron expulsados da súa patria, os seus príncipes eran: na provincia de Irtim, Baitzas; en Tzour, Konek; en Gyla, Kourkoutai; en Koulpei, Ipaos; en Charaboi, Kaidoum; en Talmat, Kostas; en Chopon, Giazis e en Tzopon, Batas.
Constantino Porfiroxénito, De Administrando Imperio, aprox. 950[3]
Europa do Leste, cos pobos que rodeaban aos pechenegos, aprox. 1015.

Alianza con Bizancio

[editar | editar a fonte]

A partir do século IX e X controlaron a maioría das chairas da Eurasia suroccidental e a Península de Crimea. Malia ser unha forza importante na rexión, como a maioría das tribos nómades o seu concepto de Estado non pasou do éxito inmediato dos ataques sobre pobos veciños e curtas alianzas como mercenarios para outras potencias.

No século IX, os bizantinos aliáronse cos pechenegos para manter baixo control a outras tribos máis perigosas, como os varegos ou os maxiares. Esta fora a política do vello imperio (divide e vencerás), continuada polos seus sucesores bizantinos ao pór a mal unhas tribos con outras.

Os uzos, outro pobo túrquico das chairas, finalmente expulsaron os pechenegos da súa patria. No proceso roubáronlles os seus rabaños e outros bens. Unha alianza dos oghuz, os kimekos e os qarluq estaba a premer, á súa vez, aos pechenegos, mais foi outro grupo, os samánidas, quen derrotou esa alianza. Levados aínda máis ao oeste polos xázaros e os cumanos no ano 889, os pechenegos tiveron que expulsar aos maxiares cara ao oeste do Dniéper en 892.

En 894, os búlgaros entraron en guerra con Bizancio. A comezos de 895, o Emperador León VI o Sabio pediu axuda aos maxiares, quen enviaron un exército a Bulgaria baixo o mando dun adaíl chamado Levente. Este realizou unha brillante campaña e penetrou en Bulgaria, mentres que os bizantinos entraron polo sur do país. O tsar Simeón I, apresado entre as forzas maxiares e bizantinas, decatouse de que non podía loitar en dúas frontes e asinou un armisticio ao momento co Emperador bizantino.

Este tsar, así mesmo, utilizou aos pechenegos para defenderse dos maxiares. Os pechenegos tiveron tanto éxito que expulsaron os maxiares que quedaban en Etelköz e as chairas do Mar Negro, obrigándoos a retirarse ao baixo Danubio, a Transdanubia e á chaira de Panonia, onde máis tarde fundarían o Estado húngaro.

Historia e declive

[editar | editar a fonte]

Desde o século IX os pechenegos comezaron unha nada doada relación co Rus de Kíiv. Durante máis de dous séculos lanzaron razzias ás terras de Rus, que en ocasións chegaron a ser guerras a grande escala (como a de 920, levada a cabo por Ígor de Kíiv, que aparece na Crónica de Néstor), aínda que tamén houbo algunha que outra alianza militar (por exemplo en 943, na que Ígor fixo unha campaña contra Bizancio). En 968, os pechenegos atacaron e cercaron a cidade de Kíiv. Parte do seu exército aliouse ao príncipe Sviatoslav I de Kíiv na súa campaña bizantina de 970-971, aínda que finalmente os pechenegos emboscáronse e mataron o príncipe en 972 e, segundo a Crónica de Néstor, o jan pechenego Kurya fixo un cáliz co seu cranio, un costume dos nómades esteparios. A historia dos enfrontamentos entre a Rus e os pechenegos cambiou durante o reinado de [[Vladimiro I de Kíiv]] (990-995), pero foi seguido dunha derrota dos nómades tralo reinado de Yaroslav I o Sabio (1037). Pouco despois os pechenegos foron substituídos nos territorios que rodeaban Kíiv por outro pobo chairego, os cumanos ou polovtsianos.

Tras séculos de loitas con todos os seus veciños (bizantinos, búlgaros, rusos de Kíiv, xázaros e maxiares), os pechenegos foron esnaquizados na batalla de Levounion por un exército combinado de bizantinos e cumanos que lideraba o emperador Aleixo I Comneno en 1091. A isto seguiulle un ataque cumano, co que foron case todos asasinados ou absorbidos. Foron derrotados de novo polos bizantinos na batalla de Beroia en 1122. Durante un tempo quedaron comunidades considerables en Hungría, mais finalmente os pechenegos deixaron de ser un pobo con identidade propia, sendo asimilados polos seus veciños búlgaros, maxiares e gagauzos.

  1. Kurat, Akdes Nimet (1937). Peçenek Tarihi. Istambul: DEVLET BASIMEVİ pp. 22–26.
  2. Pritsak 1975, pp. 211-212
  3. Constantino Porphyrogenitus: De Administrando Imperio (cap. 37), p. 167

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Pritsak, Omeljan (1975). "The Pechenegs: A Case of Social and Economic Transformation". Archivum Eurasiae Medii Aevi (1): 211–235. ISSN 0724-8822.