[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Neko Majin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Neko Majin
ネコマジン
(Neko Majin)
Manga
Creado por Akira Toriyama
Editor Shūeisha
Publicado en Shōnen Jump Semanal,
Shōnen Jump Mensual
Primeira edición Abril de 1999
Última edición Febreiro de 2005
Núm. de volumes 1 (8 capítulos)

Neko Majin (do katakana: ネコマジン e este, á súa vez, do kanji: 猫魔人, "gato do mal" ou "home gato do mal") é unha curta serie de manga composta por historias independentes de Akira Toriyama, que alcanzaron un total de oito textos, todos eles publicados entre 1999 e 2005. É máis famoso pola súa parte final, Neko Majin Z, que é unha autoparodia, de Dragon Ball, o traballo máis famoso do seu autor.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Orixinalmente tratábase dunha historia de manga dun só capítulo, que non tería relación cos outros traballos de Akira Toriyama. O primeiro capítulo de Neko Majin apareceu na revista semanal Shōnen Jump en abril de 1999 (WJ #22-23). Máis tarde acabouse convertendo nunha autoparodia do manga de Dragon Ball, incluíndo aparicións de personaxes desta, a obra mestra do autor. Para o ano 2005, a serie xa constaba de oito capítulos, dos cales cinco son parodias de Dragon Ball. Estes capítulos foron recompilados nun paquete estilo "kanzenban" para a súa publicación no Xapón, o 4 de abril do 2005.

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Serie orixinal

[editar | editar a fonte]

Tódolos capítulos de Neko Majin foron publicados orixinalmente na revista semanal/mensual Shōnen Jump no Xapón.

  • Neko Majin ga Iru (ネコマジンがいる "Neko Majin está aquí"): abril de 1999 (Shōnen Jump semanal, 1999 #22-23)
  • Neko Majin ga Iru 2 (ネコマジンがいる2 "Neko Majin está aquí 2"): agosto de 1999 (Shōnen Jump semanal, 1999 #37-38)
  • Neko Majin Mike (ネコマジンみけ): agosto de 2003 (Shōnen Jump semanal, 2003 #37-38)
  • Neko Majin Z (ネコマジンZ): xuño do 2001 (Shōnen Jump mensual, 2001 #6)
  • Neko Majin Z 2: agosto do 2003 (Shōnen Jump mensual, 2003 #9)
  • Neko Majin Z 3: febreiro do 2004 (Shōnen Jump mensual, 2004 #3)
  • Neko Majin Z 4: xaneiro do 2005 (Shōnen Jump mensual, 2005 #1)
  • Neko Majin Z 5: febreiro do 2005 (Shōnen Jump mensual, 2005 #2)

Recompilacións

[editar | editar a fonte]

Os oito capítulos están recompilados nun só volume, publicado por Jump Comics de Shueisha.

Información xeral

[editar | editar a fonte]

A serie desenvolveuse en torno ás aventuras de varios personaxes da raza "Neko Majin", un grupo de gatos que teñen o don de usar un chisco de maxia, pero que tamén parecen gozar das bromas pesadas e, aínda máis, das artes marciais. A serie converteuse en Neko Majin Z, centrándose en "Z", unha versión felina completa de Son Goku de Dragon Ball cos seus adornos familiares, coma o bastón máxico, nyoi-bo, e ataques co estilo típico de Dragon Ball Z, coma o "Neko-Hameha", parodia do "Kame-Hameha". Outros motivos familiares aparecen mentres transcorre a serie, incluíndo o fillo de Freezer: Kuriza, un Súper Saiyan gordo chamado Onio, e ata aparicións de personaxes reais de Dragon Ball, coma Vexeta, Majin Bu, e o propio Son Goku. Malia as referencias á famosa Dragon Ball, a serie en si non é unha continuación súa e as numerosas referencias non están pensadas para se integrar coa súa ficción. Por mor de que a conexión entrámbalas dúas historias é moi evidente, engadíronse moitas referencias a Neko Majin Z coma ovos de pascua para a versión xaponesa do videoxogo Dragon Ball Z: Budokai 2, particularmente na forma de Kuriza, como unha aparencia alternativa de Freezer.

Algúns críticos consideran que a existencia de Neko Majin, o seu paso dun capítulo illado a todo un tomo de manga e, especificamente, as autoparodias que realiza Toriyama nestas historias, son o final da vida creativa do seu autor e un signo seguro da súa decadencia como debuxante de manga.

Personaxes notábeis

[editar | editar a fonte]
  • Nekomajin Z
«Nekomajin» literalmente significa «Gato Xenio» en xaponés. Nekomajin Z é descrito coma o Nekomajin máis forte da existencia. Coma outros personaxes de Dragonball Z, pode voar e usa-lo «Nekohameha» (similar ó Kamehameha, agás que é para gatos). No último capítulo da serie revélase que é un discípulo de Son Goku. Non se sabe moi ben como vive, aínda que tenta enganar turistas facéndolles crer que é un oso Koala, cobrando 8 dólares por unha imaxe. Nekomajin dalgún xeito ten a capacidade de se converter nun Súper Saiyan (Súper Nekomajin).
  • Onio
Un personaxe cómico que se burla da imaxe anterior dos Saiyans xa que non son apostos nin cools coma el. Onio aterra na Terra para te-la súa lúa de mel e decide mata-la raza humana para face-la súa casa. É bastante cuspido ó Suppaman dun dos mangas anteriores de Toriyama, o Dr. Slump. Onio anóxase, converténdose nun Súper Saiyan, cando Nekomajin Z toca o peito da súa esposa, pero perde rapidamente nunha escena de loita.
O fillo do vilán de Dragon Ball Z, Freezer, Kuriza é a réplica exacta do seu pai agás a cabeza que ten forma de castaña. Kuriza é chamado por Onio para destruír a Nekomajin Z, pero, pola contra, remata xogando un partido de fútbol con el. Comenta frecuentemente que Nekomajin gasta páxinas con mensaxes e escenas de batalla sen sentido.
O popular personaxe do manga Dragon Ball e o anime Dragon Ball Z é chamado dende a Terra por Kuriza e Onio, que precisan axuda para derrotar a Nekomajin Z. Vexeta descobre que Nekomajin Z é abraiantemente forte, e finxe recibir unha chamada do seu planeta natal para evitar unha embarazosa derrota, comentando que non pensa aparecer noutro manga nunca máis.
Buu fai unha curta aparición para axudar cando Nekomajin Z non pode facer nada contra Usamajin (a versión menos coñecida do coello Nekomajin). O deseño e as habilidades de Nekomajin son obviamente unha copia de Majin Buu.
O protagonista de Dragonball fai a súa aparición no último capítulo de Nekomajin, onde loita e derrota a Nekomajin Z (enganándoo).

Neko Majin noutros idiomas

[editar | editar a fonte]

En xuño de 2006, a editorial española Planeta DeAgostini editou en castelán os oito capítulos de Neko Majin nun tomo único, idéntico ó da edición xaponesa.

En agosto de 2006, a editorial brasileira Conrad editou en portugués o único volume.

En febreiro de 2007, a editorial italiana Star Comix editou a edición completa (Kanzenban) cos 8 capítulos, usando unha encadernación verde no canto do amarelo orixinal.

Por outra banda, este manga non foi oficialmente licenciado en inglés nin traducido. Porén, houbo grupos de fans que o traduciron ó inglés, achegando un chisco máis esta historia ó público.