[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Ido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ido
Creado por: Louis de Beaufront, Louis Couturat1907
Emprego e uso:
Total de falantes: 100–200 (2000)[1]
Categoria (propósito): Linguas artificiais
 Ido
Regulado por: Uniono por la Linguo Internaciona Ido
Códigos de lingua
ISO 639-1: io
ISO 639-2: ido
ISO 639-3: ido
Mapa
Status

O ido é unha lingua planificada coa premisa de servir como linguaxe universal para os falantes das diversas linguas naturais. O ido desenvolveuse a partir do esperanto, especificamente deseñado cunha regularidade gramatical, ortográfica e léxica para facilitar a súa aprendizaxe. O alfabeto é fonético, o que significa que a cada son corresponde só unha letra, e viceversa.

Artigo principal: Historia do Ido.
Louis Couturat foi quen creou o ido e convenceu a Louis de Beaufront, un coñecido esperantista francés, para adherirse á súa causa.

A petición da Delegación para a Adopción dunha Lingua Internacional Auxiliar á Asociación Internacional de Academias en Viena para escoller unha lingua internacional foi desestimada en maio de 1907. A delegación, que fora fundada por Louis Couturat, decidiu reunirse en comité en París en outubro de 1907 para discutir a adopción dunha lingua internacional estándar de entre as competidoras que apareceran nesa época. De acordo coas actas do comité, decidiuse que ningunha lingua cumpría todas as expectativas, pero que o esperanto podería ser aceptada, debido á súa relativa perfección e polas moitas e diversas aplicacións que nesa época xa tiña, baixo a condición de que se realizasen diversas modificacións propostas pola comisión permanente na dirección definida polas conclusións do informe dos secretarios (Couturat e Leopold Leau) e polo Proxecto Ido, que logo foi presentado ao comité como traballo anónimo. O Proxecto Ido foi máis tarde revisado por Couturat con axuda de representantes do esperanto antes de ser presentado ao comité, Louis de Beaufront. Beaufront púxose a favor do esperanto durante o proceso, pero as melloras adoptadas pola nova lingua provocaron a súa "conversión" ao ido, o que supuxo un reforzo das súas posicións iniciais e un acto de coherencia.

Fotografía do Congreso Internacional de Ido en Dessau, Alemaña en 1922.

Os primeiros promotores do esperanto resistíronse ás reformas e o propio inventor, L.L. Zamenhof, non as aceptou. Ironicamente, algunhas reformas adoptadas polo ido foran así mesmo propostas varias veces por Zamenhof, aínda que só propuxo varias reformas para contentar a varios esperantistas que o pediron. En 1894, propuxo eliminar as letras acentuadas por seren "unha barreira na difusión da lingua", eliminar tamén o caso acusativo, cambiar o plural -oj ao italiano -i, e prescindir da concordancia adxectivo-substantivo por considerala un "lastre superfluo".[2] O hábito de manter inamovibles as regras básicas do esperanto aínda permanece grazas ao fundamento de que o esperanto sobreviviu ás guerras mundiais, aos conflitos internos do movemento e a calquera intento de o debilitar. Couturat, que foi o principal impulsor do ido, morreu nun accidente de coche en 1914, o cal, xunto á primeira guerra mundial supuxo un serio revés ao movemento. A pesar de que este se recuperou en certo xeito durante o período de entre-guerras todo o movemento para a instauración dunha lingua internacional sufriu un proceso de fragmentación tras a morte de Couturat. A publicación doutra lingua máis europeizada, o occidental ou interlingue, en 1922 supuxo o inicio dun proceso de atomización da comunidade e o ido perdeu a maior parte das súas publicacións periódicas. A deserción dun dos seus principais promotores, o lingüista danés Otto Jespersen, en 1928 con ocasión da publicación da súa propia linguaxe (o novial), pareceu sentenciar o ido. Despois das guerras mundiais, aos poucos levantouse o movemento idista, pero este comezou a perder membros e case todas as sociedades nacionais desapareceron, incluíndo a Academia de Ido. Actualmente existe un puñado de sociedades que son máis virtuais que reais, aínda que é digna de destacar a sociedade idista de Berlín, o único club idista existente. Este club edita unha revista bilingüe alemán-ido e participa activamente na feira de idiomas de Berlín.

Algúns observadores achacaron o declive do ido ao seu carácter híbrido (parte proxecto de reforma do Esperanto, parte estándar común europeo). Segundo isto, no mesmo instante en que o ido non puido suplantar o esperanto e que non foi adoptado pola comunidade esperantista, moitos viron a convivencia entre ambas as linguas como un peso innecesario e dirixíronse cara a outros proxectos. Moitos tamén preferiron retornar á comunidade esperantista, moito máis numerosa.

Bandeira do ido

Na década de 1930 a decadencia do ido viuse retardada e durante a longa xestación do proxecto da Asociación da Lingua Auxiliar Internacional (en inglés International Auxiliary Language Association, IALA) o movemento idista mantivo unha importancia significativa na matriz da interlingüística.

Como os occidentalistas, moitos idistas esperaban que o IALA producise unha lingua moi similar á da súa preferencia, pero finalmente, a radicalmente naturalista interlingua resultou ser aínda máis diversa que o ido e do extenso occidental e (en contraste co que sucedeu coa comunidade occidentalista) non houbo unha migración importante de partidarios do ido cara á nova lingua.

Neste período a supervivencia do idioma sostívose con recursos financeiros acumulados durante o seu período dourado (por exemplo, o químico Wilhelm Ostwald doou o gañado polo seu Premio Nobel de 1909 a unha fundación idista).

Jespersen, que estivo presente durante os dez días que duraron as deliberacións do comité en París e que logo formou parte da comisión permanente, escribiu unha historia do ido.[3]

Moitos promotores do esperanto atacaron o ido durante anos. Un deles, Don Harlow (ver Don Harlow na Wikipedia en esperanto), escribiu unha historia do ido, concretamente no terceiro capítulo do seu O libro do esperanto, "Como construír unha linguaxe".[4] Algúns criticaron a validez da súa historia, ao que el respondeu nun capítulo, "Ido: Os inicios". Sexa como sexa, os partidarios do ido argumentan que a historia de Harlow non conta co testemuño de todas as partes, como fixo Jespersen. No entanto, está baseada en material doutros testemuños como Émile Boirac e Gaston Moch e con fontes documentais ás cales Jespersen non puido ter acceso (como a correspondencia de Zamenhof con Couturat e outros durante ese período).

A comunidade actual de falantes

[editar | editar a fonte]

A gran maioría de falantes de ido coñeceron a súa existencia tras aprender esperanto, polo que a porcentaxe de idistas que saben esperanto é moito maior que o caso contrario. O maior número de falantes de ido atópase en Alemaña, Francia e España, aínda que en realidade se poden atopar seguidores desta lingua en case trinta países dos cinco continentes, segundo a lista de representantes nacionais que aparece actualizada en cada número de Progreso, órgano oficial da organización mundial idista.

Ao tratarse dunha lingua artificial, é extremadamente difícil saber o número exacto de falantes, pero estímase que pode haber 100 e 200[cando?], e Internet xerou un renovado interese por ela nos últimos anos. En comparación, o esperanto ten polo menos uns centos de miles; incluso o psicólogo retirado Sidney S. Culbert, que liderou un estudo a escala mundial, estima esa cifra en dous millóns. Con todo, moitos esperantistas non cren que esta cifra sexa real, senón que a consideran un pouco esaxerada.

No entanto, é imprescindible distinguir entre o número de falantes de ido e seguidores ou simpatizantes do idioma. Sempre ha ir a remolque do esperanto, e moitos esperantistas aprendérono máis como curiosidade que para usalo e preferiron apoiar o máis coñecido esperanto. É posible atopar en Internet foros trilingües ido-esperanto-lingua nai (inglés, español...), nos cales os diferentes interlocutores se comunican case sen problemas.

Algúns esperantistas viron o cisma do ido como unha bendición e un número de escritos demostran que había interese en ver como os interesados en crear unha lingua perfecta reformándoa constantemente deixaban o campo preparado para que o resto (os esperantistas) puidese traballar en usar e promover a lingua por si mesma. Con todo, estes "reformadores constantes" promoveron outros proxectos de reforma, ningún dos cales sobreviviu moito máis alá das mortes dos seus autores, e o ido permaneceu constante desde entón. Pode dicirse que aínda que a comunidade ido foi nos seus inicios de espírito fortemente renovador, os seus días de cambios constantes terminaron e afianzouse como unha lingua terminada, estable e fácil de aprender.

Comparacións co esperanto

[editar | editar a fonte]

O ido herda moitas das características gramaticais do esperanto, e en moitos casos o vocabulario é similar. Ambas as linguas comparten as metas da simplicidade e da consistencia gramaticais, a facilidade de seren aprendidas, e o uso de palabras raíz de varios idiomas europeos. Os dous idiomas, en gran parte, son mutuamente intelixibles. Con todo, introducíronse certos cambios para tratar algunhas das preocupacións que se presentaron sobre o esperanto. Estes inclúen:

  • O alfabeto esperanto utiliza seis letras non latinas, tres das cales non se atopan en ningunha outra lingua existente; consecuentemente, o esperanto recorre con frecuencia a esquemas para representar letras especiais nun texto mecanografiado e en informática ou Internet. Isto conduce a unha situación na que a mesma palabra pode aparecer escrita de diversas maneiras. O ido trata este inconveniente usando o alfabeto latino de 26 letras, con dous dígrafos "ch" (/t∫/) e "sh" (/∫/), "qu" representa /kw/, como no inglés "quick", utilízase no canto do esperanto kv, e gu utilízase no canto de gv.
  • A ortografía do ido é fonética no sentido de que cada palabra escrita ten unha pronuncia inequívoca, pero non ten a correspondencia unha a unha entre as letras e os fonemas, que o esperanto si que ten.
  • O ido non posúe regras gramaticais de concordancia entre palabras con categoría gramatical distinta dentro dunha oración.
  • En esperanto non se impoñen regras para a orde das palabras na frase, senón que se emprega a terminación -n para sinalar o obxecto directo (acusativo) da oración. Deste xeito cada individuo pode ordenar as frases da maneira que máis cómoda lle resulte respecto da súa lingua nativa. Con todo, entre aqueles falantes de linguas neolatinas úsase unha orde común na frase, coa estrutura suxeito-verbo-obxecto, co que a sinalización do obxecto directo acaba resultando redundante para eles. Por este motivo o Ido elimina o uso da terminación -n para o acusativo cando se use esta orde gramatical concreta, pero débese seguir aplicando o seu uso sempre que se desexe cambiar a estrutura da frase.
  • O esperanto fai un uso intensivo de sufixos e prefixos para transformar unha palabra noutra da mesma familia a partir de raíces sinxelas, de modo que o vocabulario que cumpra aprender para falar esperanto se ve reducido a un número de raíces derivables. Con todo, o uso destes afixos chegou a considerarse indiscriminado por moitos partidarios do Ido. Por iso o Ido elimina algunhas destas palabras transformadas engadindo raíces adicionais para palabras que no esperanto se obteñen por medio de afixos. Tamén impón maior control no uso dos seus afixos, mediante o emprego de regras constantes para evitar abusos e ambigüidades.
  • O ido non asume o sexo masculino por defecto para palabras da mesma familia e non deriva a palabra feminina agregándolle un sufixo feminino á palabra masculina, como o fai o esperanto estándar. En lugar diso, algunhas palabras-raíz defínense como de xénero neutro, e dous sufixos distintos derivan as palabras específicas masculinas e femininas.

Existe, no entanto, unha corrente do esperanto que utiliza un método similar: en esperanto o sufixo para o feminino é -ino (-nj se é nomeado con intención de agarimo, por exemplo en galego "nai" > "mami") e o sufixo, non oficial, para masculino é -iĉo, (porque existe un sufixo, oficial, para nomear algo masculino cariñosamente: -ĉj. Así que se de -nj > -ino, entón loxicamente, de -ĉj > -iĉo).

  • Na medida do posible, o ido tenta usar en todo momento palabras que se asemellen a outras xa existentes na maioría das linguas nas que se basea. O esperanto, con todo, outorga maior prioridade á construción mediante afixos e á gramática (distorsionando ás veces a etimoloxía para facilitar a adhesión de afixos), co obxectivo de evitar unha excesiva preferencia cara ás linguas nas que se basea, tratando de dar un carácter máis neutral.
  • O ido utiliza elisión para evitar a cacofonía. En esperanto, a libre orde das palabras permite evitar o devandito problema.

Literatura e publicacións

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Literatura en ido.

O ido ten algunhas publicacións que admiten subscrición ou descarga de Internet de forma gratuíta na maioría dos casos. Case todas as publicacións reúnen artigos dos temas máis variados e algunhas páxinas dedicadas ao estado no que se atopa o movemento, así como noticias relacionadas. Kuriero Internaciona é unha revista realizada en Francia cada poucos meses. Adavane! é outra publicación editada cada dous meses en España pola Sociedade española de ido que contén unha serie de artigos de interese xeral e aproximadamente unha ducia de páxinas de obras traducidas doutros idiomas. Progreso é o órgano oficial do movemento e a súa voz oficial desde 1908. Poden acharse tamén multitude de libros en ido con historias curtas, fábulas ou proverbios así como unha edición reducida da Biblia traducida.​ A literatura actual en ido é moi precaria e só edítanse algúns libros de poucas páxinas cada ano.

  1. Blanke (2000), cited in Sabine Fiedler "Phraseology in planned languages", Phraseology / Phraseologie, Walter de Gruyter 2007. pp. 779.
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2006. Consultado o 11 de decembro de 2006. 
  3. Jespersen, Otto. History of our Language (Ido) de 1912 [1]. Traducido do orixinal en ido
  4. Harlow, Don. How to Build a Language, capítulo 3.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Compendio Grammaticale della Lingua Internazionale Ido (Raiteri) Biella: Edizioni Martinero, 12 pagine, 1949
  • Beaufront, de Louis. (1925). Kompleta Gramatiko Detaloza di la linguo internaciona Ido [2] otro sitio en HTML, también en HTML (en Ido)
  • Couturat, L. y L. Leau. Delegation pour l'adoption d'une Langue auxiliare internationale (15-24 ottobre 1907). Coulommiers: Imprimerie Paul Brodard, 1907
  • Jacob, Henry. A Planned Auxiliary Language (Dennis Dobson)
  • Jespersen, Otto. 1928. An International Language (George Allen et Unwin)
  • Nadal y de Quadras, Juan Luis de. 1965. Gramática del Idioma Mundial Ido [3]
  • López, José Miguel. 2003. Kurso di la linguo Internaciona Ido la Hispana [4]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]