[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Historia de Roma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A loba capitolina.

A historia urbana de Roma, a urbe por excelencia, "cidade eterna", caput mundi, desenvólvese por case que tres milenios dende a confederación dun grupo de aldeas espalladas nuns outeiros á beira do Tíber, ata se converter na capital da civilización máis avanzada da antigüidade (que ordenou o orbe a imaxe da urbe) e séculos despois, xa na Idade Moderna, no centro espiritual e artístico máis venerado da cultura occidental.

Época preurbana

[editar | editar a fonte]
A localización de Roma cos primeiros sitios arqueolóxicos (habitacionais e enterramentos).

Dende a idade de bronce, o meandro do río Tíber onde a illa Tiberina permite cruzalo, era un lugar crucial de vías terrestres (entre Etruria e a Campania colonia grega) e fluviais (co río navegable ata aquel punto onde polo seu val transcorría a rota do sal, posterior Vía Salaria, cara aos Apeninos). Confín tamén de territorios de latinos ao sueste, etruscos ao noroeste e sabinos ao nordeste, nos outeiros da zona, a salvo dos vales pantanosos, diseminábanse aldeas das diferentes tribos (ata 60 en 1000 km² na época fundacional) e pronto comezou a celebración de feiras e mercados a carón do río (famoso o de bois que daría nome ao Foro Boario na ribeira esquerda). Ámbalas dúas características permiten aos estudosos definir as orixes de Roma coma sinecismo de emporio ou progresivo agrupamento ao longo do tempo (s. XIV a VIII a. C.) de moitas pequenas poboacións nun centro de intercambio (emporio ou mercado xunto a unha vía de auga) no cruzamento de rotas.

Precisamente preto do Foro Boario, ao pé do monte Capitolino, aparecen os primeiros achados arqueolóxicos (cerámica apenina do s. XIV a. C.) e xa no s. XI a. C., os indicios de primeiros asentamentos na área do posterior Foro Romano con restos funerarios (s. X a. C.) estendidos de seguida ao monte Palatino (cabanas do s. X a. C.[1] e unha necrópole do s. IX a. C.). Sucesivamente aparecerán tamén no Esquilino e Quirinal.

Idade antiga

[editar | editar a fonte]

A primeira Roma do Palatino

[editar | editar a fonte]
Reconstrución hipotética da Roma do Palatino (Roma Quadrata, s.VIII aC).

A lenda de Rómulo e Remo fixa no ano 753 a. C. a data da fundación da cidade polo primeiro, convertido en rei. A arqueoloxía confirma que no século VIII a. C. aparece unha gran necrópole común no Esquilino ao tempo que desaparecen as intermedias entre os varios poboados (a depresión do Foro Romano perde para sempre esa función).

Ademais, da segunda metade do século descubríronse trazas dun muro arredor do Palatino ("Muro de Rómulo"), unha cabana rexia e un primitivo templo (no ángulo noroeste do outeiro). De feito o Palatino era o monte máis defendible, polas súas ríspidas ladeiras, e con amplitude suficiente (10 Ha) para albergar unha primeira vila. Seica contaba con tres ou catro portas (Romana, Mugonia e Ianuaria ou Trigonia).[2]

Semella que na segunda metade do século VII a. C., co advento dunha forte influencia dos veciños etruscos (posible dinastía de reis desa procedencia), Roma comezou un período de florecemento económico e expansión (s. VI a. C.). O reflexo no eido urbano foi a drenaxe e pavimentación dunha área (700m²) fora do muro, ao pé do Capitolino no seu extremo norte, coma lugar de reunión das tribos (comitium, con tribunal e curia). Vai seres o xermolo do Foro Romano. Coa construción pouco despois da Cloaca Maxima, o antigo val pantanoso vai tomar un carácter público central na conformación da futura urbe.

Expansión aos sete outeiros

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sete outeiros de Roma.
As catro rexións de Roma dentro das primitivas murallas do século VI aC atribuídas a Servio Tullio.

Urbe que comeza a espallar os seus límites: o monte Aventino é poboado con latinos vencidos en batalla (empezando a súa historia coma núcleo dos plebeos); o val entre Palatino e Aventino tamén é desecado cunha cloaca e aproveitada a súa configuración para un primitivo Circo Maximo en madeira;[3] o monte Ianículo na beira occidental do Tíber é fortificado e unha primeira ponte, así mesmo en madeira (ponte Sublicio), une a zona (futuro Trastévere) á cidade. Tamén no río, na súa foz, fundouse o porto de Ostia.

Coma colofón desta primeira etapa de esplendor, e mostra das aspiracións da nova cidade no contexto rexional, iniciouse a erección do gran Templo de Xúpiter Óptimo Máximo na cima sur do monte Capitolino.[4] De característica arquitectura etrusca e notables proporcións para a época (53x62m) debeu dominar a cidade coma o Partenón pouco despois en Atenas.[5]

Finalmente, atribuída ao rei Servio Tulio na metade do século VI a. C., unha reorganización censual das antigas tribos en catro rexións levou a arrodeares o novo conxunto urbano cunha verdadeira primeira muralla de 7 km (285Ha, sen incluír aínda o Aventino nin o porto e mercado do Foro Boario). Era xa a maior cidade da Península Itálica.

Roma republicana

[editar | editar a fonte]

A implantación dunha república oligárquica, segundo a tradición no 509 a. C., non foi máis que o primeiro episodio dunha loita entre patricios terratenentes e plebeos pola equiparación de dereitos. Unha clara influencia grega substitúe á etrusca e na primeira metade do século V a. C. reflíctese nunha notable actividade edilicia (novos templos de Saturno e de Cástor e Pólux no Foro). Despois seguiu un período de crise debido as guerras rexionais (cos etruscos entre outros pola preeminencia) e rematou coa destrución da vila a mans dos celtas galos no ano 390 a. C. (excepto a cidadela do Capitolino).

Planta de Roma nas murallas chamadas servianas do s.IV aC.

A reconstrución posterior foi feita sobre a traza antiga, pero a reforzada nova muralla (378-353 a. C. e chamada tamén, na tradición, serviana) incluía xa o Aventino e ampliacións ao nordeste do Esquilino, Viminal e Quirinal (426Ha, maior que Atenas no tempo). De 11 km e entre 12 e 18 portas, marca o inicio dunha época de poder e expansión crecentes (tales que en oito séculos ningún outro pobo estranxeiro vai tomar a cidade).

O Foro é o corazón dese organismo. Mercado, tribunal, centro político e relixioso, a vida da urbe e por extensión dos seus territorios dirímese nese pequeno val que vaise enchendo con novas edificacións (templos, basílicas, monumentos) [6][7]. Nunha área de importancia no futuro desenvolvemento urbano de Roma, o Campo de Marte fóra de murallas, eríxese o complexo sacro do Largo Arxentina e o circo Flaminio.

As murallas servianas no emporium xunto ao Tíber; a porta Trixémina no primeiro termo e o Templo de Xúpiter Capitolino ao fondo.

As primeiras grandes infraestruturas, pontes (Emilio xunto ao Sublicio e Milvio cara ao norte da vila, s.III aC), calzadas e acuedutos (vía Apia e acueduto Claudio, 312 a. C.) fornecen ese corazón abríndoo as rexións conquistadas. Despois das guerras samnitas e a lei Hortensia do 287 a. C. que pacifica aos plebeos nas súas reivindicacións, toda a península vai estares baixo o dominio de Roma que pasará entón a competir polo liderado no Mediterráneo fronte a Cartago nas guerras púnicas (264-146 a. C., a cidade conta cuns 150.000h).[8]

Na transición á época imperial, Xulio César vai comezar unha reordenación do conxunto do Foro (dominado dende o Capitolino polo Tabularium do 78 a.C. e flanqueado pola refeita basílica Emilia e a nova basílica Xulia)[9] e construír un engadido de seu, inaugurando unha tradición que conformará os futuros Foros Imperiais. Tamén amplía o Circo Máximo refacéndoo en pedra.[10]

Caput Mundi

[editar | editar a fonte]

Roma acadou o seu cénit nos dous primeiros séculos da nosa era. Cunha poboación que puido chegar ao millón de habitantes era a maior metrópole do tempo, capital dun imperio que abranguía as dúas beiras do Mediterráneo dende o Atlántico aos desertos asiáticos e dende as chairas do norte de Europa ao Sáhara.

Roma imperial na muralla de Aureliano
Planta do centro monumental no Imperio.

Baixo o réxime imperial a urbe vaise engrandecer con innumerables obras públicas e privadas. Cada emperador quixo deixar o seu selo no centro da cidade levantando edificacións que inda hoxe impresionan pola súa escala e magnificencia.

Foro Romano embaixo e Foros Imperiais

Así os anteditos Foros Imperiais (entre 46 aC o de César e 113 dC o de Traxano [11]) organizan unha vasta área monumental ao norte do Foro primixenio. Ao oeste, no Palatino, que fora de sempre lugar das residencias patricias, espállase un gran complexo de pazos coma residencia imperial [12][13]. E ao leste, o célebre Coliseo (anfiteatro Flavio, 72-80 dC) pecha todo o conxunto, a maior concentración imaxinable de templos, basílicas, pórticos, arcos triunfais e monumentos.

Superando o muro serviano (que pola súa inutilidade durante ós séculos da pax romana vai quedares subsumido nas edificacións), o Campo de Marte [14][15] é xa definitivamente urbanizado con teatros, circos e estadio, termas, mausoleos e a presenza destacada do revolucionario Panteón do emperador Hadriano [16].

Ata entón a arquitectura romana era conservadora no senso de copiar os modos e ornato marmóreo de prestixio gregos. Só nas infraestruturas utilitarias empregábanse os novos sistemas construtivos a base de morteiro de argamasa, fundamentalmente nos abovedamentos. O Panteón (118-128dC) é o primeiro gran templo que os incorpora, compendio dos mellores achados e avances da arquitectura romana, que coa súa magnífica cúpula de casetóns de 43'2 metros vai marcar un dos cumios da historia da arquitectura [17].

No eido das infraestruturas, dende Augusto a metrópole fornécese cun vasto sistema de acuedutos, cloacas e novas pontes son tendidas sobor do Tíber, cuxas ribeiras canalízanse. O porto fluvial (Emporium cos almacéns ou horrea) amplíase ata ocupar unha vasta área baixo o monte Aventino [18][19]. O centro militar, no monte Arx xunto ao Capitolino na república, sitúase agora no extenso Castra Praetoria (ao nordeste).

A inxente poboación da plebe amoreábase en apertadas edificacións en altura (insulae) nunha trama de rúas estreitas e intricadas. O grande incendio do ano 64 permitiu a Nerón, ademais de erixir a inmensa Domus Aurea para si mesmo (destruída por Vespasiano que levanta o Coliseo), planificar racionalmente a reconstrución dos barrios destruídos con rúas mais anchas, límite de alturas, soportais e prazas, aínda que non chegou a alterar as grandes liñas da cidade. Un magnífico exemplo posterior de intervención urbana (e tamén de arquitectura de argamasa e orde decorativa xa romana) foron os Mercados de Traxano por riba do seu foro, na aba do Quirinal [20][21].

No século III a ameaza dos pobos bárbaros leva a arrodeares o completo organismo urbano imperial co novo cinto das murallas de Aureliano (273dC, 19 km). Ademais constrúense os últimos grandes edificios dun imperio xa en decadencia: as Termas de Caracala e de Diocleciano e a Basílica de Maxencio (ou Constantino, 307-312 [22][23]) no Foro, espléndido final da arquitectura romana antiga que anuncia o desenvolvemento dun tipo fundamental (lamentablemente non no aspecto construtivo de bóvedas de argamasa) no seguinte período da historia da cidade, a basílica cristiá.

Época cristiá

[editar | editar a fonte]

As basílicas constantinianas

[editar | editar a fonte]

Para cando a tetrarquía de Diocleciano institucionalizou a perda oficial por Roma da capitalidade do Imperio (ano 286) xa había tempo que non era residencia habitual da corte imperial. Mesmo coa anarquía militar dende a terceira década do século III partes da cidade estaban destruídas. Paradoxalmente, o emperador que cambiaría o sino da urbe xa milenaria foi o mesmo que, coa fundación no oriente máis a salvo das invasións bárbaras de Constantinopla coma Nova Roma, rematou definitivamente co seu papel capital no Imperio Romano (330).

No ano 313, co Edicto de Milán, Constantino promulgara a liberdade de culto no imperio o que equivalía a que o cristianismo puidese saír da clandestinidade das catacumbas. Máis que iso, comezou a erección dos primeiros templos da incipiente relixión na capital por excelencia do culto pagán. Precisamente o tipo arquitectónico elixido non tiña que estares contaminado por aquel, ademais de poder acoller a unha gran masa de fieis e seres de fácil construción con materiais dispoñibles. O tipo basilical primitivo de columnas e arquitrabe con cuberta plana de madeira, aínda que periclitado, adaptábase aos requisitos pois era un ámbito amplo de carácter civil.

Sección perspectiva do interior da primitiva basílica de San Pedro.

Así xurdiu a basílica de San Xoán de Letrán (313-318 [24]), en terreos do Pazo Laterano doado por Constantino para a primeira sede do bispo de Roma, a catedral ata hoxe da cidade eterna. Ademais Sta. Cruz de Xerusalén tamén xunto a murallas no monte Celio, e fora delas, en cemiterios cristiáns onde comezara o culto aos primeiros mártires, erixíronse San Sebastián na Via Apia, San Lourenzo Extramuros e sinaladamente, onde o apóstolo Pedro fora crucificado e inhumado (o circo de Nerón [25][26]), a basílica de San Pedro no Vaticano (319-329 [27], coa innovación do transepto [28][29]). Décadas despois fíxose o mesmo na tumba de San Paulo, sobor da que levantouse San Paulo Fóra de Muros, xa con arquerías na nave principal (385-400 [30], no sur xunto ao Tíber). Finalmente no século V, a gran basílica de Santa María Maggiore no Esquilino (432-440 [31]) pechou o conxunto das sete primitivas grandes basílicas romanas [32]. O mellor exemplo conservado de igrexa paleocristiá (aínda que nunha escala máis modesta que a das fundacións imperiais) é o de Santa Sabina no Aventino (422-432).

Os primeiros papas á fronte da cidade asolada

[editar | editar a fonte]
Interior de Santa Sabina.

No ano 381 Teodosio declarou o cristianismo coma relixión oficial do imperio. Os vellos edificios pagáns, quedando baleiros de función (os civís pola perda da capitalidade) fóronse arruinando ou aproveitados os seus materiais para as novas construcións.

No 410, Roma foi saqueada (por primeira vez en oito séculos) polos visigodos, e repetidamente despois ao longo do século. No 476 o Imperio Romano de Occidente desaparece formalmente e a cidade comeza a vivires sucesivamente baixo dominio de ostrogodos, bizantinos e longobardos pero cos xa intitulados Papas (que xeralmente pertencían ás antigas familias patricias) exercendo progresivamente a administración real da vila.

Roma vai perderes nunha fuxida constante cara ó campo a maior parte da súa poboación (pouco máis de 30.000h a finais do século VI). A interrupción das subministracións dende o porto de Ostia e a ruína e sabotaxe nos asedios dos acuedutos que subministraban a auga aos barrios máis populosos nos outeiros fará que a escasa poboación restante vaia concentrarse nas zonas baixas do Campo de Marte e Trastévere [33].

Dende comezos do século VII (papado de Gregorio Magno), coa expansión do cristianismo por todo o continente, os mosteiros proliferan na vila (ocupando ao primeiro domus ou casas doadas por fieis) e un fluxo constante de peregrinos comeza a chegares para visitaren as basílicas martiriais e catacumbas. No 609 o Panteón sacralízase coma Sta. María Rotonda sendo o primeiro templo pagán que convértese en igrexa (único caso por dous séculos pero frecuente despois).

Capital dos Estados Pontificios

[editar | editar a fonte]

Co debilitamento do Imperio Bizantino, á alianza da Igrexa Romana cos francos contra a ameaza dos longobardos e a súa definitiva derrota, segue a doazón por aqueles dos territorios do Exarcado bizantino de Ravena para o patrimonio de San Pedro, xermolo do poder temporal dos papas, os Estados Pontificios, e orixe da posterior ligazón co Sacro Imperio Romano Xermánico (lexitimación histórica dun poder en

Castelo e Ponte St'Ang.

occidente equiparable a Bizancio). Roma convértese de novo en capital (752) dun pequeno estado que organízase arredor da xerarquía eclesiástica (ou o que era o mesmo, as vellas familias patricias senatoriais romanas).

De seguida produciuse un certo renacemento urbano co papa Hadriano I facendo restaurar algúns acuedutos, as murallas, diques do Tíber, igrexas e as vellas basílicas. No 852 León IV fortifica o Vaticano (murallas leoninas, apoiándose no Mausoleo de Hadriano que se reutiliza como castelo á beira do río, Castelo de Sant'Angelo[34] coa ponte homónima) coma resposta a unha incursión dos musulmáns que saquearan San Pedro, conformando a chamada Civitas Leonina coma entidade administrativamente separada de Roma ata o século XVI (barrio do Borgo).

Loitas feudais de poder no pleno medievo

[editar | editar a fonte]
Roma coma viúva

A importancia simbólica da cidade levou a séculos de loitas entre diversas faccións polo seu dominio. Os papas e as familias poderosas (con casas-fortaleza ou torri nos diversos barrios), o emperador do Sacro Imperio e il Comune, o pobo na clase nacente de artesáns e comerciantes que retomaron de seu o Senado coma órgano de representación (s.XII, no Pazo Senatorio sobor do vello Tabularium no Capitolio [35], o antigo monte Capitolino).

O resultado final foi a crise do século XIV co afastamento dos papas a Avignon (e o Cisma de Occidente), a forte decadencia dunha economía que dependía da corte papal (mínimos históricos de poboación cuns 17.000h), o abandono urbano e caída nunha anarquía e inestabilidade constantes [36]. De transcendencia futura foi o traslado progresivo da residencia pontificia dende o Pazo Laterano (incendiado en 1308) ata o máis defendible Vaticano (nas murallas leoninas a carón de San Pedro, pazo dende o s.XI e sobor de todo con Nicolao III en 1277-80).

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

O renacemento de Roma

[editar | editar a fonte]

Aínda que Florencia foi a cidade onde xurdiu o Renacemento coma novo período histórico froito dun movemento de recuperación cultural e artística, Roma, as súas ruínas testemuña dunha historia xa mítica, foi a fonte de inspiración. Dende 1402 tense noticia de viaxes de artistas á vila para o estudo das formas e técnicas da arte clásica nos restos do pasado esplendor. Brunelleschi e Donatello, dous dos máis sinalados pais do novo estilo, o fixeron en varias ocasións nas primeiras décadas do século.

Roma no s.XV: o Borgo co Vaticano ao fondo.

En 1420 o papa de consenso Martiño V puido retornares con garantías de seguridade a unha Roma arruinada (soamente o pazo do Vaticano habitable) e comezou a tarefa de recupera-la capital da Igrexa Católica coma herdeira simbólica da Roma Imperial. As primeiras labouras foron de restauración de infraestruturas, igrexas e pazos. Ao igual que o seu sucesor, Uxio IV, ambos estiveran en Florencia e atraeron aos primeiros grandes artistas e humanistas a Roma (Gentile da Fabriano, Pisanello, Masaccio, Masolino, Filarete, Alberti, Fra Angélico, Jean Fouquet) iniciando unha tradición que convertería a cidade no centro das artes nas centurias seguintes.

Nicolao V (1447-1455), seica asesorado por Alberti, foi o primeiro en concibires grandes proxectos para a cidade que levarían a cabo os seus sucesores. O máis sinalado supuña virar a vila cara a un novo foco urbano: a reconstrución da basílica de San Pedro cun pazo axeitado no Vaticano coma sé pontificia, transformando o barrio arredor (o Borgo, vella Civitas Leonina) nun lugar apropiado para albergares a Curia, con tres vías rectas e praza ante a basílica [37]. O arquitecto encargado de comezar o plan foi Bernardo Rosselino. Ademais, entre os artistas que mandou chamar destacan Piero della Francesca ou Andrea del Castagno. Sisto IV (1477-1484) continuou o impulso: dende a ponte Sant'Angelo (antiga Elio que unía desde a época de Adriano o seu mausoleo co Campo de Marte) ensancha e endereita as rúas que introdúcense na cidade medieval e, na outra beira, as do Borgo que levan ao Vaticano [38][39]. Ademais construíu as primeiras igrexas e pazos renacentes de Roma e trouxo, para decorares a súa Capela Sistina, aos mellores pintores florentinos de entón (Botticelli, Perugino, Ghirlandaio).

Esplendor da Roma papal

[editar | editar a fonte]

Pero foi Xulio II (1503-1513) quen deu un pulo decisivo aos plans de Nicolao V. Apoiado por banqueiros italianos e alemáns nas súas empresas, os Estados Pontificios acadan no seu papado a supremacía da península italiana e mesmo o rango de potencia europea. Xulio II vai contar cos máis grandes artistas do renacemento, soñando novamente para Roma o título de caput mundi [40].

Bramante, quen deseña o Cortile do Belvedere (1505 [41]) para os pazos Vaticanos coas stanze decoradas por Rafael, foi o primeiro arquitecto en conseguir asimilaren as ensinanzas da antigüidade clásica para, nunha síntese revolucionaria, recrear un verdadeiro novo estilo. Co seu pequeno Templete de S.Pietro in Montorio (1502) o renacemento comeza a súa plenitude e inspira a planta definitiva, central con cúpula, da nova basílica de San Pedro (1505-14 [42]). Michelangelo (quen xa pintara a bóveda e o Xuízo Final na Capela Sistina) rematará a colosal obra cincuenta anos despois (1546-64 [43]).

O pazo Senatorio presidindo o Capitolio de Miguel Anxo.

Esa cúpula, ademais de sinalar o centro espiritual do catolicismo, é o novo foco e icona da urbe. O vello e ancestral, o Capitolio agora sede do poder municipal, Comune, é obxecto tamén por Miguel Anxo dunha orixinal remodelación (utopía republicana no ideolóxico, cara a San Pedro e de costas ao Foro), exemplo de escenografía urbana [44][45].

Roma a principios do s.XVII.

No intricado tecido medieval da vila ábrense novas rúas rectilíneas: dende a ponte Sisto (reconstruída por Sixto IV), paralelas ás dúas beiras do Tíber, a vía Xulia [46] e a vía Lungara conducen desde o Trastévere ao Vaticano, pronto flanqueadas con pazos (Farnesio, Spada, Corsini, Vila Farnesina); e planificando a entrada setentrional da cidade, a Porta do Pópolo, tres vías parten en tridente da praza homónima distribuíndose polo interior habitado (a central coincidente coa romana do Corso, vía Ripetta cara ó Tíber e vía Babuino cara aos outeiros). O Borgo ampliarase ao norte cun novo cinto de murallas (Civitas Pía) estendidas despois por Urbano VIII ata o Trastévere (1643).

A culminación do barroco romano

[editar | editar a fonte]

Nin a Reforma luterana nin o saqueo da cidade polas tropas imperiais (1527, o último dos enfrontamentos entre os dous poderes, que converteranse en aliados na Contrarreforma) impiden que o labor de consolidación da capital polos papas siga adiante.

Sixto V (1585-90) concibe o primeiro plan urbano integral para Roma [47]. Se a intención inicial era unir as principais basílicas da cidade mediante unha rede de eixos rectilíneos entre prazas sinaladas con obeliscos (integrando o tridente renacentista da Praza do Pópolo antedito [48]), finalmente conseguiu unha sistematización urbana comprensiva que tentaba estruturar a ampla e abandonada franxa da vella urbe entre o núcleo medieval e as murallas aurelianas (nos outeiros onde atopábanse as basílicas paleocristiás que serán reconstruídas). Como Roma apenas acada os 100.000 habitantes aínda tardará séculos en encheres ese espazo. Asemade reconstrúe o acueduto Severo que levará auga a 27 fontes públicas, pequenos monumentos algunhas caracterizadores do espazo público na Roma barroca.

O conxunto do Vaticano no barrio do Borgo.

O organismo así trazado vaise enriquecer ao longo do século XVII con actuacións parciais que inclúen obras dos mellores arquitectos da época: Carlo Rainaldi crea na Praza do Pópolo unha avanzada monumental xusto na entrada da cidade [49][50]; no que fora o terreo do estadio de Domiciano (s.I, Campo de Marte) e despois praza medieval, o papa Inocencio X Pamphili reorganiza o ámbito con pazos (o Pamphili entre eles), fontes (a dos Catro Ríos de Bernini), obelisco e a igrexa de Sant'Agnese in Agone de Borromini, convertendo a Praza Navona nun verdadeiro salón urbano ata hoxe [51][52].

Borromini vai deixares outras mostras do seu revolucionario xenio moldeador do espazo en pequenas igrexas espalladas pola cidade: destacadas Sant'Ivo alla Sapienza (na universidade) e, xusto no cruzamento de dúas das vías de Sisto V (Felice e Pía), San Carlino alle Quattro Fontane [53] (cerca tamén S. Andrea do Quirinal de Bernini).

A culminación do obxectivo reafirmador da fe católica fronte a Reforma, e de Roma como a súa sé na terra, foi tamén a do seu templo senlleiro, San Pedro. As doutrinas que saíran do Concilio de Trento recomendaban a planta de cruz latina, con naves para a congregación dos fieis. Carlo Maderna amplía así a basílica rematándoa coa fachada actual (1627). Pero foi Bernini quen nun exemplo supremo de composición espacial, esencia da idade barroca, pecha o conxunto do Vaticano cunha simbólica aperta acolledora da urbe e por extensión do orbe: a Praza de San Pedro e a súa magnífica columnata (1657-1667) [54].

Lento declinar

[editar | editar a fonte]

O curso da historia europea cambiara o centro de gravedad do continente cara ó Atlántico. Na península italiana os centros de poder da chaira padana serán os dominantes. A Reforma provocou perda económica e de influencia da corte papal. No conxunto Roma restaría coma un centro secundario.

Mapa de Roma; Giovanni Battista Nolli (1748 [55]).

A urbe barroca consolidada conservaríase no esencial ata o século XX. Aínda con ese espírito, no XVIII engadíronse actuacións puntuais que a completaban. A Escalinata da Praza de España (1726 [56][57]) é un sensual exemplo tardobarroco que soluciona eficazmente a unión interrompida entre o sistema de Sisto V (igrexa da Trinitá dei Monti na strada Felice no outeiro) e a vía Babuino do tridente embaixo [58]. A célebre Fontana de Trevi (1732-62) é outro exemplo da mesma estética.

En 1798 o papa foi deposto nun fugaz intento de República Romana. O dominio napoleónico posterior serviu para o afondamento dos estudos arqueolóxicos (iniciados por Winckelmann, gravados de Piranesi, de Quincy) que levaron ao neoclasicismo e romanticismo coma novos estilos artísticos nostálxicos do pasado clásico. Nese gusto Valadier reorganizou a Praza do Pópolo integrando un eixo perpendicular cara ó monte Pincio cos xardíns de Vila Borghese e Vila Médicis (1794-1820 [59]).

No século XIX as correntes revolucionarias e liberais non fixeron senón destacar o anacronismo dun poder teocrático como o que representaban os Estados Pontificios. O movemento nacionalista italiano deulle a puntilla [60].

Época Contemporánea

[editar | editar a fonte]

A construción da capital italiana

[editar | editar a fonte]

En 1871 Roma é designada capital do Reino de Italia dando por acabado o poder temporal da Igrexa. Sen burguesía de seu nin revolución industrial, cunhas clases populares analfabetas e moi empobrecidas, de seguida a cidade tivo que seres modernizada e adaptada ás novas funcións, experimentando un crecemento de poboación (250.000h 1871, case 500.000 en 1900, 700.000 en 1922) que implicou a apertura de novas vías e desenvolvemento de barrios mesmo traspasando as murallas aurelianas. A especulación foi a gran beneficiada das presas e a conservación do antigo sufriu considerables estragos.

Xa en 1872 a cidade tiña o seu primeiro plan urbanístico que apostaba por ocupar a área relativamente despoboada do Quirinal e Viminal para a construción de moitos edificios administrativos e gobernamentais (na antiga estrada Pía, hoxe XX Setembro e a paralela, e nova, Vía Nazionale [61]) así como hoteis para o recentemente chegado ferrocarril (1873, primitiva Stazione Términi, a carón das Termas de Diocleciano). O Esquilino entre a estación e Sta. María Maggiore urbanizábase cunha trama ortogonal.

A Praza Venezia dende o Altar da Patria.

Empregados e novas clases medias inmigradas ocuparon un desenvolvemento ao norte do Castelo de Sant'Angelo ([62] con novas pontes, en retícula arredor do Pazo de Xustiza e praza Cavour pero, froito do tempo anticlerical, sen ter en conta en absoluto o achegado conxunto de San Pedro). Para as clases traballadoras foron implementados barrios coma o Testaccio (no antigo emporium) [63].

A erección, en pleno centro histórico, do Monumento a Vitor Manuel II (Altar da Patria, 1888) supuxo a destrución do barrio medieval adxacente ao Capitolio [64] e a posterior creación (1906) do considerado centro da cidade contemporánea [65], a Praza Venecia a carón do pazo homónimo (1455-74, o primeiro renacentista de Roma), no final da Via do Corso, eixo central dende a Praza do Pópolo [66][67].

Actuacións urbanísticas do réxime fascista

[editar | editar a fonte]

O Altar da Patria non foi senón un adianto dos sventramenti mussolinianos. Arribando ao poder precisamente cunha marcha sobre Roma (1922, golpe de estado que disolvía o estado liberal en crise), Mussolini renovará a retórica nostálxica do imperio coma sostén do seu autoritarismo [68]. Persoalmente levará dende o Pazo Venecia o plan de renovación urbana baseado nunha idea de modernidade asociada á apertura de vías ó automóbil. As demolicións indiscriminadas serán o mecanismo para as intervencións no tecido do centro histórico e o posterior realoxo da poboación desahuciada, xeralmente de clases desfavorecidas, nos borgate da periferia romana [69][70].

Vía da Conciliazione

As actuacións máis sinaladas e polémicas foron a apertura da Via dell'Impero (hoxe Vía dos Foros Imperiais [71][72][73]) entre a Praza Venecia e o Coliseo, e a Via della Conciliazione, avenida de achegamento a San Pedro [74] imaxinada xa dende a época barroca, celebraba o recoñecemento do Estado do Vaticano dentro do italiano (1929, 0,44km2).

Máis notable polo singular foi a planificación do E.U.R. para a exposición universal de 1942 que non chegou a celebrarse a causa da guerra [75]. Situado no sur da cidade augas abaixo do Tíber, é o resultado dun compromiso entre o racionalismo reaccionario e progresista dos seus autores, que na actualidade tense reconvertido nun centro de oficinas e negocios.

Mussolini seguiu incentivando o crecemento da poboación da capital que en 1931 chegou ao millón de habitantes. Novas grandes infraestruturas foron implementadas, entre elas a Cidade Universitaria, o complexo deportivo do Foro Itálico no norte (co posterior Estadio Olímpico) e a famosa Cinecittá.

A Roma do noso tempo

[editar | editar a fonte]
Roma metropolitana dende satelite.

Despois da segunda guerra mundial, en 1946, Roma converteuse na capital da República Italiana. A forte industrialización do país e a súa estrutura centralizada fixeron de Roma o referente político e administrativo cun gran crecemento de poboación, aloxado na meirande parte nunha coroa de barrios periféricos [76]. Asemade, o ascenso do turismo de masas na segunda metade do século XX tivo e ten en Roma unha das súas referencias mundiais. O resultado, a conformación dunha metrópole de case tres millóns de habitantes (recente aprobación do estatuto de Roma Capitale no lugar da Comune di Roma) cunha área metropolitana que supera os catro millóns (en estudo a constitución da Cittá Metropolitana di Roma) [77].

Roma, verdadeiro palimpsesto urbano, ademais de enfrontárese coas problemáticas habituais dos grandes conglomerados humanos (infraestruturas como o metro, gran anel de circunvalación, aeroporto, a vivenda, o tráfico e polución), tenta, á vez que conservares escrupulosamente un dos máis magníficos patrimonios da civilización, incrementalo aínda máis mantendo así a súa sona como foco da cultura e a arte no século XXI. A recente inauguración dun Museo das Artes Contemporáneas (2010[78]) da prestixiosa arquitecta Zaha Hadid supón un fito máis nese pulo.



  1. Recreación dun asentamento da Idade de Ferro no Palatino [1]
  2. Recreación a vista de paxaro da primeira Roma sobre o monte Palatino [2] Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  3. Recreación a vista de paxaro da Roma do século VI aC: o Monte Aventino, o primitivo Circo Máximo e a Ponte Sublicio en primeiro termo; as murallas do século VI aC cinguindo o resto dos outeiros (cada un dos cales seica tiña fortificacións de seu, o Capitolino coma cidadela) [3] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  4. Recreación do templo etrusco de Xúpiter Capitolino
  5. Vista do templo de Xúpiter no Capitolino e o primitivo Foro embaixo; a cidade fundacional do Palatino á esquerda; maqueta da Roma Arcaica no Museo da Civilitá Romana [4] Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  6. Planta do Foro en época republicana (antes do s.II aC)
  7. Perspectiva do Foro antes da sistematización no final da República
  8. Recreación do Capitolino e o Foro antes da reordenación de César
  9. "Reconstrución virtual do Foro despois de Xulio César". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2012. Consultado o 05 de agosto de 2012. 
  10. Roma no tempo de Augusto; reconstrución da cidade do comezo do Imperio (14 dC, inmediatamente despois de Xulio César) [5]
  11. Planta interactiva dos Foros Imperiais; Universidade de Minnesota
  12. Vista dos pazos imperiais no Palatino por riba do Circo Máximo na maqueta da Roma antiga; Museo della Civilitá Romana [6]
  13. Outra vista co antigo Foro Boario en primeiro termo e o Palatino sobre o Circo Máximo [7] Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
  14. Mapa de Roma arredor do ano 100 dC
  15. "Vista do Campo de Marte en maqueta da Roma imperial (s.IV dC)". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 11 de xaneiro de 2011. 
  16. Idem co Panteón en primeiro termo e os Foros Imperiais ao fondo
  17. "A xeometría da bóveda do Panteón", Tomás G.Salgado
  18. Maqueta do Emporium de Roma co Porticus Aemilia republicano en primeiro termo e o Aventino ao fondo [8] Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
  19. Idem noutra vista co monte Testaceus, restos das ánforas e vasillas rexeitadas, ao fondo diante das murallas Aurelianas [9] Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
  20. Perspectiva axonométrica dos Mercados de Traxano
  21. Interior abovedado da sala principal do mercado no nivel superior (foto contemporánea) [10]
  22. Debuxo recreando o interior da Basílica de Maxencio cara á ábsida[Ligazón morta]
  23. Idem nunha reconstrución virtual cara ó nártex; National Geographic [11]
  24. Reconstrución axonométrica da basílica paleocristiá de S.Xoán de Letrán [12] Arquivado 25 de xuño de 2010 en Wayback Machine.
  25. Recreación da cemiterio cristián xunto a ruína do circo de Nerón antes da construción da basílica [13]
  26. Santuario de San Pedro na necrópole paleocristiá
  27. Reconstrución axonométrica da primitiva basílica constantiniana de San Pedro; o obelisco era o do circo, hoxe na Praza de S.Pedro [14] Arquivado 25 de xuño de 2010 en Wayback Machine.
  28. Axonometría do transepto da San Pedro paleocristiá co relicario do santo na ábsida [15] Arquivado 25 de xuño de 2010 en Wayback Machine.
  29. Recreación do transepto da S.Pedro de Constantino; Bannister
  30. Augaforte co interior de San Paulo Extramuros despois do incendio de 1823; L.Rossini [16]
  31. Planta e alzado coa dobre orde da nave principal na primitiva Sta. María Maggiore; portada do libro "El orden continuado. Las transformaciones arquitectónicas de la Basílica de Santa Maria en Roma" Miguel Angel de la Iglesia. [17] Arquivado 21 de setembro de 2010 en Wayback Machine.
  32. Planta esquemática de Roma arredor do 330 coa situación das primeiras basílicas cristiás [18]
  33. Vista de Roma recollida nas zonas baixas nunha representación do século XVI [19] Arquivado 24 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  34. As murallas leoninas (coma engadido ás aurelianas no ángulo superior dereito) nun mapa antigo de Roma [20][Ligazón morta]
  35. Reconstrución do Pazo Senatorio medieval no Campidoglio
  36. Un dos primeiros mapas de Roma (1330-1340); Biblioteca Vaticana
  37. Esquema do plan de Nicolao V para o Borgo e Vaticano; "Borgo nei seculi", Carla Rivolta [21] Arquivado 08 de maio de 2006 en Wayback Machine.
  38. Esquema das actuacións en ámbalas dúas beiras da Ponte Sant'Angelo; íbidem [22][Ligazón morta]
  39. "Planta da actuación no mapa de Nolli; Univ.Oregón". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 28 de xaneiro de 2011. 
  40. Mapa de Roma a metade do s.XVI onde apréciase ben a cidade constrinxida do medievo [23]
  41. Reconstrución 3D dos Pazos Vaticanos e o Cortile do Belvedere na época de Bramante [24] Arquivado 22 de febreiro de 2011 en Wayback Machine.
  42. Evolución da planta de San Pedro dende Bramante a Miguel Anxo e posterior [25][Ligazón morta]
  43. Vista da obra de Miguel Anxo en San Pedro
  44. Planta da sistematización do Capitolio por Miguel Anxo; a gran escaleira ("Cordonata") converxe embaixo coa da igrexa medieval de Sta. María Aracoeli, que a súa vez ocupa o solar do antigo Templo de Xuno no Arx [26]
  45. Vista do s.XVIII do Capitolio; Canaletto[Ligazón morta]
  46. Vía Xulia; paseo documentado
  47. Vista da Roma de Sixto V nun fresco da Biblioteca Vaticana
  48. Esquema do plan de Sisto V para Roma con centro en Sta. María Maggiore [27]
  49. Vista de Piranesi das igrexas xemelgas de Carlo Rainaldi na irradiación de rúas dende a Praza do Pópolo [28]
  50. Vista actual dende a Porta do Pópolo
  51. Piazza Navona nunha imaxe de época, coa igrexa de Borromini e a fonte de Bernini de diante co obelisco (o nome da praza disque viña do costume de anegala no "ferragosto", o que pódese observar na estampa) [29][Ligazón morta]
  52. Vista aérea moderna da Piazza Navona no Campo de Marte (preto do Panteón) [30]
  53. Estudo de San Carlino con diversas perspectivas da Praza das Catro Fontes; F.Mindeguía [31] Arquivado 10 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  54. "Mapa de Roma, 1697". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 08 de xullo de 2012. 
  55. Mapa de Nolli interactivo; Universidade de Oregón
  56. Vista da escalinata coa fonte da Barcaccia de Bernini en primeiro termo [32][Ligazón morta]
  57. "Planta do conxunto no mapa de Nolli". Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2012. Consultado o 28 de xaneiro de 2011. 
  58. "Unha vista moderna do despliegue da escalinata". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2011. Consultado o 29 de xaneiro de 2011. 
  59. Plan de G. Valadier para a Praza do Pópolo
  60. Planta de Roma no final do período papal; Letarouilly 1852
  61. Mapa dos primeiros desenvolvementos previstos[Ligazón morta]
  62. Perspectiva do novo barrio de Prati, a carón do Castelo Sant'Angelo, 1884 [33]
  63. "Mapa de Roma, 1889". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2012. Consultado o 07 de xullo de 2012. 
  64. Páxina co antes e despois do Monumento a Vitor Manuel II
  65. O centro de Roma antes das intervencións fascistas nos Foros Imperiais; no primeiro termo a Piazza Venezia diante do Altar da Patria [34]
  66. Plano regulador de 1909
  67. Mapa de Roma antes das actuacións fascistas, 1924
  68. A visión de Roma de Mussolini a través do seu arquitecto Piacentini [35]
  69. Mapa de localización dos polígonos de realoxo (borgate) na periferia de Roma (1928-40) [36]
  70. "Vista xeral dunha borgata". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2014. Consultado o 03 de febreiro de 2011. 
  71. Imaxes que reflicten o espírito do tempo
  72. Planta do centro arqueolóxico romano: coa Via dos Foros Imperiais e a do Teatro Marcello (del Mare) o Capitolino queda definitivamente illado [37]
  73. O centro de Roma: trazado medieval e foto satelital contemporánea coa Vía dos Foros Imperiais [38]
  74. Vista dende San Pedro antes da destrución fascista da "espiña" do Borgo para a Vía da Conciliazione [39][Ligazón morta]
  75. Planta xeral da Exposición Universal de Roma, 1942
  76. Plan Regulador de Roma, 1962
  77. Plan Regulador Xeral, 2003
  78. O MAXXI de Roma no barrio do Flaminio, ao norte da Porta do Pópolo

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Credibility of Early Roman History - H.G. Lidell
  • Roma Quadrata - Parker
  • Origin of Rome - Shuckburgh
  • Beginnings of Rome - Th. Mommsen
  • Rome: Biography of a City - Ch. Hibbert
  • Rome: An Oxford Archaeological Guide - A. Claridge
  • Diseño de la ciudad 2: El arte y la ciudad antigua - L. Benevolo
  • Arquitectura en Italia 1400-1600 - L. Heydenreich, W. Lotz
  • Diseño de la ciudad 4: El arte y la ciudad moderna - L. Benevolo