[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Espiritual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o movemento franciscano medieval, véxase franciscanos espirituais.
Espiritual
Instrumentos típicoscantante , coro

Un espiritual (tradución da expresión inglesa spiritual song) ou espiritual negro (negro spiritual) é un tipo de canto cristián, que xurdiu a finais do século XVIII e se desenvolveu a comezos do XIX, nos Estados Unidos. Estes espirituais negros eran adaptacións populares dos himnos relixiosos protestantes, feitas por traballadores afroamericanos que xeralmente estaban escravizados ou discriminados.

O movemento do rexurdimento relixioso que se estendeu polas colonias británicas en Norteamérica a comezos do século XVIII, impulsado pola fundación da Igrexa metodista e a labor evanxélica de predicadores como George Whitefield ou Jonathan Edwards (ao redor de 1740), popularizaron non só os salmos e os himnos cristiáns, senón tamén outro tipo de cánticos espirituais menos tradicionais, que eran cantados nas igrexas do sur norteamericano, tanto por negros como por brancos.[1] Foi desta forma como o acervo de cánticos relixiosos cristiáns, especialmente as cancións do compositor inglés Isaac Watts (1674-1748), pasaron a formar parte da cultura dos escravos afroamericanos. Ao longo do século XVIII e as primeiras décadas do XIX, os escravos dos estados do sur, foron creando un cancioneiro propio, nun primeiro momento moi relacionado cos cantos de traballo de orixe africana, usualmente en forma de call and response, con inflexións, sílabas estendidas e cuartos de ton.

O termo espiritual deriva da expresión canto espiritual, que a Biblia, en Efesios 5:19, recolle dentro dunha exhortación a falar "entre vós con salmos, e con himnos, e cancións espirituais, cantando e encomiando ao Señor nos vosos corazóns". O termo "canción espiritual" xa era de uso frecuente na comunidade cristiá, tanto branca como negra, ao longo do século XVIII (e de feito moito antes), e "espiritual" era utilizado como un substantivo que significaba, segundo o contexto, "persoa espiritual" ou "cousa espiritual ", pero non especificamente con respecto unha canción.

Existen descricións destes espirituais desde datas tan temperás como 1839.[2] O termo recóllese, así mesmo, en forma impresa, nun texto de Thomas Higgison, onde se describe aos escravos negros usando cancións espirituais relixiosas de doutrina ou temática cristiá, que cantaban sentados ou de pé no seu lugar.[3] En 1867, publicouse a primeira colección destes cantos espirituais negros, "Slave songs of the United States".[4]

Os musicólogos discutiron de forma intensa, desde que W.F. Allen, na obra citada asegurase que os cantos eran de matriz claramente europea, ata onde chega a raíz africana. Erich von Hornbostel, xa en 1926, será quen estableza a diferenza entre o carácter europeo do patrón e estilo dos cantos, e o carácter netamente africano da súa interpretación e as súas secuencias rítmicas e harmónicas. Tamén se discutiu sobre se se trataba dunha creación, como xénero, dos escravos negros, aínda que varios autores (entre eles, George Pullen Jackson), xa no primeiro terzo do século XX, demostraron que os espirituais negros e os brancos tiñan unha fonte común, que se achaba nas igrexas brancas rurais e nas reunións ao aire libre (camp meetings), e que se produciu un intercambio de influencias entre ambas as comunidades.[5]

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Aínda que os espirituais negros non responden necesariamente a unha estrutura única, a forma usual dos mesmos é a do responso, costume de orixe escocesa, transmitida basicamente a través dos libros de himnos de Isaac Watts, cuxa edición de 1820 foi moi popular no sur da Unión.[6] Para mellor aprender os textos, o predicador cantaba un verso, e a congregación repetíao despois. Esta forma calou facilmente entre a poboación afroamericana, posto que a estrutura de call and response típica dos responsos, é usual na música africana. O ritmo adoitaba ser alegre nos chamados "cantos de xubileo" (jubilee). No entanto, existen tamén espirituais impregnados de melancolía, lentos e intensos, con textos relacionados coa morte ou cos sufrimentos de Xesucristo (con quen se identifica o cantante). Os espirituais son cantos, en calquera caso, colectivos, con independencia de que existan voces solistas. Algúns autores sosteñen que os espirituais eran, case sempre, cancións de protesta en clave.[7]

As primeiras recompilacións de espirituais recollíanos todos en modo menor, aínda que a realidade é que, na maior parte dos casos, tratábase de temas en modo maior con certas notas, especialmente a sétima, un semiton máis grave que as correspondentes da escala maior natural: estas notas rebaixadas un semiton coñécense como blue notes, por ser características do Blues.

Trazos caracterizadores

[editar | editar a fonte]

Podemos indicar unha serie de trazos característicos deste tipo de cantos:

  • Composición de textos a partir de frases breves, repetidas e entrecortadas de invocacións;
  • Adición de refráns e de leit-motiv (unha breve fórmula melódica-verbal que se repite nas estrofas e no refrán, con carácter de interxección); trátase dunha das innovacións dos espirituais dentro do canto relixioso.
  • Reescritura nun estilo popular das tribulacións, imaxes e símbolos bíblicos e evanxélicos;
  • Acompañamento de movementos corporais e de corros* en que se arrastra o paso.
  • Na maioría dos espirituais existe un paralelismo estrutural entre letra e música: a cada sílaba correspóndelle unha única nota (aínda que a ornamentación melismática pode alterar esta regra durante a execución).
  • No seu contido, o mundo terreal mestúrase co máis aló; por tanto, ademais do contido relixioso, os espirituais constitúen unha verdadeira crónica da vida dos oprimidos. Falan do sufrimento e das probas que hai que superar, das loitas pola liberación, da procura dun fogar...

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os espirituais sufriron unha primeira evolución trala Guerra de Secesión, cando unha parte da poboación negra os rexeitou pola súa vinculación co pasado escravista, aínda que á vez xerouse unha difusión dos mesmos e apareceron novas escolas, manténdose nas igrexas. A aparición dos "Fisk Jubilee Singers", un grupo formado na Universidade de Fisk (Nashville, Tennessee), a partir de 1871 e até ben entrado o novo século (gravaron o seu primeiro disco en 1913), supuxo unha popularización enorme, non só en Estados Unidos, senón tamén en Europa. Con todo, o interese dos negros polos espirituais, nas igrexas, diminuíu ao longo da primeira metade do século XX, substituído polo gospel.[8] E iso, a pesar de que a popularidade do xénero foi en aumento, especialmente no formato de cuarteto con repertorio de jubilee.

Realizáronse un gran número de gravacións, nos anos 1920, de predicadores coas súas congregacións: E.D. Campbell, P.E. Edmunds, J.C. Burnett, J.M. Milton... A partir de 1930, este tipo de gravacións foron relativamente escasas e, cando se fixeron, adoptaron xa un formato claramente gospel. Soamente en lugares illados, como as Sea Islands, mantivéronse as formas primitivas de espiritual.[9][10]

  1. Oliver, Paul; Harrison, Max; Bolcom, William: Gospel, blues & jazz, Muchnick Editores, Barcelona, 1990, ISBN 84-7669-140-8, páx.17
  2. Kemble, Fanny A.: Journal of a residence on a Georgian plantation in 1838-1839. Editado inicialmente en Nova York, en 1863. Edición de Londres, 1961, páx.159
  3. Thomas Wentworth Higginson (1867), "Negro Spirituals", Ed. The Atlantic, xuño.
  4. Os seus autores foron William Francis Allen, Charles Pickard Ware e Lucy McKim Garrison. Citado por Oliver, op.cit., páx.20
  5. Jackson, George Pullen: White spirituals in the southern uplands: Tunes of the white man's spirituals preserved in the negro's religious songs, Chapell Hill, Carolina do Norte, 1964 (edic. orixinal, 1933), p. 242-302
  6. Oliver, Harrison & Bolcom: op.cit., páx.21
  7. Fisher, M.: Negro slave songs in the United States, Ithaca Ed., Nova York, 1953, p.157
  8. Oliver, Harrison & Bolcom: op.cit, páx.29
  9. Oliver, Harrison & Bolcom: op.cit., páx.31
  10. Lomax, Alan: Georgia Sea Islands Songs, booklet, Anthology of American Music, New World Records 80278-2, Nova York, 1977.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]