Concatedral de Santa María de Vigo
Concatedral de Santa María de Vigo | |
---|---|
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Concatedral |
Advocación | Santa María |
Localización | Vigo |
Coordenadas | 42°14′22″N 8°43′34″O / 42.239444444444, -8.7261111111111 |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Tui-Vigo |
Arquitectura | |
Construción | 1816-1834 |
Estilo | Barroco, neoclásico |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Concatedral-Basílica de Santa María de Vigo[1] é un templo católico situado na cidade de Vigo. Desde 1959 ten a consideración de concatedral, compartindo a sé catedralicia da diocese de Tui-Vigo coa catedral de Tui, e, dende 2020, tamén a de basílica.[2]
Foi construída entre 1816 e 1834, substituíndo a antiga colexiata, danada trala explosión dunha polvoreira en 1809.
O actual edificio foi deseñado por Melchor de Prado y Mariño, membro da Real Academia de San Fernando. O seu estilo principal é o neoclásico, se ben as torres son barrocas.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros rexistros da existencia dun templo vigués baixo a advocación de Santa María datan do século XII. Nun documento de 1156 o bispo Paio Mendes e o seu cabido repártense as parroquias da diocese de Tui. Noutro documento de 1170 o rei Fernando II de Galiza outorga a igrexa ao bispado como compensación por outros territorios tomados para a coroa. Tamén aparece mencionada en distintos documentos dos mosteiros de Melón e Oia.
A ese templo seguiulle outro de estilo gótico, construído a finais do século XIV e finalizado en 1403, que conservaba varias capelas e os transeptos do anterior. O 11 de xuño de 1497 constituíuse como colexiata, sendo o seu primeiro prior Jaime González de Pedroso. En 1589 a igrexa foi saqueada polo pirata Francis Drake. Cara a 1680 efectúanse numerosas reformas no templo. En 1809 explotou unha polvoreira próxima, situado no castelo do Castro. A igrexa sufriu graves danos, polo que tivo que proxectarse unha nova.
O proxecto foi encargado ao santiagués Melchor de Prado y Mariño, que o presentou en 1811, se ben non se iniciaron as obras até 1816 debido á Guerra da Independencia Española. Tamén se achatou o terreo para crear a pequena praza dianteira. As obras remataron en 1838, coa construción do tabernáculo e os altares laterais.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Igrexa antiga
[editar | editar a fonte]O templo gótico, existente entre o século XV e o XIX, estaba formado por unha nave central e unha serie de naves laterais coroadas con bóvedas de cantaría. O tímpano de entrada representaba a Anunciación máis a Adoración do Magos.[3] O altar maior estaba formado por un retablo dourado que representaba a Santa Trindade e a Asunción da Virxe coroado por un crucifixo de vidro. Detrás do altar había un pequeno nicho ou camarín cunha imaxe da Virxe. No sagrario estaban representados os doce apóstolos e os anxos. A ambos os dous lados do altar maior había dous altares laterais, dos que destacaba o de San Bieito, de ouro e alabastro, no que un altorrelevo representaba o Viacrucis e que estaba acompañado de numerosas figuras de personaxes relixiosos. Este altar fora doado polo arcebispado de Londres, polo que estaba coroado polo escudo de Inglaterra. O outro altar lateral estaba dedicado a Santa Catarina e San Sebastián, e nel tamén estaban representados a Quinta Angustia, Santo Amaro e a Madalena.
A ambos os dous lados da nave principal situábase unha serie de capelas laterais decoradas con pinturas murais. A capela de Santa Ana tiña tres esculturas de pedra de Santa Ana, Santo Antón e San Roque. A capela do Rosario tiña imaxes de madeira do Rosario e de San Martiño.
A capela de San Martiño tiña imaxes de San Martiño, San Pedro e Santiago, unha estatua de San Brais e o altar da Resurrección. Había unha capela dedicada ao seu patrocinador, Gregorio de Paços, na que estaban representados Santa Ana, San Miguel, Santo Antón e San Gregorio. A capela do Anxo Custodio acollía un retablo cos doce apóstolos e maila Virxe e un altar adicado á Madalena. Outra capela estaba dedicada a San Bertomeu, San Xoán e Santiago, cunha imaxe de Santo Estevo.
Dentro do templo tamén destacaban a cantaría perpiaño do coro e o órgano.
No exterior, a igrexa estaba coroada por unha única torre de planta cadrada que tiña no alto un reloxo de campá, así como dúas campás grandes e dúas pequenas.
No centro do adro había unha oliveira centenaria, que sobreviviu até o século XIX, que chegou a converterse nun símbolo da cidade. A actual oliveira de Vigo saíu dun esgallo desta. En outubro de 2016, o Concello de Vigo plantou novamente unha oliveira bicentenaria ao carón da colexiata de Santa María, no lugar onde estivo orixinalmente a que deu nome á cidade.[4]
Igrexa actual
[editar | editar a fonte]O actual templo destaca pola súa robustez, e de feito foi pensado como posible praza forte, dado o contexto de recente finalización da Guerra de Independencia.
A estrutura do edificio presenta unha planta rectangular: o altar está flanqueado por dúas sancristías, e aos seus pés aparece a nave principal, que ten aos seus lados unha serie de capelas laterais situadas baixo dúas naves máis estreitas paralelas á central. Aos pés desta encóntrase o pórtico, desde cuxos laterais se accede ás torres. As bóvedas central e laterais, de canón, están sustentadas sobre filas de columnas toscanas de porte sobrio coroadas por capiteis dóricos. A marxe entre o altar e a nave central está definida por un único arco. O altar maior, decorado con mosaicos de Padrós, que rememoran feitos da Guerra da Independencia, está presidido polo Cristo da Vitoria, de gran devoción en Vigo.
A fachada presenta un esquema sinxelo e simétrico. No centro sitúase unha ampla e única portada baixo o frontón, ambos os dous franqueados a cada lado polas dúas torres, único elemento barroco que contrasta coa sobriedade neoclásica do resto do conxunto.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Concatedral-Basílica de Santa María de Vigo". DIOCESE TUI-VIGO. Consultado o 2023-09-13.
- ↑ "La concatedral de Vigo se convierte en la séptima basílica de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-08-11. Consultado o 2023-09-13.
- ↑ "Tímpanos medievales", en El Museo de Pontevedra III (1944-45), 2000 (2ª ed), px. 12ss. "La Diputación encarga una réplica del tímpano de la antigua colegiata de Santa María"
- ↑ "O Concello planta unha oliveira bicentenaria na Concatedral onde estaba a que deu nome á cidade". Xornal Vigo. 6 de outubro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Concatedral de Santa María de Vigo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Iglesias Rouco, L. S. (1979). "La iglesia colegiata (concatedral) de Vigo" (pp. 514–519), en Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología: BSAA. Valladolid, Universidad de Valladolid.
- Santiago y Gómez, J. (2006). Historia de Vigo y su comarca Valladolid, Ed. Fray Luis de León. ISBN 84-9761-285-X.
- Taboada Leal, Nicolás (1840). "Antigüedades y noticias históricas de la población de Vigo" (pp. 165–185), en Descripcíon topografico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores.