[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Árbore do nim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Azadirachta indica

A árbore do nim (Azadirachta indica) (a través do inglés neem de नीम Neem (hindi), Nimm (sindhi), نیم Neem (urdú), নিম Nim (bengalí), कडूनिंब kadunimb (marathi), ಬೇವು Bevu (kanarés), வேம்பு Vembu (támil), వేప Vepa (telugu)), લીમડા Limda (gujarati)) tamén coñecida como amargosa, é unha árbore pertencente á familia Meliaceae orixinaria da India e de Birmania, que só medra en rexións tropicais e subtropicais.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Árbore de rápido crecemento que pode acadar 15 a 20 metros de altura e raramente 35 a 40 m. Ten abundante follaxe todas as temporadas do ano, mais en condicións severas pode perder as follas, incluso case completamente. A ramaxe é ampla, e pode acadar de 15 a 20 m de diámetro xa desenvolvida. Otoro é curto, recto e pode acadar 120 cm de diámetro. A casca é dura, gretada e dende unha cor cinsenta clara até unha castaña avermellada. O zume é abrancazado cinsento e a cerna do toro tórnase arroibada cando se expón ao ar libre. As raiceira consiste nunha raíz rexa principal e unha laterais moi desenvolvidas. O talo das follas mide de 20 a 40 cm de lonxitude, con 20 a 31 follas verdes escuras de 3 a 8 cm de lonxitude. A folla terminal é a miúdo fallante. O pecíolo é curto. As follas noviñas son de cor vermella ou púrpura. A forma das follas maduras é menos asimétrica e as súas marxes están dentadas. As flores, brancas e recendentes, fican dispostas axialmente, normalmente coma panículas pénsiles que miden máis de 25 cm de lonxitude. As inflorescencias, que ramifican en terceiro grao teñen de 150 a 250 flores, cada unha mide 5 a 6 milímetros de lonxitude e 8-11 de largo. Caracterízanse pola súa dicogamia, é dicir, pode haber flores femininas e masculinas na mesma árbore mais en períodos diferentes.
O seu froito é unha drupa semellante á oliva en forma que varía dende un ovalo alongado até un lixeiramente redondo, e cando madura mide 14 a 28 mm de lonxitude e 10 a 15 mm de largo. O seu epicarpo é magro, o mesocarpo é branco amarelento, fibroso e de doce sabor, mais desagradábel ao gusto. O endocarpo é branco, duro e agocha unha semente, en raras ocasións dúas ou tres sementes alongadas cunha pela de cor castaña.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

A árbore do nim ten unha notábel resistencia á seca. Adoita medrar en condicións subáridas a subhúmidas, cunha pluviometría entre 400 e 1200 mm. Pódese desenvolver en rexións cunha precipitación inferior aos 400 mm, mais en ambos os dous casos o desenvolvemento depende da cantidade de auga subterránea. O nim pódese desenvolver en diferentes tipos de solo, porén sobrevive mellor en substratos ben drenados, profundos e areentos (cun pH de 6,2 a 7). Vive en rexións cunha temperatura anual de entre 21 e 32 °C, pode tolerar moi altas temperaturas, mais non atura temperaturas menores de 4 °C, porque perde a folla e pode chegar a morrer. Acepta tamén certo grao de salinidade.[Cómpre referencia]

Cultivo e aplicacións

[editar | editar a fonte]
Vista da planta

Introduciuse para cultivo noutros países de Asia, a África, América, Australia e as illas do Pacífico sur, sempre en zonas tropicais e semellantes, evitando as plantacións montañosas.

Repelente e fertilizante

[editar | editar a fonte]

O extracto de nim emprégase coma ‘insecticida’ ou repelente ecolóxico, especialmente contra certos insectos como os térmites e os daniños nematodos. Actúa nos insectos, como antialimentario, inhibidor do crecemento, e como prolongador das etapas inmaturas do insecto, Isto pode ocasionar a morte do mesmo , diminuír a fecundidade e a oviposición, diminuír os niveis de proteínas e aminoácidos na hemolinfa e/ou interferir na síntese de quitina. Estas características fan que as substancias obtidas do nim non funcionen coma tóxico senón que interveñen nos procesos químicos e fisiolóxicos dos insectos. O nim xa se usaba de xeito tradicional na agricultura e hoxe en día o aceite de nim estase a empregar de novo como repelente en moitas empresas químicas e de fertilizantes. Moitos dos metabolitos secundarios da árbore teñen actividade biolóxica, porén a azadiractina é considerada de maior importancia ecolóxica. Os estudos demostraron que afecta as actividades de numerosas especies interrompendo o ciclo vital del insecto. As pescudas aumentaron co arelo de conseguir un pesticida efectivo e seguro e semella que o nim terá importancia no control de pragas. As follas verdes constitúen un fertilizante excelente e barato. A planta como fertilizante orgánico é superior ao esterco vacún, porcino ou doutra fonte. Mesturada con urea coma fertilizante do solo, dá bos resultados e actúa como biocida.

Detalle das flores

Na industria de xabóns substitúe os aceites de coco, palma africana e cacahuete. Coma contén ácidos mirístico e láurico, os xabonetes fabricados con dito óleo terán máis escuma e máis deterxencia que aqueles fabricados con aceites comestíbeis. Tamén é superior ao aceite de rícino.

Cosmética e menciñas

[editar | editar a fonte]

O aceite de nim emprégase na medicina ayurvédica. Todas as partes da árbore son utilizadas para preparar diferentes remedios, O aceite do nim é usado para preparar cosméticos (xampús, bálsamos, xabonetes e cremas). Existe evidencia científica preliminar que demostra que o nim é moi efectivo no tratamento da raña, mais esa evidencia aínda non se corroborou. O nim recoméndase a quen é sensíbel á permetrina, un insecticida que pode ser irritante. Á súa vez, tamén existe evidencia da súa efectividade na eliminación de piollos (nas súas tres variantes), aínda que non no seus ovos (lendias ou miúdos), e en nematodos e vermes filiformes tanto ecto como endoparasitos do home. A súa aplicación estase estendendo cada día máis por mor á crecente resistencia destes insectos aos produtos químicos tradicionais.

Outros usos

[editar | editar a fonte]

A polpa ten sona na India coma xeradora de gas metano. Ademais do uso medicinal, as árbores de nim cultívanse para diminuír a desertización e coma bo absorbente do dióxido de carbono.

Propiedades

[editar | editar a fonte]
Follas.

Principios activos: Numerosos constituíntes terpénicos: diterpenos (derivados do abietano) e máis de cincuenta tetranortriterpenoides: azadiractina, nimbólido, ácido nimbidínico, azadirona, nimbina etc. O máis interesante, a azadiractina se comporta como un antinutriente para os insectos.[1] Indicacións: A casca é un tónico amargo, estimulante, adstrinxente, febrífugo, detersivo, vermífugo. O froito é purgante, discutinte, tóxico. As follas e o aceite das sementes son antihelmíntico, antiséptico, antiparasitario. Úsase a casca, as follas e mais os froitos. Como planta medicinal emprégase para:

  • Psoríase: utilízase o aceite das sementes e o extracto das follas, diminúe a comechón (proído intenso) e a dor.
  • Diabetes: por vía oral o extracto de nim reduce os requirimentos de insulina entre un 30% e un 50% ás persoas que son insulinodependentes.
  • SIDA: reportáronse resultados de probas in vitro para previr a SIDA.
  • Cancro: polisacáridos e limonoides atopáronse na casca, follas e aceite, o que reduciría os tumores e o cancro.
  • Afeccións cardíacas.-controla as arritmias cardíacas e tamén atrasa o callado do sangue.
  • Espiña carnaza ou herpes: existen probas en Alemaña que demostran que os extractos do nim son tóxicos para o virus da espiña carnaza.
  • Trastornos dentarios: de igual xeito, en Alemaña atoparon prevén a carie entre outros trastornos dentarios.
  • Dermatoloxía: é efectivo contra a acne, as erupcións da pel e a caspa.
  • Alerxias: inhibe reaccións alérxicas cando se aplica externamente.
  • Lastras: o extracto do nim acelera a cicatrización de lesións gástricas e duodenais (úlceras e lastras).
  • Encefalite.
  • Control natal (homes): existen probas na India e nos Estados Unidos de que os extractos do nim reducen a fertilidade en monos sen inhibir a libido ou a produción dos espermatozoides.
  • Control natal (mulleres): utilízase coma lubrificante vaxinal.
  • Hepatite: nos Estados Unidos demostrouse que é efectivo contra o virus que causa a hepatite B.
  • Fungos: o nim é tóxico para os fungos que atacan os humanos coma os lévedos que causan as cándidas ou a dematofitose (frieiras).
  • Malaria: as follas teñen un ingrediente activo que é tóxico á malaria.
  • Parasitos externos.
  • Repelente de insectos.

Uso culinario

[editar | editar a fonte]
Toro

Nalgunhas partes do sueste de Asia, particularmente en Camboxa e no Vietnam, os rebentos macíos do nim consómense. Malia teren un sabor agre, os consumidores cren que é saudábel.[1]

Controversia da patente

[editar | editar a fonte]

En 1995 a Oficina Europea de Patentes (EPO) outorgou a patente dun produto funxicida, derivado do nim ao Departamento de Agricultura dos Estados Unidos e mais á compañía multinacional estadounidense WR Grace. O goberno da India reprobou a decisión da EPO, reclamando que na India tense utilizado o nim dende hai 2 milenios. No ano 2000 a EPO inclinou a lle outorga a patente á India, porén a WR Grace apelou reclamando que o seu uso tradicional nunca se publicara en obra científica ningunha. O 8 de marzo de 2005, a apelación foi rexeitada, e se liberou o aproveitamento do nim ao dominio público.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Azadirachta indica foi descrita por Adrien-Henri de Jussieu e publicado en Mémoires du Muséum d'Histoire Naturelle 19: 221, pl. 2, f. 5. 1830.[2]

Sinonimia

[editar | editar a fonte]
  • Azadirachta indica var. minor Valeton
  • Azadirachta indica var. siamensis Valeton
  • Azadirachta indica subsp. vartakii Kothari, Londhe & N.P.Singh
  • Melia azadirachta L.
  • Melia indica (A. Juss.) Brandis[3][4]
  1. 1,0 1,1 "Azadirachta indica". Plantas útiles: Linneaus. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2009. 
  2. "Árbore do nim". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 10 de febreiro de 2013. 
  3. Árbore do nim en PlantList
  4. "Árbore do nim en". World Checklist of Selected Plant Families. Arquivado dende o orixinal o 07-06-2013. Consultado o 09-02-2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Anonymous. 1986. List-Based Rec., Soil Conserv. Serv., U.S.D.A. Database of the U.S.D.A., Beltsville.
  • Berendsohn, W. G., A. K. Gruber & J. A. Monterrosa Salomón. 2012. Nova Silva Cuscatlanica. Árboles nativos e introducidos de El Salvador. Parte 2: Angiospermae – Familias M a P y Pteridophyta. Englera 29(2): 1–300.
  • Funk, V. A., P. E. Berry, S. Alexander, T. H. Hollowell & C. L. Kelloff. 2007. Checklist of the Plants of the Guiana Shield (Venezuela: Amazonas, Bolivar, Delta Amacuro; Guyana, Surinam, French Guiana). Contr. U.S. Natl. Herb. 55: 1–584.
  • Hokche, O., P. E. Berry & O. Huber. 2008. 1–860. In O. Hokche, P. E. Berry & O. Huber Nuevo Cat. Fl. Vasc. Venezuela. Fundación Instituto Botánico de Venezuela, Caracas.
  • Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. (eds.) 2011. Fl. Antioquia: Cat. 2: 9–939. Universidad de Antioquia, Medellín.
  • Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.
  • Linares, J. L. 2003 [2005]. Listado comentado de los árboles nativos y cultivados en la república de El Salvador. Ceiba 44(2): 105–268.
  • Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.
  • Schatz, G. E., S. Andriambololonera, Andrianarivelo, M. W. Callmander, Faranirina, P. P. Lowry, P. B. Phillipson, Rabarimanarivo, J. I. Raharilala, Rajaonary, Rakotonirina, R. H. Ramananjanahary, B. Ramandimbisoa, A. Randrianasolo, N Ravololomanana, Z. S. Rogers, C. M. Taylor & G. A. Wahlert. 2011. Catalogue of the Vascular Plants of Madagascar. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 0(0): 0–0.
  • Stevens, W. D., C. Ulloa Ulloa, A. Pool & O. M. Montiel Jarquin. 2001. Flora de Nicaragua. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 85: i–xlii,.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]