Pazo Baión
O Pazo Baión é unha propiedade rústica situada na parroquia de Baión (Vilanova de Arousa), dedicada á produción de viño albariño. O recinto componse de plantacións desta variedade de uva, o pazo que lle dá nome á propiedade, un edificio adicado ás tarefas agropecuarias e un almacén, todos eles de pedra. Pazo Baión acadou gran sona por ser a propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña, sendo tamén un símbolo da loita contra o narcotráfico. Actualmente pertence á adega Condes de Albarei.
Pazo Baión | |
---|---|
Concello | Vilanova de Arousa |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°33′51″N 8°43′20″O / 42.564167, -8.722222 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (1928) |
Estado actual | Adega |
[ editar datos en Wikidata ] |
Extensión
editarO terreo conta con 287 hectáreas de uva albariña, o que o converteu durante moitos anos na maior plantación desta variedade de uva en toda Galicia. Nos últimos anos perdeu este título, malia que segue a ser a maior plantación desta variedade da comarca do Salnés.
Historia
editarOrixe
editarA primeira edificación tratábase dunha casa-torre de orixe medieval, pertencente á familia Priegue. O pazo actual comezou a edificarse no ano 1928 por Adolfo Fojo Silva, un emigrante que retornou enriquecido de América. Mentres se estaba a rehabilitar, cedeulla ao seu fillo Narciso Fojo e ós seus 14 netos, razón pola cal durante gran parte do século coñeceuse coma a Finca dos Fojo[1].
Etapa de Laureano Oubiña
editarA propiedade rústica foi adquirida no 1987 por 275 millóns de pesetas[2] por unha sociedade formada polos contrabandistas Laureano Oubiña, Sito Miñanco e Pablo Vioque, sendo os seus titulares reais o matrimonio formado por Laureano Oubiña e a súa muller, Esther Lago. O matrimonio, que nunca chegou a instalarse no Pazo, deixou de lado o coidado das parras, o que ocasionou un descenso da produtividade dos viñedos. Durante esta época fíxose famosa a imaxe de nais de drogodependentes, lideradas por Carmen Avendaño, manifestándose ás portas da herdade[3].
Pazo Baión foi intervido cinco anos despois da Operación Nécora, o 9 de xaneiro do 1995 por parte do xuíz Carlos Bueren, mentres que o xuíz Baltasar Garzón procedeu ao seu embargo para facer fronte á multa da Operación Nécora, que ascendía a un total de quince millóns, e no transcurso da cal foron detidos Laureano Oubiña e a súa muller. Malia todo, só puido ser condenado catro anos despois, por mor dun alixo de quince toneladas de haxís incautados no barco Regina Maris. Tras esta condena, Oubiña fuxiu da xustiza, sendo prendido ao cabo de trece meses pola Interpol en Grecia.
Xestión do Estado
editarPara evitar a parálise da empresa, o Estado español arrendou no 1996 a súa xestión á empresa catalá Freixenet, que mantivo durante durante trece anos a súa explotación.
Cando o Estado intentou poñer á venda a leira, Esther e Lara Ouriña, as fillas de Laureano Oubiña, presentaron un escrito perante o Plan Nacional de Drogas no que alegaban que xa no 2005 recorreran o comiso perante o Tribunal de Estrasburgo, cando contaban con 20 e 18 anos, respectivamente, co que xa eran maiores de idade [4]. O Plan, que tiña previsto comezar a rolda de negociacións o 29 de xaneiro dese ano, suspendeu a súa actividade para consultar coa Avogacía do Estado. As fillas alegaban que o pazo era parte da herdanza da súa nai, falecida en accidente de automóbil en Cambados. Tras un longo proceso nos tribunais, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos autorizou a venda [5].
Poxa
editarO 9 de novembro do 2007, a Mesa de Coordinación de adxudicacións do Plan Nacional sobre Drogas sacou finalmente o Pazo a poxa pública, a un prezo inicial de 8,7 millóns de euros[6], sendo catro as adegas interesadas en adquirilo: Freixenet, Marqués de Riscal, Bodegas Martín Códax e Condes de Albarei. A oferta foi publicada no BOE e contiña unha serie de requirimentos para evitar que na poxa participaran empresas-pantalla de narcotraficantes. Así, as empresas que quixeran presentar unha oferta tiñan que acreditar unha actividade de catro anos nos sector vitivinícola, así coma unha facturación media nos catro anos previos de cando menos cinco millóns de euros.
Candidaturas
editarA bodega catalá intentou adquirir a titularidade das terras que viña explotando [7], pero sufriu un duro revés ao quedar excluída da poxa tras presentar unha oferta de once millóns de euros, fronte aos trece que presentaron os outros tres candidatos [8]. Tras esta decisión, José Ferrer, o presidente de honra da empresa declarou: "Eles ofreceron o máximo que permitía o concurso, pero nós, que levamos máis dunha década ao fronte da xestión do pazo, sabemos que o valor real non é superior aos once millóns". Así mesmo, vaticinou que co prezo de partida de trece millóns de euros que fixeran as outras tres empresas, o pazo non sería adquirido por menos de quince millóns de euros, "cifra difícil de amortizar", segundo declarou.
Freixenet expresou a súa vontade de seguir ligada ao negocio do viño albariño malia perder a xestión do Pazo, posto que a marca máis vendida destes viñedos, Vionta, é propiedade de Freixenet. Os plans da empresa no sector pasan por adquirir unha bodega en Galicia coa que seguir producindo o dito viño, que xa en gran medida se estaba a elaborar con uva doutras leiras. Para afrontar ese investimento, a adega ten previsto embolsar os cartos debidos polo Plan Nacional de Drogas. En palabras de Ferrer: "Cando firmamos o contrato de xestión, acordamos que todos os investimentos que realizásemos en maquinaria e novas instalacións deberán ser adquiridas polo novo propietario e pagadas a Freixenet"
Adxudicación
editarO 20 de xuño do 2008 finalizou o prazo para presentar as ofertas[9], e o 23 de xuño de 2008[10] desvelouse que a gañadora da poxa fora a cooperativa cambadesa Condes de Albarei, que ofreceu 15.102.000 euros pola propiedade rústica[11], fronte aos pouco máis de trece dos outros dous aspirantes. A compra formalizouse o 16 de xullo do 2008[12], tras a cal a adega converteuse na posuidora do maior número de hectáreas de albariño de toda a comarca do Salnés.
Rehabilitación
editarLogo da adquisición do Pazo, a adega Condes de Albarei iniciou en setembro do 2008 un investimento de dez millóns de euros para acondicionar os terreos e facelos máis rendible [13]. Dentro deste proxecto está o de construír un centro de recepción de visitantes e acondicionar a bodega para elaborar nela un viño de gama máis alta, do que se prevé elaborar 160.000 botellas de viño branco ao ano.
Restauración
editarAdemais de investir para aumentar a rendibilidade das parras, os seus novos propietarios planearon rehabilitar todos os edificios da propiedade. O proxecto de reforma foi obra de César Portela, coa aspiración de converter o Pazo nun centro de enoturismo que atraese a 50.000 visitantes ao ano, e que estivese operativo no 2010, coincidindo co Ano Santo Xacobeo.
En xuño de 2011 finalizou a primeira parte da reforma, que supuxo un investimento de cinco millóns de euros, e afectou a 5.000 metros cadrados de edificios e a tres hectáreas de terreo ao aire libre[14]. Así, a vella adega converteuse nun salón para eventos, á semellanza do que xa ten a adega Condes de Albarei en Castrelo, ou Bodegas Martín Códax na súa adega de Vilariño.
Nova imaxe
editarPara renovar a imaxe do Pazo e afastala da súa vinculación co narcotráfico, Condes de Albarei convocou un concurso[15] para elixir unha nova imaxe de marca, cun xurado composto por Isaac Díaz Pardo, César Portela, Antón Patiño, Francisco Leiro e Xosé Manuel Casabella, director da ETSAC da Coruña. Tal e coma explicou o xerente da bodega, Xavier Zás: "A esta propiedade hai que facerlle un lavado de cara. Agora mesmo estamos escribindo unha nova páxina na historia do pazo de Baión e comezamos cun concurso de imaxe." Para iso, a temática do concurso é libre, se ben non se admitirán deseños que teñan connotacións co seu pasado vencellado ao narcotráfico. O premio será de 10.000 euros, con dous accésits de 2.000. Díaz Pardo declarou ao respecto:"Isto vai ser moito máis ca unha adega, vai ser unha empresa de prestixio internacional."
Aínda que ao principio o prazo era de tres meses, o alto número de participantes obrigou a atrasar o fallo ata o 27 de febreiro do 2009 [16]. Nesa data examináronse as 357 obras propostas[17], das cales cinco pasaron á fase final. Os autores destas obras foron citados na bodega para o venres 2 de abril para explicar os detalles da súa proposta[18].
O gañador foi o deseñador madrileño Lucas Gil-Turner, co seu proxecto Metamorfosis[19].
Rehabilitación de drogodependentes
editarO contrato de venda recollía que o adquirente debía dar traballo durante os quince vindeiros anos a unha porcentaxe de drogodependentes en proceso de rehabilitación, co obxectivo de facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. Esta cláusula plasmouse na vendima do 2008[20] con oito persoas empregadas por esta vía[21], sete homes e unha muller.
Outro compromiso adquirido pola adega foi o de destinar o 5% da facturación anual do Pazo a programas de prevención, tratamento e reinserción de drogodependentes durante o mesmo período de quince anos [22].
Premios
editarA Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (Agaxet) elixiu o albariño do Pazo coma o mellor produto do 2010[23][24]. O galardón foi entregado o 2 de marzo de 2011, na gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, que tivo lugar no Auditorio Novacaixagalicia de Pontevedra[25].
O pazo no cine
editarO Pazo Baión foi escenario da película Heroína, de Gerardo Herrero, que narra a loita de nais de drogodependentes para acabar coa impunidade dos narcotraficantes na Galicia dos anos oitenta, baseándose na figura de Carmen Avendaño.
Notas
editar- ↑ Historia do Pazo Baión
- ↑ Entrevista Arquivado 18 de outubro de 2012 en Wayback Machine. en Vanity Fair (15/09/2012)
- ↑ Érguete cumpre 25 anos de loita contra a droga
- ↑ "La adjudicataria del Pazo Baión agiliza la venta para hacer frente a la "venganza" de las hijas de Oubiña". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o 09 de novembro de 2008.
- ↑ "Estrasburgo autoriza la subasta del pazo Baión". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 09 de novembro de 2008.
- ↑ El Pazo Bayón del narco Oubiña sale a la venta por 8,7 millones
- ↑ Freixenet puxará para quedar co Pazo Baión, requisado a Laureano Oubiña
- ↑ Freixenet hará su propia bodega en Galicia tras 'perder' el pazo Baión
- ↑ Finaliza el plazo para presentar nuevas ofertas por el Pazo Baión
- ↑ Hoy se conocerá al nuevo propietario del Pazo de Baión
- ↑ "Una cooperativa se hace con el Pazo Baión por 15 millones de euros". Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2008. Consultado o 09 de novembro de 2008.
- ↑ La escritura de compra venta del Pazo de Baión se formalizara hoy en Sanxenxo
- ↑ Suplemento Mercados, de La Voz de Galicia (09/11/2008, páx. 7)
- ↑ Baión reestrea o seu pazo
- ↑ Bases (pdf)
- ↑ Condes de Albarei recibe máis de 400 propostas para cambiar a imaxe do pazo de Baión
- ↑ "O xurado elixirá entre cinco obras a nova imaxe do pazo de Baión". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2016. Consultado o 01 de abril de 2009.
- ↑ O gañador do concurso de imaxe, a principios de abril
- ↑ "Lucas Gil-Turner, ganador del concurso de imagen para el Pazo Baión". grupoEsComunicaciónGalicia (en castelán). 6 de abril de 2009. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2012. Consultado o 02 de xullo de 2011.
- ↑ Se inicia la vendimia en Pazo Baión, recuperado del narcotráfico
- ↑ Pazo Baión contrata a ocho drogodependientes para trabajar en la vendimia
- ↑ Publicidade da adega en La Voz de Galicia, xoves 24 de Novembro do 2008 (páx.27)
- ↑ A asociación galega de escritores elixe a Pazo Baión como mellor produto do 2010
- ↑ "Pazo Baión, producto estrella 2010 ". Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2015. Consultado o 11 de marzo de 2011.
- ↑ "Gala Hostelería de Galicia premia a Fomento por conservación del patrimonio". Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2015. Consultado o 11 de marzo de 2011.