[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Muller

persoa de sexo feminino

Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) [1] (Gl-muller.ogg pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino[2]. O termo muller adoita estar reservado para unha persoa adulta, sendo o termo rapaza o termo habitual para unha nena ou adolescente. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho. Conta con aspectos físicos que a diferencian do varón da especie como voz máis aguda, cintura máis estreita, cadeira máis ancha e pelve máis ampla, menos pelame corporal, menos masa muscular e máis tecido adiposo, mamas máis grandes e é de menor estatura comparada co varón.

Muller

O Día Internacional da Muller Traballadora celébrase o día 8 de marzo.[3]

Reprodución, esforzo reprodutivo e demografía

editar
Véxase tamén: Reprodución sexual e Nai.

A muller realizou e realiza o esforzo ou traballo reprodutivo que permite a supervivencia de individuos e sociedades.[4] Ao longo da historia e ata datas recentes, co obxecto de garantir a supervivencia social e nun contexto de altísima mortalidade (tanto na taxa bruta de mortalidade como na mortalidade infantil), foi necesario manter unha moi alta natalidade (tanto na taxa bruta de natalidade como na taxa de fecundidade) para garantir unha substitución suficiente das poboacións.[5]

A mellora na alimentación, a xeneralización da hixiene, a sanidade e a difusión de medicamentos foron decisivos para o forte crecemento da poboación mundial que pasou dos case 1.000 millóns no ano 1800 a máis de 6.000 millóns no ano 2000 e os 7.000 millóns a finais do 2011.[6][7]

A necesidade dunha alta reprodución deixou de ser un dos tradicionais problemas das sociedades -e por suposto do mundo no seu conxunto- para chegar a converterse, para algúns autores de corte neomalthusiano,[Cómpre referencia] nun novo problema, a superpoboación.

A redución da taxa bruta de mortalidade é característica da denominada transición demográfica así como dunha forte redución das taxa de natalidade é característica da segunda transición demográfica xunto con cambios sociolóxicos que afectan basicamente ao papel tradicional da muller.[8][9]

Os avances e difusión dos métodos anticonceptivos xunto coa redución da presión social sobre a muller para manter a poboación -ao alcanzarse unha alta supervivencia das poboacións- permiten que se produza o que algúns autores como John MacInnes e Julio Pérez Díaz denominan revolución reprodutiva. O esforzo reprodutivo redúcese, a supervivencia dos individuos -a baixa mortalidade- permite entón reducir substancialmente o número de fillos. Nas sociedades modernas dáse unha alta eficiencia reprodutiva que libera á muller de boa parte do traballo que desenvolvía tradicionalmente e permítea incorporarse ao mercado de traballo[10] modificándose substancialmente as relacións sociais antes establecidas e advertíndose cambios substanciais: declive do traballo reprodutivo (fundamentalmente na muller), derrubamento do patriarcado, privatización da sexualidade e redución do control social sobre a sexualidade; desaparición da punibilidade das relacións sexuais non reprodutivas; alto control sobre a procreación co uso de métodos anticonceptivos e apoio interxeracional moi amplo a fillos e netos, reforzamento dos lazos familiares profundos; aumento dos anos vividos ou madurez de masas; centralidade da familia e reforzamento dos lazos e importancia da mesma.[11][12]

Evolución histórica, cultura, antropoloxía e historia cultural

editar
Véxase tamén: Antropoloxía.
 
Unha muller de Bangladesh tecendo. O traballo téxtil foi historicamente considerado como unha ocupación feminina nalgunhas culturas.

Prehistoria

editar

Aínda que existe gran diversidade, dependendo do tipo de sociedade -matriarcado, patriarcado, cazadores recolectores, agrícola, etc- e da filiación, pode dicirse que desde a prehistoria, as mulleres, como os varóns, asumiron un papel cultural particular normalmente diferenciado. En sociedades de caza e recolección, as mulleres case sempre eran as que recollían os produtos vexetais, mentres que os varóns fornecían a carne mediante a caza de animais[Cómpre referencia]. Por mor do seu coñecemento profundo da flora, a maior parte dos antropólogos cren que foron as mulleres quen conduciron as sociedades antigas cara ao Neolítico e convertéronse nas primeiras agricultoras. De feito, os datos de moitas sociedades recolectoras modernas mostraron que a maior parte das calorías inxeridas proveñen da recolección realizada polas mulleres.

 
En 1942, durante a segunda guerra mundial, unha traballadora labra pezas nun torno revólver para avións na fábrica de Consolidated Aircraft Corporation en Fort Worth, Texas, Estados Unidos. A incorporación da muller a traballos tradicionalmente masculinos durante a primeira e segunda guerra mundial ante a ausencia de varóns que estaban na fronte foi un paso decisivo para a incorporación plena da muller ao mercado de traballo.

Antigüidade e Idade Media no Mediterráneo e Europa

editar

Na antigüidade clásica, tanto gregos como romanos documentaron amplamente que moitos outros pobos mediterráneos e europeos de feito non eran patriarcados. En moitos pobos existía unha organización matrilineal, isto está documentado en varias sociedades protohistóricas de Europa. Existen abundantes elementos para pensar que orixinalmente entre os lidios, etruscos, ástures, minoicos e algúns pobos xermanos as mulleres tiñan un papel moito máis preponderante que na sociedade grega e romana. Igualmente na antiga Persia as mulleres tiñan un papel social máis preponderante que as mulleres romanas. A situación noutras partes do planeta está menos clara.

Na Idade Media, os autores masculinos, pertencentes a unha estirpe, relixiosos, tratadistas laicos e sobre todo, predicadores, falaron das condicións e condutas que lles esixen ás nenas, ás xoves e ás maiores. A conduta feminina foi pautada para cada momento e situación da vida. Case sempre a idade corresponde a un estado civil e a unha función de acordo con ela. Tal é así que a muller representábase na imaxe da noiva, a prometida, a casada, a viúva, é dicir, sempre ligada inexorablemente a un varón que debía responsabilizarse dela e da súa conduta. O papel máis importante atribuído á muller era o de esposa e nai.[13]

Idade moderna e contemporánea en Europa

editar

Na historia recente, os roles das mulleres cambiaron enormemente. As funcións sociais tradicionais das mulleres da clase media consistían nas tarefas domésticas, acentuando o coidado de nenos, e non adoitaban acceder a un posto de traballo remunerado. Para as mulleres máis pobres, sobre todo entre as clases obreiras, esta situación era ás veces un obxectivo, xa que a necesidade económica obrigounas durante moito tempo a buscar un emprego fóra de casa, aínda que as ocupacións en que se empregaban tradicionalmente as mulleres de clase obreira eran inferiores en prestixio e salario que aquelas que levaban a cabo os homes. Eventualmente, o liberar as mulleres da necesidade dun traballo remunerado converteuse nun sinal de riqueza e prestixio familiar, mentres que a presenza de mulleres traballadoras nunha casa denotaba a unha familia de clase inferior.[14]

No século XIX ocorre unha transformación nos ámbitos social, político e económico. Nesta etapa mobilizáronse mulleres feministas en pos da igualdade de xénero. As mulleres en países de primeiro mundo, recibiron liberdade no sentido de expresión ata poder ser parte do mundo laboral. En 1979, aprobouse a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller. Este evento, aprobado pola Asemblea de Nacións Unidas, foi un logro para as mulleres quen loitou polos seus dereitos na sociedade. A muller a través da historia tivo que combater moitos problemas. Cos séculos os dereitos, roles e estereotipos das mulleres evolucionaron; desde a Idade Media ata o século XXI. Os dereitos humanos da muller, define a discriminación contra a muller como "toda distinción, exclusión ou restrición baseada no sexo.[15]

Outras rexións

editar

As mulleres nativas e africanas, considerábanse mulleres guerreiras e axudantes no período de conquista. Os conquistadores españois enfrontábanse a estas mulleres poderosas durante as súas invasións. Non retrocedían ao momento de batallar aos europeos contra as súas armas. Ao contrario, a estratexia dos europeos foi utilizar ás mulleres españolas para controlar as sociedades nativas e á mesma vez empezar a transmisión cultural. O pensar era que os homes guerreiros non ían rebelarse estando mulleres e nenos presentes. [16]

Un descubrimento importante da antropoloxía moderna foi que fóra de Europa as sociedades non sempre eran patriarcais. Así os antropólogos descubriron durante o século XIX e XX, centenares de sociedades matrilineais nas que as mulleres tiñan un papel moito máis destacado, que o das mulleres de Europa e as súas colonias en América. De feito un número significativo das sociedades humanas poderían ser matrilineais e non patrilineais como a maior parte de sociedades históricas europeas. Unha análise contida no Ethnographic Atlas (1967) de George Peter Murdock sobre 752 sociedades historicamente documentadas deu os seguintes datos:

Relación entre residencia posmarital e filiación
Tipo de filiación Matrilocal Avunculocal Patrilocal Outras Total
Patrilineal 1 (0,13%) 0 563 (74,87%) 25 (3,32%) 589 (78,32%)
Matrilineal 53 (7,05%) 62 (8,24%) 30 (3,99%) 19 (2,52%) 164 (21,68%)
Total 54 (7,18%) 62 (8,24%) 593 (78,86%) 44 (5,84%) 753 (100%)

Nos datos de Murdock, obsérvase que algo máis dunha quinta parte das sociedades teñen un réxime de filiación matrilineal, no que os individuos reciben o nome familiar, a herdanza e o prestixio da súa rama materna. De acordo con centenares de descricións antropolóxicas, queda claro que, en xeral, nas sociedades matrilineais as mulleres teñen un status social máis alto que en sociedades patrilineais. Aínda que non pode dicirse que as sociedades matrilineais sexan matriarcados, xa que aínda que a maior parte do poder económico e familiar está en mans das mulleres, nestas sociedades matrilineais moitas das máis altas responsabilidades políticas e lexislativas están nas mans de ambos os sexos.

Feminismo

editar
Artigo principal: Feminismo.
 

Símbolo da muller
O paradigma deseñado por Carl Sagan 
O paradigma deseñado por Carl Sagan
 
Nai e meniña
 
Estatua en homenaxe á muller rural. Ponte Carreira, Frades.

O movemento feminista é en parte unha loita polo recoñecemento de igualdade de oportunidades cos homes, e para a igualdade de dereitos independentemente do sexo. As dificultades para obter este recoñecemento debéronse a factores históricos combinados cos costumes e tradicións sociais. Actualmente, grazas aos cambios económicos, o apoio do poder económico e os esforzos do movemento feminista de fai décadas e outros movementos de dereitos humanos, na maior parte das sociedades industrializadas as mulleres teñen acceso a carreiras e traballos, máis aló da atención das tarefas domésticas ou de ama de casa. En moitas sociedades modernas as mulleres teñen plena igualdade xurídica tanto no ámbito laboral como no familiar, podendo ser cabezas de familia, deter altos cargos tanto en política como en grandes empresas. Así que se podería dicir que as condicións das mulleres melloraron.

Algunhas correntes feministas cambian constantemente o significado da palabra muller, entendéndose que a categoría muller esta estreitamente vinculada á expresión de xenitalidade, polo que frecuentemente presuponse que muller é aquela cuxa expresión gonádica é igual a XX. Esta articulación discursiva sopórtase sobre fundamentos biolóxicos e esencialistas. A naturalización do concepto impide o seu cuestionamento, dogmatizándoo. Con todo, desde diferentes correntes feministas, isto foi criticado. O rol sexual e o exercicio da sexualidade son en si mesmo, construcións socioculturais motivadas por un mecanismo de control social, e dunha reprodución das estruturas de poder. Ademais, a categoría muller conceptualízase en tanto que é oposta á categoría home, formando así un binomio, mutuamente excluínte, a partir do cal se articula a distinción de sexo (feminino - masculino, respectivamente). Nesta situación existe opresión social cando as persoas non reproducen os esquemas preestablecidos de acordo co esperado, limitando a diversidade sexual, omitindo e deixando a marxe situacións tales como a transexualidade e a intersexualidade.[17]

Sufraxio feminino

editar
Artigo principal: Sufraxio feminino.

O sufraxio feminino foi garantido e revogado, varias veces en varios países do mundo. En moitos países, o sufraxio feminino garantiuse antes que o sufraxio universal; así, unha vez concedido este, as mulleres e homes de certas razas, aínda se lles seguía negando o dereito para votar.

O primeiro sufraxio feminino (coas mesmas características propias que o masculino) garantiuse en Nova Jersey en 1776, aínda que rescindiu en 1807. Varios países e estados garantiron un sufraxio feminino restrinxido na segunda metade do século XIX, comezando por Australia do Sur en 1861. O primeiro sufraxio feminino sen restrinxir, no que a dereito a votar se refire (xa que ás mulleres non se lles permitía presentarse a eleccións), garantiuse en Nova Zelandia en 1893.

Os dereitos legais das mulleres na historia

editar
 
Muller musulmá afgá

Ao longo da historia, na maioría das culturas, as mulleres foron sometidas a estruturas patriarcais que lles negaron os dereitos humanos máis fundamentais. As leis antigas e os sistemas tradicionais, como o cristianismo e o islamismo, antecedentes dos sistemas modernos, provocaron a dependencia da muller, de forma análoga á escravitude, á explotación das clases desfavorecidas e á man de obra.

Unha das razóns podería ser o fortalecemento e sostemento do poder e da actividade económica e de igual forma evidénciase que os que resultan sometidos son vistos, polos explotadores, como seres inferiores, inmaturos, infantís, malvados ou depravados.

Os inicios infrutuosos dos dereitos da muller - Revolución francesa de 1789

editar

A declaración dos dereitos da muller e da cidadá foi un texto redactado en 1791 por Olympe de Gouges[18][19] parafraseando a declaración dos dereitos do home e do cidadán do 26 de agosto de 1789, o texto fundamental da revolución francesa. É un dos primeiros documentos históricos que propón a emancipación feminina no sentido da igualdade de dereitos ou a equiparación xurídica e legal das mulleres en relación aos homes.

A muller e a lei

editar

Nalgúns países a muller tardou moitos séculos en conseguir igualdade, aínda que só sexa teórica, ante a lei. E aínda cando a lei fale de igualdade, adoita haber un gran abismo entre a teoría e a práctica.

A publicación das Nacións Unidas titulada The World’s Women—1970-1990 di: "Esta brecha [na política gobernamental] quedou recollida en gran parte nas leis que negan á muller a igualdade co home no que respecta aos seus dereitos de tenencia de terras, solicitude de préstamos e firma de contratos". Unha muller de Uganda declarou: "Seguimos sendo cidadás de segunda clase... ou de terceira clase máis ben, pois os nosos fillos homes van diante noso. Ata os burros e os tractores reciben ás veces mellor trato".

O libro Men and Women, editado por Time-Life, di: "En 1920, a décimo novena emenda da Constitución dos Estados Unidos garantiu ás mulleres o dereito ao voto, moito despois que en bastantes países europeos. Pero no Reino Unido non se lles concedeu ese privilexio ata o ano 1928 ...". Como protesta pola inxustiza política á que se sometía ás mulleres, Emily Wilding Davison, sufraxista británica, botouse diante do cabalo do rei no derby de 1913, e perdeu a vida. Converteuse nunha mártir na causa da igualdade dos dereitos para a muller.

O propio feito de que en datas tan tardías como o ano 1990 o senado dos Estados Unidos promulgase o decreto Violence Against Women Act, indica que as lexislaturas dominadas polo home foron lentas á hora de responder as necesidades da muller.

Factores biolóxicos

editar

En termos biolóxicos, os órganos sexuais femininos forman o aparello reprodutor, mentres que as características sexuais secundarias teñen como función a atracción dun home ou a alimentación dos bebés.

Aínda que nazan menos mulleres que homes (a proporción está ao redor de 1:1.05), hai máis mulleres entre a poboación adulta (sobre un 1.04:1). As mulleres teñen un índice de mortalidade inferior que os homes, aínda no útero, e viven unha media de cinco anos máis debido a unha combinación de factores: a xenética, a socioloxía, a saúde, a presenza do estróxeno (a hormona feminina), e o efecto de altos niveis de andróxenos nos homes. No ano 2001, da poboación total, había 101.3 homes por cada 100 mulleres.

 
Aparato reprodutor feminino

Co inicio da menstruación (menarquía), as funcións reprodutivas permiten que a maior parte das mulleres poidan quedar embarazadas e dar a luz. Á ciencia que estuda a reprodución feminina e os órganos reprodutores é a xinecoloxía. As mulleres xeralmente chegan á menopausa en torno aos 50 anos, idade á cal os seus ovarios deixan de producir estróxenos e termina a etapa de aptitude reprodutiva.

En xeral, as mulleres sofren as mesmas enfermidades que os homes; con todo hai algunhas enfermidades específicas que se dan con maior frecuencia ou exclusivamente en mulleres, e pola contra hai enfermidades que as mulleres non padecen como a hemofilia, doenza exclusiva dos homes.

En xeral as mulleres teñen menor tamaño, talle e peso total que os homes. Así mesmo, e debido a factores hormonais, teñen un peso óseo inferior e unha maior porcentaxe graxa con menos masa graxa. Malia isto as mulleres desenvólvense máis rápido na adolescencia, polo tanto nese período ten unha media de estatura maior aos homes que decrece ata que se chegue ata a idade adulta.

A distribución graxa na muller é diferente ao home, presentando unha distribución maior en glúteos, mamas, cadeiras e coxas. A muller ten unha pelve máis ancha, maior angulación do fémur e maior lordose lumbar que o home.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para muller.
  2. Asociación Pro Derechos Humanos; Seminario de Educación para la Paz (2007). Sistema sexo-género: unidad didáctica. Los Libros de la Catarata. ISBN 84-8319-301-9. 
  3. Nelson, Jinty. "International Women's Day: a centenary to celebrate". History Workshop Online. Consultado o 28 de agosto de 2011. 
  4. Véxase Silvia Federici, Calibán y la bruja, Mujeres, cuerpo y acumulación originaria, 2012, Traficantes de sueños, páx. 130 y ss.]
  5. La tercera revolución de la modernidad. La revolución reproductiva Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Revista Española de Investigaciones Sociológicas (Reis) N.º 122, 2008, pp. 89-118, páx. 109-114
  6. "Población mundial, contador". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2013. Consultado o 23 de abril de 2016. 
  7. Contador de población mundial, en http://populationmatters
  8. La Segunda Transición Demográfica en Van de Kaa y Lestahege, síntesis de Borja Domingo Fernández, en Apuntes de demografía, de Julio Pérez Díaz, consultado o 27 de agosto de 2011
  9. Van de Kaa, D. J. (2002). The Idea of a Second Demographic Transition in Industrialized Countries. Paper presented at the Sixth Welfare Policy Seminar of the National Institute of Population and Social Security, Tokyo, Japan, 29 xaneiro 2002.
  10. El futuro tiene nombre de mujer, Alicia González, El País, 12/1/2014
  11. [The reproductive revolution Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., John MacInnes y Julio Pérez Díaz, Sociological Review, 57, 2009 pags. 262-284.Digital.CSIC: The reproductive revolution
  12. Bryant Robey, Shea O. Rustein e Leo Morris, The fertility decline in developing countries, en Scientific American, 269 (6), decembro de 1993, páx. 60
  13. Aproximación a la vida cotidiana en la Edad Media. Guglielmi, Nilda. Buenos Aires, UCA, 2000.
  14. La mujer en la historia, Mª Antonia Bel Bravo, 1998, Ediciones encuentro, Madrid, paxs. 60
  15. GARCIA DEL REAL, CARLOTA BUSTELO. "Los Derechos Humanos Y Las Mujeres En La Comunidad Internacional. (Spanish)." Tiempo De Paz 100 (2011): 188-194. Academic Search Complete. Web. 26 abril 2015
  16. Morales, Tania Flores. "Protagonistas Rezagados De La Historia Americana: La Mujer En La Conquista De América. (Spanish)." NAAAS & Affiliates Conference Monographs (2010): 1108-1116. Academic Search Complete. Web. 26 abril 2015.
  17. La mujer en la historia, Mª Antonia Bel Bravo, 1998, Ediciones encuentro, Madrid, pags. 51
  18. Del abanico a la guillitoina: mujeres, hombres, feminismo en la Revolución francesa,páx. 19
  19. Barbara Caine e Glenda Sluga, Xénero e historia: mulleres no cambio sociocultural europeo, de 1780 a 1920 páx. 22

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Visións da muller nalgunhas sociedades e culturas concretas

editar

Listas de mulleres

editar