Dedaleira
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
Estraloque | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Digitalis purpurea L. | |||||||||||||||
subespecies | |||||||||||||||
|
A dedaleira[1] ou estraloque[2][3] (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. Na fala de Estremadura recibe o nome de abiluria e dedais de bruja[4].
A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Na medicina a dixitalina viuse obsoleta e no seu lugar é usada a dixitoxina, molécula sintética derivada daquela. A planta tamén contén outra substancia, a dixitonina, que é de uso común no campo da bioquímica. Cómpre ter en conta que, a pesar dos seus efectos medicinais, as dedadeiras poden chegar a ser moi velenosas se son consumidas.
Características
editarA dedaleira tarda en medrar uns dous anos. No primeiro, tras agromar produce unicamente unha roseta de follas basais, ovais, dentadas e de longo pecíolo, mentres que durante o segundo ano desenvólvese un talo longo (0,5 a 2,5 m) e cuberto de follas sensibles e rugosas; tódalas follas desta planta son lixeiramente pubescentes. As follas son dentadas, simples e alternas, co envés finamente texturado; fanse máis pequenas cara ao cumio do talo.
As flores das dedaleiras son tubulares —a forma, semellante á dun dedal, deu lugar ao seu nome— e miden ata 5 cm de longo, formando grandes acios de flores penduradas. Os seus pétalos van dende o amarelo pálido ata o rosa intenso polo exterior e púrpura no interior da corola. Florecen de xuño a setembro no hemisferio norte, dando lugar logo a unha cápsula. A polinización é realizada por abellas. As sementes espállanse polo vento.
Subespecies e híbridos
editar- Digitalis purpurea subsp. purpurea – a maior parte de Europa e Macaronesia, introducida amplamente en outras partes do mundo.[5]
- Digitalis purpurea subsp. amandiana (Samp.) P.A.Hinz – norte de Portugal (especificamente ó redor da conca do Douro).[6][7]
- Digitalis purpurea subsp. mauretanica (Humbert & Maire) A.M.Romo – Marrocos.[8]
- Digitalis purpurea subsp. toletana (Font Quer) P.A.Hinz – centro de España.[9]
- Digitalis × fulva Lindl. 1821 (fórmula híbrida: D. grandiflora × purpurea).
Digitalis purpurea subsp. mariana é sinónimo de D. mariana subsp. mariana,[10] e D. purpurea subsp. heywoodii é sinónimo de D. mariana subsp. heywoodii.[10][11]
D. dubia, un nome utilizado para as poboacións de dedaleira que medran entre rochas calcíferas nos cantís sombreados da illa de Mallorca,[12] agora considérase un sinónimo de D. minor,[13] pero ata hai pouco considerábase unha especie válida (é dicir, en Flora Europaea (1976),[14] e Euro + Med Plantbase (2011)),[15] e clasificada como D. purpurea subsp. dubia en 1922,[16] ou Digitalis purpurea f. dubia por taxonomistas españois en 1983.[17]
Xenética
editarSábese que as cores dos pétalos de Digitalis purpurea están determinados polo menos por tres xenes que interactúan entre si.[18]
O xene M determina a produción dun pigmento púrpura, un tipo de antocianina. O xene m non produce este pigmento. O xene D é un potenciador do xene M e lévao a producir unha gran cantidade de pigmento. O xene d non mellora o xene M e só se produce unha pequena cantidade de pigmento. Por último, o xene W fai que o pigmento se deposite só en nalgúns puntos, mentres que o sene w permite que o pigmento se extenda por toda a flor.
Esta combinación dá lugar a catro fenotipos:
- M/_; W/_; _/_ = unha flor branca con manchas moradas;
- m/m; _/_; _/_ = unha flor albina con manchas amarelas;
- M/_; w/w; d/d = unha flor de cor violeta clara;
- M/_; w/w; D/_ = unha flor de cor púrpura escura.
Cultivo
editarAs dedaleiras son nativas de Europa, o noroeste de África e Asia central e occidental. En estado silvestre adóitase atopar en terrapléns, lindeiros boscosos ou entre penedais en zonas montañosas.
A dixital apréciase como ornamental, ademais de polo valor medicinal do seu principio activo. Prefire os climas tépedos, a sombra ou semisombra, e os chans ácidos e húmidos. Naturalízase con facilidade, pero non é invasiva.
Foi obxecto de intenso cultivo e existen varias variedades cultivadas entre os xardineiros. A variedade Alba produce flores de cor branca; Giant Shirley, flores acampanadas de gran tamaño, con pintas de cor purpúrea; Gloxinioides ten flores de cor clara, con marcas pintadas no exterior; Foxy florece desde o primeiro ano, producindo flores de pequeno tamaño e cor intensa.
A dedaleira na cultura popular
editarAtención: Este artigo ou apartado precisa dun traballo de revisión. Por favor, vexa a lista de problemas indicados neste modelo e de acordo coas indicacións. Cando os problemas se resolvan, retire esta mensaxe, pero non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado. De ser posible, sería mellor substituír este marcador por outro máis específico. (Desde xaneiro de 2019) |
A dedaleira deu numerosos sinónimos en galego. Hainos derivados da forma das flores, derivados da época na que florece e, sobre todo, formas onomatopéicas derivadas do ruído que fan ao estalar a flor entre as mans. Os sinónimos cos que se denomina esta planta son os seguintes:
abelloca, abeloura, abeluria, abrula, abrulla, abuíño, alcloque, alconoz, alcornoz, alcroque, alcroques, alicroque, babocas, balitroques, baloca, baloco, belicroque, belitroque, belitroques, bilicroque, bilincroques, bilitroque, bilitroques, borleta, borletas, borlete, botexos, boto, burleta, cálzamos, campanelas, chopo, chopo negro, chopos, cloque, cloques, cócalos, cocos, couselo, crocas, croche, croches, croque, cróquele, cróqueles, croquelo, croques, croquetas, croquetes, dixital, estalo, estalón, estalos, estalote, estalotes, estoupallo, estoupallóns, estoupón, estoupona, estoupos, estraladeira, estralante, estralantes, estraleque, estraleques, estralo, estralos, estraloque, estraloques, estralote, estralotes, estrincón, estroleque, estroupallón, farricoque, faxicroques, folla de sapo, herba da cobra, herba de San Xoán, herba dos croqueles, herba dos troques, melicroque, melincroques, melitroque, milicroque, milicroques, militroque, palitroque, palitroques, porretas, quiquiricallo, riquilicroques, sabán, sabanos, san Xoán, san Xoane, san Xuan, sanxoán, sanxoane, sanxoáns, sanxoás, sanxuáns, sapaqueiro, seixoáns, seoane, seoanes, setestralos, soandes, soane, soanes, sovana, tastalás, torques, toupón, trascos, troque, tróqueles, troques, xoanas, xoane.
O nome abeloria e sanxoán vén de que o estraloque tamén se utiliza como herba de San Xoán, coma a verdadeira abeloura.
Coplas
editar- Eu ben vin estar a morte
- no monte comendo abrulas
- ¡Vai de aí, morte pelada!
- ¡Desamparo de viúvas!
Pintura
editarVincent van Gogh pintou varias versións de retrato do Dr. Gachet, nas que aparece cunha dedaleira na man.
Galería de imaxes
editar-
Detalle dunha flor.
-
Detalle dos froitos.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dedaleira.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para estraloque.
- ↑ https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm?#10484128
- ↑ Miroslav Valeš (2016). Diccionario lagarteiru, mañegu, valverdeñu. p. 36 e 366.
- ↑ "Infraspecific Taxon Details : Digitalis purpurea subsp. purpurea". Catalogue of Life. Consultado o 21 de novembro de 2020.
- ↑ "Infraspecific Taxon Details : Digitalis purpurea subsp. amandiana (Samp.) P. A. Hinz". Catalogue of Life. Consultado o 21 novembro de 2020.
- ↑ "Digitalis purpurea subsp. amandiana (Samp.) P.A.Hinz". flora.on. Consultado o 21 novembro de 2020.
- ↑ "Infraspecific Taxon Details : Digitalis purpurea subsp. mauretanica (Humbert & Maire) A. M. Romo". Catalogue of Life. Consultado o 21 novembro de 2020.
- ↑ "Infraspecific Taxon Details : Digitalis purpurea subsp. toletana (Font Quer) P. A. Hinz". Catalogue of Life. Consultado o 21 novembro de 2020.
- ↑ 10,0 10,1 "Digitalis mariana Boiss.". Plants of the World Online. Royal Botanic Gardens, Kew. 2017. Consultado o 22 novembro de 2020.
- ↑ "Infraspecific Taxon Details : Digitalis purpurea subsp. heywoodii P. & M. Silva". Catalogue of Life. Consultado o 21 novembro de 2020.
- ↑ Davis, Peter H. (marzo de 1951). "Cliff Vegetation in the Eastern Mediterranean". Journal of Ecology 39 (1): 83. JSTOR 2256628. doi:10.2307/2256628. Consultado o 25 novembro de 2020.
- ↑ "Digitalis minor L.". Plants of the World Online. Royal Botanic Gardens, Kew. 2017. Consultado o 26 novembro de 2020.
- ↑ Digitalis species list. Flora Europaea, Vol. 4 (1976)
- ↑ Marhold, Karol (2011). Greuter, Werner; von Raab-Straube, E., eds. "Details for: Digitalis dubia". Euro+Med Plantbase. Botanic Garden and Botanical Museum Berlin-Dahlem. Consultado o 25 novembro de 2020.
- ↑ Benedí i Gonzalez, Carles; Hinz Alcaraz, P.-A. (15 de xaneiro de 2009). "17. Digitalis" (PDF). En Benedí i Gonzalez, Carles; Rico Hernández, Enrique; Güemes Heras, Jaime; Herrero Nieto, Alberto. Flora Ibérica, Vol. XIII (PDF) (en castelán). Madrid: Real Jardín Botánico. p. 356. ISBN 9788400087470.
- ↑ "Digitalis purpurea f. dubia". International Plant Names Index. The Royal Botanic Gardens, Kew, Harvard University Herbaria & Libraries and Australian National Botanic Gardens. Consultado o 26 novembro de 2020.
- ↑ Griffiths AJF, Miller JH, Suzuki DT, et al. An Introduction to Genetic Analysis. 7ª edición. Nova York: W. H. Freeman; 2000. Gene interaction in petal color of foxgloves.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dedaleira |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Dedaleira |