Macaronesia
Macaronesia é unha designación moderna para identificar os varios grupos de illas no océano Atlántico Norte preto da Europa e do norte de África, que comparten unha serie de trazos, en especial bioxeográficos, comúns.
O nome cuñouse a través do grego (makáron= feliz, afortunado; nesoi = illas) que vale por "illas abenzoadas" ou "illas afortunadas, un termo usado por antigos xeógrafos para as illas a Oeste do estreito de Xibraltar.
A Macaronesia consta de cinco arquipélagos:
- Azores, (Portugal)
- Madeira, (Portugal)
- Canarias, (España)
- Cabo Verde, (República de Cabo Verde)
- Illas Selvagens, (Portugal)
As illas da Macaronesia son de orixe volcánica, producidas por fenómenos de intraplaca ligados, talvez, a un ou varios puntos quentes no océano Atlántico. Tampouco se descarta a súa relación coa mesma actividade tectónica que orixinara o Atlas africano.
A pesar de ser Islandia tamén unha illa de orixe volcánica e estar situada na dorsal do Atlántico medio, non é considerada parte da Macaronesia.
O clima da Macaronesia oscila entre subtropical e tropical. Os arquipélagos portugueses dos Azores e da Madeira teñen en xeral un clima máis frío e máis chuvioso que o das Canarias e Cabo Verde.
As illas posúen unha bioxeografía única, sendo fogar de varias plantas e comunidades animais distintas. Como ningunha das illas formou xamais parte de ningún continente, a flora e fauna nativas chegaron até as illas a través de diversas dispersións orixinadas a grandes distancias. Bosques de loureiros, chamados laurisilva, cubriron outrora Os Azores, Madeira e partes das Canarias entre os 400 e 1.200 m de altitude (as Canarias orientais e Cabo Verde eran demasiado secos). Eses bosques lembran os antigos que cubriran a cunca do Mediterráneo e a África do Noroeste antes do enfriamento e sequidade da Idade do xeo. Árbores dos xéneros Apollonias (Lauraceae), Clethra (Clethraceae), Dracaena (Ruscaceae), Ocotea (Lauraceae), Persea (Lauraceae) e Picconia (Oleaceae), que se atopan nos bosques de loureiros da Macaronesia, sonos coñecidos por fósiles que noutro tempo viviran na bacía mediterránea.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Macaronesia |