[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/

Arquitectura románica en Galicia

conxunto de construcións erixidas en Galicia durante os primeiros séculos da baixa Idade Media
Arquitectura de Galicia
Prehistoria
Imperio Romano
Prerrománico
Románico
Gótico
Renacemento
Barroco
Neoclasicismo
Século XIX
Século XX
Século XXI

A arquitectura románica en Galicia correspóndese coas infraestruturas e construcións erixidas en Galicia durante os primeiros séculos da baixa Idade Media. Sen dúbida, a obra fundamental do Románico galego é a Catedral de Santiago de Compostela, modelo de igrexa de peregrinación, con conxuntos escultóricos (Pórtico da Gloria) de entre os máis senlleiros da Europa occidental.

A Catedral de Santiago de Compostela constitúe un dos maiores exemplos do románico galego, malia ser a súa fachada, un dos elementos máis característicos da catedral, de estilo barroco.

Historia

editar

A arte románica expandiuse dende Francia ao resto da Europa occidental a partir do século XI. O estilo chegaría á Península Ibérica da man do Camiño de Santiago cuxas vías principais confluían en Compostela, vila onde se dirixían milleiros de peregrinos de toda Europa que viñan a louvar a suposta tumba do apóstolo Santiago. A data de chegada do estilo a España é aproximadamente entre o século XI e comezos do XII.

Algunhas das principais paradas do Camiño, serían as primeiras en desenvolver este estilo, erixíndose igrexas, catedrais e mosteiros, como a catedral de Jaca, a igrexa monástica de San Martín de Frómista, a basílica de Santo Isidoro de León e as primeiras pedras da catedral compostelá.[1]

A época de expansión do estilo pola península, coincide coa ocupación musulmá, desenrolándose deste xeito o Románico pola parte setentrional da península, non ocupada polos mouros. As principais mostras desta arte pódense atopar por toda a xeografía do país, destacando, xunto a catedral compostelá os mosteiros medievais da Ribeira Sacra onde se poden atopar numerosos mosteiros románicos entre as provincias de Lugo e Ourense.[1]

Presenta semellanza co Románico asturiano, co que comparte unha primeira fase na que foi determinante a tradición do Prerrománico local, denominado xenericamente arte asturiana (independentemente da súa situación nunha ou outra comunidade autónoma actual).

Nesa primeira fase, en torno ao século XI, mantense a planimetría prerrománica, introducíndose elementos identificables como románicos na escultura e decoración arquitectónica. Simultaneamente, introdúcese o Románico lombardo ou primeiro Románico, identificábel en exemplos illados, coma a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, a Igrexa de San Xoán de Vilanova e a Igrexa de Santo Antoniño de Toques.

A fase central do Románico en Galicia recibiu a denominación de Románico compostelán dada a indiscutíbel centralidade cultural do programa artístico en torno á Catedral de Santiago de Compostela. Numerosas construcións rurais, menos ambiciosas (Aguasantas, A Mesquita) reproducen ou imitan elementos coma o falso triforio (resultante nun dobre piso ou tribuna que non leva chan, a diferenza do modelo imitado).

A comezos do século XII realizouse a primitiva decoración escultórica da Porta das Pratarías (afectada pola revolta contra o bispo Xelmírez -1117-); mentres que a finais do século XII se desenvolveron os traballos do mestre Mateu, do que destaca o programa escultórico do Pórtico da Gloria. A súa repercusión pode verse na difusión das portadas monumentais (San Estevo de Ribas de Miño).

Arquitectura por provincias

editar

Provincia da Coruña

editar
 
Igrexa de San Miguel de Breamo Pontedeume.
 
Igrexa de Santa María de Cambre Cambre.

A principal obra románica da provincia da Coruña e toda Galicia é, sen dúbida, a Catedral de Santiago de Compostela. Non existen dúbidas do importante papel que exerceron as peregrinacións, que, ao longo do camiño tiñan como obxectivo chegar á tumba do apóstolo, para o florecemento do estilo románico en Galicia. O nacemento da catedral de Santiago de Compostela ten a súa orixe nestas peregrinacións, sendo reedificada en diversas ocasións durante o período románico. Na cidade de Compostela, destacan xunto á catedral como exemplos de arte románica a colexiata de Santa María a Real do Sar e a igrexa de Santa María de Salomé.

Xunto á capital administrativa galega, destaca como centro da arte románica o Golfo Ártabro, ademais da cidade da Coruña e os seus arredores, lugares no que se atopan algunhas das mellores mostras do románico galego na provincia.

 
Real Colexiata de Santa María do Campo A Coruña.

Na Golfo Ártabro destacan como exemplo a Igrexa de San Xoán de Vilanova (Betanzos), a Igrexa de San Miguel de Breamo (Pontedeume) e a Igrexa do Mosteiro de San Martiño de Couto) na parroquia de Xuvia, no concello de Narón. A primeira trátase dunha igrexa pertencente ao románico primitivo, entroncado co prerrománico asturiano e o románico lombardo.[2] A Segunda foi cabeza dun pequeno mosteiro de cóengos regulares agostiños, amparados por Fernando II (1157-1188), mantida ata comezos do século XVII. Tralo cal pasou a ser priorado, e posteriormente, ermida a cargo da parroquia de Vilar. Semella estar relacionada co mundo Templario, aínda que non existen datos que o confirmen . [2]A terceira pertence ao Mosteiro de San Martiño de Couto, e constitúe un dos mellores exemplos do románico tardío na provincia.[2] Na área metropolitana da Coruña destaca a Igrexa de Santa María no concello de Cambre, único exemplo rural do románico compostelán, e, no concello da Coruña as igrexas de San Vicente de Elviña, a Igrexa de Santiago (segunda metade do século XII), a igrexa máis antiga da cidade (segunda metade do século XII), a Real Colexiata de Santa María do Campo de influencia románica tardía (séculos XIII e XIV).

Provincia de Lugo

editar
 
Antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, Foz.

Na provincia de Lugo, destacan como centros da arquitectura románica a Mariña Luguesa, e os arredores da capital provincial, ademais da beira luguesa da Ribeira Sacra. Sendo estas dúas últimas as que presentan máis monumentos románicos.

Dentro da Mariña Luguesa, destacan como exemplos arquitectónicos románicos a Basílica de San Martiño no concello de Foz e a de Santa María do Campo en Viveiro. As dúas igrexas son representantes de diferentes períodos románicos. A primeira, de orixe prerrománica é orixinaria do século VI, mais foi reedificada entre os séculos X e o XII, sendo pechadas as súas naves no XIII. Débese salientar que foi a primeira catedral construída no sur de Europa[Cómpre referencia]. As obras principais deberon ter lugar entre o ano 925 e o 944.

A Igrexa de Santa María do Campo de Viveiro, catalogada como monumento nacional, pertence ao románico tardío galego (séculos XII e XIII). Como adoita acontecer noutras igrexas románicas, as súas torres, barrocas, foron engadidas entre os séculos XVIII e XIX. No século XVIII, foille engadida á dereita da igrexa unha capela adicada á Virxe do Rosario. No seu interior, atópanse varias reliquias de Roma xunto a unha cruz procesional do século XVI.[3]

 
Catedral de Lugo.

Na capital da provincia destaca a Catedral de Lugo. A catedral foi mandada construír no ano 755 polo bispo Odoario, mais as deficiencias de construción e os asedios das guerras fixeron que no primeiro terzo do século XII se achase o edificio nunhas condicións tales que obrigaron ao bispo Pedro III co seu cabido e outras persoas notables da cidade a concertar en 1129 co mestre Raimundo a construción dun novo templo conforme ao estilo arquitectónico entón imperante, o románico, sendo rematada no ano 1273.

Trala súa construción o edificio foi reformado en diversas ocasións. A pesar das reformas, o interior do templo é basicamente dun estilo románico tardío. Pertencen á arquitectura románica os paramentos verticais e a bóveda da nave do cruceiro, ademais da maior parte da naves maior, laterais e triforio, cuxas bóvedas foron restauradas no século XVIII, ademais da porta norte, que se atopa acubillada por un soportal gótico no que se atopa un tímpano. Na catedral están presentes tamén outros estilos como o gótico (primeiro corpo da torre das campás 1570, o nártice ou pórtico norte 1510-1530, primeiro corpo da capela maior e as capelas do deambulatorio agás a central, así como as capelas de Santo Domingo dos Reis 1370 e San Froilán 1480), o barroco (sancristía 1678, a sala capitular e os seus arredores 1683, o claustro 1714 e a capela central do deambulatorio, chamada dos Ollos Grandes 1726) e o renacentista (segundo corpo da capela maior, a actual capela de San Foilán e a fachada, obra da segunda metade do século XVIII).

 
Igrexa de Santa Marina, Sarria.
 
Igrexa de San Nicolao de Portomarín.

Grazas ao paso do camiño de Santiago polo parte meridional da provincia, pódense atopar numerosas mostras románicas froito da influencia do estilo nos templos da área.

Unha localidade que destaca polas súas igrexas románicas é Sarria, concello onde se atopan as igrexas de Santa Marina e Barbadelo. A Igrexa de Santa María destaca polo senlleiro tímpano da súa portada na que se amosa a Cristo coroado en posición de bendicir, rodeado de dúas árbores de seis follas rematados por cruces gregas.[4] A de Barbadelo, monumento nacional, destaca pola súa torre e planta, datadas do século XII.

No sur da provincia, destacan tamén a Igrexa de Vilar de Donas na parroquia de Vilar de Donas, no concello de Palas de Rei, polo que transita o Camiño Francés a Santiago. A igrexa, orixinalmente monástica, foi declarada Monumento Histórico Artístico no ano 1931.[5]

A fundación do mosteiro atribúese a tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior), co que se explicaría o topónimo. En realidade, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII. A porta da igrexa do Mosteiro de Vilar de Donas é das máis fermosas do románico lugués.[4] A igrexa de San Nicolao de Portomarín no concello do mesmo nome, foi erixida entre os séculos XII e XIII.

A Igrexa de Portomarín constitúe un dos edificios románicos máis destacados de toda Galicia, debido á altura dos seus muros e ameas que lle dan a súa característica forma. Así mesmo a Igrexa destaca tamén polos seus dous rosetóns e as súas tres portadas, decoradas con motivos relixiosos de simboloxía románico pertencentes ao románico tardío. Na actualidade o edificio atópase nunha localización diferente á orixinal, xa que, debido á construción dun encoro, o santuario de Portomarín tivo que ser transportado pedra a pedra xunto á vila de Portomarín.

Provincia de Ourense

editar

Provincia de Pontevedra

editar
 
Igrexa de Santa María de Baiona.

Na comarca de Vigo: A igrexa de San Salvador de Coruxo como as dúas seguintes, é unha igrexa rural que hoxe pertence ao concello de Vigo. As tres teñen en común que son igrexas de mosteiros xa desaparecidos e que sufriron reformas posteriores a esta época. A igrexa de Santa María de Castrelos, consagrada en 1216, destacan as súas pinturas murais. A Igrexa de Santiago de Bembrive.

En Soutomaior, a igrexa de Santiago de Arcade.

En Baiona está a Igrexa de Santa María, que destaca polos seus contrafortes, o seu rosetón e as súas torres sen rematar que, segundo din os baioneses, quedaron así por un enfrontamento entre o cabido e os mestres canteiros que construían o templo.

Na comarca do Baixo Miño: No concello de Tui atopamos, en primeiro lugar, a Catedral de Santa María de Tui, que conserva da época románica a planta, parte das naves e o cruceiro e a portada norte. A igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns. Neste caso atopamos restos anteriores ao románico e engadidos posteriores de moi inferior calidade artística. Coma noutros casos tamén foi igrexa abacial. Destaca pola súa planta basilical (rectangular), pouco común no románico. A igrexa de San Miguel de Pexegueiro. Nos tempos do bispo Castañón engadíuselle unha ábsida neoclásico que racha co conxunto.

 
Canzorros do transepto sur da Igrexa de San Pedro de Angoares.

Na Comarca do Condado: En Ponteareas, destaca a Igrexa de San Pedro de Angoares, na parroquia do mesmo nome. Destacan os seus canzorros. A fachada é un engadido posterior neogótico.

Na Comarca da Paradanta: O templo da Franqueira, na Cañiza. Que acolle a imaxe románica de Nosa Señora da Franqueira e que sufriu reformas e ampliacións posteriores.

Na Comarca do Salnés: O Mosteiro de Santa María da Armenteira, en Meis. Contrario a outras moitas igrexas, este si conserva, e funcionando como tal, o mosteiro ligado ao Císter. Tamén é certo que estamos falando dun románico de transición, que fala dos novos aires arquitectónicos que traen os frades bieitos. Máis humilde e con feitura de románico popular é a ermida de Nosa Señora da Lanzada, en Sanxenxo. As tradicións que rodean a zona nos falan con toda seguridade da cristianización dun lugar de culto precristián.

  1. 1,0 1,1 "Arte Románico". garma.arrakis.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-02-13. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Románico en el Golfo Ártabro - Coruña (ARTEGUIAS)". www.arteguias.com. Consultado o 2019-02-13. 
  3. "IGLESIA IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DO CAMPO EN VIVEIRO LUGO". Turgalicia (en castelán). 2017-07-06. Consultado o 2019-02-13. 
  4. 4,0 4,1 "Románico en Lugo ARTEGUIAS". www.arteguias.com. Consultado o 2019-02-13. 
  5. Decreto de 3 de xuño de 1931. Gaceta de Madrid, do 4.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar