[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Virxe xuramentada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha virxe xuramentada é un rol social presente nas sociedades patriarcais dos Balcáns nos que, debido a determinadas razóns, algunhas mulleres optan por levar unha vida de home vivindo como tal e adoptan unha postura inflexible de castidade.

O rol social da "virxe xuramentada"

[editar | editar a fonte]

O termo virxe xuramentada adoita vencellarse cun rol tradicional da antiga Iugoslavia e do norte de Albania. Este rol aparece principalmente nas sociedades patriarcais rurais das terras altas do norte de Albania. Estas sociedades réxense polo código do Kanun, que establece unha serie de modelos de comportamento que afectan ao modo de vida de quen o segue. Entre outras cousas establece que só os homes poden herdar os ben familiares, ou que a muller, tralo casamento, pasa a "pertencer" ao home e maila súa familia. Nestas sociedades os matrimonios arránxanse por conveniencia. O Kanun establece tamén unha serie de parámetros que establecen as actividades propias do home e da muller na comunidade. Estes parámetros determinan, así mesmo, unha serie de requisitos referidos ao vestiario, como que as mulleres só poden vestir con saias longas, mandis e, nas casas máis tradicionais, veos.

A importancia do rol do home nestas sociedades patriarcais levou á aparición do rol da virxe xuramentada. Estas son mulleres que adoptan o rol do home na comunidade, converténdose deste xeito en patriarcas da súa familia. Este rol naceu debido á histórica falta de homes nestas sociedades, debido principalmente á violencia entre clans e a opresión otomá. Así, en moitos clans, a muller vese obrigada á adoptar o rol do patriarca ao non haber fillo home que herde, converténdose na ostajnica ou reemprazamento feminino. Noutros casos a muller vese obrigada a converterse en virxe xuramentada cando rexeita o casamento arranxado polos seus pais.

As "virxes xuramentadas" gozan dunha serie de privilexios dos que as outras mulleres non contan. Elas poden fumar, asistir a eventos masculinos, participar en actividades masculinas, empregar certos aparellos masculinos como armas e determinados instrumentos musicais, e, en xeral, obter o respecto dos homes do clan. Porén, existen algunhas limitacións. As virxes xuramentadas, como o seu nome indica, non poden manter relacións sexuais. Tampouco poden participar nas loitas entre clans, unha das principais causas da mortalidade masculina. Nos casos extremos nos que o clan estea en perigo, as virxes poden participar na loita pero só levando a cabo actividades que non poñan en perigo a súa vida.

Os termos propios cos que se refiren ás virxes xuramentadas nas linguas eslavas meridionais son: tobelija ou tybelí, ostajnica "a que está" ou muskobanja "muller como home"; en albanés: virgjineshtë.

Actualidade

[editar | editar a fonte]

Na moderna Albania a práctica está desaparecendo. Durante a época do réxime comunista, o goberno deixou de apoiar esta práctica. Trala fin do comunismo en Albania, as mulleres tiñan case os mesmo dereitos cos homes, especialmente nas rexións do centro e do sur, ficando a práctica reducida á algunhas familias patriarcais do norte do país.[1] En 2013 había unhas trinte virxes xuramentadas no país[2], ao que habería que engadir un número semellante que habita nos países veciños. A maioría destas mulleres teñen máis de cincuenta anos.

  1. Sydney Morning Herald (27 de xuño de 2008). "At home with Albania's last sworn virgins" (HTML). Consultado o 07-10-2008. 
  2. "La increíble historia de mujeres albanas que deciden vivir como hombres". El Comercio (en castelán). 29 de agosto de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • René Grémaux: "Woman Becomes Man in the Balkans", in Gilbert Herdt, ed. 1996: Third Sex Third Gender: Beyond Sexual Dimorphism in Culture and History. ISBN 0-942299-82-5
  • Antonia Young 2000: Women Who Become Men: Albanian Sworn Virgins. ISBN 1-85973-335-2
  • Alice Munro, "The Albanian Virgin," a piece of short fiction in the collection Open Secrets, published in 1994. ISBN 0-679435-75-1

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]