[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Urina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mostra de ouriños humanos.

Nos mamíferos, a urina ou ouriños, popularmente coñecida como mexa ou mexo,[1] é un fluído excretorio, resultante da filtración do sangue nos riles. Nas aves e nos réptiles é unha excreción sólida ou semi-sólida. Fórmase na filtración, a cal é feita nas nefronas. As nefronas conteñen un tubo, chamado túbulo, que está rodeado de vasos sanguíneos, que absorben os nutrientes que o organismo precisa, para despois ir para os uréteres e de aí para a vexiga onde é almacenado e pasado para a uretra para finalmente ser expelida.

A urina humana, así como a urina doutros animais, está composta principalmente de auga (96%, de media), mais contén tamén urea, ácido úrico, sal e outras substancias, sendo expelida durante o acto de ouriñar. O volume, a acidez e a concentración de sales na urina son regulados por hormonas, entre as cales figuran a hormona antidiurética e a aldosterona. Estas hormonas actúan nos riles para garantir que a auga, os sales e o equilibrio ácido-base (acidez ou alcalinidade do sangue e do fluído intersticial) do organismo se manteñan dentro de estreitos límites. A presenza na urina de azucre, albumina, pigmentos biliares ou cantidades anormais dalgunhas substancias, incluíndo as constituíntes habituais, é indicador de doenzas. A urina é normalmente estéril cando é expelida e ten só un vago cheiro. O cheiro desagradábel da urina deteriorada débese á acción de bacterias que provocan a liberación de amoníaco.

Un adulto saudábel de dieta común pode producir entre 1000 e 2000 ml de urina por día.[2] O volume mínimo de urina necesario para retirar do organismo todos os produtos residuais é de cerca de 0,5 l nun home de 70 kg; todo o volume producido por riba deste consiste nun exceso de auga. Unha grande inxestión de líquidos aumenta a cantidade de urina producida; unha grande perda de líquido a través da transpiración, vómitos ou diarrea conduce á diminución de volume. O volume de urina eliminado durante o día é o dobre do producido pola noite, nos humanos saudábeis. En desordes patolóxicas esta constante pode ser alterada pasando o individuo a eliminar igual volume en dous períodos ou máis durante a noite (nicturia)[2]

Alteracións da urina

[editar | editar a fonte]

A urina pode ser producida en cantidades anormais ou ter un aspecto ou composición anormais.

Volume anormal

[editar | editar a fonte]

Unha produción diaria de urina superior a 2,5 l é anormal, a menos que o individuo beba líquidos en exceso ou sufra dalgunha doenza (ex:poliuria).

Pode tamén haber unha produción anormalmente reducida de urina —menos de 0,4 l— en casos de deshidratación grave ou de insuficiencia renal aguda. Esta situación pode tamén ocorrer cando os riles non reciben o seu abastecemento normal de sangue en virtude de situacións como insuficiencia cardíaca, choque ou doenzas como leptospirose.

A falta de produción de urina polos riles, a anuria, pode deberse a lesións graves nos riles. O impedimento ao paso da urina contida na vexiga débese, mais frecuentemente, a unha obstrución na parte inferior do tracto urinario como resultado dun tumor na próstata, de cálculos encravados na uretra ou da hipertrofía da próstata, e nese caso trátase dunha situación de retención urinaria na cal a produción de urina é efectivamente normal, e non dunha anuria.

Aspecto anormal

[editar | editar a fonte]

A urina turbia pode deberse a unha infección do tracto urinario e nese caso ten un cheiro fétido. Os cálculos do tracto urinario poden tamén orixinar unha urina turbia, mas non necesariamente infectada. A urina turbia é resultado da presenza de determinados sales, como fosfatos. En casos raros, pode aparecer linfa mesturada coa urina, o que lle confire un aspecto leitoso.

Cando é lixeira, a hematuria (presenza de sangue na urina) dá á urina un aspecto escurecido. Cando a cantidade de sangue na urina aumenta, esta tórnase avermellada e pode conter coágulos. Con todo, a urina avermellada non é só provocada pola presenza de sangue. Algúns corantes alimentarios poden ser expelidos pola urina e existe unha gran variedade de fármacos que poden alterar a cor (por exemplo, a rifampicina e a dipirona pode tornala alaranxada). Tamén as persoas que comen beterraba poden ficar coa urina avermellada. Nalgúns doentes con porfiria, a urina tórnase avermellada cando se deixa en repouso; en persoas con ictericia, a urina é castaña ou alaranxada. A urina con escuma, principalmente se esta persiste despois de ter sido axitada, pode conter exceso de proteínas.

Composición anormal

[editar | editar a fonte]

Na diabetes mellitus, o exceso de glicosa no sangue pasa para a urina, causando glicosuria. Na glomerulonefrite e na síndrome nefrótica, pode rexistrarse un exceso de proteína na urina (situación designada por proteinuria). No caso de insuficiencia renal, a cantidade total de produtos residuais na urina (como urea) é reducida. Outras alteracións renais, como a síndrome de Fanconi e a acidose tubular renal, poden tornar a urina demasiado ácida ou excesivamente alcalina ou facer con que conteña aminoácidos, fosfatos, sal ou auga en exceso.

Análise de urina

[editar | editar a fonte]

A comunmente coñecida análise da urina consiste nun conxunto de exames feitos na urina dun individuo que inclúen a avaliación das características físicas da urina (cor, concentración, turbación), a observación ao microscopio e determinacións químicas. Esta pode verificar se a función renal se encontra normal ou detectar alteracións no aparello urinario ou noutros sistemas.

O exame ao microscopio pode revelar hematuria, o que indica alteracións nos glomérulos (unidades de filtración dos riles) ou unha doenza dos andares superiores ou inferiores do aparello urinario. Este pode tamén revelar rollóns de proteínas e células renais, chamados cilindros, en calquera dos varios tipos de doenzas renais; pus ou bacterias cando hai unha infección do tracto urinario; cristais, que indican a posibilidade dun erro conxénito do metabolismo ou susceptibilidade á formación de cálculos do tracto urinario, e ovos de esquistosoma na doenza parasitaria chamada bilharzíase, ou esquistosomíase.

Se unha simple gota de urina acabada de coller for espallada en capa fina sobre a superficie dunha xelatina nutriente e incubada na estufa, calquera bacteria se multiplicará e formará colonias. A aparencia desas colonias ao exame microscópico permitirá ao microbiólogo a identificación do organismo que causa a infección no tracto urinario.

Existe unha gran variedade de tiras de test para medir dunha forma rápida e simple determinadas substancias, como a glicosa na urina (un nivel alto indica que o doente sofre de diabetes mellitus). Procúranse tamén outras substancias, tales como sangue, proteínas, bilirrubina etc. Deben determinarse tamén a acidez e a concentración urinarias. Estes exames baséanse nunha simple mudanza de cor na tira de papel (con reactivos), que cando se mergulla na urina sofre reaccións que lle van alterar a cor.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para urina.
  2. 2,0 2,1 MILLER, Otto. GONÇALVES. R. Reis. Laboratório para o Clínico. 8. ed. São Paulo: Atheneu, 1999. ISBN 85-7379-038-5

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]