[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Tella (construción)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dous tipos de tella típicos en Galicia: a tradicional (primeiro plano) e a plana. Porto Covo, Portugal.

A tella é un elemento construtitvo usado na cobertura de casas e outras edificacións. Adóitase facer de arxila (cerámica), mais pode ser producida nunha gran variedade de materiais, como pedra, cemento, amianto, metal, vidro, plástico, madeira, entre outros.

Como regra, son usados conxuntos de tellas que, integrándose unhas nas outras, formarán un tipo de cuberta denominada tellado, e diferenciándose dos feitos en pedra ou lousa: lousados, ou en palla ou colmo: colmados. Unha boa tella ofrece encaixes precisos, evitando a filtración de auga ou vento, e achegando resistencia á intemperie e rendimento acorde co previsto no material empregado.

A decisión do tipo e material axeitados da tella usada depende de factores como a incidencia de choivas ou neve, temperaturas medias da rexión, tipoloxía da construción, vans e, naturalmente, dispoñibilidade de materiais, man de obra local e o modo no que o material será utilizado.

En Galicia o uso da tella vén xa da época romana, comezando a se empregar nos primeiros castros romanizados, porén o uso de cubertas vexetais e de pedra mantense até hoxe.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

A palabra galega tella vén do termo latino: tegŭla. Os romanos intruduciron as tegulas na Gallaecia.

Tipos de tella

[editar | editar a fonte]

Tella cerámica

[editar | editar a fonte]
Escalonamento das tegulas.

A tella cerámica, unha das máis antigas e accesíbeis opcións de tella dispoñíbeis, aínda é a opción máis popular, adaptándose moi ben a todo tipo de clima, incluso o tropical e ofrecendo unha óptima relación de custo-beneficio. Existe nunha gran variedade de formas, que varían segundo o tipo de encaixe, rendemento por metro cadrado, inclinación esixida das abas do tellado etc., proporcionando así unha considerábel variedade de alternativas arquitectónicas posíbeis co uso do material. Algúns tipos comúns de tellas cerámicas son descritos abaixo.

Pola forma as tellas poden ser:

  • Tella romana, (tegula) ten a canle plana, cos bordos laterais levantados. Fabricábanse en pedra e arxila.
  • Tella árabe, dunha soa peza, coa forma de tronco de cono cortado pola metade lonxitudinalmente. Ten a gran vantaxe sobre todas as demais de que con esa peza arránxanse todos os problemas dunha cuberta. Malia se denominar tella árabe, polo seu uso na Península Ibérica polos árabes, a orixe desta tella é romana. Tella árabe e romana son as máis comúns na arquitectura tradicional galega.
  • Tella plana, de forma máis complexa, dispón de estrías e cristas para o seu encaixe e superposición, que soamente foi posíbel cando se puideron fabricar por moldaxe, ben de cerámica, ben de morteiro de cemento. Necesita pezas especiais para arranxar encontros (cumieiras, recunchos e espigóns). O seu uso estivo moi estendido en Galicia durante boa parte do século XX, en moitos casos substituíndo a tella curva tradicional.
  • Tella mixta ou de capa e canle tamén coñecida como colonial que adoita ter canle e capa ou cubridoira xuntas nunha soa peza, dá logo unha aparencia semellante á árabe ou á romana, esta cando a canle está formada por unha parte plana con encaixe no bordo. Como a anterior, cómpre ter pezas especiais para arranxar os encontros (espigóns e recunchos).
  • Tella plástica illa a calor, variedade de cores, doada de instalar, termoacústica, non envellece.

Unha variante da tella cerámica é a tella vidrada, cun verniz de cor cocido no forno, que se emprega en varias culturas en tellados ornamentais.

A tella cerámica vella é polo xeral máis apreciada que a nova porque, co tempo, os poros naturais da cerámica atóranse virándose máis impermeábeis. Por outra banda, a tella vella suponse que vén sufrido moitos ciclos de xeada e se non crebou garante que non o fará. Tamén é apreciada a tella antiga polas formas irregulares e as diferentes cores co que vai envellecendo a diferenza da nova máis alaranxada e homoxénea.

A tella de cemento

[editar | editar a fonte]

Actualmente fanse tellas de morteiro de cemento, fraguado en moldes. Existen de todas as formas anteriores, aínda que precisamente é rara a de tipo árabe e, en xeral adoitan ser fabricadas de tipo mixto, con canle e cubridoira na mesma peza. Sobre as cerámicas teñen a vantaxe de ser máis resistentes, e máis económicas. Tamén teñen a posibilidade de que se fabrican de calquera cor e ao seren dunha soa peza son máis fáciles de colocar.