[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Talos (autómata)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Talos armado con pedras, nun didracma de Faístos (Creta) (c. 300/280-270 a.C.)

Talos (ou Talo) é unha criatura da mitoloxía grega, un autómata feito todo el de bronce [1] creado por Dédalo, arquitecto e inventor que traballaba para Minos, o rei de Creta, ou por Hefesto, que o regalara a Minos [2]. Tamén se di que fora obra de Zeus, creada para protexer a illa da súa amada Europa. Por último, unha tradición di que era o último representante na terra da raza de bronce [3].

Atribúeselle un fillo: Leuco, de quen se conta que mantivo relacións adúlteras con Meda, a esposa de Idomeneo [4] mentres este loitaba na Guerra de Troia; este Leuco foi abandonado polo seu pai e acollido por Idomeneo, a quen confiou a súa casa mentres el estaba ausente na guerra. Pero Leuco non só seduciu ás esposa do seu protector, senón que logo a matou, xunto á súa filla Clisitera. Por todo isto, cando regresou felizmente Idomeneo, cegou a Leuco, se ben outras versións din que este foi quen desterrou a aquel [5].

Talos axexando ós Argonautas (Asmus Jacques Carstens, 1799)

En calquera caso, a súa función era vixiar continuamente as costas de Creta, para o cal daba voltas incansablemente ó redor da illa, ata tres voltas diarias, impedindo así a entrada de estranxeiros e a saída dos seus habitantes se non contaban coa autorización de Minos [6].

Talos estaba armado, preferentemente con grandes pedras que era quen de lanzar a gran distancia, afundindo así os barcos que se achegaban á illa. Se aínda así, algún forasteiro conseguía chegar a terra, Talos capturábao e, tras quentar o seu corpo metálico ó lume vivo, abrazábao ata matalo abrasado.

Por tratarse dun ser metálico, Talos era invulnerable, aínda que tiña o seu punto débil: na parte inferior das pernas tiña unha vea pechada cunha caravilla de bronce [7].

"Tiña unha soa vea, que ía desde o pescozo ata os pés, e no extremo da vea axustábase un cravo de bronce"
Pseudo-Apolodoro I, 9.26

E grazas a isto puido ser vencido polos Argonautas no seu periplo de regreso da Cólquida. Talos intentou rexeitalos coas súas pedras cando os viu aproximándose, pero Medea, a compañeira de Xasón, convenceuno de que se faría inmortal se bebía dun bebedizo que tiña ela. A bebida contiña un somnífero e cando Talos caeu durmido, sacoulle o cravo que pechaba a vea, de modo que Talos se desangrou.

Pero tamén se di que foi un dos Argonautas, Peante, pai de Filoctetes, quen lle atravesou a vea coas súas frechas [8] ou que, enfeitizado polos ollos de Medea, tropezou, caeu e feriuse no calcañar, desangrándose [9].

  1. Aínda que outros din que era un touro.
  2. Pseudo-Apolodoro I, 9.26.
  3. Pseudo-Apolodoro I, 9.26.
  4. Idomeneo, neto de Minos.
  5. Grimal s.v. Idomeneo.
  6. Por tal razón, dise, Dédalo tivo que fuxir voando.
  7. Lémbrese a similitude co punto débil que tiña o heroe Aquiles.
  8. Graves, px. 660. Pseudo-Apolodoro I, 9.26.
  9. Graves, px. 660.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Elvira Barba, Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de Iconografía clásica. Sílex Ediciones, Madrid 1ª ed. 2008, 3ª ed. 2017.
  • Graves, Robert: Los mitos griegos. Ed. Gredos, 2019, especialmente pp. 341-349.
  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Alianza editorial 3ª ed. 2016.