Ray Harryhausen
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 29 de xuño de 1920 Os Ánxeles, Estados Unidos de América |
Morte | 7 de maio de 2013 (92 anos) Londres, Reino Unido |
Educación | Los Angeles City College (en) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estados Unidos de América |
Ocupación | director de cinema, escritor, guionista, animador, produtor de cinema, produtor |
Período de actividade | 1939 - |
Empregador | George Pal Productions (pt) |
Carreira militar | |
Conflito | segunda guerra mundial |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | rayharryhausen.com |
|
Raymond Frederick Harryhausen, nado nos Ánxeles o 23 de xuño de 1920 e finado en Londres o 7 de maio de 2013, foi un técnico en efectos especiais e produtor de cine estadounidense. A academia concedeulle un Oscar honorífico en 1992[1][2][3] como recoñecemento á súa carreira e posúe amais unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.[1] Está considerado un mestre do cine, creador de criaturas fantásticas e de historias baseadas en lendas mitolóxicas, que constitúen unha serie única de selo inconfundible na arte cinematográfica.
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Desde neno tivo unha paixón intensa polos dinosauros e con todo o relativo ó fantástico. Esta obsesión coa fantasía foise acrecentando durante os primeiros anos da súa vida a través de novelas, pinturas e películas. Os seus pais sempre o animaron e alimentaron esta infrecuente paixón; levándoo ó cine, ó teatro e ós museos. Máis tarde entusiasmouse coas marionetas, as maquetas e a animación; incluso seus pais o axudaron eventualmente nas súas producións.
Durante unha visita ó Natural History Museum of Los Angeles County ficou marabillado cos murais de criaturas prehistóricas deseñados por Charles R. Knight, especialmente os dedicados ó Rancho La Brea. No cine quedou admirado pola loita entre dinosauros na película The Lost World; contemplaría posteriormente King Kong, á idade de 13 anos, unha película que non só o inspirou senón que cambiaría a súa vida para sempre. Esta fascinación levouno a pescudar e a experimentar coas técnicas de animación, nun primeiro momento creando marionetas de Kong e de dinosauros.
Tratou de descubrir como Kong parecía estar "vivo"; encontrou nuns artigos información que mencionaban algo chamado animación stop motion. Durante esta época visitou unha exposición en Los Angeles County Museum sobre as técnicas empregadas en The Lost World e King Kong, impulsándoo a construír os seus propios dioramas en miniatura e modelos, elaborando co tempo figuras móbiles maiores.
Nesta época coñeceu Forrest J. Ackerman e a Ray Bradbury, cos que compartía a mesma paixón pola fantasía, serían amigos para toda a vida.
Inicio na animación
[editar | editar a fonte]As súas primeiras tentativas estaban relacionadas con criaturas prehistóricas, desde un oso das cavernas, un brontosauro ou un estegosauro. Harryhausen comezou entón a realizar unha serie de películas experimentais que mostraban as súas calidades como animador. Nos inicios utilizou coma estudio o garaxe de seus pais.
No 1938 Ray Harryhausen contaba 18 anos, empezou daquela o seu proxecto máis ambicioso, Evolution of the World, onde imaxinou o amencer do planeta Terra, alcanzando até a fin da era dos dinosauros, mais nunca chegou a concluílo.
Foi mentres traballaba en Evolution of the World cando coñeceu a Willis O'Brien, o home que creara a animación e os dinosauros en The Lost World e King Kong. Harryhausen tomou algúns dos seus propios modelos e emprendeu camiño cara ós estudios da MGM onde O'Brien traballaba. Amosoulle ó mestre as súas creacións, quen lle aconsellou dotar de máis personalidade os modelos e aprender sobre anatomía.
Comezou a tomar clases de debuxo, anatomía e tamén en técnicas de filmación, como dirección de arte, edición e fotografía. Ó longo deses anos visitou o zoolóxico para estudar os animais e coñecer mellor o seu comportamento.
Cando deixou o instituto comezou a mirar por un traballo como animador, traballou para George Pal na Paramount facendo curtametraxes de animación con monicreques.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Cando os Estados Unidos lle declararon a guerra a Alemaña Harryhausen andaba a traballar nunha curtametraxe propia, How to Bridge a Gorge no 1941, para ilustrar como a animación en stop motion se pode usar en propaganda ou en películas instrutivas.
Cando foi alistado no exército en 1942 Harryhausen mostroulle a curtametraxe a un dos seus instrutores, quen á súa vez lla amosou ós directores de cine Frank Capra e Anatole Litvak. Ámbolos dous quedaron impresionados e foi destinado de inmediato á División de Servizo Especial a cargo de Frank Capra, que fora designado coronel.
Mentres estivo alí traballou como asistente de cámara, producironse moitos filmes de propaganda dos Estados Unidos, incluíndo películas instrutivas de animación. Foi dispensado do exército no 1946.
Carreira no cine
[editar | editar a fonte]Década de 1940
[editar | editar a fonte]Trala contenda empezou a facer unha serie propia de curtametraxes baseadas en contos de fadas axudado polos seus pais e recompilados baixo o nome de Contos de Mamá Gansa que se distribuíron con éxito nas escolas.
No 1947 contactou con el Willis O'Brien; Merian C. Cooper estaba preparando Mighty Joe Young, un novo filme sobre un mono xigante e O'Brien quería a Ray no equipo. Foi contratado como animador asistente mais O'Brien terminou concentrándose na solución dos diversos problemas técnicos, deixando a maior parte da animación a Harryhausen. O seu traballo serviu para que lle outorgaran á película o Oscar ós mellores efectos especiais en 1950.
Década de 1950
[editar | editar a fonte]Harryhausen retornou ás curtametraxes cunha adaptación de Carapuchiña Vermella, The Story of Little Red Riding Hood (1950), usando os mesmos métodos que nos Contos de Mamá Gansa, a película foi un éxito nas escolas. Ray empezou entón a serie que sería coñecida posteriormente como Contos de fadas; incluíndo Hänsel e Gretel no 1951, Rapunzel no 1952, o Rei Midas no 1953 e A tartaruga e a lebre (que comezou no 1952, finalmente concluída no 2002).
A finais de 1951 ofrecéronlle a súa primeira produción; orixinalmente co título The Monster from Under the Sea e finalmente estreada como The Beast from 20.000 Fathoms (1953). Baseada nun relato de Ray Bradbury, foi o primeiro traballo no que estivo á fronte. Nesta produción Harryhausen convenceu ó equipo das vantaxes da animación dimensional e utilizou por primeira vez unha técnica de pantalla dividida para introducir as figuras en stop motion, posteriormente denominada Dynamation. A película foi un éxito de recadación a pesar do baixo orzamento e foi un fito na historia do cine dando inicio a películas similares de monstros.
Un mozo de nome Charles H. Schneer, que traballaba en Columbia no equipo de Sam Katzman, viu a película e concibiu outro monstro; tratábase dun polbo xigante que destruiría a ponte de San Francisco e pensou en Ray Harryhausen para levar a cabo a idea. Harryhausen aceptou o reto e acordou facer tódolos efectos da animación; esta relación con Schneer perduraría máis de 25 anos. A película titulouse It Came From Beneath the Sea (1955) e foi un éxito de recadación.
No documental The Animal World (1956) Harryhausen tivo a oportunidade de volver a traballar con Willis O'Brien, sendo a derradeira ocasión na que traballaron xuntos, este foi o primeiro traballo profesional en cor no que participou.
A mediados da década de 1950 produciuse unha serie de avistamentos de ovnis que tiveron repercusión nos xornais da época. Charles H. Schneer albiscou a oportunidade de aproveitar estes acontecementos e Harryhausen involucrouse no proxecto; Earth vs. the Flying Saucers (1956) foi o resultado. O deseño dos "discos voadores" baseouse na idea preconcibida que tiña a xente común.
Novamente con Schenner, de regreso en Columbia, Harryhausen coescribiu xunto con Charlotte Knight The Cyclops, estreada finalmente co título 20 Million Miles to Earth (1957),[4] rodada en Italia e considerada como un tributo a King Kong foi outro éxito de público. Pódese apreciar o perfeccionamento da técnica ó que chegou Harryhausen nesta época.
Mentres se rodaba 20 Million Miles to Earth xurdiulle a idea de usar As mil e unha noites nunha historia de animación en stop motion. Escribiu un esbozo inicial, que chamou Sinbad the Sailor, e fixo os primeiros bosquexos dunha historia que finalmente se convertería no filme Simbad e a princesa (1958) —os títulos 20 Million Miles to Earth e 7th Voyage of Sinbad foron propostos por Harryhausen para as anteditas películas—. Durante a rodaxe desta película Charles H. Schneer deu co nome Dynamation para definir os efectos especiais. Filmouse en cor e para rodar usaron localizacións españolas.[5] O compositor Bernard Herrmann escribiu a música para esta película e para as tres seguintes. Foi novamente un éxito de recadación.
The 3 Worlds of Gulliver (1959), foi a primeira película que realizou enteiramente en Europa. Facer a película requiría combinar no mesmo plano imaxes de actores reais, uns minúsculos e outros de tamaño xigante; Harryhausen trasladouse a Gran Bretaña, onde desenvolveron a técnica para poder levalo a cabo. Coñeceu Diana Bruce Livingstone durante esta etapa da súa vida, decidiu vivir e traballar en Europa permanentemente.[6]
Década de 1960
[editar | editar a fonte]Un dos autores de fantasía preferidos de Harryhausen é Jules Verne, ó igual que H.G. Wells e Ray Bradbury. En A illa misteriosa (1960) creou unha serie de criaturas inspiradas na novela homónima de Jules Verne A illa misteriosa.
Xasón e os argonautas (1963) está considerada como unha das mellores películas de Ray Harryhausen. O mestre americano de efectos especiais pensara en adaptar unha historia da mitoloxía grega ou romana a principios da década de 1950 pero foi durante a rodaxe de Mysterious Island cando empezou a desenvolver as ideas para tal propósito. A película foi un fracaso de público pero co tempo converteuse nunha das grandes películas clásicas de fantasía. Entre varias secuencias memorables da película, a loita prolongada entre tres dos personaxes contra sete esqueletos é unha das máis lembradas e necesitáronse catro meses de traballo para completala.
Asentado en Europa, casou no 1963 con Diana Livingstone Bruce, bisneta do explorador escocés David Livingstone, con quen tivo unha filla o ano seguinte, Vanessa Harryhausen.
First Men in the Moon (1964), baseada na novela de H.G. Wells, non tivo o éxito comercial agardado, ó igual que acontecera cos títulos precedentes; The 3 Worlds of Gulliver, Mysterious Island e mais Xasón e os argonautas. Columbia Pictures acordou non prolongar o contrato de Ray Harryhusen trala decepción das últimas longametraxes. Ademais durante a década de 1960 apareceron novos cineastas influenciados pola contracultura e a produtora pensou en atraer ó cine un novo público.
Firmou contratado pola Hammer para dar vida ós dinosauros en Hai un millón de anos (1966). Empregou por primeira vez criaturas reais, como unha iguana ou unha araña para crear os monstros, ademais dos modelos articulados de antano. Foi un éxito de recadación, axudado en gran medida pola presenza de Raquel Welch, sendo a segunda película como protagonista da sex symbol americana.
Outra vez da man de Schneer xurdiu O val de Gwangi (1969). Un proxecto pensado para Columbia Productions que recusou, en troques a Warner Bros. aceptou. Proxecto persoal de Harryhausen, abordando unha historia que Willis O'Brien pretendía levar ó cine no1939, pero que daquela non se chegara a concretar. The Valley of Gwangi ten paralelismos con King Kong, onde se captura un Allosaurus para exhibilo na cidade.
Década de 1970
[editar | editar a fonte]The Valley of Gwangi non foi un éxito comercial e Harryhausen decidiu volver a unha aposta segura; Simbad. Schneer conseguiu un acordo con Columbia e A viaxe fantástica de Simbad (1973) foi o resultado. Unha das escenas máis lembradas do filme é a loita de espadas contra a estatua de seis brazos da deusa Kali. Deseguido Simbad e o ollo do tigre (1977). Ámbolos filmes foron éxitos de público.
Década de 1980
[editar | editar a fonte]A Metro-Goldwyn-Mayer concedeulle a Schneer e Harryhausen a oportunidade producir unha película de grande orzamento. Actores de renome, como Maggie Smith, Laurence Olivier ou Claire Bloom, acordaron participar na produción. Contratouse ós animadores Jim Danforth, dúas veces candidato ó Oscar, e a Steve Archer para axudar nas principais secuencias de animación. O resultado foi Loita de titáns (1981).
Foi candidata ós premios Saturn na categoría ós mellores efectos especiais. A pesar de acadar un éxito relativo de recadación converteuse na derradeira película na que Harryhausen mostrou as súas calidades en efectos especiais. Técnicas máis sofisticadas que apareceron durante esta época eclipsaron as producións de Harryhausen, de xeito que a MGM e outros estudos decidiron non financiar a secuela prevista, Force of the Trojans. Ray Harryhausen e Charles H. Schneer decidiron retirarse.
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]A partir da década de 1980 seguidores de Ray Harryhausen organizáronse co propósito de que a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas recoñecese a contribución de Harryhausen na industria cinematográfica. Concedéronlle un premio Gordon E. Sawyer en 1992; Ray Bradbury entregoulle o galardón na man, un Óscar Honorífico como recoñecemento á súa traxectoria profesional.[7] No ano 2003 foi homenaxeado cunha estrela no Paseo da Fama de Hollywood.
Foi recoñecido cun premio BAFTA especial o ano 2010, a Asociación da Academia de Cine e Televisión Británica concedeulle o galardón pola súa contribución única a prol do cine.[8]
Filmografía
[editar | editar a fonte]- How to Bridge a Gorge (1942)
- Tulips Shall Grow (1942)
- Guadalcanal (1943)
- Mother Goose Stories (1946)
- The Story of Little Red Riding Hood (1949)
- Mighty Joe Young (1949)
- The Story of Rapunzel (1951)
- The Story of Hansel and Gretel (1951)
- The Story of King Midas (1953)
- The Beast from 20.000 Fathoms (1953)
- It Came from Beneath the Sea (1955)
- The Animal World (1956)
- Earth vs. the Flying Saucers (1956)
- 20 Million Miles to Earth (1957)
- Simbad e a princesa (1958)
- The 3 Worlds of Gulliver (1960)
- A illa misteriosa (1961)
- Xasón e os argonautas (1963)
- First Men in the Moon (1964)
- Hai un millón de anos (1966)
- O val de Gwangi (1969)
- A viaxe fantástica de Simbad (1974)
- Simbad e o ollo do tigre (1977)
- Loita de titáns (1981)
- The Story of The Tortoise & the Hare (2003)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Muere a los 92 años la leyenda del cine Ray Harryhausen]". 20 minutos (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2015.
- ↑ "Muere Ray Harryhausen, el padre de los monstruos 'stop motion'". Cinemanía (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2015.
- ↑ "Ray Harryhausen, visual effects master, dies aged 92". BBC (en inglés). Consultado o 15 de xaneiro 2015.
- ↑ Utley, Steven. "Film Review: 20 Million Miles to Earth". Bewilderingstories.com (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2018.
- ↑ Obelleiro, Paola. "Monstruos de cine en A Coruña". El País (en castelán). Consultado o 20 de xaneiro de2015.
Muestra sobre Ray Harryhausen, el maestro de los efectos especiales
- ↑ Lyons, Patrick J. "Ray Harryhausen, whose creatures battled Jason and Sinbad, dies at 92". The New York Times (en inglés). Consultado o 20 de xaneiro de 2015.
- ↑ Santas, Constantine; Wilson, James M.; Colavito, Maria; Baker, Djoymi (2014). The Encyclopedia of Epic Films (en inglés). p. 301. Consultado o 15 de novembro de 2018.
- ↑ "Special Award in 2010". British Academy of Film and Television Arts (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ray Harryhausen |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ray Harryhausen (1920-2013), estrevista no programa Días de cine de TVE (13-5-2013), en castelán.
- Loita contra os esqueletos, escena da película Jason and the Argonauts (1963).
- The Official Ray Harryhausen Website, en inglés.
- The Ray & Diana Harryhausen Foundation, en inglés.