[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Milgrandeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Punica granatum»)
Milgrandeira

Milgrandas, froito da milgrandeira.
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicotyledoneae
(sen clasif.): Rosidae
Orde: Myrtales
Familia: Lythraceae
Xénero: Punica
Especie: P. granatum
Nome binomial
Punica granatum
L., Sp. Pl., 1: 472, 1753[2]
Sinonimia
  • Punica florida Salisb.
  • Punica grandiflora hort. ex Steud.
  • Punica nana L.
  • Punica spinosa Lam.[1]

A milgrandeira ou miligrandeira[2] (Punica granatum) é un arbusto ou pequena árbore froiteira caducifolia, de tronco retorto e moi ramalluda, cultivada desde a máis remota Antigüidade polos seus froitos comestíbeis, as milgrandas, tamén chamadas granadas[3] (o nome milgranda tamén se lle pode dar á árbore).[4][5]

Orixinaria da zona dos actuais Irán e Iraq, a milgranda cultívase no Cáucaso desde tempos moi antigos. Desde alí o seu cultivo estendeuse a outras zonas asiáticas, Oriente Medio e Mediterráneo, alcanzando até o Himalaia, no norte da India.

Na actualidade é amplamente cultivada en toda Turquía, Irán, Siria, Acerbaixán, Armenia, Afganistán, India, Paquistán, Bangladesh, Iraq, Líbano, Exipto, a China, o Xapón, Birmania, Arabia Saudita, Israel, Xordania, as partes máis secas do sueste de Asia, a rexión mediterránea do sur de Europa e a África tropical.[6] Introducida en América Latina e en California polos colonizadores españois en 1769, cultívase tamén en partes de California e Arizona para a produción de zume.[7]

No hemisferio norte a granada é froita de temporada normalmente desde setembro até febreiro.[8] No Hemisferio Sur está en temporada desde marzo até maio.

A milgranda aparece mencionada en numerosos textos antigos, como no Libro do Éxodo, nos Himnos homéricos e no Corán.

Nos últimos anos alcanzou un protagonismo principal nos mercados comerciais de todo o hemisferio occidental.[7]

Etimoloxía de Punica granatum, milgranda e granada

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero, Punica, deriva do etnónimo (ou xentilicio) latino Pūnicī, de Pūnicus, -a, -um nome empregado polos romanos para referirse aos cartaxineses e aos seus antepasados fenicios, que formaron un imperio nas costas do Mediterráneo occidental, despois de que se estableceran en Cartago, e que foron a principal potencia opositora á República romana,[9] debido a que os cartaxineses foron activos difusores do cultivo desta árbore, en parte por razóns de tipo relixioso.

Granada aberta mostrando as súas sementes ou "grans".

O nome específico granatum deriva do adxectivo lanito grānātus, -a, -um, que significa 'con grans' (debido ás sementes do froito —en realidade, froitos, xa que o que se denomina normalmente froito, a granada, é unha infructescencia— que se denominaban grāna (plural de grānum, 'gran'). De aí deriva un dos nomes da froita en galego, granada,[10] e noutros idiomas romances (castelán, granada, portugués, granada —aínda que menos usado que romã—, francés grenade, siciliano granatu).

Porén, no latín clásico o nome da froita era malum punicum ou malum granatum, é dicir, mazá dos cartaxineses ou mazá graúda (de mālum, -i, 'mazá'). Isto deu lugar a nomes como o galego milgranda, ou milgrá no valego[11], que se aplica tanto á árbore como ao froito, o inglés pomegranate, o alemán Granatapfel, o italiano melograno, o catalán magrana, o aragonés minglana ou mengrana, o corso mela granata, o sardo melagranada e os vénetos malgaragno, magragno, pomoingranà e pomogranà.

Outra raíz para "granada" é a exipcia e semítica rmn. Así, encóntrase no antigo exipcio e no hebreo rimmôn, e no árabe rummân. Do árabe pasou a a gran número de linguas, entre elas ao portugués (romã) e ao romanés (rodie).

Descrición

[editar | editar a fonte]

A milgrandeira é unha pequena árbore caducifolia de porte arbustivo que pode alcanzar de 5 a 8 m de altura. Pode vivir até 200 anos, pero é máis produtiva en froitas nos primeiros 20 anos de frutificación. A casca do tronco é de cor cinsenta apardazada e tende a gretar e escamar coa idade.

As follas, caedizas, son opostas ou subopostas, brillantes, oblongas, estreitas, enteiras, de 3 a 7 cm de lonxitude e 2 cm de largo. Nalgunhas rexións a árbore non perde as súas follas no inverno.

As flores son de cor vermella brillante, de 3 cm de diámetro, con cinco pétalos (normalmente máis nas plantas cultivadas). Algunhas variedades estériles cultívanse só polas flores.

O froito, a milgranda, é unha baga globular de tamaño entre o dun pomelo e o dun limón, de 5 a 12 cm de diámetro e pel grosa e coriácea de cor avermellada, dividida internamente en varios lobos que conteñen numerosas sementes, cuxo número pode oscilar entre unhas 200 e unhas 1.400 (por termo medio, unhas 600), en contra dalgunhas crenzas que afirman que as milgrandas teñen todas exactamente o mesmo número de sementes.[12] Cada semente está arrodeada por unha polpa cargada de auga —o arilo, a parte comestíbel— de cor que varía entre a branca e á vermella escura ou púrpura, segundo as variedades, revestida por unha tona, a sarcotesta ou testa carnosa de cor branca, esponxosa, adstrinxente.[13][14]

A milgranda abre espontaneamente ao chegar á madureza por fendas que deixan ao descuberto o contido de cada lóculo. As aves, atraídas pola viva cor das sarcotestas, consómenas e, así, as sementes son espalladas, transportadas polas aves e depositadas coas súas feces; é un caso notábel de dispersión endozoócora.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Cartago antes da Primeira Guerra púnica. Os cartaxineses foron os introdutores do cultivo da milgranda, e os seus mitos, no Mediterráneo occidental.

A milgranda é orixinaria dunha vasta rexión que abarcaba os actuais Irán e Iraq, e cultivada desde a máis remota Antigüidade. Desde tempos moi antigos o seu cultivo estendeuse a outras zonas asiáticas, Oriente Medio e Mediterráneo, alcanzando até o Himalaia, no norte da India.[15]

O seu froito era moi apreciado nas zonas desérticas, debido a que está protexido do desecamento pola súa pela grosa e coriácea, o que permitía que as caravanas a puidesen transportar a grandes distancias sen que que iso afectase á conservación das súas calidades, tan apreciadas.

Estas milgrandas asilvestradas e abandonadas (como se demostra polo descoido das plantas, sen colleitar nin podar) nos arredores do Castelo de Aledua (provincia de Valencia) dan fe da construción desta fortaleza polos árabes, xa que foron eles os que introduciron o cultivo da milgranda na Península Ibérica.

Achamos as súas pegadas en numerosos textos antigos, como no Libro do Éxodo,[16] nos Himnos homéricos e no Corán.

Sábese que a milgranda se cultivou desde hai polo menos 5000 anos en Asia occidental e no Norte de África. Encontrábase nos xardíns colgantes de Babilonia, e aparece representada en baixorrelevos exipcios.

Os antigos exipcios preparaban co zume do granada un viño lixeiro con sabor a framboesa.

Hipócrates recomendaba o zume de milgranda contra a febre e como fortificante contra as enfermidades.

A Biblia fai referencia en numerosas ocasións ás milgrandas, e sempre na súa defensa.

Os romanos coñeceron a milgranda grazas aos fenicios, que a levaron de Fenicia a Cartago e, estes, despois, a Roma (de aí o seu nome científico de Punica, como vimos).

Os bérberes introduciron a milgranda en Europa, a través de Al-Ándalus, e a cidade de Granada, fundada no século X, recibiu o seu nome, segundo algúns, a partir do froito desta árbore.

Coa colonización española, a milgranda chegou ao Caribe e a toda a América hispana.

Tamén chegou na súa expansión até o Extremo Oriente.

Mitos, crenzas e tradicións

[editar | editar a fonte]

Moitos pobos viron a granada como un símbolo do amor, da fertilidade e da prosperidade:

Granada na árbore.
  • Os antigos exipcios eran enterrados con granadas.
  • Os babilonios crían que mastigar os seus grans antes das batallas facíaos invencíbeis.
  • Segundo a mitoloxía grega, o primeiro granado foi plantado por Afrodita, a deusa grega do amor e da beleza.
  • Hades, deus dos infernos, raptou a Perséfone, filla da deusa Deméter, para facela súa muller. Deméter esixiu a Zeus a volta da filla, e así ordenouno Zeus, pero Hades deulle a comer un gran de milgrandeira e conseguiu deste xeito que quedase con el tres meses ao ano, podendo ascender aos ceos o resto do ano (Pseudo-Apolodoro, Biblioteca mitológica, I, 5, 3). Ovidio e Virxilio afirman que pasa medio ano no ceo e outro medio ano no Hades.
  • A granada ten un cáliz con forma de coroa. Na tradición xudía esta forma inspirou o deseño para facer as coroas.
  • En Xava a granada está asociada a certos ritos que se observan durante o embarazo.
  • Segundo Shakespeare, baixo a súa follaxe ocultouse Romeo para cantarlle unha serenata a Xulieta.
  • Na China hai o costume de ofrecerlle unha granada aos noivos na voda como auspicio dunha descendencia numerosa (a cor vermella desta froita está considerada na tradición chinesa como unha cor que atrae a boa fortuna).
  • No islam considérase o granado como unha das árbores do Paraíso, conforme a referencias coránicas e ás tradicións do profeta Muhammad ou Mahoma.
  • En Irán, na festa da noite do Ialda (solsticio de inverno), ofrécense granadas frescas.

Produción

[editar | editar a fonte]

Os principais países produtores son: Israel, Líbano, Exipto, Tunisia, España e Italia.

Variedades

[editar | editar a fonte]
  • Froiteiras: Fine Tendral, Gabès, Mekens, Mollar d'Elx, Mollar de València, Tendral de Xàtiva, Provence, Maroc, Gafsa, Seedless, Wonderfull, Sweet, Plentiflora, Flavescnes e Albescent, entre outras menos coñecidas.
  • Plantas decorativas: sen froitos ou ananas, Flore Pleno, Luteum Plenum, Legrelliae, Maxima Rubra, Nana.

A especie tolera a seca e pode soportar curtos períodos de xeada (até -15 °C) pero prefire os climas secos. En zonas húmidas a milgranda frutifica mal, porque necesita fortes calores durante todo o período de frutificación, xa que, senón, é atacada por doenzas fúnxicas das que non se recupera.

Propagación

[editar | editar a fonte]

A milgranda cultivada non se reproduce por sementes e soporta mal os enxertos. Os cultivares propáganse, por tanto, xeralmente por pólas de 30 a 40 cm de lonxitude recollidas no inverno dos brotes. A estas quítaselles a xema terminal, úntase a base da póla con auxina e plántanse deseguido directamente na terra, non deixando máis que uns 3 cm no exterior.

Na alimentación

[editar | editar a fonte]

A froita consómese natural gran a gran, apartando a codia e as lamelas amargas que separan as celas onde se encontran.

Sobremesa de grans de milgranda con limón e azucre.

Utilízase para facer sorbetes, bebidas e xaropes artesanais, que entran como ingredientes de varios pratos cociñados.

Na cociña libanesa, o xarope de milgranda, chamado Rab er´remane confecciónase a partir das variedades ácidas que lle dan un sabor doce e lixeiramente acidulado. O xarope de granada utilízase en numerosos pratos salgados para darlles unha agradable acidez, tales como as (mtabba), as berenxenas enfornadas á crema de sésamo, puré de berenxena enfornado ao allo (baba ghannouj) e a lahm b´ajine (pizza libanesa con gornición).

Na cociña de Punjab, ao norte da India, os seus grans secos utilízanse como especia nos pratos vexetarianos, aos que proporcionan un sabor agridoce.

A milgranda tamén ten un lugar importante na cociña iraniana.

A milgranda é un ingrediente no prato mexicano dos chiles en nogada, onde a cor dos grans vermellos contrasta coa verde dos chiles recheos e a salsa de noz branca, polo que resulta un prato coas cores da bandeira nacional.

A granadina ou xarope de granadina é unha bebida elaborada con auga, grans de granada e azucre, que non contén alcohol. Debido a que adoita utilizarse para a preparación de cócteles para adozar e dá cor, moitos confúndena cunha bebida alcohólica. Tamén pode tomarse como refresco, combinándoa con soda ou auga. Así mesmo emprégase para darlle sabor a xeados e outras sobremesas.

Granadina e tamén o nome dunha bebida típica de Xalisco (México), que se fabrica con grans de milgranda que se envolven en tea e se prensan. O zume que solta a froita déixase repousar e tómase posteriormente cun chorro de bebida alcólica, ou ben sen este.

Para a saúde

[editar | editar a fonte]

A granada é unha das chamadas, por algúns, "superfroitas" por conter varias substancias químicas que teñen accións positivas sobre a saúde: é rica en antioxidantes e en potasio, calcio, magnesio, ferro, manganeso, cobre, zinc e vitaminas C, B, E.

Na medicina tradicional utilízase para facer gargarismos (alivia a tose persistente), contra a febre, as diarreas, os cólicoe tamén se usa como vermífugo. Ten lixeiras propiedades diuréticas e antihipertensivas.

As flores frescas das milgrandas utilízanse en infusión para a asma; a pel da froita, para a disentería e a infusión da codia da raíz, colmo vermífugo contra as tenias.

As fibras da granada, a maioría insolúbeis, son irritantes e están contraindicadas nas persoas que padecen de diverticulites ou de colon irritábel, aínda que son moi beneficiosas para os propensos a retraementos, diarreas e ao tránsito intestinal lento.

Dos grans rosas da granada extráese unha bebida, o sambu, utilizada nas curas de rexeneración e de limpeza interna que, segundo os seus preparadores, permite, ademais, axudar a perder sobrepeso.[Cómpre referencia]

Valor nutricional

[editar | editar a fonte]
Milgrandeira crúa
Valor nutricional por 100 g
Enerxía346 kJ (83 kcal)
18.7 g
Azucres13.67 g
Fibra alimentaria4 g
1.17 g
1.67 g
VitaminasCantidade
%DV
Tiamina (B1)
6%
0.067 mg
Riboflavina (B2)
4%
0.053 mg
Niacina (B3)
2%
0.293 mg
Ácido pantoteico (B5)
8%
0.377 mg
Vitamina B6
6%
0.075 mg
Ácido fólico (B9)
10%
38 μg
Colina
2%
7.6 mg
Vitamina C
12%
10.2 mg
Vitamina E
4%
0.6 mg
Vitamina K
16%
16.4 μg
MineraisCantidade
%DV
Calcio
1%
10 mg
Ferro
2%
0.3 mg
Magnesio
3%
12 mg
Manganeso
6%
0.119 mg
Fósforo
5%
36 mg
Potasio
5%
236 mg
Sodio
0%
3 mg
Cinc
4%
0.35 mg

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.
Fonte: Base de datos USDA Nutrient

A milgranda é unha boa fonte de fibras alimentarias e de ácido fólico (vitamina B9), e unha fonte moi boa de vitamina C.[17]

Composición fenólica

[editar | editar a fonte]

A parte comestíbel do froito fresco é o arilo, a envoltura carnosa vermella que arrodea a semente, mais o zume de milgranda comercial obtense esmagando a froita na súa totalidade, coa pela.[18]. A táboa aquí abaixo dá os compostos fenólicos do zume de milgranda, excepción feita das procianidinas B1 e B2, nas que as concentracións están medidas no zume dos arilos.

  • Os arilos das milgrandas conteñen flavanois (ou catequinas) como as cereixas ou as ameixas, aínda que en menor cantidade .[19] Tamén están nelas presentes dímeros de flavanois (procianidois) en pequenas cantidades.
  • A coloración vermella das milgrandas responde á presenza de antocianósidos, pigmentos naturais tamén chamados antocianos. O vermello vivo típico das milgrandas resulta dunha combinación de 3-glicósidos e 3,5-diglicósidos, delfinidol, cianidol e pelargonidol.
  • A pela do froito é moi rica en elaxitaninas (glicosa ligada a varios ácidos HHDP) e galotaninas (glicosa ligada a varios ácidos gálicos). A análise cromatografía en fase líquida de alto rendemento (HPLC) detecta [18] isómeros de punicalaxina [20], ausentes no arilo. A punicalaxina é unha elaxitanina complexa, característica da pela da milgranda, formada por unha molécula de glicosa ligada aos ácidos ellacio e galáxico.

Varias flavonas (como os glicósidos de apixenol e luteolol) encontráronse nas follas.

Composición fenólica do zume de milgranda puro
segundo Phenol-Explore
[19]
ÁCIDOS-FENOIS en mg/100g MF
ÁCIDOS HIDROXIBENZOICOS

cida eláxico: 2,06
glicósido de ácido eláxico: 3,97
ácido gálico: 0,45
galoil glicosa: 4,81
punicalaxina: 43,60

ÁCIDOS HIDROXYCINÁMICOS

ácido 5-cafeilquínico: 0,12
ácido cafeico: 0,07
ácido o-cumárico 0,01
 

FLAVONOIDES, en mg/100g MF
FLAVANOIS
(+)-catecol: 0,37
(-)-epicatecol
(-)-epicalocatecol
(+)-galocatequina
ANTOCIANIDOIS
(inestábeis)
delfinidol
cianidol
perlargonidol
DIHIDROCALCONAS
(baixo forma de heterósidos)
floridzina: 0,10

 

PROANTOCIANIDOIS oligómeros
(mg/100 g de arilo)
(adstrinxentes)
Procianidol B1: 0,13
Procianidol B3: 0,16

 

ANTOCIANÓSIDOS
(pigmentos vermellos)
delfinidol 3-glicósido: 1,36
delfinidol 3,5-diglicósido: 1,56
cianidol 3-glicósido: 3,43
cianidol 3,5-diglicósido: 3,39
pelargonidol 3-glicósido: 0,33
pelargonidol 3,5-diglicósido: 0,06
FLAVONOL
 
quercetol : 0,25
 
 
 

 

A medida do contido fenólico total (Gil et al.[18] 2000), calculado polo método Folin-Ciocalteu, dá valores da mesma orde de magnitude para o zume de arilo das milgrandas, o zume comercial de milgranda ou un viño tinto californiano (máis de 2000 mg/L) máis do duplo do dunha cunca de infusión de verde (de cualidade non precisada).

Segundo as medidas de Gil et al. (2000), a actividade antioxidante é tres veces superior para un zume comercial (18-20 TEAC) [21] de granada que a dun viño tinto cabernet sauvignon californiano ou da infusión de té verde (6-8 TEAC). O zume comercial elaborado por presión de froitas enteiras ten tamén unha capacidade antioxidante superior á do zume obtido a partir dos arilos sós.

Gil et al. (2000) explican esta grande actividade antioxidante pola presenza de taninos hidrolizábeis (entre eles a punicalaxina) extraídos da pel da granada no procesos de presión das froitas.

Porén estes resultados foron temperados pola análise de Borges et al'[22] que acharon unha moi gran variabilidade na actividade antioxidante dos zumes comerciais. A análise de seis zumes comerciais puros dá índices TEAC que varian até o duplo (de 40,5 a 17,9 mmol/L) e un índice ORAC [23]

Unha ampla variedade de alimentos foron analizados utilizando esta metodoloxía con certas especias, bagas e legumes, obtendo valores elevados.[24]

A correlación entre a alta capacidade antioxidante das froitas e legumes, e o impacto positivo dunha alimentación rica en froitas e legumes, suponse que xoga un papel importante na teoría dos radicais libres do envellecemento.

Segundo a Base USDA de índice ORAC de produtos alimentarios, a granada sitúase entre a ameixa e o amorodo

Actividade antioxidante ORAC de diversas plantas, segundo USDA[25]
Parte consumida Planta (nome científico) ORAC medio
( μmol TE/100g)
Noz Juglans regia 13 541
Alcachofa crúa Cynara scolymus 6 552
Ameixa fresca Prunus domestica 6 100
Viño tinto cabernet sauvignon Vitis vinifera 4 523
Milgranda, fresca Punica granatum 4 479
Amorodo fresco Fragaria × ananassa 4 302
Mazá granny smith, fresca, coa pela Malus pumila 3 898
Repolo vermello, cocido Brassica oleracea var. capitata f. rubra 3 145
Té verde, infusión de follas Camellia sinensis 1 253
  1. "Punica granatum L., The Plant List, Version 1". Royal Botanic Gardens, Kew and Missouri Botanical Garden. 2010. 
  2. Nome vulgar da planta en Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009;Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004 e Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para granada.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para milgranda.milgranda s.f. 1. Árbore da familia das punicáceas (Punica granatum), de tronco retorto, follas oblongas e flores vermellas, que dá como froito a granada. A milgranda cultívase no sur da Península Ibérica. 2. Froito desta árbore, de forma arredondada, casca dura dunha cor amarelada tirando a vermella, carne constituída por moitos grans de cor granate ou vermella escura, de sabor doce, que conteñen gran cantidade de zume. A forma da milgranda é semellante á da mazá. SIN. granada. (Definición do DRAG, 2012 Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.)
  5. milgranda s.f. Froito da milgrandeira, de cor vermella escura e carne constituída por grans de moito zume, separados en varios grupos por tabiques membranosos [é comestible e emprégase en medicina contra s doenzas da gorxa].
    milgrandeira s.f. Árbore da familia das punicáceas (Punica grnatum), con ramas delgadas, follas opostas, oblongas, enteiras e lustrosas, flores case sentadas, vermellas e cos pétalos algo dobrados [que dá como froito a milgranda].
    (Definicións do Gran dicionario Xerais da lingua, 2009.
  6. "Pomegranates: An Exquisite Fruit". Exotic Fruit for Health. 19 agosto 2011. Arquivado dende o orixinal o 10/04/2012. Consultado o 9/4/2012. 
  7. 7,0 7,1 Purdue New Crops Profile, Pomegranate
  8. LaRue, James H. (1980). "Growing Pomegranates in California". California Agriculture and Natural Resources. Arquivado dende o orixinal o 05/05/2008. Consultado o 9/4/2012. 
  9. Este nome deriva do latín arcaico Poenicī, á súa vez derivado do grego antigo Φοĩνιξ, -ικοσ, 'feicio' (e tamén 'cartaxinés')
  10. Véxase nota 2.
  11. Costas González, Xosé Henrique (2001) Fronteiras lingüísticas no Val do Río Ellas (Cáceres) Revista de Filoloxía Románica, Vol 18 (2001), p. 44
  12. Does a larger pomegranate yield more seeds? AquaPhoenix Arquivado 04 de novembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés) Consultada o 9/4/2012.
  13. Punica granatum. Floridata (en inglés) Consultada o 9/4/2012.
  14. Sarcotesta é o nome que se lle dá á testa, a parte máis externa das dúas que constitúen o episperma ou tegumento que arrodea a semente das plantas espermatófitas. Font Quer, P. (1993): Diccionario de Botánica. Barcelona: Editorial Labor. ISBN 84-335-0078-3.
  15. Janick, Jules; Robert E. Paull (2008). The encyclopedia of fruit & nuts. CABI. p. 610. ISBN 9780851996387. 
  16. "E nas súas orlas hacharás granadas de azul, púrpura e carmesí ao redor, e entre elas campaniñas de ouro ao redor. Unha campaniña de ouro e unha granada, outra campaniña de ouro e outra granada, en toda a orla do manto ao redor. E estará sobre Aarón cando ministre; e escoitarase o seu son cando el entre no santuario diante de Iavé e cando salga, para que non morra". Éxodo, 28:33-35. Igleisa.net, Biblia.
  17. Nutrition Data
  18. 18,0 18,1 18,2 Gil M. I., Tomás-Barberán F. A., Hess-Pierce B., Holcroft D. M., Kader A. A.: "Antioxidant activity of pomegranate juice and its relationship with phenolic composition and processing". J. Agric. Food Chem. 48, nº 10, 2000, pp. 4581-9.
  19. 19,0 19,1 "Showing all polyphenols found in Pomegranate, pure juice - Phenol-Explorer". phenol-explorer.eu. Consultado o 2022-04-21. 
  20. 2,3-(S)-hexahidroxidifenoil-4,6-(S,S)-galaxil-D-glicosa
  21. Trolox equivalent antioxidant capacity
  22. Borges, Gina; William Mullen e Alan Crozier (2010): "Comparison of the polyphenolic composition and antioxidant activity of European commercial fruit juices", in Food & Function, 1
  23. O índice de OAC (acrónimo de "Oxygen Radical Absorbance Capacity"), que significa a capacidade de absorción de radicais oxixenados) é un método de medida das capacidades antioxidantes nos procesos biolóxicos; véxase: Cao, G.; Alessio, H. e Cutler, R. (1993): "Oxygen-radical absorbance capacity assay for antioxidants in Free Radic. Biol. Med., 14 (3) pp. 303–11, e Ou, B., Hampsch-Woodill M. e Prior R. (2001): "Development and validation of an improved oxygen radical absorbance capacity assay using fluorescein as the fluorescent probe. In J. Agric. Food Chem. 49, (10), pp. 619–26.
  24. [1] Arquivado 10 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. Oxygen Radical Absorbance Capacity of Selected Foods - 2007; Nutrient Data Laboratory, Agricultural Research Service, United States Department of Agriculture, Novembro de 2007.
  25. valores medios de ORAC total tirados da táboa (en inglés) Nutrient Data Laboratory, United States Department of Agriculture, ed. (2010). "Oxygen Radical Absorbance Capacity (ORAC) of Selected Foods, Release 2 (2010)". 
    A escala ORAC mide un tipo particular de actividade antioxidante que comporta certos inconvenientes, véxase Young.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bilderback, Leslie (2007): The Complete Idiot's Guide to Spices and Herbs. Penguin Group. ISBN 1-59257-674-5. [3].
  • Graham, S. A.; J. Hall; K. Sytsma e S. Shi (2005): "Phylogenetic analysis of the Lythraceae based on four gene regions and morphology!. Int. J. Pl. Sci. 166: 995–1017.
  • Janick, Jules e Robert E. Paull (2008): The encyclopedia of fruit & nuts. CABI. p. 610. ISBN 978-0-85199-638-7.
  • Manica, I (2007): Frutas Nativas e Exóticas 4. Romã. Porto Alegre, RS (Brasil): Cinco Continentes.
  • Seerman, Navindra P.; Risa N. Schulman e David Heber (2006): Pomegranates: Ancient Roots to Modern Medicine (Medicinal and Aromatic Plants – Industrial Profiles), CRC Press Inc. ISBN 978-0-8493-9812-4.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]