Sir Gawain e o Cabaleiro Verde
Sir Gawain e o Cabaleiro Verde | |
---|---|
Título orixinal | Sir Gawayn and þe Grene Knyȝt |
Autor/a | Poeta de Pearl |
Orixe | Reino de Inglaterra |
Lingua | Inglés medio |
Xénero(s) | libro cabaleiresco |
Editorial | University of Chicago Press |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sir Gawain e o Cabaleiro Verde é un romance métrico de finais do século XIV escrito nun único manuscrito, que tamén contén outras tres obras de orientación máis cristiá. Os catro poemas están nun dialecto común, a variedade dialectal dos Midlands do noroeste do inglés medio. Así e todo, o tema central da historia de Sir Gawain e o Cabaleiro Verde é máis antigo e comprende moitos elementos, sendo o principal o tema da decapitación, central na mitoloxía celta, mais tamén inclúe elementos do seu tempo, sendo o máis importante o da peste negra. O manuscrito Cotton Nero A.x está no Museo Británico. A primeira edición moderna foi publicada por J. R. R. Tolkien e E. V. Gordon en 1925.
O poeta
[editar | editar a fonte]As outras tres pezas encontradas xunto con Gawain, a pesar de que non están tituladas, chegaron a ser coñecidas como Perla, Paciencia e Limpeza (alternativamente Pureza). Considerase que o manuscrito Cotton é unha copia manuscrita e non o orixinal. Por tanto, non hai ningunha proba explícita que indique que os catros poemas foron escritos polo mesmo poeta. Con todo, tras realizar unha análise comparativa do dialecto e da forma dos versos, chegouse a unha aceptación xeral de que os catros poemas son do mesmo autor, coñecido como o poeta Perla ou o poeta Gawain. Aínda que o nome deste poeta é descoñecido, dunha lectura detallada dos seus traballos chégase a coñecer algo sobre a persoa. Tolkien, na introdución ás súas traducións póstumas, escribe
- Foi un home de mente seria e devota, pero non sen humor; tiña interese e algún coñecemento en teoloxía, mais un coñecemento afeccionado, en lugar de profesional; sabía latín e francés e estaba bastante formado en libros franceses, tanto románticos como instrutivos; pero o seu fogar estaba nos Midlands Occidentais de Inglaterra; isto mostra a súa linguaxe, e a súa métrica, e a súa escenificación.
O manuscrito datouse cerca do ano 1400 e crese que o poeta floreceu pouco tempo antes, sendo, por tanto, contemporáneo de Chaucer, aínda que estaba lonxe del en case calquera outro aspecto. Antes de que o manuscrito pasase a ser unha posesión de Robert Cotton, encontrou un lugar na libraría de Henry Savile de Bank en Yorkshire, que viviu de 1568 a 1617. Nada se sabe do manuscrito ou do seu autor antes disto.
A pesar de existir menos unanimidade, o poeta Perla pode que tamén escribise o poema aliterativo San Erkenwald, o cal se compuxo probabelmente en 1386, aínda que moitos estudosos opinan que isto non é así.
Adaptacións Modernas
[editar | editar a fonte]Libros
[editar | editar a fonte]John Ronald Ruel Tolkien e Eric Valentine Gordon publicaron unha edición académica do texto de Sir Gawain e o Cabaleiro Verde en 1925. Unha segunda edición deste texto realizouna Norman Davis en 1967. Este libro con texto en inglés medio con extensas notas de investigación é frecuentemente confundido cunha tradución ao inglés moderno preparada por Tolkien publicada xunto coas traducións de Pearl e Sir Orfeo. Moitas edicións desta última obra, publicada por primeira vez en 1975, nomean a Tolkien como autor e non como tradutor da obra. Por tanto, é común que se cite erroneamente a Tolkien como o autor orixinal da obra. Máis recentemente, Simon Armitage chamou a atención dos medios nos Estados Unidos e no Reino Unido coa súa tradución do poema publicado en 2007.
Ópera
[editar | editar a fonte]Sir Gawain e o Cabaleiro Verde adaptouna como ópera en 1978 o compositor Richard Blackford por encarga da aldea de Blewbury, en Oxforshire. O libreto da adaptación foi escrito polos fillos do novelista John Emlyn Edwards. A ópera en seis escenas gravouna a DECCA entre marzo e xuño e publicada por ARGO Label en novembro de 1979. Sir Gawain e o Cabaleiro Verde tamén a adaptou Harrison Birtwistle na ópera titulada Gawain, estreada en 1991. A ópera de Birtwistle foi louvada por manter a complexidade do poema e por traducir a lírica en forma musical. Outra adaptación en ópera foi Gwyneth e o Cabaleiro Verde de Lynne Plowman, estreada en 2002. Nesta ópera Sir Gawain só é un elemento secundario, pois a historia está enfocada en Gwyneth -a escudeira de Gawain-, quen desexa converterse en cabaleiro. A versión de Plowman foi louvada pola súa accesibilidade, xa que está enfocada a meniños e público familiar (mais tamén se critica dela que use inglés moderno e sermóns).
Cine e Televisión
[editar | editar a fonte]O poema adaptouse ao cine en dúas ocasións:
- A primeira cinta foi Gawain e o Cabaleiro Verde de 1973, dirixida por Stephen Weeks e con Murray Head como Sir Gawain e Nigel Green como o Cabaleiro Verde. Esta versión foi criticada por desviar a trama da historia. Un exemplo deste desvío é a aventura que ten Sir Gawain entre o momento que deixa Camelot e o momento en que chega ao castelo de Bertilak, que non aparece no poema. Ademais Bertilak e o Cabaleiro Verde non teñen conexión ningunha no poema.
- O seguinte filme foi A espada do valente: A lenda de Sir Gawain e o Cabaleiro Verde de 1984, dirixida por Stephen Weeks con Miles O'Keeffe como Sir Gawain e Sean Connery como o Cabaleiro Verde.
Para televisión realizáronse dúas adaptacións: Gawain e o Cabaleiro Verde (1991) e a serie animada Sir Gawain e o Cabaleiro Verde (2002).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Sir Gawain e o cabaleiro verde, tradución ao galego e prólogo de Jorge L. Bueno Alonso, Cangas do Morrazo: Rinoceronte Editora, 2013
- Sir Gawain y el caballero verde, Tradución ao español de Francisco Torres Oliver, prólogo, Luis Alberto de Cuenca, epílogo e notas, Jacobo F.J. Stuart, Madrid: Siruela, 1998
- El Reflejo de Arturo, de F. Rusell-Ocas
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Texto Online
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde O poema en Inglés Medio
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde Texto do poema en Archive.org
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde Varias versións libres do poema en LibriVox
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde Edición de John Ronald Ruel Tolkien e Eric Valentine Gordon
Información xeral
- O Poeta Perla da Universidade de Calgary
- O Proxecto Camelot Información de Sir Gawain
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde Análise do poema
- Sir Gawain e o Cabaleiro Verde Antoloxía sobre Literatura Inglesa