[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Oxalis pes-caprae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oxalis pes-caprae é unha especie de planta herbácea do xénero Oxalis na familia Oxalidaceae.

En Galicia está catalogada como especie invasora.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha planta herbácea perenne, de até 40 cm de altura, sen talo aéreo, pero con rizoma, ramificado ou non, —con delgadas raiciñas laterais parduzco-negruzcas— que pode chegar a 20 cm de longo, vertical e esbrancuxado, orixinándose nun bulbo centimétrico ovoide e acuminado, envolto nunha túnica de cor parda. Este bulbo está profundamente enterrado e o rizoma pode levar uns cantos bulbiños máis, tamén centimétricos; no seu ápice están implantadas, nunha roseta basal, as follas trifoliadas, estipuladas (estípulas rectangulares, de ápice ciliado) pecioladas (peciolo de 3-20 cm, con pelos glandulíferos), con folíolos obcordiformes escotados, de 6-22 por 10-40 mm, con face glabra e marxes e envés máis ou menos pelosos (este último, finamente alveolado) son de cor verde e con ou sen manchas violáceas nas dúas caras. As follas péchanse, por medio dun pulvínulo peloso conformado por aneis móbiles, retraéndose os folíolos cara a abaixo, a pleno sol e quedan abertas só cando escurece algo. A inflorescencia é unha cima umbeliforme de 1-20 flores pentámeras terminais nun pedúnculo glabro de 6-35 cm de longo e os pedicelos da umbela, pelosos, de 1,5-2 cm de longo e con, na base da umbela, brácteas e bracteolas triangulares/lanceoladas apicalmente terminadas por un par de excrescencias de cor alaranxada. As flores teñen sépalos lanceolados, de cor verde, pelosos e con dúas excrescencias tuberculiformes nos seus ápices, mentres os pétalos, en número de 5, aínda que ás veces o dobre, de 12-25 por 10 mm, son glabros ou algo pelosos e de cor amarela dourada. O perianto retráese, enrolándose os pétalos cando ensombrece; ou sexa todo o contrario que as follas. O xineceo ten un ovario pentacarpelar con 5 estilos libres e pelosos, mentres o androceo ten os seus 10 estames con filamentos glabros e anteras amarelas, organizados en 2 verticilos, os do verticilo interno máis longos que os do externo. O froito, cando existe, é unha cápsula oblongocilíndrica curta (5-8 mm) e de ápice agudo, subglabra, con 3-4 sementes milimétricas por lóculo, globosas, agudas e alveoladas de cor parda.[2][3][4]

Hábitat, distribución xeográfica e propagación

[editar | editar a fonte]

É especie ruderal/arvense: medra en cultivos (oliveirais, amendoais, cítricos, etc.), canaverais, en chans removidos, algo húmidos desde o nivel do mar até altitudes de 800 m s. n. m., e florece dende setembro até maio. Tamén se cultiva en xardíns, onde, en xeral, non frutifica ou dá froitos vans. Na Península Ibérica, escapou dos xardíns e, entón, como non frutifica, a súa reprodución sería exclusivamente vexetativa, mediante os seus rizomas con bulbiños, de dispersión principalmente antropócora, por medio do transporte de substratos contaminados (residuos de xardinaría, traslado de terras contaminadas, etc.).[2]

Aínda que orixinalmente era endémica de Namibia e da rexión do Cabo en Suráfrica, hoxe en día é subcosmopolita, pois aclimatouse en moitas rexións do mundo (frecuentemente con influencia marítima), entre as cales se inclúen a Conca mediterránea, zonas de Europa, oeste de Estados Unidos, México e Australia, entre outras; todas zonas onde é considerada unha maleza invasiva.[5][2][3] A presenza de diversas formas da especie —de estilo curto ou de estilo longo— na Península Ibérica e outras rexións onde se introduciu podería indicar orixes e etapas distintas de introdución, desde mediados do século XIX até finais do século XX.[2][3][6][7][8][9] En España, debido ao seu potencial colonizador e constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, esta especie foi incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado polo Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.[10][4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Oxalis pes-caprae foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum, vol. 1, p. 434, 1753.[11]

Etimoloxía
  • Oxalis: prestado do latín oxǎlis, -ǐdis, ‘acedeira’, do grego όξαλίς, -ίδος óxalís, óxalídos, co mesmo significado; derivado de όξύς óxýs, ‘agudo’, ‘picante’, aludindo ó sabor agre das follas e o talo. Xa evocado por Plinio o Vello no seu Naturalis Historia (20, 231).[12][13]
  • pes-caprae: composto polos vocábulos latinos pēs, pědis (derivado do grego πούς poús, ‘pé’) e caprae, ‘cabra’, ou sexa, ‘pé de cabra’, aludindo probablemente á forma dos folíolos das follas.[13]
Sinonimia
  • Acetosella cernua (Thunb.)
  • Bolboxalis cernua (Thunb.)
  • Oxalis burmannii Jacq.
  • Oxalis cernua Thunb.
  • Oxalis cernua var. namaquana Sond.
  • Oxalis ehrenbergii Schltdl.
  • Oxalis grandiflora Arechav.
  • Oxalis kuibisensis R Knuth
  • Oxalis lybicaViv.
  • Oxalis mairei R. Knuth ex Engler
Taxons infraespecíficos aceptados
  • Oxalis pes-caprae f. pleniflora (Lowe) Sunding[14]
  1. Flora: Especies invasoras (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) [consultada o 28.07.2023]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Oxalis pes-caprae en Flora Ibérica, vol. 9, p. 399, CSIC/RJB, Madrid, 2015.
  3. 3,0 3,1 3,2 Oxalis pes-caprae en Flora of North America, vol. 12, n.º 17, 2017.
  4. 4,0 4,1 Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras - Flora, Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España.
  5. "Oxalis pes-caprae en DAISIE-Delivering Alien Invasives Species Inventories for Europe, 2006." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de setembro de 2013. Consultado o 21 de novembro de 2017. 
  6. Galil, J., Vegetative dispersal in Oxalis cernua, Amer. J. Bot., vol. 55, p. 787-792, 1968.
  7. Ornduff, R., The origin of weediness in Oxalis pes-caprae, Amer. J. Bot., vol. 73, p. 779-780, 1986.
  8. Ornduff, R., Reproductive systems and chromosome races of Oxalis pes-caprae L. and their bearing on the genesis of a noxious weed, Ann. Missouri Bot. Gard., vol. 74, p. 79–84, 1987
  9. Putz, N., Vegetative spreading of Oxalis pes-caprae (Oxalidaceae), Pl. Syst. Evol., vol. 191, p. 57-67, 1994.
  10. "Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, por el que se regula el Catálogo español de especies exóticas invasoras.". Boletín Oficial del Estado. 
  11. "Oxalis pes-caprae". Tropicos.org, Missouri Botanical Garden, Saint Louis. Consultado o 1 de xaneiro de 2015. 
  12. Bailly A., Dictionnaire Grec- Français, Hachette, 1935.
  13. 13,0 13,1 Gaffiot F., Dictionnaire Latin-Français, Hachette, Paris, 1934.
  14. Oxalis pes-caprae en The Plant List, vers. 1.1, 2013.