Ollomol
Ollomol | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pagellus bogaraveo | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Pagellus bogaraveo' (Brünnich, 1768) | |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
O ollomol[2] (Pagellus bogaraveo) é un peixe acantopterixio da familia dos espáridos, común no litoral atlántico europeo e na zona occidental do mar Mediterráneo.
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]É unha especie moi estendida no occidente do mar Mediterráneo e na parte oriental do océano Atlántico, até Mauritania polo sur e as illas Orkney e Noruega polo norte. É a única especie dos espáridos xeneralizado e común nos mares de Europa setentrional. Vive a profundidade considerable (até 700–800 m no Atlántico e a 400 m no Mediterráneo) en fondos rochosos, de area e lama (especialmente). Os exemplares novos son máis costeiros, de augas pouco profundas, e nadan agrupándose en grandes cardumes.
Descrición
[editar | editar a fonte]Ten un aspecto típico de espárido, con corpo moi comprimido lateralmente. Cabeza curta e redondeada, boca pequena e ollos moi grandes. O dorso é vermello pardusco, e os costados prateados. Todas as aletas son de cor rosa - avermellada. Distínguese dos demais espáridos por unha mancha difusa negra situada no nacemento da liña lateral que o cruza, enriba da base da aleta pectoral. Os exemplares novos son de cor máis pálida e carecen ás veces da mancha escura. Poden acadar até os 60 cm de lonxitude.
Os exemplares máis pequenos son coñecidos como "pachán"[3], "pancho"[4], "panchó"[5], "panchiño" ou "buraz"[6] (burás nas zonas con seseo implosivo).
Alimentación
[editar | editar a fonte]Aínda que é omnívoro, aliméntase sobre todo de crustáceos e outros invertebrados e peixes pequenos.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Acadan a madurez sexual aos dous anos, con 15–20 cm. O normal é que se reproduza en inverno, pero no Mediterráneo occidental faino entre xuño e setembro. Aproximadamente o 10% dos individuos son hermafroditas proterándricos.
Pesca
[editar | editar a fonte]Captúrase tanto con rede de pesca como por palangre. A súa carne é branca, moi apreciada sobre todo en España e Italia.
Gastronomía
[editar | editar a fonte]É a especie máis estimada da familia dos espáridos. A cantidade de graxa oscila entre case magro en primavera até ter un 9 % do seu peso en inverno. Nesta época adóitase cociñar á grella ou no forno. En España é frecuente a súa preparación na gastronomía en Nadal, sendo dúas especialidades o ollomol á madrileña ou á donostiarra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ MarineSpecies.org (en inglés)
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ollomol.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para panchán.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pancho.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para panchó.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para buraz.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ollomol |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Ollomol |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha en Fishbase
- Ficha en Worms
- Xunta de Galicia (ed.). "Anuario de Pesca de Galicia 2017". pescadegalicia.gal. Consultado o 07 de decembro de 2018.