[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Igrexa de San Pedro de Rebón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Pedro de Rebón
Ábsida románica
PaísEspaña
LocalizaciónRebón (Moraña)
Coordenadas42°33′19″N 8°36′14″O / 42.55527778, -8.60388889
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de san Pedro de Rebón, é unha igrexa románica, dos séculos XII-XIV, da parroquia de Rebón (Moraña). Foi moi modificada por reformas posteriores, especialmente as realizadas no século XIX para ampliar a nave e construír o campanario.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Imaxe de San Miguel -roubada en 2011- na ábsida da igrexa

Conserva da súa estrutura orixinal a ábsida semicircular, os canzorros con diversas figuras humanas e animais e os capiteis interiores. A ábsida está dividida en tres tramos por dúas columnas acaroadas, que se completan por dous contrafortes na unión da ábsida coa nave; en cada unha daquelas columnas hai esculpida unha pequena figura hoxe irrecoñecible. No tramo central abríase unha ventá de arco semicircular, cegada, na que se colocou unha imaxe, moi deteriorada, de san Miguel. Esta imaxe foi roubada en 2011 e non volveu aparecer, e no seu lugar colocaron unha estatuíña de San Pedro como papa.

Os veciños pedían a intercesión deste san Miguel con oracións coma esta:

San Miguel, pesai as almas,
San Miguel, pesainas ben.
San Miguel, pesai as almas,
pesai a miña tamén.

No pinche posterior da igrexa, sobre a ábsida, ábrese un rosetón con celosía en moldura redonda lisa con decoración xeométrica. A cornixa está apoiada nunha serie de canzorros figurados, entre os que hai gravados motivos xeométricos consistentes en rosetas sextifolias ou estrelas de seis puntas.

Canzorros románicos.
A expresividade das figuras dos canzorros é extraordinaria ... a diversidade das cabezas de animais, as caras con raros acenos, o instrumentista tocando a forza de soprar, os rolos de influencia visigótica, os corpos distorsionados e a conxunción de dous corpos en postura nada recatada
Hipólito de Sá Bravo [1]

No interior, a ábsida ábrese á nave principal mediante un arco triunfal semicircular [2]. Destacan nas columnas interiores, lisas e tamén acaroadas ó muro, os capiteis figurados con aves e outros animais, así como figuras humanas.

A fachada é de factura barroca, lisa e sen decoración ningunha. Remata nun frontón clásico, liso, sobre o que se ergue un campanario central. Para a construción desta fachada derrubouse a orixinal románica e tapiáronse as portas laterais, tamén románicas. Hipólito de Sá escribe que el viu o tímpano da portada principal, integrado no muro do adro, e descríbeo como adornado na parte central por unha cruz de Malta dentro dun círculo de bólas, e catro rosetas nos extremos dos brazos da cruz.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Baldaquino

[editar | editar a fonte]

No interior da nave, na entrada, hai dous paneis empotrados na parede procedentes dalgún baldaquino de orixe descoñecida. Carecen do arco inferior habitual neste tipo de estruturas. As imaxes que mostran están policromadas e representan, un a santa Lucía, santa Catarina e san Roque, facilmente recoñecibles polos instrumentos do martirio das primeiras e o can que lambe as feridas do terceiro; e o outro representa o Santo Enterro, coa Virxe das Angustias no centro, san Xoán e as dúas Marías ós lados, e Cristo deitado no sudario, sostido por dous homes piadosos.

  1. La expresividad de las figuras de los canecillos es extraordinaria… la diversidad de las cabezas de animales, las caras con gestos raros, el instrumentista tocando a fuerza de soplar, los rollos de influencia visigótica, los cuerpos distorsionados y la conjunción de dos cuerpos en postura nada recatada
  2. Ó cerrarse o arco no arranque, semella ser de ferradura, algo común no prerrománico de influencia visigótica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • FILGUEIRA VALVERDE, José e RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, José: Baldaquinos gallegos. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 1987.
  • SÁ BRAVO, Hipólito de: Las rutas del románico en la provincia de Pontevedra. Deputación Provincial de Pontevedra, 1978.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]