[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Invernadoiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista panorámica do interior dun invernadoiro nos Kew Gardens, Londres

Un invernadoiro é unha construción acristalada na cal se cultivan plantas, a maior temperatura ca no exterior. Aproveita o efecto producido pola radiación solar que, ó atravesar un vidro, quenta os obxectos que hai detrás; estes, á súa vez, emiten radiación cunha lonxitude de onda maior cá da (radiación infravermella) solar que ten dificultade para saír a través dos cristais. Por outro lado os peches do recinto, paredes e fiestras, encerran o aire quente impedindo a súa saída e intercambio por aire máis frío do exterior.

Características

[editar | editar a fonte]

En ausencia dun recubrimento por cristais a calor absorbida eliminaríase por correntes convectivas e pola emisión de radiación infravermella de lonxitude de onda superior á visible. A presenza dos cristais impide o transporte da calor acumulada cara ó exterior por convección mentres que apenas obstrúe a saída de radiación infravermella. O efecto neto é o de acumulación da calor e aumento de temperaturas do recinto.

Contrariamente á crenza popular, a radiación infravermella escapa en gran medida a través dos cristais. O efecto de aumento de temperatura é debido case exclusivamente ó confinamento do aire quente que producen as paredes e teitos do invernadoiro. En contraposición, o mal chamado efecto invernadoiro meteorolóxico está ocasionado pola maior opacidade da atmosfera á radiación infravermella.

Ocorre que as perdas de calor por transmisión a través dun vidro son moi grandes (o vidro ten un factor de transmisión K = 6,4 W/m2K, aínda maior se está en posición inclinada respecto á vertical). O resultado é que, a maior temperatura, menor será o efecto de retención da calor, é dicir que ó aumentar a temperatura aumentarán as perdas diminuíndo o rendemento do sistema.

Este efecto pode aproveitarse para aumentar doadamente a temperatura das habitacións en inverno, pero debe evitarse en verán.

Un exemplo deste efecto é o aumento de temperatura que toma o interior dos coches cando están ó sol. Basta unha chapa metálica (os espazos habituais dos estacionamentos, sen ningún tipo de illamento térmico) que dea sombra, impedindo o paso do sol polo vidro, para que non se quente tanto.

Dende antigo aproveitouse este efecto na construción, non só en xardinería. As fiestras das casas en países fríos son máis grandes cás dos cálidos para que a espesura do muro non produza sombra. Os miradoiros acristalados son outro medio de axudar ó quentamento dos locais.

Na xardinería antiga española, os invernadoiros coñecíanse como estufas frías.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • The physics of atmospheres, J. Houghton, Cambridge University Press, 2002, ISBN 0-521-80456-6, presenta unha explicación clara do efecto invernadoiro en invernadoiros e na atmosfera terrestre.