Helena Rasiowa
Helena Rasiowa, nada en Viena o 20 de xuño de 1917 e finada en Varsovia o 9 de agosto de 1994, foi unha matemática polaca, que traballou nos fundamentos das matemáticas e na lóxica alxébrica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Rasiowa naceu en Viena o 20 de xuño de 1917 de pais polacos. Cando Polonia recuperou a súa independencia en 1918, a familia estableceuse en Varsovia. O pai de Rasiowa era especialista en ferrocarrís. Ela demostrou moitas habilidades e intereses, dende a música aos negocios, e especialmente as matemáticas.
En 1938, o momento non era o axeitado para entrar na universidade e Rasiowa tivo que interromper os seus estudos, xa que non era posibles a educación legal en Polonia a partir de 1939. Moitas persoas fuxiron das grandes cidades do país, que eran obxecto de bombardeos alemáns. A familia de Rasiowa tamén marchou, e como a maioría dos altos cargos da administración e membros do goberno foron evacuados a Romanía. A familia pasou un ano en Lviv. Trala invasión soviética en setembro de 1939, a cidade foi tomada pola Unión Soviética. As vidas de moitos polacos puxéronse en perigo, así que o pai de Rasiowa decidiu volver a Varsovia.
Desenvolvemento académico
[editar | editar a fonte]Rasiowa foi moi influenciada polos lóxicos polacos. Escribiu a súa tese de doutoramento baixo a supervisión de Jan Łukasiewicz e Bolesław Sobociński. En 1944, estalou o alzamento de Varsovia e a cidade foi destruída case completamente. A tese de Rasiowa foi queimada coa casa. Ela sobreviviu xunto coa súa nai nunha adega cuberta polas ruínas do edificio destruído.
Trala guerra, os matemáticos polacos comezaron a recuperar as súas institucións e as súas persoas. Os que permaneceron consideraron o seu deber reconstruír as universidades polacas e a comunidade científica. Unha das máis importantes condicións para esta reconstrución era xuntar todos aqueles que podían participar en recrear as matemáticas. Mentres tanto, Rasiowa aceptara un posto de profesora nunha escola secundaria. Alí coñeceu a Andrzej Mostowski e volveu á universidade. Reescribiu a súa tese en 1945 e o ano seguinte comezou a súa carreira académica como axudante na universidade de Varsovia, institución á que permaneceu ligada o resto da súa vida.
Na universidade preparou e defendeu a súa tese Algebraic Treatment of the Functional Calculi of Lewis and Heyting en 1950 baixo a dirección do profesor Andrzej Mostowski. Esta tese sobre lóxica alxébrica iniciou a súa contribución á escola de lóxica de Lviv-Varsovia. En 1956, logrou o seu segundo grao académico, doktor nauk (equivalente á habilitación) no Instituto de Matemáticas da Academia Polaca de Ciencias, onde entre 1954 e 1957 tivo un posto de profesora asociada, converténdose en profesora en 1957 e en profesora plena en 1967. Para o grao presentou dous artigos, Algebraic Models of Axiomatic Theories e Constructive Theories, que xuntos formaron a tese chamada Algebraic Models of Elementary Theories and their Applications.
Obras
[editar | editar a fonte]- The Mathematics of Metamathematics (1963, con Roman Sikorski)
- An Algebraic Approach to Non-Classical Logics (1974)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Helena Rasiowa", Biographies of Women Mathematicians, Agnes Scott College
- Rasiowa's Biography
- A tribute to Helena Rasiowa Arquivado 03 de marzo de 2006 en Wayback Machine. – by Melvin Fitting
- On the contributions of Helena Rasiowa to mathematical logic – an article by J. M. Font
- Website dedicated to Helena Rasiowa Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.