Horapolo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século V Delas, Exipto |
Morte | século V |
Actividade | |
Ocupación | escritor, sacerdote, gramático |
Período de actividade | (Con vida en: século V ) |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Horapolo (de Horus Apollo, Ὡραπόλλων) foi un escritor do século IV, de historicidade discutida, autor dun tratado sobre os xeroglíficos exipcios, Hieroglyphica, que coñecemos pola súa tradución ao grego realizada no século V[1] por Filipo, e tamén titulada Hieroglyphica. Esta obra foi un enorme éxito en Europa a partir do século XV.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Horapolo é considerado un dos últimos líderes do sacerdocio pagán do Antigo Exipto, formado nunha escola de Menotis, preto de Alexandría, durante o reinado de Zenón (474-491). Horapolo é mencionado na Suda (século X) como natural probabelmente da Tebaida. Era fillo de Asclepíades, e neto dun gramático, todos eles docentes en Constantinopla. Horapolo ensinou en Alexandría, ademais de gramática, filosofía. Como sacerdote pagán, foi vítima da loita mantida contra o emperador pagán Zenón, no ano 484, quen acosou en Alexandría á escola local de filosofía. Varios filósofos pagáns convertéronse ao cristianismo e víronse implicados nas loitas cos seus antigos compañeiros pagáns. De acordo á Suda, Horapolo tivo que fuxir porque estaba acusado de planear unha rebelión contra os cristiáns, e o seu templo dedicado a Isis e Osiris, foi destruído.
A pesar destes ataques, producíronse numerosas conversións, aparentemente de forma voluntaria, como a de Paralios, un discípulo de Horapolo, que se converteu despois dalgunhas deliberacións, a pesar de que participara nos actos do culto pagán. Nos anos seguintes, creouse un celo particular polo cristianismo, pois a conversión á nova relixión monoteísta significaba ser golpeado polos compañeiros pagáns.
Horapolo tamén fora arrastrado ao conflito e o seu tío Heraisco foi mesmo asasinado. Foi insultado polos cristiáns como Apollo Psyche (alma destrutora), detido e torturado, e varios dos seus estudantes apartáronse del. No ano 485 trasladouse a Constantinopla, onde continuou ensinando. A natureza máis ben mundana da esposa de Horapolo inclinouna a deixalo polo seu amante, e isto supuxo a perda da maior parte da súa fortuna e biblioteca. Profundamente decepcionado, Horapolo finalmente converteuse ao cristianismo, algo que supostamente predixera Heraisco. Horapolo aínda vivía en Constantinopla durante o goberno do emperador Anastasio I. A miúdo atribúeselle a autoría da Hieroglyphica, pero persisten as dúbidas sobre iso.
Para os humanistas as súas obras foron consideradas hermética, cuns coñecementos encubertos e de difícil interpretación, os cales poderían expresar verdades ocultas non só concernentes ao home, senón tamén ás divindades. Foi esa interpretación a que os teóricos do Renacemento fixeron da obra de Horapolo, publicada en Florencia en 1419 e que, en pouco tempo, volveríase un anhelo intelectual que levaría aos europeos a empeñarse na procura de todo o concernente a Exipto —manuscritos, papiros ou obeliscos.
Hieroglyphica
[editar | editar a fonte]Os Hieroglyphica constan de dous libros, que conteñen un total de 189 explicacións dos xeroglíficos exipcios. O texto foi descuberto en 1419 na illa de Andros e levado a Florencia por Cristoforo Buondelmonti (consérvase actualmente na Biblioteca Laurenciana, Plut. 69,27). A finais do século XV o texto fíxose inmensamente popular entre os humanistas, cunha primeira edición impresa do texto que apareceu en 1505, iniciando unha longa serie de edicións e traducións. Desde o século XVIII, a autenticidade do libro foi posta en dúbida.
A exiptoloxía moderna interésase polo menos polo primeiro libro, sobre a base dun coñecemento real acerca dos xeroglíficos, aínda que é confuso e cun simbolismo barroco e de especulación teolóxica. O libro Hieroglyphica tamén puido ter a súa orixe nas últimas xeracións do antigo sacerdocio exipcio do século V. Este enfoque da especulación simbólica dos xeroglíficos (moitos dos cales foron orixinalmente simples signos silábicos) era popular durante o Helenismo. Así mesmo, os primeiros humanistas, até Atanasio Kircher, herdaron a idea preconcibida de que os xeroglíficos eran elementos máxicos, unha escritura simbólica e ideográfica. A segunda parte do Libro II trata o simbolismo dos animais e as súas alegorías, que son esencialmente derivadas de Aristóteles, Eliano, Plinio o Vello e Artemidoro. Probabelmente son unha adición realizada polo tradutor grego, que tomou como referencia o Physiologus, obra actualmente datada no século IV e con orixe na cidade de Alexandría.
Selección de edicións
[editar | editar a fonte]- Aldo Manuzio, de Venecia 1505 - editio princeps
- George Boas, Nova York, 1950 (tradución ao inglés), reeditado en 1993. ISBN 0-691-00092-1.
- Rizzoli, Milán, 1996. ISBN 88-17-16997-8.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jan Assmann. Moses the Egyptian: The Memory of Egypt in Western Monotheism. ISBN 978-0-674-58739-7.
- The hieroglyphics of Horapollo / traducido por George Boas con prólogo de Anthony Grafton. Princeton, N.J., Princeton University Press, 1993.
- Hieroglyphica / Horapolo, edición de Jesús María González de Zárate. Madrid Akal, 1991.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Tradución en Suda On Line (en inglés)
- The Hieroglyphics of Horapollo, tradución Cory 1840 (en inglés)
- Horapollo En: studiolum.com. Horapollo, Delli segni hierogliphici, Venecia 1547 versión dixital da edición de Ferrari. (en inglés)
- Horapollo. En: studiolum.com. Horapollo, Delli segni hierogliphici, Venecia 1547. (en inglés)
- The Hieroglyphics of Horapollo Nilous. - Corys von 1840 (en inglés)
- Bibliografía relacionada con Horapolo no catálogo da Biblioteca Nacional de Alemaña. (en alemán)