Euquerio (bispo de Lión)
Nome orixinal | (fr) Eucher de Lyon |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 380 (Gregoriano) Lión, Francia |
Morte | 449 (Gregoriano) (68/69 anos) Lión, Francia |
Bispo de Lión | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote, escritor |
Período de tempo | Imperio Romano |
Profesores | Honoratus (en) |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 19 de novembro |
Familia | |
Cónxuxe | Galla |
Fillos | Salonio de Xenebra, Verano de Venza |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Euquerio de Lión (en latín: Eucherius Lugdunensis), nado en Lión no 380 e finado no 449, foi un eclesiástico de clase alta da igrexa cristiá da Galia romana. É lembrado polas súas cartas que defenden a abnegación extrema. Dende 439, serviu como arcebispo de Lión, e Henry Wace clasificouno como "o ocupante máis distinguido desa sé" despois de Ireneo.[1] É venerado como un santo dentro da Igrexa Católica.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Á morte da súa muller Gala, como era habitual no século V, Euquerio retirouse cos seus fillos, Verano e Salonio, ao mosteiro de Lérins durante un tempo.[3] Alí viviu unha vida de estudo sinxela, dedicándose á educación dos seus fillos. Pouco despois retirouse máis lonxe aínda á illa veciña de Lerona (illa Santa Margarida), onde dedicou o tempo ao estudo e á mortificación da carne. Coa idea de que podería unirse aos anacoretas nos desertos de Oriente, consultou a Xoán Casiano, o famoso eremita que chegara de Oriente a Marsella. Casiano dedicou o segundo conxunto das súas Collationes (11–17) a Euquerio e Honorato, o fundador de Lérins. Estes describen a vida cotiá dos eremitas da Tebaida exipcia e discuten sobre a graza, o libre albedrío e as escrituras.[2]
Aínda que imitaba o estilo de vida ascético dos eremitas exipcios, Euquerio mantívose en contacto con homes coñecidos pola súa sabedoría e piedade: Casiano, Honorato, Hilario de Arlés, Claudio Mamerto, Agroecio (que lle dedicou un libro) e Sidonio Apolinar. A fama de Euquerio pronto foi tan estendida no sueste da Galia que foi elixido bispo de Lión no 434.[4] Asistiu ao primeiro concilio de Orange como metropolitano de Lión en 441, mantivo este título ata a súa morte.[2] No bispado sucedeuno o seu fillo Verano, mentres que Salonio converteuse en bispo de Xenebra.
Obra
[editar | editar a fonte]Euquerio escribiu moitas obras en latín. Ao redor de 428, Euquerio escribiu o seu ensaio epistolar "De laude eremi" ("Sobre o eloxio do deserto"), dirixido a Hilario de Arlés[2]. O seu "Liber formularum spiritalis intelligentiae" (Un libro de fórmulas para a intelixencia espiritual), dirixido ao seu fillo Verano, é unha defensa as lecturas alegóricas da Biblia. Entre outras cartas de Euquerio están as súas Institutiones ad Salonium, dirixidas ao seu outro fillo, e unha carta a Fausto de Lérins na que se describe a súa peregrinación a Xerusalén.[5]
A "Epistola paraenetica ad Valerianum cognatum, de contemptu mundi" ("Epístola de exhortación ao seu parente Valeriano, Sobre o desprezo do mundo") é unha expresión da preocupación polo presente e o futuro do mundo, con esperanza no porvir; corrente tratada por varios homes cultos da antigüidade tardía. Erasmo de Rotterdam tíñao en tal alta consideración que o volveu editar e publicouno en 1520 en Basilea.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dictionary of Christian Biography and Literature to the End of the Sixth Century A.D., with an Account of the Principal Sects and Heresies.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Clugnet, Léon (1909). St. Eucherius. Catholic Encyclopedia. Vol. 5. New York City.
- ↑ Waarden, Joop van, "Eucherius of Lyon", Brill Encyclopedia of Early Christianity Online, (General Editor David G. Hunter, Paul J.J. van Geest, Bert Jan Lietaert Peerbolte)
- ↑ Monks of Ramsgate. "Eucherius". Book of Saints 1921. CatholicSaints.Info. 17 January 2013 Este artigo incorpora texto desta fonte, que é de dominio público.
- ↑ John Wilkinson, Jerusalem Pilgrims before the Crusades (Ariel Publishing House, 1977), pp. 3–4
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Salvator Pricoco, 1965. Eucherii De Laude eremi (Universidade de Catania) Esta edición establece o mellor e máis recente texto en latín.
- Bishop of Tours Gregory, Historia Francorum (A historia dos Francos) (London, England: Penguin Books, Ltd., 1974).
- Ford Mommaerts-Browne, "A Speculation", http://archiver.rootsweb.ancestry.com/th/read/GEN-ANCIENT/2004-03/1079586413.
- Sidonius Apollinaris, The Letters of Sidonius (Oxford: Clarendon, 1915)
- K. Pollmann, "Poetry and Suffering: Metrical Paraphrases of Eucherius of Lyons’ Passio Acaunensium Martyrum," nas de Willemien Otten e Karla Pollmann, Poetry and Exegesis in Premodern Latin Christianity: The Encounter between Classical and Christian Strategies of Interpretation (Leiden and Boston: Brill, 2007) (Vigiliae Christianae, 87).