[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Epífise

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partes dun óso longo.
Para a glándula endócrina tamén chamada epífise ver glándula pineal.

Epífise é o nome que designa cada un dos extremos dun óso longo. É a zona en que se sitúan as articulacións. A epífise acostuma ser máis ancha que a porción central do óso, ou diáfise.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A epífise está formada por óso esponxoso no centro e por unha capa delgada de óso compacto na súa periferia, e encóntrase separada da parte central do óso por unha rexión chamada metáfise, que é onde se encontra a cartilaxe de crecemento.[2]

Está cuberta na súa parte externa polo periósteo e na súa parte interna encóntrase a medula ósea vermella que é onde se forman os glóbulos vermellos e outras células sanguíneas. Na zona que forma a articulación recóbrea un tecido cartilaxinoso que se chama cartilaxe articular.

Os principais ósos que posúen epífise son os ósos longos das extremidades. No ser humano teñen epífise o fémur, a tibia, o peroné, os metatarsianos e as falanxes nas extremidades inferiores, e o úmero, o cúbito, o radio, os metacarpianos e as falanxes nas extremidades superiores.

Os ósos longos das extremidades teñen dúas epífises, a que está máis próxima á raíz do membro chámase epífise proximal e a que está máis afastada chámase epífise distal.

Outros significados

[editar | editar a fonte]

O termo epífise pode tamén facer referencia a unha glándula situada no interior do cranio, que se coñece máis comunmente como glándula pineal.[1]

Termos relacionados

[editar | editar a fonte]
  • Epifisario: relativo á epífise, por exemplo unha fractura epifisaria.
  • Epifisite: inflamación da epífise.
  • Epifisiolise: separación anormal da epífise do resto do óso.
  • Displasia epifisaria múltiple: é unha enfermidade de orixe xenética que afecta ao crecemento do óso.
  1. 1,0 1,1 Dorland Diccionario enciclopédico illustrado de Medicina (en español) (30 ed.). Elsevier, España. 2005. ISBN 8481747904. 
  2. Tortora - Derrickson. Principios de Anatomía y Fisiología, 11ª edición (2006). ISBN 968-7988-77-0. Consultado o 13/4/2010