[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Death Note

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Death Note
{{{caption}}}
デスノート
(Desu Nōto)
XéneroPolicíaca, suspense psicolóxico, misterio e fantasía
Manga Death Note
Creado por Tsugumi Ōba, ilustrado por Takeshi Obata
Editor Shūeisha
Publicado en Shōnen Jump
Primeira edición decembro de 2003
Última edición maio de 2006
Núm. de volumes 12
Anime Death Note
Dirixido por Tetsurō Araki
Estudio Madhouse
Canle televisiva Nippon Television
Primeira emisión 3 de outubro de 2006
Última emisión 26 de xuño de 2007
Núm. de capítulos 37
Filmes
OVAS
  • Death Note Rewrite: The Visualizing God
  • Death Note Rewrite 2: L's Successors

Death Note (デスノート Desu Nōto?) é unha serie de manga escrita por Tsugumi Ōba e ilustrada por Takeshi Obata, e cuxa adaptación ó anime foi dirixida por Tetsurō Araki. A historia céntrase en Light Yagami, un estudante de insituto que atopa un caderno sobrenatural chamado «Death Note», co cal é quen de matar persoas se escribe os nomes no caderno mentres imaxina mentalmente a cara de quen quere asasinar.[1] Light tenta eliminar a tódolos criminais e crear un mundo onde non exista a maldade, pero os seus plans serán frustrados por L, un célebre detective privado.[2]

A serie está baseada nun one-shot que foi difundido por Shūeisha para a revista Shōnen Jump,[3] e xeralizouse como unha inclusión no volume trece,[4] «How to Read», o cal é unha guía que contén datos relativos á franquía, incluíndo o perfil de tódalas personaxes principais.[5] O manga comezou a publicarse en decembro de 2003 pola editorial Shūeisha, na revista semanal xaponesa Shōnen Jump, ata o seu final en maio de 2006 co duodécimo volume,[6] chegando a ter cento oito capítulos. Máis tarde, a historia do manga foi adaptada a un anime producido por Madhouse, ata que chegou ó seu final cun total de trinta e sete episodios.[7] O anime emitiuse no Xapón dende o 3 de outubro de 2006 ata o 26 de xuño de 2007 pola canle televisiva Nippon Television. Asemade, a obra foi adaptada en tres filmes de imaxe real,[8] dous novelas lixeiras e múltiples videoxogos creados por Konami para Nintendo DS. No 2006, Tsugumi Ōba creou un artbook chamado «Blanc et Noir», que contén ilustracións sobre a serie, sendo publicado oficialmente por Shūeisha;[9] tamén se crearon varios libros suplementarios sobre a franquía. Máis tarde, creouse un novo one-shot que conta os sucesos que ocorren dous anos despois do final do manga orixinal, ó igual que dous episodios especiais chamados «Death Note Rewrite: The Visualizing God» e «Death Note Rewrite 2: L's Successors», os cales son uns resumos da primeira parte narrada por Ryuk e a segunda parte narrada por L.[10][11]

Varias publicacións de manga, anime e outros medios gabaron e, á súa vez, criticado a serie. Aínda que se destacou que o seu argumento resulta entretido para as audiencias, Death Note foi prohibido na China por mor de que os nenos modificaban os seus cadernos en semellanza ó Death Note.[12]

Death Note

[editar | editar a fonte]
Imaxe dun Death Note.

Na historia, o «Death Note» é un caderno cunha cuberta de cor negra e o seu nome inscrito nela. Este caderno ten a capacidade de matar a calquera persoa só con escribir o seu nome nel, e sempre que o portador visualice mentalmente a faciana de quen quere asasinar. Normalmente, as persoas cuxos nomes son escritos no caderno morren dun ataque ó corazón despois de corenta segundos, a non ser que se especifique a causa da súa morte.[1]

Os shinigamis son os portadores orixinais dos Death Note e grazas ós seus ollos poden matar ás persoas con facilidade, xa que poden ver o nome real e o tempo que lles resta de vida.[2] Os shinigamis non poden ser vistos polas persoas normais, a non ser que estas toquen o seu Death Note.[13] Cando Ryuk guinda o seu Death Note á Terra, escribiu as instrucións sobre o seu uso en inglés, xa que é unha lingua franca universal; polo que Light Yagami aprende a usalo no intre en que o atopa, mais no transcurso da serie van aparecendo outras regras.

No manga, cada capítulo contén unha páxina especial coas regras do Death Note,[1] mentres que no anime, en cada pausa, dúas por episodio, nárrase unha regra sobre o uso do Death Note. No intre en que un portador humano dun Death Note renuncia a este ou o caderno é destruído, esa persoa perde tódalas lembranzas relacionados co caderno de xeito inmediato, pero se o toca de novo, vólveos recuperar.

Representación artística dun shinigami no libro Ehon Hyaku Monogatari, semellante ós shinigami da serie.

A historia é protagonizada por Light Yagami, un dos estudantes máis sobresaíntes do Xapón que desexaba acabar con tódolos criminais que o rodeaban. Un día, a súa vida sofre un cambio radical cando atopa un estraño caderno sobrenatural chamado «Death Note», tirado no chan.[1] No caderno había escritas instrucións sobre o seu emprego, nas que se dicía que de escribirse o nome dunha persoa e pensar na cara dela, morrería dun ataque ó corazón. Nun principio, Light desconfiaba da autenticidade do caderno, pero logo de probalo en dúas ocasiónss, decátase de que o seu poder é real. Despois de cinco días, recibe a visita do verdadeiro dono do Death Note, un shinigami chamado Ryuk, que lle conta que deixara caer o Death Note á Terra porque estaba aborrecido,[2] e á súa vez Light revélalle que o seu obxectivo é matar a tódolos criminais, para así limpar o mundo da maldade e converterse no «deus do novo mundo».[2] Máis tarde, o número inexplicable de mortes de criminais chama a atención do FBI e dun famoso detective privado coñecido como «L». L deduce axiña que o asasino en serie, alcumado polo público como «Kira» (キラ?, derivado da pronunciación xaponesa da verba inglesa «killer», lit. «asasino»), vive no Xapón. Tamén se decata de que Kira pode matar ás persoas sen necesidade de poñerlles un dedo enriba. Light descobre que L será un dos seus maiores rivais, e dende entón producirase unha guerra psicolóxica entre ambos.[13]

Misa Amane, unha afamada ídolo do Xapón que porta un Death Note, o cal lle foi entregado por Rem a petición de Jealous; encóntrase con Light.[14] Misa estaba obsesionada con Kira despois de que este matase ó asasino dos seus pais, polo que decide axudar a Light, facéndose pasar polo «segundo Kira», ata que é capturada e encerrada por L, xa que sospeitaba dela. Light traza un plan para renunciar á propiedade dos Death Note, tanto o seu como o de Misa, e así esquecelo todo e poder rescatala. Despois de perder os seus recordos, Light é ceibado para comezar a investigar con L a un grupo de delincuentes dunha empresa chamada "Yotsuba", os cales posúen o Death Note de Misa. Ó detelos, Light recupera tódolos seus recordos no intre que toca o Death Note. Rem, sendo manipulada por Light para que actúe a prol del, asasina a L e ó seu asistente, Watari. Xa que incumpre unha das regras do Death Note, Rem morre, aumentando o tempo de vida de Misa. Despois da morte de L, Light asume o cargo de «novo L» no grupo de investigación.[15] Cinco anos máis tarde, aparecen Near e Mello, os verdadeiros sucesores de L, que se dividen para ver quen atrapa a Kira primeiro. Near, coa axuda do goberno, crea a SPK, unha organización fundada co obxectivo de capturar a Kira, mentres que Mello fai un trato coa mafia para lograr o mesmo obxectivo. Mello comeza a executar o seu plan e a investigar sobre os poderes do Death Note, e Near, facéndose pasar pol L, contacta con Light, quen tamén se facía pasar por L. Light non agardaba que L tivese sucesores, polo que comeza a evadir novamente as deducións deles para cumprir as súas ambicións.

Posteriormente, Light decide buscar a unha persoa para que o substitúa por un tempo no seu traballo como Kira, xa que Near estaba a sospeitar del e Misa xa non lle servía. Por iso, escolle a Teru Mikami, un home que admira a Kira coma un deus. Mello, coa axuda de seu amigo Matt, secuestra a Kiyomi Takada, unha antiga noiva de Light na universidade. Matt morre metrallado trala persecución dos guardacostas de Takada, dándolle a oportunidade a Mello de fuxir. Porén, Mello morre a mans de Takada, quen posuía un anaco do Death Note, pero máis tarde, Takada é asasinada por Light. Por outra banda, Near fai contacto con Light e o seu equipo para levar a cabo unha reunión. Light aproveita a oportunidade para mandarlle a Mikami que descubra os verdadeiros nomes dos membros da SPK. Cando o día da reunión chega, Mikami escribe os nomes dos membros da SPK no seu Death Note, pero Near explica que ninguén ía morrer, xa que coa axuda de Stephen Gevanni, trocaran ese caderno por un falso. Light, ó sentirse acurralado polas deducións de Near, revela que todo era certo e intenta matalo cun anaco de Death Note que tiña agochado no reloxo. Porén, Tōta Matsuda, un dos axentes do caso Kira, dispáralle, quedando mal ferido. Mikami suicídase por que Light fora derrotado e aproveitando o momento, Light foxe e vai recordando todo o que viviu. Ó cabo, Ryuk escribe o nome de Light no seu Death Note e este morre.

Personaxes principais

[editar | editar a fonte]

A continuación descríbense as personaxes principais, xunto cos seiyū da versión orixinal xaponesa.

  • Light Yagami (夜神 月 Yagami Raito?, tamén coñecido como «Kira» キラ)

É un dos mellores estudantes do Xapón. Unha vez que atopa o Death Note disponse a acabar con tódolos criminais do mundo e crear un mundo onde el sexa o deus. Cando usa o Death Note, o número de mortes inexplicables chama a atención de tódolos medios de comunicación, volvéndose o centro de atención da Xapón e do mundo. Máis tarde terá que evadir as deducións de L para poder acadar os seus obxectivos. Na versión orixinal xaponesa, o seu seiyū é Mamoru Miyano.[16]

  • L (エル Eru?), cuxo nome real é L Lawliet (エル・ローライト Eru Rōraito?),[17]

É un famoso detective privado do cal ninguén coñece a súa verdadeira identidade, agás o seu asistente, Watari. É coñecido mundialmente por resolver casos complexos, xa que é unha persoa extremadamente intelixente.[2] Cando Rem é manipulada por Light, esta escribe o nome real de L no seu Death Note e L morre. Na versión orixinal xaponesa, o seu seiyū é Kappei Yamaguchi.[18]

É unha famosa ídolo do Xapón que tamén porta un Death Note. Misa obsesiónase con Kira despois de que dese morte ó asasino dos seus pais, polo que ela decide axudar a Light, facéndose pasar polo «segundo Kira». Misa namórase profundamente de Light, deixándose manipular por el, pero el só a usa para acadar os seus obxectivos. Na versión orixinal xaponesa, o seu seiyū é Aya Hirano.[19]

  • Near (ニア Nia?), cuxo nome real é Nate River (ネイト・リバー Neito Ribā?)

É un dos rapaces superdotados do orfanato Wammy's House e o primeiro na liña de sucesión de L. Ó ser informado da morte de L, o director do orfanato propolle a Mello traballar xunto con Near, pero Mello rexeita a idea. Máis tarde, coa axuda do goberno, crea a SPK, unha organización fundada co único obxectivo de capturar a Kira, logrando descubrir a Light. Segundo Near, nin el nin Mello estaban ó nivel de L, pero xuntos eran quen de igualalo ou mesmo de superalo. Na versión orixinal xaponesa, e o seu seiyū é Noriko Hidaka.[20]

  • Mello (メロ Mero?), cuxo nome real é Mihael Keehl (ミハエル・ケール Mihaeru Kēru?)

É un dos rapaces superdotados do orfanato Wammy's House ó igual que Near, e o segundo na liña de sucesión de L. Cando L morreu, Mello fai un trato coa mafia para atrapar a Kira antes que Near, pero foi asasinado por Kiyomi Takada, quen escribira o seu nome nun anaco do Death Note baixo as ordes de Light. Na versión orixinal xaponesa, o seu seiyū é Sasaki Nozomu.[21]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Ōba, Tsugumi (2004). "Capítulo 1". Death Note, volumen 1. Shūeisha. ISBN 4-08-873621-4. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ōba, Tsugumi (2004). "Capítulo 2". Death Note, volumen 1. Shūeisha. ISBN 4-08-873621-4. 
  3. "One Shots publicados dende o ano 2000 na revista Shōnen Jump" (en xaponés). Archived from the original on 17 de abril de 2008. Consultado o 28 de marzo de 2012. 
  4. "Death Note (capítulo piloto)" (en inglés). Myanimeliste.net. Consultado o 23 de decembro de 2008. 
  5. "HOW TO READ" (en xaponés). Shūeisha. Consultado o 13 de xuño de 2008. 
  6. "Death Note (manga)" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 5 de xaneiro de 2004. 
  7. "Death Note (anime)" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 12 de xullo de 2007. 
  8. "Death Note (live action)" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 23 de decembro de 2008. 
  9. "Blanc et Noir" (en xaponés). Shūeisha. Consultado o 13 de xuño de 2008. 
  10. "Death Note Rewrite: The Visualizing God" (en inglés). Anime News Network. 12 de xullo de 2007. Consultado o 13 de xullo de 2007. 
  11. "Death Note: Rewrite 2: L's Successors" (en inglés). Anime News Network. 25 de xullo de 2008. Consultado o 7 de xuño de 2009. 
  12. "A prohibición na China de Death Note" (en chinés). Xinhuanet.com. Consultado o 4 de setembro de 2007. 
  13. 13,0 13,1 Ōba, Tsugumi (2004). "Capítulo 3". Death Note, volume 1. Shūeisha. ISBN 4-08-873621-4. 
  14. Ōba, Tsugumi (2004). "Capítulo 25". Death Note, volume 2. Shūeisha. ISBN 4-08-873652-4. 
  15. Ōba, Tsugumi (2005). "Capítulo 59". Death Note, volume 7. Shūeisha. ISBN 4-08-873830-6. 
  16. "Mamoru Miyano" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 19 de xaneiro de 2009. 
  17. Ōba, Tsugumi (2006). Death Note, volume 13. Shūeisha. ISBN 4-08-874095-5. 
  18. "Kappei Yamaguchi" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 19 de xaneiro de 2009. 
  19. "Aya Hirano" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 19 de xaneiro de 2009. 
  20. "Noriko Hidaka" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 19 de xaneiro de 2009. 
  21. "Sasaki Nozomu" (en inglés). Anime News Network. Consultado o 19 de xaneiro de 2009. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]