[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Guerra de trincheiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe dunha trincheira preto da Boisselle durante a Ofensiva do Somme en xullo de 1916.

A guerra de trincheiras ou guerra de posición é unha forma de facer a guerra, na cal os exércitos combatentes manteñen liñas estáticas de fortificacións cavadas no chan e enfrontadas. A guerra de trincheiras xurdiu a partir dunha revolución nas armas de fogo e a un incremento no seu poder, sen que houbese ao mesmo tempo un aumento na mobilidade e nas comunicacións. Houbo períodos de guerra de trincheiras na guerra civil estadounidense (1861-1865) e na guerra ruso-xaponesa de 1904-1905, pero chegou ao seu punto máximo de brutalidade e mortalidade na fronte occidental da primeira guerra mundial.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

As fortificacións son case tan antigas como a propia guerra. Con todo, debido ao tamaño relativamente pequeno dos exércitos e ao pouco alcance das armas, tradicionalmente non era posible defender máis que unha distancia curta ou unha fortaleza illada. As grandes fortificacións do mundo antigo, tales como a Gran Muralla Chinesa ou a Muralla de Hadrián, eran excepcións á regra xeral e en calquera caso non se deseñaron para evitar completamente que o inimigo cruzase desde o outro lado, senón para facer de fronteira que establecía o momento no que o inimigo cruzara o límite. Tamén servían para evitar ou entorpecer a súa fuxida.

Aínda que avanzaron enormemente tanto o deseño de fortificacións como o de armas na segunda metade do segundo milenio, a invención do arco longo, a aparición do mosquete e ata a da artillaría non cambiaron substancialmente a regra de que unha fortificación necesitaba dunha gran cantidade de tropas para defendela. Un pequeno número de tropas simplemente non podían manter un volume de lume suficiente como para repeler un ataque decidido.

A guerra de asedio

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Asedio.
Representación do asedio de Constantinopla, capital do Imperio bizantino, polo Imperio turco.

A maioría das técnicas utilizadas na guerra de trincheiras existiran xa moitos anos antes para a guerra de asedio. O novo foi o emprego de ditas técnicas en campo aberto entre dous exércitos.

No seu De Bello Gallico (A guerra da Galia), Xulio César describe como as lexións romanas levantaron dúas inmensas paredes fortificadas ao redor da cidade durante a batalla de Alesia. Na muralla interna, dunhas 10 millas (16 km), mantiñan a Vercinxetórix e ás súas forzas dentro da cidade, mentres que a muralla externa protexíalles dos reforzos, que lles superaban en número e trataban de romper o asedio. Os romanos lograron manter as súas posicións entre as dúas paredes; e os galos, enfrontándose á morte por fame, finalmente rendéronse unha vez que os seus reforzos foron derrotados por César. Tucídides describe un asedio similar, aínda que sen éxito, no sitio de Siracusa polos atenienses durante a guerra do Peloponeso.

Unha vez que se inventaron as armas de fogo, as técnicas foron evolucionando ata converterse no moi coñecido ritual denominado siège en forme. O exército atacante rodeaba unha cidade e logo emprazaba á cidade a renderse. Se respondían negativamente, o exército rodearía a cidade con fortificacións temporais para impedir contraataques do exército defensor e a chegada de reforzos. Os atacantes entón construirían unha serie de trincheiras, paralelas ás defensas, e xusto á distancia da artillaría defensiva. Logo construían unha trincheira en dirección á cidade facendo un percorrido en zigzag, para evitar que quedara exposta ao lume inimigo. Unha vez estivese dentro do alcance da artillaría, cavaríase outra trincheira paralela con localizacións para canóns. Se fose necesario utilizaríase a primeira artillaría como cobertura, e o proceso repetiríase ata que os canóns estivesen o suficientemente cerca como para acertar de pleno e abrir unha brecha nas fortificacións. Desta forma, as tropas de avanzada e as de apoio poderían aproximarse o suficiente como para estoupar a brecha, á vez que o proceso proseguía desde varios puntos e buscando unha maior aproximación. Logo de cada paso do proceso, os asaltantes emprazarían aos defensores á rendición, pero unha vez que as tropas alcanzasen con éxito a cidade a través da brecha, os defensores non poderían esperar ningunha piedade. Estas técnicas foron moi usadas polos terzos españois, sendo un exemplo clásico o sitio de Breda de 1625.

Os pa māori

[editar | editar a fonte]

Os maorís de Nova Zelandia construíron barricadas denominadas en outeiros e penínsulas pequenas, séculos antes do contacto con pobos europeos. Asemellábanse ás pequenas fortalezas da Idade de Ferro que aparecen nas paisaxes británicas e irlandesas. Cando os maorís atopáronse cos británicos, desenvolveron o Pā, converténdose nun efectivo sistema de trincheiras, que serviu de predecesor de desenvolvementos similares en América e Europa. Nas guerras maorís, o Pā moderno logrou neutralizar durante un tempo a gran diferenza entre os exércitos, tanto en número como en armamento. En Ohaeawai Pā en 1845, en Rangiriri en 1864 e outra vez en Gate Pā en 1864, as forzas británicas e coloniais descubriron que un ataque frontal sobre un Pā resultaba ineficaz e sumamente custoso.

En Gate Pā, durante a campaña Tauranga en 1864,os maorís aguantaron un bombardeo dun día de duración nos seus refuxios. Unha autoridade calculou que Gate Pā chegara a absorber nun día un maior volume de explosivos por m² que as trincheiras alemás no bombardeo dunha semana que precedeu á batalla do Somme.[Cómpre referencia]. Unha vez destruída a empalizada, os británicos penetraron no Pā, onde os maorís comezaron a disparar desde trincheiras escondidas, matando a 38 e ferindo a moitos máis na batalla máis custosa para os Pākehā da guerra. Os maorís abandonaron entón o lugar.

Os maorís desenvolveron as súas ideas do deseño do Pā en moi pouco tempo, desde a Idade de Pedra ata o nivel da primeira guerra mundial en pouco máis de 30 anos.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]
Guerra civil estadounidense: tropas da Unión esperando en trincheiras antes do avance na segunda batalla de Fredericksburg. Virginia, maio de 1863

O primeiro desenvolvemento crítico para a aparición da guerra de trincheiras foi a introdución dos exércitos de recrutamento masivo, que apareceron na Revolución francesa e nas guerras napoleónicas. Antes disto, os exércitos consistían nun pequeno número de tropas que eran incapaces de defender un amplo territorio durante moito tempo. As batallas eran breves, ou dexeneraban en guerras de asedio. A aparición dos grandes exércitos fixo moito máis difícil que un exército puidese cruzar o flanco do outro, aínda que podía conseguirse, mediante cargas de cabalaría e infantaría, que un deles acabase rompendo a formación do outro a través dun asalto directo. Un exemplo de liña militar fortificada que se alargaba durante moitos quilómetros eran as liñas de Torres Vedras (1810), construídas polos portugueses baixo a dirección dos Enxeñeiros da Armada Británica, durante a guerra contra Napoleón Bonaparte.

O que fixo que esta táctica fose cada vez máis suicida foi o desenvolvemento de armas de fogo cada vez de maior poder a mediados do século XIX. Cando comezou a guerra civil estadounidense, en 1861, loitouse coas mesmas tácticas utilizadas na era de Napoleón e durante séculos antes. Cando a guerra chegaba ao seu sanguento final en 1865, converteuse nun previo da primeira guerra mundial, con trincheiras, metralladoras, fortificacións de campo e baixas masivas. A batalla de Petersburg, próxima ao final da guerra, coas súas trincheiras e formacións estáticas, contrasta coas primeiras batallas, como a primeira batalla de Bull Run, onde as manobras aínda eran posibles. As famosas cargas de cabalería, como a carga de Pickett na batalla de Gettysburg, demostraron a inutilidade dun asalto directo contra unha liña inimiga ben colocada.

Unha das primeiras metralladoras. Ilustración nunha enciclopedia suíza de 1885.

Houbo dous factores principais para o cambio. En primeiro lugar, houbo unha proliferación de rifles, que na época fabricábanse por miles. Estes eran efectivos ao dobre de distancia que os fusís da era Napoleónica e eran capaces de matar a inimigos a unha distancia de 1 km. Ademais, permitían ao tirador manterse a cuberto nunha trincheira ou detrás dalgún obstáculo improvisado para poder disparar a un corpo de atacantes desde unha distancia moito maior que a anterior. Os atacantes eran incapaces de cruzar o suficientemente rápido como para evitar baixas nun número prohibitivo. Doutra banda estaba a persistencia nas tácticas en columna das guerras napoleónicas, que incrementaban as baixas. Só a finais da guerra corrixiuse este erro táctico de forma xeneralizada, dispondo as tropas en aberto. Por iso, a primeira resposta ao incremento no poder do fogo foi a cobertura e a segunda a dispersión, formas que acabaron adoptándose. A terceira, a armadura, non era unha opción contra as novas armas. Non sería unha opción válida ata a invención da combustión interna que trouxo consigo os vehículos blindados.

Tamén influíron outros factores que foron aparecendo logo da guerra civil estadounidense. O primeiro foi o desenvolvemento do arame de espiños ou de púas (inventado en 1874), que en si mesmo non causaba un gran dano a ninguén, pero que podía retardar de forma crucial a unha forza de ataque, e permitir aos defensores, con metralladoras emprazadas estratexicamente, infligir graves perdas ao inimigo. A segunda foi a mellora da artillaría, que dunha ou outra forma, formara parte da guerra desde a época clásica, e que desde a aparición da pólvora ata o desenvolvemento da guerra de trincheiras converteuse na maior causa de baixas na guerra. Foi suplantada só brevemente polo rifle. Co desenvolvemento dos canóns de aceiro de retrocarga por Krupp, recuperouse gran parte da súa capacidade de matar (como se demostrou graficamente na guerra franco-prusiana de 1870-1871).

En terceiro lugar está a introdución das balas explosivas e, para rematar, os mecanismos hidráulicos de recarga, inventados polos franceses no canón de 75 mm (M1897), que incrementaron significativamente a velocidade de disparo. Estes cambios aumentaron a efectividade da artillaría ata un grao inimaxinable na década de 1870. Creouse unha zona entre o atacante e o defensor, un espazo de "terra de ninguén" demasiado letal como para cruzalo.

Implantación

[editar | editar a fonte]

Aínda que a tecnoloxía e os exércitos de recrutas cambiaran dramaticamente a natureza da guerra, a maioría dos exércitos aínda non se deron conta das implicacións dos cambios. Ao comezo da primeira guerra mundial, a maioría dos exércitos preparáronse para un guerra breve, con tácticas e estratexias similares ás usadas en tempos de Napoleón.

Con todo, en canto empezou a guerra, os alemáns e os aliados (principalmente os franceses e os británicos) pronto percibiron que coas armas modernas, calquera lugar podía ser facilmente defendido por un puñado de homes de infantaría. Como atacar frontalmente supuña unha cantidade de perdas inaceptable, era esencial unha operación de desborde polos flancos. Tras a batalla de Aisne en setembro de 1914, intentáronse unha serie de flanqueos e a ampliación das liñas de defensa fortificadas para superar as do contrario, no que se coñeceu como a "carreira ao mar". Os dous bandos cavaron o que esencialmente era un par de trincheiras desde a fronteira suíza ata o sur do Mar do Norte, na costa de Bélxica. A guerra de trincheiras prevaleceu na Fronte Oeste desde o 16 de setembro de 1914 ata que os alemáns lanzaron a súa "Ofensiva de Primavera", Operación Michael, o 21 de marzo de 1918.

Na Fronte Oeste, as pequenas e improvisadas trincheiras dos primeiros meses pronto empezaron a crecer en profundidade e complexidade, creándose gradualmente vastas áreas defensivas interconectadas. O espazo entre as trincheiras denominábase terra de ninguén e variaba en distancia en función do campo de batalla. Na Fronte Oeste era habitualmente de 100 a 300 iardas (de 90 a 270 m), e de só 30 iardas (27 metros) nalgúns puntos. Tras a retirada alemá ata a liña Hindenburg en marzo de 1917, estreitouse ata case un km nalgúns lugares. Na batalla de Gallípoli, a distancia entre as trincheiras estreitouse ata só 15 m, o que provocou unha incesante guerra de granadas. Na Fronte Este e en Oriente Medio, as áreas a cubrir eran tan grandes e as distancias ás subministracións eran tan amplas, que a guerra de trincheiras non se chegou a practicar.

A guerra de trincheiras nos Alpes chegou a estenderse ata a terceira dimensión, en desniveis verticais e no máis profundo das montañas, ata alturas de 3.900 msnm. A xestión e os perfís das trincheiras tiveron que adaptarse ao terreo escarpado, ás rocas e ao clima. Algúns sistemas de trincheiras chegáronse a construír en glaciares (por exemplo, nos Dolomitas).

Sistema defensivo

[editar | editar a fonte]
Primeira división de fusileiros de Lancashire, nunha trincheira de comunicación preto de Beaumont-Hamel, Somme, 1916

Ao pouco tempo de comezar a guerra, a estratexia defensiva británica suxeriu un sistema principal de trincheiras de tres liñas paralelas con cada liña conectada por trincheiras de comunicación. O punto no que unha trincheira de comunicación facía intersección coa trincheira frontal era dunha importancia crítica, e normalmente atopábase fortemente fortificado. A trincheira frontal tiña unha gornición lixeira, e normalmente só estaba ocupada polas tropas de garda ao amencer e á noitiña. Entre 70 e 100 iardas (entre 63 e 90 m) máis afastada achábase a trincheira de apoio (ou "de viaxe"), que sería á que retrocedería a gornición no caso de que a trincheira frontal fose bombardeada. Entre 300 e 500 iardas (entre 270 e 450 m) máis atrás atopábase a terceira trincheira de reserva, onde as tropas de reserva podíanse xuntar para un contraataque se as trincheiras frontais eran capturadas.

Este sistema defensivo pronto se volveu obsoleto, a medida que foi crecendo o poder da artillaría. Con todo, nalgúns sectores da fronte, a trincheira de apoio mantívose como reclamo para atraer o fogo inimigo lonxe das liñas frontais e de reserva. Acendíanse lumes para facela parecer habitada, reparándose inmediatamente os danos producidos polas bombas.

Vista aérea de trincheiras opostas entre Loos e Hulluch, xullo de 1917. As trincheiras alemás son as situadas na parte inferior dereita, as británicas están na parte superior esquerda.

Tamén se construían trincheiras temporais. Cando se planeaba un ataque a grande escala, cavábanse trincheiras de reunión preto da trincheira frontal. Servían como refuxio ás ondas de tropas atacantes que seguirían ás primeiras que deixaban a trincheira frontal. Tamén se cavaban gabias en dirección á terra de ninguén con diversos propósitos, como conectar a trincheira frontal cun posto de escoita cerca do inimigo, ou servir dunha zona de ataque avanzado para un ataque por sorpresa.

Cando un lado da liña frontal se curvaba cara ao inimigo, formábase un saínte (unha zona vulnerable ao poder ser atacada desde varios flancos). A liña cóncava enfrontada a un saínte denomínase reentrada.

Detrás do sistema frontal de trincheiras adoitaba haber polo menos dous sistemas de trincheiras preparados polo menos parcialmente. Os alemáns a miúdo preparaban múltiples sistemas de trincheiras redundantes. En 1916, o seu frontal de Somme mostraba dous sistemas completos de trincheiras, separados a un quilómetro o un do outro, cun terceiro sistema parcialmente completo outro quilómetro máis atrás. Esta duplicidade facía que fose virtualmente imposible atravesar as fortificacións. No caso de que a sección do primeiro sistema de trincheiras fose capturado, cavaríase unha trincheira para conectar o segundo sistema coa parte do primeiro que aínda estivese baixo control.

Os alemáns crearon unha especie de ciencia en canto ao deseño e construción de defensas. Utilizaban formigón armado para construír puntos estratéxicos, así como refuxios profundos, ventilados e a proba de bombas. Estaban máis dispostos que os seus inimigos a facer unha retirada estratéxica a unha posición mellor preparada defensivamente. Tamén foron os primeiros en aplicar o concepto de "defensa en profundidade", onde as liñas frontais tiñan centos de metros de profundidade e contiñan unha serie de postos de avanzada en lugar dunha trincheira continua. Cada avanzada podía dar lume de apoio aos seus veciños, e aínda que os atacantes tiñan liberdade de movementos entre os postos avanzados, estaban continuamente expostos ao lume cruzado contra eles. Os británicos acabaron adoptando un sistema parecido, pero estaba incompleto cando os alemáns lanzaron a súa "Ofensiva de primavera" en 1918, e demostrou ser desastrosamente ineficaz.

Construción de trincheiras

[editar | editar a fonte]
Diagrama de construción dunha trincheira extraído dun manual de infantaría británico de 1914.

As trincheiras nunca eran rectas, senón que se cavaban nun esquema dentado, que convertía a liña en segmentos conectados por travesas. Isto implicaba que un soldado nunca podía ver máis de 10 m aproximadamente ao longo da trincheira. Con iso o inimigo non podería enfilar a trincheira completa se lograba gañar acceso a algún punto e, se caía unha bomba nalgunha trincheira, a fragmentación (a miúdo chamada incorrectamente metralla) non podería chegar moi lonxe.

O lado da trincheira que miraba ao inimigo denominábase o parapeto e tiña un chanzo de fogo. O lado traseiro da trincheira denominábase o parados. O parados protexía as costas do soldado da fragmentación das bombas que caían detrás da trincheira. Se o inimigo capturaba a trincheira, entón os parados convertíanse no seu parapeto. Os laterais da trincheira recubríanse con sacos de area, estelas e anacos de madeira e arame. O chan normalmente recubríase con pranchas de madeira.

Construíanse refuxios de distintos graos de luxo na retagarda da trincheira de apoio. Os refuxios británicos adoitaban estar entre 2,5 e 5 m de profundidade, mentres que os alemáns adoitaban estar moito máis profundos, a un mínimo de 3,5 m, e en ocasións cavaban 3 pisos, con escaleiras de formigón para acceder aos niveis superiores.

Membro da cabalería lixeira australiana utilizando un rifle con periscopio, Galípoli, 1915.

Para permitir a un soldado ver fóra da trincheira sen expor a súa cabeza, creábase un buraco no parapeto. Podía ser simplemente un oco entre as bolsas de area ou podía estar protexido por unha placa de aceiro. Os francotiradores alemáns utilizaban munición perforadora que lles permitía penetrar os buracos. A outra forma de mirar desde unha trincheira era mediante un periscopio. A súa forma máis sinxela era un tubo oco con dous ángulos de espellos nas partes superior e inferior. Nas trincheiras de ANZAC (Australian and New Zealand Army Corps) en Galípoli, onde os turcos tiñan o terreo máis alto, o rifle con periscopio desenvolveuse para que os australianos e neozelandeses puidesen disparar ao inimigo sen exporse eles mesmos, tras o parapeto.

Había tres formas estándar de cavar unha trincheira. A primeira era que a persoa puxésese de pé sobre a superficie e cavase cara a abaixo. Era a máis efectiva en canto a velocidade e a que permitía a moitos traballadores á vez, pero tiña o problema de que os traballadores quedaban expostos ao lume inimigo. Por iso só podía usarse na zona de retagarda ou pola noite. A segunda opción era ampliar unha trincheira existente cavando desde o extremo. Os traballadores non quedaban expostos, pero só podían traballar un ou dous homes ao mesmo tempo. Para rematar, podíanse cavar túneles, nese caso mantíñase un "teito" de terra encima da trincheira ata terminar o traballo. Logo quitábase o teito e podíase ocupar a trincheira.

Segundo a información que manexaban os enxeñeiros ingleses, podíanse completar 250 m de trincheira frontal utilizando 450 homes en 6 horas (pola noite). Despois a trincheira necesitaba mantemento continuo para evitar a deterioración causada polo clima e as bombas.

Falsa trincheira construída con sacos, Armentières, 1916

O campo de batalla de Flandres, onde se produciu parte da loita máis encarnizada, presentaba numerosos problemas para a guerra de trincheiras, e especialmente para os británicos, que en moitos casos víanse obrigados a ocupar as zonas máis baixas. En moitos lugares, o nivel freático estaba a pouco máis dun metro de profundidade, polo que calquera trincheira que se escavase alagaríase rapidamente. Por iso, moitas "trincheiras" en Flandres estaban realmente por encima da terra, construídas a base de construcións masivas por medio de sacos de terra (cheos con arxila). Nun principio, tanto o parapeto como o parados estaban construídos desta forma, pero máis tarde a técnica foi abrir o parapeto en gran parte da liña, de forma que a retagarda estivese exposta ao lume desde a liña de reserva, no caso de que o inimigo capturase a trincheira frontal.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

A natureza confinada, estática e subterránea da guerra de trincheiras foi desenvolvendo a súa peculiar forma de xeografía propia. Na zona da fronte, a infraestrutura convencional de transportes mediante estradas e rieles foi substituída por unha serie de trincheiras e o uso de vagóns lixeiros. A vantaxe crítica que supuña o feito de situarse nas zonas xeográficas de maior altitude implicaba que os pequenos outeiros ou elevacións gañasen unha importancia estratéxica enorme. Moitos suaves vales ou outeiros eran tan sutís que poderían pasar desapercibidos ata que a liña da fronte non chegou a establecerse neles. Algúns outeiros denominábanse mediante a súa altura en metros, como o Outeiro 60. Unha granxa, un muíño ou o esqueleto dunha árbore convertíanse en foco de loita simplemente porque eran as características identificables do terreo máis grandes. Con todo, non lle levaba moito tempo á artillaría arrasalo, de forma que se acababa convertendo nun simple nome nun mapa.

Tropas de asalto alemás adestrándose cun Flammenwerfer preto de Sedán, Francia, maio de 1917.

Ás características do campo de batalla podíanselles dar nomes descritivos ("Bosque Polígono"), nomes curiosos ("Val Salchicha"), o nome dunha unidade ou o dun soldado. Tamén se adoitaban engadir complementos con referencias á morte ("O risco do home morto"). Igualmente había sistemas de trincheiras con nomes como "O Taboleiro de Xadrez", polo esquema que debuxaban. Os australianos, na batalla da granxa Mouquet, chegaron a chamar aos lugares como "puntos" ("Punto 81" ou "Punto 55"), pola falta de referencias e de avances no terreo.

As trincheiras inimigas que se converterían en obxectivos necesitaban así mesmo un nome. Algunhas chamábanse por algún acontecemento observado, como "A Trincheira dos Oficiais Alemáns", por ver a un grupo de oficiais nese lugar, ou a "Trincheira das Racións", por avistar as partidas que levaban as racións aos soldados. Os británicos dábanlles nalgúns casos un toque alcohólico ("Trincheira Cervexa", "Trincheira Bitter" ou "Trincheira Pilsen", por exemplo). A outras trincheiras denominábaselles segundo a súa función no sistema ("Trincheira Intermedia").

Algunhas seccións do sistema de trincheiras británico recibían nomes do xogo do Monopolio. As divisións regulares adoitaban utilizar o nome das súas unidades e os australianos usaban nomes de soldados.

A vida nas trincheiras

[editar | editar a fonte]
Trincheira francesa, Verdún, 1916

O tempo que pasaba un soldado concreto na fronte era normalmente breve; desde un día ata dúas semanas antes de ser relevado. O Batallón 31 das tropas australianas pasou unha vez 53 días na fronte en Villers-Bretonneux, aínda que iso era unha rara excepción. O tempo que dedicaba ao ano un soldado británico podíase dividir desta forma:

  • 15% liña da fronte
  • 10% liña de apoio
  • 30% liña de reserva
  • 20% resto
  • 25% outros (hospital, viaxando, permisos, adestramento etc.)

Ata cando estaban na fronte, o soldado normalmente só era chamado a loitar un puñado de veces ao ano: realizando un ataque, defendendo a posición ou participando nunha escaramuza. A frecuencia do combate sería maior no caso das tropas de elite.

"Estudando francés nas trincheiras", The Literary Digest, 20 de outubro, 1917.

Algúns sectores da fronte tiñan moi pouca actividade ao longo da guerra, facendo que a súa vida nas trincheiras fose comparativamente fácil. Cando o primeiro Corpo Anzac chegou a Francia en abril de 1916, tras a evacuación de Galípoli, destinóuselles a un sector relativamente pacífico no sur de Armentières para aclimatarse. Outros sectores estaban nun estado permanente de actividade bélica. Na fronte oeste, Ieper era sempre un inferno, especialmente para os británicos situados no saínte. Con todo, os sectores máis pacíficos tamén sumaban baixas diarias por disparos de francotiradores, artillaría e gas. Nos primeiros seis meses de 1916, antes da ofensiva do Somme, os británicos non se embarcaron en ningunha batalla significativa nese sector, e con todo sufriran 107.776 baixas.

Un sector da fronte asignábase ao corpo dun exército, que normalmente tiña tres divisións. Destas, dous ocuparían sectores adxacentes na fronte, e a terceira estaría descansando na retagarda. Isto replicaríase ao longo da estrutura do exército de forma que en cada división de primeira liña, que normalmente tiña tres brigadas de infantaría, dúas ocuparían a fronte e unha terceira estaría en reserva. Dentro de cada brigada na liña da fronte, que normalmente tiña catro batallóns (rexementos no caso de Alemaña), dous estarían na fronte e dúas en reserva. E o mesmo ocorrería coas compañías e os pelotóns. A rotación sería máis frecuente nas divisións máis pequenas da estrutura militar.

Chateau Wood, Ypres, 1917

Durante o día, os francotiradores e os observadores da artillaría en globos facían que o movemento fose perigoso, polo que as trincheiras estaban normalmente en silencio. Por iso, as trincheiras estaban máis activas durante a noite, cando a cobertura da escuridade permitía o movemento das tropas e das subministracións, o mantemento e a expansión do arame de espino e o sistema de trincheiras, e o recoñecemento das defensas inimigas. Os puntos de escoita en terra de ninguén intentaban detectar patrullas inimigas e partidas de traballo, así como indicios dun posible ataque.

levaban a cabo escaramuzas (pequenos ataques sen intención de conquistar o terreo) co fin de capturar prisioneiros e "botín" (cartas e outros documentos con información sobre a unidade que ocupaba a trincheira oposta). A medida que a guerra seguía adiante, estas escaramuzas convertéronse en parte da política xeral levada a cabo polos británicos, coa intención de manter o espírito de loita das tropas, e para impedir aos alemáns ocupar a terra de ninguén. Ese dominio conseguiuse a un custo moi alto, e os estudos británicos tras a guerra concluíron que os beneficios probablemente non valeron o custo.

A comezos da guerra preparábanse estes pequenos ataques por sorpresa, particularmente facíano os canadenses, pero o incremento da vixilancia fixo que a sorpresa fose difícil a medida que a guerra avanzaba. En 1916, as operacións eran exercicios moi ben planeados, con armas combinadas, e que supuñan a cooperación entre a infantaría e a artillaría. Comezaría cun bombardeo intenso da artillaría co fin de evacuar ou matar á gornición da trincheira da fronte e cortar o arame de puas. Logo trasladábase o bombardeo, facendo unha especie de caixa ou cordón que impedise un contraataque contra a infantaría.

A morte nas trincheiras

[editar | editar a fonte]

A intensidade da guerra de trincheiras da primeira guerra mundial supuña que ao redor do 10% dos soldados morresen na batalla. En comparación, o 5% morría nas guerras dos bóer e o 4,5% na segunda guerra mundial. Na fronte oeste, a cifra elevábase ao 12%, mentres que a proporción total de tropas que se convertían en baixas (mortos ou feridos) era do 56%. Considerando que para cada home de infantaría na primeira liña había uns 3 soldados de apoio (artillaría, subministracións, sanidade etc.), era moi improbable que un soldado sobrevivise á guerra sen recibir algún tipo de ferida. É máis, moitos soldados foron feridos varias veces no curso do servizo.

Os servizos médicos eran primitivos, e os antibióticos aínda non se descubriran. Feridas relativamente pequenas podían ser mortais por culpa de infeccións e gangrena. Os alemáns rexistraron que un 12% das feridas nas pernas e un 23% das dos brazos ocasionaban a morte do ferido, principalmente por infección. Os estadounidenses constataron que o 44% das baixas que desenvolveron gangrena terminaron morrendo. A metade dos feridos na cabeza morreron e só un 1% dos feridos no abdome sobreviviron.

Tres cuartas partes das feridas ocasionadas na guerra procederon do fogo da artillaría. As feridas dese tipo eran normalmente máis problemáticas que unha ferida de bala: a ferida era menos limpa e tiña máis probabilidades de infectarse. Isto triplicaba a probabilidade de morte por ferida no peito cando a ferida era de artillaría. Ademais, a explosión de artillaría tamén podía matar a través do traumatismo provocado pola onda expansiva. Para rematar, ás feridas físicas engadíanse os danos psicolóxicos, sendo moi habitual o trastorno por tensión postraumática (TEPT) no caso de persoas que soportasen un bombardeo prolongado.

Como noutras moitas guerras, o principal asasino na primeira guerra mundial eran as enfermidades. As condicións sanitarias das trincheiras eran moi pobres, e adoitaba haber numerosos casos de disentería, tifo e cólera. Moitos soldados sufrían problemas parasitarios e as súas infeccións relacionadas. Ademais, outro caso habitual de morte era por culpa das temperaturas, dado que dentro das trincheiras no inverno era moi habitual atoparse baixo cero.

O enterramento dun morto era un luxo que ningún dos bandos adoitaba poder permitirse. Os corpos permanecían en terra de ninguén ata que a liña da fronte se desprazara, e para entón os corpos adoitaban estar inidentificables. Nalgúns campos de batalla, os corpos non se enterraron ata logo da guerra, e na fronte oeste aínda seguen aparecendo restos nos campos onde se libraron as batallas.

Transportando corpos, Passchendale, agosto de 1917

En varios momentos durante a guerra, sobre todo ao principio, organizábanse vías oficiais para que se puidesen recoller aos feridos en terra de ninguén e para poder enterrar aos cadáveres. Con todo, o habitual era que os altos mandos non aprobasen ningún alto na ofensiva por razóns humanitarias, e por iso ordenaban ás tropas non permitir a ninguén recoller os corpos en terra de ninguén. En calquera caso, os soldados adoitaban ignorar esta orde nas trincheiras, porque sabían do beneficio mutuo que supuña permitir esas operacións. Con iso, axiña que como cesaban as hostilidades, saían partidas a recoller aos feridos, marcadas con bandeiras cunha Cruz Vermella, e ás veces intercambiaban cos inimigos uns feridos por outros. Había ocasións nas que este cesamento do fogo extraoficial utilizábase para facer un recoñecemento ou reforzar unha gornición.

Unha tregua moi famosa foi a tregua de Nadal entre soldados británicos e alemáns no inverno de 1914, na fronte próxima a Armentieres. Os soldados alemáns comezaron a cantar panxoliñas e pronto os soldados deixaron as trincheiras. Os soldados de ambos os bandos intercambiaron agasallos e historias, e ata xogaron algúns partidos de fútbol. Con todo, os xenerais dos exércitos desaprobaban estas treguas, e os británicos chegaron a organizar un consello de guerra a varios dos seus soldados.

As armas da guerra de trincheiras

[editar | editar a fonte]

Armas de infantaría

[editar | editar a fonte]

O soldado de infantaría tiña catro armas á súa disposición nas trincheiras: o fusil, a baioneta, a escopeta e a granada de man.

Le-Enfield Rifle Non. 4 Mk I.

O fusil británico estándar era o .303-in. (7,7 mm) Short Magazine Le-Enfield (SMLE), deseñado orixinalmente como unha carabina para a cabalería, cun alcance máximo de 1.400 yardas (1.280 m), aínda que o seu alcance efectivo estaba máis próximo ás 200 iardas (180 m). O adestramento británico salientaba o disparo rápido máis que a puntería. A comezos da guerra, os británicos foron capaces de derrotar aos alemáns na batalla de Mons e na primeira batalla de Ieper mediante os disparos de fusil en masa. No entanto, a medida que a guerra de trincheiras foise desenvolvendo, a posibilidade de reunir unha liña de fusileiros era rara.

Pola súa banda, os alemáns contaban co 8 mm (.312-in.) Mauser Gewehr 98 (G98), que era tan bo ou ata mellor que o británico no que respecta a fiabilidade, alcance e precisión. Estaba, con todo, menos preparado para o fogo rápido, debido a que admitía a metade de balas que o fusil británico.

Os fusís franceses (Lebel) e rusos (Mosin-Nagant) eran en xeral inferiores aos alemáns e británicos na maioría dos campos, e especialmente en fiabilidade e acabado.

O soldado británico estaba equipado cunha espada-baioneta duns 53 cm, que era demasiado longa para ser empregada, particularmente en combates corpo a corpo. Porén, usar a baioneta era máis seguro que disparar un fusil neses momentos, posto que nunha mêlée (combate corpo a corpo inesperado) podíase ferir ou matar a un compañeiro en lugar de o inimigo. Os rexistros británicos mostran que só o 0,3% das feridas eran causadas por baionetas, aínda que un ataque con baioneta era moi probable que acabase coa morte do inimigo. Unha carga con baioneta podía ser efectiva para inducir o terror nas filas inimigas e animarlles a fuxir ou a renderse. Utilizábase moito para rematar a inimigos feridos durante un avance, aforrando munición á vez que se reducía a posibilidade de ser atacados desde a retagarda. Os soldados imperiais ingleses tamén levaban a súa propia baioneta M1898 "Butcher-blade" (fío de carniceiro), que era unha arma mortal en campo aberto, pero que tamén supoñía moitas dificultades de uso nas estreitas trincheiras.

Moitos soldados preferían unha arma tipo espada curta ou ata ferramentas de construción de trincheiras antes que a baioneta. Nese caso afiarían o final do coitelo para que fose tan efectivo como unha baioneta, mentres que a súa lonxitude máis curta facíaos máis manexables nas trincheiras. Estas ferramentas tamén podían usarse para cavar unha vez que se tomou unha trincheira.

Dado que as tropas a miúdo non estaban equipadas adecuadamente para a guerra de trincheiras, nas primeiras batallas eran habituais as armas improvisadas, como puñales de madeira ou mazas metálicas, así como todo tipo de coitelos curtos e ata puños americanos. A medida que a guerra seguiu adiante foise mellorando o equipamento e refugáronse este tipo de armas improvisadas.

As escopetas utilizáronas principalmente os americanos na fronte oeste. En lugar dunha única bala a gran velocidade, a escopeta dispara un número maior de bólas de metal chamadas perdigóns. Aínda que un só deses balíns causa moito menos dano que unha bala de rifle, a carga estándar dun cartucho de escopeta adoitaba causar moitas feridas graves a curta distancia, incrementando as posibilidades dunha ferida que deixase ao inimigo fóra de combate. Unha escopeta cargada con cartuchos era unha arma formidable a curto alcance, ata o punto de que Alemaña fixo unha protesta formal sobre o seu uso o 14 de setembro de 1918, establecendo que "todo prisioneiro ao que se lle atope no seu poder ese tipo de armas ou munición pon en risco a súa vida" (aínda que esta ameaza aparentemente non chegou a levarse a cabo). Os militares estadounidenses comezaron a usar escopetas de cartuchos modificadas especialmente para a guerra de trincheiras, con canóns máis curtos, cargadores máis longos, sen seguro, e a miúdo equipábanse con protectores da calor e con enganches para baioneta que utilizaban a baioneta M1917. Aínda existen descendentes desta arma, na forma da escopeta de combate, e a súa curmá a escopeta antidisturbios. Tamén se sabe que os ANZAC e algúns soldados británicos empregaron a escopeta de canón recortado nos saqueos nocturnos, polo seu pouco volume, efectividade no corpo a corpo e facilidade de uso dentro da trincheira. Con todo, esta práctica non era oficial, e utilizábanse escopetas civís alteradas para o seu novo uso.

A granada, pola súa banda, converteuse na principal arma da infantaría na guerra de trincheiras. Ambos os bandos foron rápidos á hora de adestrar escuadróns especialistas en bombardeos. A granada permitía ao soldado atacar o inimigo sen exporse directamente, e non requiría a precisión do rifle para matar a un home. Os alemáns e turcos estaban ben equipados con granadeiros desde o comezo da guerra, pero os británicos deixaran de utilizalos na década de 1870 e non esperaban unha guerra de asedio, co que ao principio da guerra os soldados tiveron que improvisar bombas sobre a marcha, co que tivesen á súa disposición. A finais de 1915, os ingleses introduciron unha granada de man propia, a Mills bomb, e a finais da guerra foron usadas unhas 75 millóns d.

Metralladoras

[editar | editar a fonte]

A metralladora é posiblemente a arma máis característica da guerra de asedio, coa imaxe de ondeadas de infantaría sendo abatidas por refachos de balas. Os alemáns xa empregaran esta arma con anterioridade; en 1904 cada rexemento estaba equipado cunha, e o persoal que a manexaba eran unidades de infantaría de elite. Logo de 1915, o MG 08/15 era a arma estándar no exército alemán. O seu número pasou a formar parte do idioma alemán, co significado de "chaira arrasada". En Gallípoli e en Palestina os turcos achegaban a infantaría, pero normalmente eran os alemáns quen manexaban as metralladoras.

Metralladora Vickers

O alto mando británico era máis remiso a acoller este armamento, supostamente por consideralo "pouco deportivo" e por pensar que animaba á loita defensiva, polo que tardaron máis que os alemáns en adoptala. O mariscal de campo Sir Douglas Haig dixo en 1915: "The machine gun is a much overrated weapon; two per battalion is more than sufficient" (A metralladora é unha arma moi sobrevalorada; dúas por batallón é máis que suficiente),[1] o cal acabou nun número récord de baixas británicas.

En 1915 formouse o Corpo de Metralladoras, coa finalidade de prover de suficientes equipos de metralladoras pesadas ao exército. Foron os canadenses os mellores neste campo, sendo os pioneiros en técnicas como o fogo indirecto (pronto adoptadas por todos os exércitos aliados) baixo a guía dun antigo oficial da reserva do exército francés, o Maior Xeral Raymond Brutinel. Para satisfacer a demanda, a produción da metralladora Vickers contratouse con compañías dos Estados Unidos. Para 1917, todas as compañías das forzas británicas estaban equipadas con catro metralladoras lixeiras Lewis, o que incrementou significativamente o seu poder de fogo.

A metralladora pesada era unha arma de especialista, e nunha guerra de trincheiras utilizábase de xeito científico, con campos de fogo calculados coidadosamente, de forma que no momento en que se tivese noticia dunha explosión no lugar exacto, dirixísese contra o parapeto inimigo ou contra a zona de aramado destruído. Tamén podía empregarse como artillaría lixeira, bombardeando trincheiras distantes. Estas armas necesitaban un equipo dunhas oito persoas para movelas, mantelas e telas abastecidas de munición.

Morteiros

[editar | editar a fonte]

Os morteiros son armas que lanzan proxectís a unha distancia relativamente curta e con traxectoria en forma de parábola, nun ángulo superior aos corenta e cinco graos, e a velocidades relativamente baixas.
Foron utilizados amplamente como forma de atacar as trincheiras frontais e cortar os aramados en preparación dun asalto.

O principal morteiro británico era o morteiro Stokes, que foi o precursor do morteiro moderno. Era un morteiro lixeiro, pero fácil de usar, e capaz de manter unha velocidade de disparo moi alta grazas ao propulsor que se adhería á bomba. Para disparar un morteiro Stokes deixábase caer a carga nun tubo, e entraba automaticamente en ignición no momento en que golpeaba o disparador do fondo.En 1914, os británicos lanzaron un total de 545 bombas de morteiro. En 1916 lanzaron máis de 6 500 000.

Os alemáns empregaban unha variedade de morteiros. Os máis pequenos eran lanzagranadas (Granatenwerfer) que disparaban bombas de fragmentación. Os morteiros medianos recibían o nome de lanzaminas (Minenwerfer), chamados "minnies" polos británicos. O morteiro pesado chamábase Ladungswerfer e lanzaba "torpedos aéreos" que contiñan uns 90 kg de carga, a unha distancia de máis de 1.000 iardas. O voo do mísil era tan lento que os homes que se atopaban no obxectivo podían intentar buscar refuxio.

Artillaría

[editar | editar a fonte]

A artillaría dominaba o campo de batalla na guerra de trincheiras, do mesmo xeito que a forza aérea domina a guerra moderna. Un ataque de infantaría raramente tiña éxito se se facía máis aló da liña que cubría a súa artillaría de apoio. Ademais de disparar á infantaría inimiga, a artillaría encerellábase en batallas co inimigo para intentar de destruír as súas baterías de canóns.

Cargando un obús

A artillaría disparaba principalmente bombas de acio, explosivas ou, máis adiante na guerra, de gas. Os británicos tamén experimentaron con bombas incendiarias que fixesen arder os bosques e as ruínas.

Os tipos de artillaría eran de dúas clases: canóns e obuses. Os canóns disparaban balas de alta velocidade sobre unha traxectoria plana e a miúdo utilizábanse para lanzar bombas de fragmentación e cortar o aramado inimigo. Os obuses lanzaban o obús sobre unha traxectoria alta, de forma que caesen contra o chan. Eran a artillaría normalmente de maior tamaño: o obús alemán de 420 mm pesaba 20 toneladas e podía lanzar un obús dunha tonelada a unha distancia de 10 km.

Unha característica crítica das pezas de artillaría modernas era o mecanismo de recarga hidráulico, que permitía que o canón non tivese que baixarse para recargalo logo de cada disparo. Inicialmente cada canón necesitaba rexistrar o seu obxectivo, o cal alertaba ao inimigo do inminente ataque. Cara ao final de 1917, as técnicas evolucionaran de forma que non fose necesario.

O gas lacrimóxeno empregárono os franceses por primeira vez en agosto de 1914, pero só servía para deixar ao inimigo momentaneamente fóra de combate. En abril de 1915 os alemáns utilizaron por primeira vez o cloro na segunda batalla de Ipres. Unha dose o suficientemente grande podía matar, aínda que o gas era fácil de detectar tanto polo olfacto como pola vista. Doutra banda, os que non morrían pola exposición podían sufrir danos pulmonares permanentes.

O fosgeno, usado por primeira vez en 1915, era o gas máis mortífero empregado na primeira guerra mundial. Era 18 veces máis poderoso que o cloro e moito máis difícil de detectar. Con todo, o gas máis efectivo era o gas mostaza, introducido por Alemaña en xullo de 1917. Non era tan mortífero como o fosgeno, pero era difícil de detectar e permanecía na superficie do campo de batalla e con iso podía causar baixas durante un período máis prolongado. As queimaduras que producía eran tan terroríficas que era moi raro que un ferido por exposición ao gas mostaza puidese volver estar capacitado para loitar de novo. Só o 2% dos feridos por gas mostaza morrían, principalmente por infeccións secundarias.

O primeiro método de emprego do gas era soltalo desde un cilindro cando o vento era favorable. Esta técnica era obviamente moi perigosa, tanto polos eventuais cambios no vento como pola posibilidade de que os cilindros fosen rotos nun bombardeo (posto que era necesario polos na primeira liña de batalla). Máis tarde o gas lanzábase mediante a artillaría ou do lume de morteiro.

Durante o primeiro ano da primeira guerra mundial, ningunha das nacións combatentes equipaba ás súas tropas con cascos de aceiro. Os soldados que ían á batalla utilizaban simples gorros de tea ou de coiro que non ofrecían ningunha protección ás feridas por armas modernas. As tropas alemás empregaban o tradicional Pickelhaube de coiro (gorro terminado nun pico), cunha cuberta de tea para protexer o coiro das salpicaduras de lodo. Cando a guerra entrou na fase de guerra de trincheiras, o número de feridas letais que as tropas recibían pola fragmentación incrementouse dramaticamente. O pickelhaube foi substituído polo M1916 Stahlhelm (literalmente casco de aceiro) en 1916.

Os franceses foron os primeiros en ver a necesidade dunha maior protección, e introduciron os cascos de aceiro no verán de 1915. O casco Adrian (deseñado por August-Louse Adrian) substituía o tradicional quepis, e foi despois adoptado polos exércitos belga e italiano.

Máis ou menos por esas datas os británicos tamén estaban desenvolvendo os seus propios cascos. O deseño francés foi rexeitado por non ser o suficientemente forte e por ser difícil de producir en masa. O modelo que finalmente se aprobou foi o casco Brodie (deseñado por John L. Brodie). Tiña un á máis ancha para protexer ao soldado de obxectos que caesen desde o ceo, pero ofrecía menos protección á altura do pescozo. Cando os estadounidenses entraron na guerra, elixiron este deseño.

Algunhas tropas de elite italianas empregaron tamén un casco derivado dos modelos da Antiga Roma.

Con todo, ningún destes deseños estándar podía protexer a cara ou os ollos. Deseñáronse protectores especiais para os artilleiros, e os belgas probaron lentes de protección para protexer os ollos.

O uso do arame de espiño era decisivo á hora de retardar á infantaría a través do campo de batalla. Sen el a infantaría máis rápida (ou a cabalería) podería cruzar as liñas e chegar ás bases e artillaría inimiga. Unha vez retardados, era máis probable que acabasen abatidos pola artillaría ou polos defensores de infantaría. Basil Liddell Hart identificou o arame de espiño e a metralladora como os elementos que había que vencer para poder recuperar a guerra móbil.

Os aramados normalmente construíanse pola noite nos sectores activos.

Forza aérea

[editar | editar a fonte]

A finalidade principal das aeronaves na guerra de trincheiras era o recoñecemento e a observación da artillaría. O papel dos cazas era protexer ás aeronaves de recoñecemento amigas e destruír as inimigas, ou polo menos impedirlles a liberdade de movementos. Isto supuña conseguir a superioridade aérea mediante a destrución tamén dos cazas inimigos. As aeronaves de localización seguirían a caída das bombas durante o rexistro da artillaría. As de recoñecemento farían un mapeo das trincheiras inimigas (primeiro con debuxos a man, e máis tarde con fotografías), un seguimento do movemento de tropas, e a localización das baterías de artillaría inimigas para a súa destrución con bombardeos.

Outras armas

[editar | editar a fonte]

Os alemáns utilizaron lanzachamas (Flammenwerfer) durante a guerra, pero dado que a tecnoloxía aínda estaba nos seus comezos, o seu valor era sobre todo psicolóxico. cando se desarollo mais a guerra usáronse os avións con mísiles con aletas para que caeran de punta.

Ambos os bandos veríanse envolvidos en grandes competicións de minados e contraminados. A terra seca do Somme estaba especialmente preparada para a construción de zapas. Con todo, coa axuda das bombas era tamén posible escavar en terreos como Flandres. Había compañías especialistas en tunelados, normalmente formadas por persoas que tiñan experiencia civil como mineiros de carbón, que construían túneles dentro da terra de ninguén e debaixo das trincheiras inimigas. Estas minas enchíanse entón de explosivos e eran detonadas, producindo un gran cráter. Con iso perseguíanse dous propósitos: destruír a trincheira inimiga e, grazas ao montículo que producía ao redor do cráter, servir como "trincheira" próxima á liña inimiga. Por iso, cando se detonaba unha mina, os dous bandos corrían para ocupar e fortificar o cráter.

Se os mineiros detectaban un túnel inimigo, normalmente cavarían un contra-túnel, chamado camouflet, que sería detonado nun intento de destruír o outro túnel antes de tempo. Así mesmo realizábanse escaramuzas nocturnas coa finalidade expresa de destruír os traballos inimigos. Nalgunha ocasión, os túneles atopábanse e producíase a loita baixo terra.

Estas actividades servían igualmente para poder mover ás tropas sen ser vistas. Nunha ocasión trasladouse unha división enteira a través de túneles interconectados sen que puidesen ser observados polos alemáns.

Os británicos fixeron detonar unha serie de minas o 1 de xullo de 1916, o primeiro día da Batalla do Somme. As minas máis grandes contiñan 24 t de explosivos, e foron detonadas preto da Boiselle, lanzando a terra ata 4.000 pés (aprox. 1200 m) de altura.

Ás 5.10 do 7 de xuño de 1917, os británicos detonaron 19 minas para lanzar o ataque que deu comezo a Batalla de Messines. A mina contiña de media 21 t de explosivos, e as máis grandes tiñan o dobre desa cantidade. A forza combinada de explosivos chegou a sentirse supostamente en Inglaterra. As perdas entre os alemáns foron duns 10.000 homes. O xeneral Sir Charles Harrington comentou:

"Non sei se cambiaremos a historia mañá, pero con seguridade alteraremos a xeografía".

Despregáronse outras tres minas en Messines que non foron detonadas debido a que cambiou a situación táctica. Unha estalou durante unha tormenta eléctrica en 1955, e as outras permanecen baixo terra ao día de hoxe.

Os cráteres que deixaron estas e outras minas na fronte oeste aínda son visibles.

Estratexia

[editar | editar a fonte]

A guerra de trincheiras céntrase en dous principios fundamentais: guerra de desgaste e batallas de ruptura. A guerra de desgaste é o procedemento de infligir baixas progresivamente ao inimigo ata que finalmente sexa incapaz de continuar a guerra. As batallas de ruptura buscan un enfrontamento decisivo, no cal as posicións inimigas sexan penetradas polas forzas atacantes, explotando as forzas de refresco devandita brecha (posiblemente a cabalería). Ambos os tipos de batallas libráronse na fronte oeste: os alemáns intentaron romper a situación en Ipres en abril de 1915, utilizando por primeira vez o gas venenoso, mentres que o Comandante en Xefe das forzas británicas, o xeneral Douglas Haig, buscou a vitoria no Somme en 1916 e en Flandres en 1917. A batalla de desgaste máis famosa no oeste foi a Batalla de Verdún, onde o único propósito alemán era "desangrar ao exército francés ata que quedase branco".

Tácticas

[editar | editar a fonte]
Pobo de Passchendaele, antes e logo da terceira Batalla de Ieper

.

As tácticas nas primeiras fases da primeira guerra mundial eran parecidas ás do século XIX, coa infantaría avanzando en grupos de formacións compactas buscando resolver a batalla mediante a baioneta. A aparición de armas automáticas fixo que estas tácticas fosen ineficaces e moi custosas.

O papel da artillaría cambiou dramaticamente durante a guerra. Orixinalmente os canóns de campaña estaban situados coas unidades de infantaría, disparando directamente a obxectivos visibles. Desenvolvéronse unha variedade de usos para o lume indirecto, incluíndo bombardeos que buscaban matar ou deixar fóra de combate ás tropas inimigas a través da terra de ninguén, e a utilización de bombardeos para cortar aramados, que buscaban deixar o paso libre a través do arame de espiño.

Os bombardeos aliados fóronse sofisticando a comezos de 1917. Desenvolvéronse dous tipos de bombardeos: no primeiro, o bombardeo seguía á infantaría sempre por diante, protexéndoa dos defensores, nun ataque. A segunda bombardeaba unha "caixa", deixando protexido e illado o interior da mesma mediante unha muralla de explosións. Estes bombardeos aplicáronse con éxito en batallas a grande escala e ata en escaramuzas. Outro tipo de bombardeo centrábase nun primeiro obxectivo, e logo elevábase para caer nun segundo obxectivo máis apartado. Con todo, este bombardeo normalmente esperaba moito da infantaría, e o resultado final adoitaba ser que a artillaría ía máis rápida que os atacantes e deixáballes sen protección. Isto levou ao uso do bombardeo rodante, que se elevaba máis frecuentemente pero en chanzos máis pequenos, movéndose tan lentamente que os atacantes podían moverse de cerca por detrás.

A infantaría atacante na primeira parte da guerra estaba cargada habitualmente con ferramentas de fortificación (bolsas de area, picos e pas, así como arame de espiño). Con iso buscaban fortificar as trincheiras capturadas para un contraataque. Os alemáns salientaron moito o contraataque para recuperar o terreo perdido, o cal comezou a ser moi custoso a partir de 1917, cando os británicos empezaron a limitar os seus avances co fin de ser capaces de anticipar contraataques desde unha posición de forza.

Comunicacións

[editar | editar a fonte]

A maior dificultade á que se enfrontaba unha forza de ataque nunha batalla de trincheiras eran as comunicacións. A tecnoloxía inalámbrica estaba aínda nos seus comezos, polo que os métodos existentes eran o teléfono, o telégrafo óptico, as lámpadas de sinalización, as pombas mensaxeiras e os corredores, e ningún deles era abondo fiable. O teléfono era o máis efectivo, pero as liñas eran extremadamente vulnerables aos bombardeos, polo que adoitaban cortarse pronto na batalla. Como forma de loitar ante isto, as liñas de teléfono montábanse nunha figura en escaleira, de forma que tivesen moitos camiños redundantes. As bengalas e os foguetes usábanse para sinalizar que se alcanzou un obxectivo, ou para solicitar un soporte de artillaría que xa fora predisposto de antemán.

Non era infrecuente que un comandante de batallón ou de brigada tivese que esperar dúas ou tres horas para coñecer algo do proceso dun ataque, e para entón calquera decisión baseada na mensaxe estaría probablemente xa desfasada. Tamén pasaría un período similar para transmitir as noticias a unha división e ao centro de mando. Consecuentemente, o resultado de moitas batallas de trincheiras decidíanas os comandantes das compañías ou dos batallóns, coas decisións que tomaban no mesmo momento da loita.

Rompendo o punto morto

[editar | editar a fonte]

A través da primeira guerra mundial, os principais combatentes aos poucos foron buscando algunha vía para romper o punto morto no que se atopaban na guerra de trincheiras, comezando cos franceses e os alemáns, e cos británicos e as forzas do imperio tamén contribuíndo á aprendizaxe colectiva.

Coa retirada de Rusia da guerra, os alemáns foron capaces de reforzar a súa fronte oeste con tropas da fronte leste. Isto permitiulles sacar a unidades da liña de combate e adestralas en novos métodos e tácticas como tropas de asalto (Sturmtruppen). Os novos métodos implicaban a homes lanzándose ao ataque en pequenos grupos, usando calquera cobertura que houbese á súa disposición, e despregando lume de cobertura para outros grupos da mesma unidade a medida que avanzaban. As novas tácticas (que buscaban conseguir a sorpresa acabando con posicións inimigas atrincheiradas) debían deixar de lado os puntos fortes e atacar os puntos máis débiles da liña inimiga. Adicionalmente, déronse conta da inutilidade de crear un gran e detallado plan de operacións desde a distancia, optando no seu lugar por emprazar a oficiais novos no lugar para que exercitasen a súa iniciativa. Estas tácticas demostraron ser moi exitosas na ofensiva da primavera de 1918 contra as forzas aliadas.

Os británicos foran aprendendo leccións tácticas xa desde a Batalla do Somme en 1916. Déronse conta da necesidade de introducir unidades como o pelotón ou a sección, como resultado da súa experiencia nesa batalla, e a énfase trasladouse desde a compañía (150-200 homes) como unidade básica de manobra ao pelotón de aproximadamente uns dez homes. O uso máis exitoso das novas tácticas de infantaría combinadas cos novos procedementos de artillaría conseguiuse na Batalla do Risco de Vimy en abril de 1917.

Así mesmo desenvolveuse o carro de combate no período de entre guerras, como forma de moverse por terreos arrasados polo lume inimigo. Na primeira guerra mundial aínda non chegaron a empregarse de forma efectiva nas súas primeiras accións, e tamén fallaron como medio de transporte de persoal.

No último ano da guerra, as tropas aliadas en Europa aplicaban o que se coñeceu como tácticas de forzas combinadas, incorporando a cooperación entre infantaría, artillaría, metralladoras, carros armados e carros de combate, usando comunicación sen canóns nalgúns casos e utilizando pequenos grupos de homes como unidade táctica básica para as manobras.

Entre as dúas guerras mundiais, estas técnicas serviron para que John Frederick Charles Fuller e Basil Liddell Hart desenvolvesen teorías sobre un novo tipo de guerra. Estas ideas tamén as desenvolveron os alemáns, e puxéronas en práctica nos primeiros anos da segunda guerra mundial. As novas tácticas tamén abriron a vía para o éxito da guerra táctica en 1938-1945, e o enfoque en pequenos equipos semiautónomos exercitando a súa propia iniciativa no campo de batalla, e que predominan na guerra moderna.

O atrincheramiento seguiu sendo un método valioso para reforzar os obstáculos naturais en liñas de defensa. Ao comezo da Batalla de Berlín, a última gran batalla europea da segunda guerra mundial, os rusos atacaron a través do río Oder ás tropas alemás atrincheiradas en Seelow. O atrincheramiento permitiu aos alemáns sobrevivir o bombardeo da concentración de artillaría máis grande da historia, e tamén lles permitiu infligir aos soviéticos decenas de miles de baixas, grazas á terra pantanosa que había entre o río e as alturas, antes de ter que retirarse ao oeste.

A guerra de trincheiras posterior a 1945

[editar | editar a fonte]

A guerra de trincheiras volveu aparecer nalgúns momentos posteriores da guerra de Corea (1950-1953) e nalgúns lugares e combates da guerra de Vietnam (1964-1975).

Durante a guerra fría, as forzas da OTAN adestrábanse de forma rutineira para loitar contra traballos de fortificación denominados "Sistemas de trincheiras de estilo soviético", que recibían o nome polos complexos sistemas de fortificacións de campaña creados polo Pacto de Varsovia, unha extensión das prácticas de atrincheiramento soviéticas desenvolvidas no Fronte Oriental da segunda guerra mundial.

O exemplo máis citado de exemplo de guerra de trincheiras posterior á primeira guerra mundial é a guerra Irán-Iraq, onde ambos os exércitos tiñan un gran número de infantaría con pequenas armas modernas, pero moi pouco blindaxe, aviación e adestramento en armas combinadas. O resultado foi moi parecido á primeira guerra mundial, coa utilización de trincheiras e de armas químicas.

Outro exemplo de trincheiras foi a guerra entre Etiopía e Eritrea de 1998-2002. A fronte en Corea e as liñas frontais entre Paquistán e a India en Caxemira son dous exemplos de liñas de demarcación formadas mediante quilómetros de trincheiras unindo postos fortificados (e no caso de Corea, rodeadas por millóns de minas terrestres).

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Canfield, Bruce N. (May 2004). Give Us More Shotguns. American Rifleman. 
  • Dupuy, Trevor N. (1980). Evolution of Weapons and Warfare. 
  • Dupuy, Trevor N. (1979?). Numbers, Predictions, and War. Bobbs-Merrill. 
  • Fitzsimmons, Bernard, general editor (with Bill Gunston, Ian Hogg, & Anthony Preston). Encyclopedia of 20h Century Weapons and Warfare. 24 volumes. 
  • Gudmundsson, Bruce I (1989). Stormtroop Tactics: Innovation in the German Army, 1914-1918. [2]. 
  • Haber, L. F. (1986). The Poisonous Cloud: Chemical Warfare in the First World War. 
  • Herwig, Holger H. (2001). Operation Michael: The "Last Card". German Spring Offensive in 1918 [3] (en PDF). 
  • Palazzo, Albert (2000). Seeking Victory on the Western Front: The British Army and Chemical Warfare in World War I. [4]. 
  • Sheffield, G. D. (2000). Leadership in the Trenches: Officer-Man Relations, Morale and Discipline in the British Army in the Era of the First World War. 
  • Smith, Leonard V. (1994). Between Mutiny and Obedience. The Case of the French Fifth Infantry Division during World War I. 
  • Winter, Denis. (1978). Death's Men: Soldiers of the Great War. ISBN 0-14-016822-2. 

Notas e referencias

[editar | editar a fonte]
  1. eNotes.com (Ed. Jason M. Everett. Thomson Gale) (2006). "1916." The People's Chronology. [1]. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]