Graça Machel
Graça Machel, nada co nome de Gracia Simbine en Incadine o 17 de outubro de 1945, é unha política, profesora e activista social en favor da infancia mozambiqueña. É presidenta do consello de administración da Universidade de Cidade do Cabo, e viúva de Nelson Mandela e de Samora Machel.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha familia campesiña na provincia de Gaza, na daquela colonia de África Oriental Portuguesa. Estudou nunha escola de misioneiras metodistas e conseguiu unha bolsa para estudar no Liceo de Maputo, e no seu momento foi a única alumna de raza negra da súa clase, o que fixo que comezase a pensar na situación colonial do seu país[3]. Estudou na Universidade de Lisboa, onde entrou en contacto con estudantado africano lusófono coas mesmas preocupacións políticas.[4]
Guerra de independencia de Mozambique
[editar | editar a fonte]En 1972 Graça regresou ao seu país, e uniuse á Fronte de liberación de Mozambique (Frelimo), que lidera a Guerra de Independencia de Mozambique, con sede en Tanzania. Exercendo de correo coñeceu Samora Machel, que dirixía o movemento na provincia de Cabo Delgado, e durante dous anos foi directora adxunta nunha escola do Frelimo situada en Tanzania. Mozambique accedeu á independencia en 1975, e Samora Machel foi nomeado primeiro Presidente de Mozambique o 25 de xuño. Nese mesmo ano Gracia Simbine casou con el, e tomou o seu apelido.[1]
Ministra de Cultura e Educación
[editar | editar a fonte]Graça Machel foi ministra de Cultura e Educación entre 1975 e 1989. Foi a única muller do goberno. Durante o seu mandato substituíu os programas escolares, que proviñan da época colonial, e puxo en marcha cursos nocturnos para persoas adultas. A súa acción contribuíu ao aumento do índice de alfabetización e do número de nenos e nenas escolarizadas.[5] Previu un plan decenal para a formación do profesorado, mais o país destabilizouse a causa da guerra civil iniciada pola Resistencia Nacional Mozambicana (Renamo), movemento armado sostido polo réxime surafricano da época.
O 19 de outubro de 1986 o seu marido morreu nun accidente de avión mentres se dirixía a Mozambique desde Zambia. En 1989, logo de presentar a súa dimisión ao novo presidente, retirouse da política.[4]
Compromisos humanitarios
[editar | editar a fonte]En 1994 Graça Machel creou a Fundación para o Desenvolvemento da comunidade (Fundaçäo para o Desenvolvimento da Comunidade, FDC). Nese mesmo ano foi nomeada presidenta da Comisión de Estudos da Organización das Nacións Unidas sobre o Impacto dos Conflitos Armados na Infancia[6] polo Secretario Xeral das Nacións Unidas Boutros Butros-Ghali. En 1996 renunciou a ser candidata áa secretaría xeral da ONU.[1]
É membro de The Elders, unha organización non gobernamental composta por dirixentes anciáns, reunidos en 2007 por Nelson Mandela co fin de contribuír a resolver os problemas máis importantes do planeta. Machel traballou en especial na loita contra o matrimonio infantil.[7][8]
Traballou con asociacións contra a sida e a pobreza. É membro tamén do Africa Progress Panel, fundación con sede en Xenebra presidida por Kofi Annan desde 2008.[9]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 1995 recibiu a Medalla Nansen das Nacións Unidas polos seus traballos a prol dos dereitos humanos, e especialmente pola defensa dos dereitos da infancia.[10]
Tamén en 1995 recibiu o Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional, canda a Fatiha Boudiaf, Rigoberta Menchú, Fatana Ishaq Gailani, Somaly Mam, Emma Bonino e Olayinka Koso-Thomas, polo seu traballo en defensa e pola dignidade da muller.[11]
O 23 de abril de 2008 foi investida doutora Honoris Causa pola Universidade de Barcelona.[12][13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 McCrum, Robert (29 de xuño de 2013). "Graça Machel: so much more than a first lady | Robert McCrum". the Guardian (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ "BBC News | Africa | Graca Machel - profile". news.bbc.co.uk (en inglés). Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ "How my love for Nelson Mandela changed my life". The Independent (en inglés). 16 de maio de 1998. Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2018. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ 4,0 4,1 "Graça, première dame d’Afrique – JeuneAfrique.com". JeuneAfrique.com (en francés). 2 de marzo de 2009. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ Helen., Rappaport, (2001). Encyclopedia of women social reformers. ABC-CLIO. ISBN 1576071014. OCLC 47973274.
- ↑ Lewis, Anthony (29 de novembro de 1996). "Suffer the Children". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ "Graça Machel, la digne épouse de Nelson Mandela – JeuneAfrique.com". JeuneAfrique.com (en francés). 16 de xullo de 2013. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ Machel, Graça (31 de xullo de 2012). "Child marriage robs girls of their opportunities". Washington Post (en inglés). ISSN 0190-8286. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ Moreton, Cole (6 de xullo de 2013). "Quiet dignity raises Graça Machel, wife of Nelson Mandela, above feuds" (en inglés). ISSN 0307-1235. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ "Droits de l'enfant: Mandela et son épouse, "héros" de millions d'enfants". Le Point.fr (en francés). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2018. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ "Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional 1998.". Fundación Príncipe de Asturias (en castelán). Archived from the original on 09 de outubro de 2009. Consultado o 19 de xullo de 2018.
- ↑ "Universitat de Barcelona - Graça Machel, investida doctora honoris causa a la UB". Universitat de Barcelona (en catalán). 8 de outubro de 2009. Consultado o 1 de maio de 2018.
- ↑ Universitat de Barcelona (10 de agosto de 2008). "Machel, Graça". www.ub.edu (en catalán). Consultado o 21 de maio de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Graça Machel |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Estudo da UNICEF sobre o impacto dos conflitos armados na infancia Arquivado 04 de febreiro de 2012 en Wayback Machine. (en inglés).