Código Hays
O Motion Picture Production Code (en galego, Código de produción de filmes), chamado popularmente Hays Code (Código Hayes) foi un conxunto de guías de censura moral que gobernou a produción da meirande parte do cinema dos Estados Unidos de América realizado polos grandes estudios entre 1930 e 1968. A Motion Pictures Producers and Distributors of America (MPPDA), logo convertida na Motion Picture Association of America (MPAA), adoptou o código en 1930, facéndoo obrigatorio en 1934 e abandonándoo en 1968 a favor do sistema de clasificación da MPAA. A oficina que obrigaba ao cumprimento do código chamábase popularmente Hays Office en referencia a William A. Hays, nome inapropiado porque a partir de que en 1934 Joseph Breen tomase o control creando a Breen Office, foi cando se volveu máis ríxido na censura dos filmes. O código foi sendo abandonado a partir da década de 1950.[1][2]
Precedentes
[editar | editar a fonte]En 1922, despois dunha serie de filmes “picantes” e escándalos da vida real de estrelas do cinema, como a suposta violación de Virginia Rappe por Roscoe "Fatty" Arbuckle, os estudios acolleron a Will H. Hays para recuperar a imaxe de Hollywood. A presión política ía en aumento, con lexisladores de 37 estados presentando case un cento de propostas de censura en 1921. Hays recibía 100 000 dólares ao ano.[3][4] Hays, director xeral de correos con Warren G. Harding e antigo líder do Comité Nacional Republicano,[5] serviu durante 25 anos como presidente da MPPDA.
A medida remedou a decisión da Major League Baseball de contratar o xuíz Kenesaw Mountain Landis como comisionado da liga o ano anterior para silenciar as preguntas sobre a integridade do béisbol tras o escándalo das series mundias en 1919. Hays presentou un conxunto de recomendacións, chamado "a Fórmula", que os estudios debían de tomar en consideración, e pediu aos cineastas que describisen á súa oficina o argumento dos filmes que estaban a planear.[6] O Tribunal Supremo xa decidira en 1915 que a liberdade de expresión non se estendía aos filmes.
Nova York converteuse no primeiro estado en crear un comité de censura en 1921, seguido por Virxinia o ano seguinte.[7] Na década de 1920 o teatro de Nova York, logo adaptado á pantalla, estaba cheo de espectáculos en topless, palabras malsoantes, temas adultos e diálogos suxestivos.[8]
En 1927, Hays suxeriu aos executivos dos estudios que formasen un comité para discutir sobre a censura. Irving G. Thalberg de Metro Goldwyn Mayer (MGM), Sol Wurtzel de Fox, e E. H. Allen de Paramount responderon colaborando na redacción da listaxe que chamaron "Don'ts and Be Carefuls". A listaxe foi aprobada pola Federal Trade Commission (FTC), e Hays creou o Studio Relations Committee (SRC) para supervisar a súa posta en marcha.[9][10] Porén aínda non había forma de facer cumprir os principios.[3]
Non e Ten coidado
[editar | editar a fonte]O código enumeraba unha serie de puntos coñecidos coma os "Don'ts" (“Non”) e "Be Carefuls" (“Ten coidado”):[11]
Decidiuse que as cousas que se inclúen na seguinte listaxe non deben de aparecer en filmes producidos polos membros desta Asociación, sen distinción da forma na que sexan tratadas:
- Blasfemia directa – por escrito ou falada – o que inclúe as palabras "God," "Lord," "Jesus," "Christ" (agás que sexan empregadas con reverencia en contextos de cerimonias relixiosas), "hell," "damn," "Gawd," e calquera outra expresión profana e vulgar porén pode ser deletreada;
- Calquera nudez luxuriosa ou suxestiva – de feito ou en silueta; e calquera sinal lascivo doutras personaxes na imaxe;
- O tráfico ilegal de drogas;
- Calquera suposición de perversión sexual;
- Comercio sexual
- Mestizaxe (relación sexuais entre persoas de razas branca e negra);
- Saúde sexual e enfermidades venéreas;
- Escenas reais do parto – de feito ou en silueta
- Órganos sexuais infantís;
- Ridiculización do clero;
- Infracción intencionada a calquera nación, raza ou crenza;
Resolveuse tamén, que debe de exercese un coidado especial no xeito no que se tratan os seguintes temas, de forma que a vulgaridade e a suxestión sexan eliminados e o bo gusto sexa resaltado:
- O uso da bandeira;
- As relacións internacionais (evitando retratar de forma desfavorable a relixión, a historia, as personaxes destacadas e a cidadanía dun país);
- Os incendios provocados;
- O uso das armas de fogo;
- Roubos, furtos, asaltos de caixas de seguridade, destrucións con dinamita de trens, minas, edificios etc. (tendo en conta os efectos que poden ter sobre o parvo unha descrición demasiado detallada destes feitos);
- Brutalidade e posible truculencia;
- Técnicas para cometer asasinatos por calquera método;
- Métodos de contrabando;
- Interrogatorios en terceiro grao;
- Aforcamentos ou electrocucións reais como castigo legal para o delito;
- Simpatía polos delincuentes;
- Actitude cara os persoeiros e as institucións públicas;
- Sedición;
- Crueldade aparente contra nenos e animais;
- Ferraxe de persoas ou animais;
- Venda de mulleres, ou unha muller vendendo a súa virtude;
- Violación ou intento de violación;
- Escenas da primeira noite de casados;
- Un home e unha muller xuntos na cama;
- Sedución deliberada de rapazas;
- A institución do matrimonio;
- Operacións cirúrxicas;
- Uso de drogas;
- Títulos ou escenas que teñan que ver coa policía ou os axentes que fan cumprir as leis;
- Bicos excesivos ou luxuriosos, especialmente cando unha das personaxes é un criminal.
Creación do código e os seus contidos
[editar | editar a fonte]En 1929, Martin Quigley, editor do Motion Picture Herald e o xesuíta Daniel A. Lord crearon un código e enviárono aos estudios.[12] Lord estaba especialmente preocupado polos efectos do cinema falado nos nenos. En febreiro do ano seguinte, varios xefes dos estudios, incluíndo Irving Thalberg da Metro-Goldwyn-Mayer (MGM), reuníronse con Lord e Quigley. Tras varias revisións aceptaron as suxestións do código, en parte para evitar a intervención gobernamental.[13] Era responsabilidade da SRC supervisar a produción dos filmes e aconsellar a realización de cambios ou cortes.[14] O 31 de marzo, a MPPDA aceptou acatar o código.[15]
O código dividiuse en dúas partes. A primeira foi un conxunto de principios xerais ("correct standards of life", normas correctas da vida) que prohibían un filme pola “redución dos aspectos morais daqueles que o vexan”. A segunda parte, aplicacións particulares, era unha listaxe dos temas que non podían aparecer en pantalla. Indicábase que a creación dunha política de “só adultos” sería ineficaz e de difícil posta en funcionamento.[16] Porén, permitiuse a posibilidade da realización dun cinema inspirado polo delito dentro dunhas limitacións.[17]
O código non só buscaba que podía ser amosado, senón tamén promover os valores tradicionais.[18] Por este motivo, as relación sexuais extramatrimonias eran presentadas sen atractivo nin paixón, as accións criminais tiñan que ser castigadas e non aparecer un criminal simpático para o público e as figuras de autoridade non podían representarse comicamente ou como malvados, agás se quedaba claro que eran personaxes excepcionais, e non a regra xeral.[14]
O tema recorrente do código, escrito en ton católico, era “que desde o principio ao fin, o público se sentise seguro de que o mal é o incorrecto e o bo o correcto”.[3] Un anexo do código regulaba tamén as imaxes dos anuncios.[19]
Aplicación
[editar | editar a fonte]O Hollywood pre-código
[editar | editar a fonte]Os homes que vixiaban a execución do código, Jason Joy e o seu sucesor, Dr. James Wingate non eran especialmente entusiastas e en ocasións tamén eran ineficaces. O primeiro filme que revisou a oficina, The Blue Angel, que foi revisado por Joy sen obxeccións, foi considerado indecente por un censor de California. Aínda que houbo casos nos que Joy necociou cortes e fixo unha lista de limitacións definida pero frouxa, unha significativa cantidade de material morboso chegou ás pantallas.[20] Joy tiña que revisar cincocentos filmes cada ano cun pequeno equipo e pouco poder. El estaba disposto a traballar cos estudios, e a súa escritura creativa levouno a ser contratado pola Fox. Na outra banda, Wingate loitaba para manterse ao día na morea de guións que lle chegaban, ata o punto de que o xefe de produción da Warner Bros., Darryl Zanuck, lle escribiu unha carta suplicándolle que seguise o ritmo.[21] En 1930 a oficina Hays non tiña autoridade para ordenar aos estudios que quitasen material dos filmes e en lugar diso traballaba razoando e ás veces suplicando con eles.[22] Para complicar o asunto, os chamamentos puñan a responsabilidade na decisión final nas mans dos estudios.
Un factor que facía ignorar o código era o feito de que algúns atopaban a censura puritana, debido ás actitudes libertinas dos anos vinte e principios dos trinta. Ademais, posto que os filmes que contiñan temas picantes e violentos vendías billetes, semellaba razoable seguir facéndoos.
Era Breen
[editar | editar a fonte]O 13 de xuño de 1934 emendouse o código para establecer que os filmes estreados a partir do 1 de xullo tiñan que obter o certificado de aprobación. Durante máis de trinta anos, practicamente todos os filmes producidos nos Estados Unidos estiveron adheridos ao sistema.[23] O código non foi creado ou obrigado por ningún goberno, senón que os propios estudios preferiron a autorregulación para evitar unha posible censura gobernamental.
Joseph Ignatius Breen (1888–1965) foi elixido ese mesmo ano xefe da nova Production Code Administration (PCA). Baixo o seu liderado, que durou ata a súa xubilación en 1954, a obrigación do código volveuse máis ríxida, chegando a modificar a personaxe de animación Betty Boop. O poder de Breen de cambiar guións e escenas enfadou moitos guionistas e directores.
O primeiro gran filme que sufriu a censura de Breen foi Tarzan and His Mate, no que unhas breves escenas de nudez cunha dobre de corpo de Maureen O'Sullivan tiveron que ser cortadas.[24] O western de Howard Hughes The Outlaw (1943) atrasou a súa estrea varios anos ata que Hughes convenceu a Breen que o problema do filme, os peitos de Jane Russell non ían contro o código.[25] Breen influíu tamén a produción do filme Casablanca, obxectando calquera referencia explícita a que Rick e Ilsa pasaran a noite xuntos en París ou os favores sexuais que recibía o capitán Renault das que lle pedían axuda. Finalmente ambos os dous temas aparecen implicitamente.[26] A adhesión ao código garantía que non había ningunha posibilidade de que Rick e Ilsa consumaran o seu amor adúltero, facendo inevitable o final e creando unha das escenas máis famosas do filme.[27]
O PCA tamén actuou en casos de censura política. Cando a Warner Bros. quixo realizar un filme sobre os campos de concentración da Alemaña nazi, a oficina prohibiuno porque non podían amosarse de xeito desfavorable institucións ou personaxes destacados doutros países. Esta política evitou a realización de moitos filmes antinazis
Cando Breen se retirou pola súa saúde foi substituído por Geoffrey Shurlock.
Declive do código
[editar | editar a fonte]Hollywood traballou dentro dos límites do código ata que a finais da década de 1950 o cinema tivo que se enfrontar a serias ameazas. A primeira chegou da televisión, que non obrigaba os cidadáns a deixar a casa para ver filmes, polo que Hollywood precisaba ofrecer ao público algo que non puideser ver na televisión, moito máis restritiva que o cinema. Ademais, cada vez había máis filmes estranxeiros, como Ladrón de bicicletas, Hon dansade en sommar ou Un verán con Mónica. A integración vertical da industria do cinema violaba as leis antimonopolio e os estudios víronse obrigados a desprenderse dos cines que posuían en 1948. Por isto non podían deixar fóra os filmes estranxeiros, que non estaban obrigados a seguir o código.
A lei antimonopolio tamén axudou ao incremento das salas de arte independentes, que exhibían filmes artísticos de personaxes como Andy Warhol, que traballaban fóra do sistema de estudios. En 1952, no caso Joseph Burstyn, Inc. v. Wilson, o Tribunal Supremo decidiu que non podía prohibir a curtametraxe Il miracolo, incluída no filme O amor de Roberto Rossellini.
Nesa mesma década, a cultura estadounidense cambiou. Un boicot da National Legion of Decency xa non garantía o fracaso dun filme e varios aspectos do código xa non era tabú. En 1956 reescribiuse o código para aceptar aspectos como a mestizaxe, o adulterio e a prostitución. Comezaron a aparecer máis filmes explícitos como Anatomía dun asasinato (1959), De súpeto, o último verán (1959), e The Dark at the Top of the Stairs (1961). Os filmes de Otto Preminger violaban continuamente o código, como The Moon Is Blue e The Man with the Golden Arm.[28] En 1959 Con saias e a rachar, de Billy Wilder non recibiu a aprobación da MPAA pero aínda así foi un éxito comercial.
En 1964 o filme de Sidney Lumet sobre o holocausto The Pawnbroker protagonizado por Rod Steiger foi inicialmente prohibido por dúas escenas nas que as actrices Linda Geiser e Thelma Oliver mostraban o seu peito espido e mais outra escena sexual entre Oliver e Jaime Sánchez. Finalmente permitiuse a súa exhibición como "caso especial e único".[29] O filme de 1966 ¿Quen teme a Virginia Woolf?, foi o primeiro en levar a etiqueta SMA ("suxerida para audiencias maduras").
Abandono do código
[editar | editar a fonte]A finais da década de 1960, a obrigatoriedade volvérase imposible e o código abandonous totalmente. A MPAA comezou a traballar nun sistema de clasificación restritivo. O 1 de novembro de 1968 entrou en vigor con catro categorías: G para a audiencia xeral, M para contidos adultos (“maduros”), R para os restrinxidos (non se admitían menores de 17 non acompañados por un adulto) e X para contidos sexuais explícitos. En 1969, o filme sueco Jag är nyfiken – en film i gult, dirixido por Vilgot Sjöman, foi inicialmente prohibido nos Estados Unidos pola súa descrición da sexualidade; porén a decisión foi revogada polo Tribunal Supremo. En 1970, a causa da confusión no significado de “audiencias maduras”, a clasificación M foi cambiada por GP, e en 1972 por PG (“suxírese guía paterna”).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ McGilligan, Patrick (2004). Alfred Hitchcock: A Life in Darkness and Light. New York: Harper Perennial; ISBN 978-0-06-098827-2, p. 376
- ↑ Sperling, Millner, and Warner (1998), Hollywood Be Thy Name, Prima Publishing; ISBN 559858346, p. 325.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Yagoda, Ben (10 de outubro de 2010). American Heritage, ed. "Hollywood Cleans Up Its Act. The curious career of the Hays Office". Consultado o 19 de marzo de 2014.
- ↑ Gardner (2005). páx. 92 (dispoñible online)
- ↑ Siegel & Siegel. páx. 190
- ↑ Prince. páx. 20
- ↑ Butters Jr. páx. 148
- ↑ Butters Jr. páx. 187
- ↑ Vieira. páx. 8
- ↑ Prince. páx. 31
- ↑ Lewis, Jon (2000). NYU Press, ed. Hollywood v. Hard Core: How the Struggle Over Censorship Created the Modern Film Industry. pp. 301–02. ISBN 978-0-8147-5142-8.
- ↑ Jacobs. páx. 108
- ↑ Prince. páx. 21
- ↑ 14,0 14,1 LaSalle, Mick. GreenCine.com, ed. "Pre-Code Hollywood". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2009. Consultado o 4 de outubro de 2010.
- ↑ Doherty. páx. 2
- ↑ Doherty. páx. 7
- ↑ Doherty. páx. 11
- ↑ Butters Jr. páx. 188
- ↑ Doherty. páx. 107
- ↑ Jacobs. páx. 27
- ↑ Vieira. páx. 117
- ↑ Black. pg. 52
- ↑ Thomas Doherty (20 de maio de 2006). The Washington Post Company, ed. "The Code Before 'Da Vinci'". Consultado o 10 de febreiro de 2014.
- ↑ Vieira (1999). páx. 188.
- ↑ Mondello, Bob (8 de agosto de 2008). "Remembering Hollywood's Hays Code, 40 Years On". Consultado o 17 de abril de 2014.
- ↑ Censored Films and Television at University of Virginia online
- ↑ Harmetz, páx. 162–166 e Behlmer, páx. 207–208, 212–213
- ↑ Hirsch, Foster (2007). Alfred A. Knopf, ed. Otto Preminger the man who would be king. Nova York. ISBN 9780307489210.
- ↑ Harris, Mark (2008). Penguin Group, ed. Pictures at a Revolution: Five Movies and the Birth of the New Hollywood. pp. 173–176. ISBN 978-1-59420-152-3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bernstein, Matthew. Controlling Hollywood: Censorship and Regulation in the Studio Era. Rutgers University Press 1999; ISBN 0-8135-2707-4.
- Black, Gregory D. Hollywood Censored: Morality Codes, Catholics, and the Movies. Cambridge University Press 1996; ISBN 0-521-56592-8.
- Butters Jr., Gerard R. Banned in Kansas: motion picture censorship, 1915-1966. University of Missouri Press 2007; ISBN 0-8262-1749-4.
- Doherty, Thomas Patrick. Pre-Code Hollywood: Sex, Immorality, and Insurrection in American Cinema 1930-1934. Nova York: Columbia University Press 1999; ISBN 0-231-11094-4.
- Gardner, Eric. The Czar of Hollywood. Indianapolis Monthly, Emmis Publishing LP febreiro 2005; ISSN 0899-0328.
- Gilbert, Nora, Better Left Unsaid: Victorian Novels, Hays Code Films, and the Benefits of Censorship; Stanford University Press, 2013; ISBN 978-0-8047-8420-7
- Harris, Mark (2008). Pictures at a Revolution: Five Movies and the Birth of the New Hollywood. Penguin Group; ISBN 978-1-59420-152-3.
- Hirsch, Foster (2007). Otto Preminger, the man who would be king (1st ed. ed.). Nova York: Alfred A. Knopf. ISBN 978-0-307-48921-0.
- Jacobs, Lea. The Wages of Sin: Censorship and the Fallen Woman Film, 1928-1942. Madison: University of Wisconsin Press 1997; ISBN 0-520-20790-4.
- LaSalle, Mick, Complicated Women: Sex and Power in Pre-Code Hollywood; Nova York: St. Martin's Press, 2000; ISBN 0-312-25207-2.
- Leff, Leonard L. & Simmons, Jerold L. The Dame in the Kimono: Hollywood, Censorship, and the Production Code. University Press of Kentucky 2001; ISBN 0-8131-9011-8.
- Lewis, Jon, Hollywood v. Hard Core: How the Struggle Over Censorship Saved the Modern Film Industry; Nova York University Press, 2000; ISBN 0-8147-5142-3.
- Lugowski, David M., "Queering the (New) Deal: Lesbian and Gay Representation and the Depression-Era Cultural Politics of Hollywood's Production Code", Cinema Journal 38, 2, Winter 1999, pp. 3–35
- Miller, Frank, Censored Hollywood; Atlanta: Turner Publishing, 1994; ISBN 1-57036-116-9
- Prince, Stephen. Classical Film Violence: Designing and Regulating Brutality in Hollywood Cinema, 1930-1968. Rutgers University Press 2003; ISBN 0-8135-3281-7.
- Siegel, Scott & Barbara. The Encyclopedia of Hollywood (segunda edición), Checkmark Books 2004; ISBN 0-8160-4622-0.
- Smith, Sarah. Children, Cinema and Censorship: From Dracula to the Dead End Kids. Wiley-Blackwell 2005; ISBN 1-4051-2027-4.
- Staff. "Col. Jason S. Joy profile", Flinders Institute for Research in the Humanities Arquivado 20 de abril de 2021 en Wayback Machine.; 2014.
- Vieira, Mark A. Sin in Soft Focus: Pre-Code Hollywood. Nova York: Harry N. Abrams, Inc. 1999; ISBN 0-8109-8228-5.
- "Will Hays: America's Morality Czar", Encyclopedia of World Biography Supplement, Vol. 21. Gale Group, 2001"; 2014.
- Wittern-Keller, Laura. Freedom of the Screen: Legal Challenges to State Film Censorship, 1915-1981. University Press of Kentucky 2008; ISBN 978-0-8131-2451-3.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cinema e televisión censurada en University of Virginia online
- Motion Picture Association of America: History and Film Ratings
- Bibliografía
- Listaxe dos 'Don'ts and Be Carefuls' de 1927
- Texto completo do código
- Código con exemplos e emendas
- More Sinned Against than Sinning: The Fabrications of "Pre-Code Cinema"
- Talking Pictures website: Artigo de Nigel Watson
- Listaxes dos certificados de aprobación Arquivado 02 de decembro de 2020 en Wayback Machine.