[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Célula G

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Micrografía do antro gástrico no que se ven moitas células G con forma de ovo fritido, con tinguidura de hematoxilina-eosina.
Control da secreción estomacal de ácido.
Esquema simplificado dunha célula G gástrica.

Unha célula G ou célula de gastrina é unha célula da parede interna do estómago que segrega a hormona gastrina. Funciona conxuntamente coas células principais gástricas e coas células parietais ou oxínticas, e a súa misión principal é estimular a produción de ácido clorhídrico no estómago.

As células G atópanse na parte media das glándulas gástricas do antro do estómago, no inicio do duodeno e no páncreas fetal.[1] Aínda que non son tan numerosas coma outras células, o seu número total non é pequeno, e estimacións feitas na mucosa gástrica de cans, gatos e ratas dan unhas cifras de 500.000 células G por cm2.

Control da actividade das células G

[editar | editar a fonte]

Están innervadas polo nervio vago. As fibras postganglionares do nervio vago liberan o péptido liberador de gastrina sobre as células G durante a estimulación parasimpática. Este péptido, xunto coa presenza de aminoácidos no estómago, a hipercalcemia ou a distensión do estómago, estimulan a liberación de gastrina por parte das células G.

A actividade secretora das células G está inhibida pola presenza de ácido no estómago e por algunhas hormonas como a somatostatina, secretina, GIP, VIP, glicagón e calcitonina.

Secrecións

[editar | editar a fonte]

A gastrina liberada polas células G é unha hormona peptídica, que se une a receptores das células parietais e das células similares ás enterocromafíns (ECL), facendo que liberen, respectivamente, ácido clorhídrico e histamina.

A gastrina únese a receptores B de colecistoquinina da superficie celular das células similares ás enterocromafíns ou células ECL, estimulándoas para que liberen histamina.[2]

A gastrina tamén estimula as células parietais ou oxínticas facendo que incrementen o bombeo as ATPases de K+/H+ da membrana celular. Isto faino a célula G de dúas maneiras: de forma indirecta incrementando a cantidade de histamina (liberada polas células ECL), e por estimulación directa pola gastrina, o que causa que a célula parietal incremente a secreción de ácido clorhídrico ao estómago ata en 8 veces.

A gastrina ten outras funcións adicionais na regulación do aparato dixestivo, xa que inflúe nas células principais, na liberación de bile, e secrecións pancreáticas e sobre os esfínteres e músculo liso gástrico.

Características histolóxicas

[editar | editar a fonte]

As células G distínguense doadamente das outras células gástricas do antro. Son células piramidais, co vértice estreito estendido ata a luz da glándula gástrica, onde ten algúns microvilli; o núcleo é central e o citoplasma claro. Contén moitísimos gránulos de 150-400 nm de diámetro, algúns claros e outros máis densos, que se concentran na base da célula, que dá á lámina propia, e, de feito, liberan a súa secreción cara á lámina propia e non na luz da glándula [3].

  1. "Medcyclopaedia - iv_1/g/G_cell". Arquivado dende o orixinal o 07 de setembro de 2012. Consultado o 14 de xaneiro de 2012. 
  2. Arthur C. Guyton, John E. Hall (2006). Elsevier Saunders, ed. Textbook of Medical Physiology (11 ed.). Philadelphia. pp. 797. ISBN 0721602401. 
  3. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 637-638. ISBN 84-7605-361-4

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]