[go: up one dir, main page]
More Web Proxy on the site http://driver.im/Saltar ao contido

Ganso sangano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Branta leucopsis»)
Branta leucopsis

O ganso sangano, ganso de face branca ou ganso de cara branca[2](Branta leucopsis) é unha das especies de gansos do xénero Branta, diferenciadas dos gansos do xénero Anser pola plumaxe maioritariamente negra.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O ganso sangano é un ganso de tamaño medio, de entre 58 e 69 cm de lonxitude e cun peso de entre 1,5 e 2 quilos. Ten a cabeza, o pescozo e a parte superior do peito negros. A cara é branca, o mesmo cá barriga. As ás e o lombo son de cor gris prateada, con barras brancas e negras. Cando voan amosan a parte inferior das ás de cor gris prata e unha mancha branca en forma de V na base da cola. O peteiro é negro.

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha ave da zona paleártica. Diferéncianse tres poboacións segundo as respectivas áreas de cría:

Algunhas aves fuxidas de zoos crían tamén noutros países do norte de Europa, e algúns exemplares aparecen esporadicamente en Norteamérica.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Son aves migratorias que deixan as zonas árticas no inverno para desprazarse cara ó sur. As súas rutas migratorias non están fixadas xeneticamente, senón que se comunican entre os individuos de cada unha das poboacións. Fora da época de cortexo e de cría, viven en grandes bandos. Forman parellas moi estables, aínda que en caso de morte dun dos membros o sobrevivente procura outro. A época reprodutora comeza a finais de maio ou primeiros de xuño. Poñen de 4 a 6 ovos. Os polos rompen a casca despois de 24 ou 25 días de incubación. En xeral, crían en colonias en acantilados que só poden ser alcanzados voando. Isto, que permite a protección perante os depredadores, supón unha dificultade para as crías, que para buscar alimento teñen que deixarse caer da área do niño, o que, malia o seu pouco peso e as súas plumas, provoca unha alta mortalidade.

Bando durante a migración do outono

A miúdo os seus bandos mestúranse cos doutras especies de gansos. Cando voan emiten unha especie de "gek gek gek". A voz dos grandes bandos recorda de lonxe o ladrar dos cans.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Viven sobre todo de herbas curtas, especialmente as que medran en áreas salobres.

Nos anos 1950 estiveron ameazados, pero dende entón as súas poboacións recuperáronse, e arestora calcúlanse nuns 440.000 individuos. É unha das especies incluída no Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de África e Eurasia (AEWA).

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]
A "árbore dos ánades" de John Gerard (1597), mostrando a crenza de que os gansos se orixinaban dos percebes.

Antes do coñecemento preciso da migración das aves e do proceso de cría dos gansos, no alto de acantilados, onde a xente non vía os seus niños, pensábase que os gansos de cara branca se desenvolvían a partir de crustáceos pedunculados como o percebe da madeira.

Lepas anatifera.

De aí proceden os nomes ingleses de goose barnacle e barnacle goose (ganso percebe), e o nome científico Lepas anatifera (do latín anas, "anátido, pato", e o elemento -fera, "a que leva", derivada do verbo ferre, levar).

A confusión estaba causada polas (supostas) similitudes en cor e forma, e como, con frecuencia, os percebes se atopaban fixos á madeira flotante, asumíase que esta madeira procedía de supostas árbores que caían á auga.

O monxe galés Giraldus Cambrensis realizou esta afirmación na súa Topographia Hiberniae.[3]

  1. BirdLife International (2012). "Branta leucopsis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Barnacla cariblanca". www.birdwatchinginspain.com. Consultado o 2022-04-14. 
  3. Beatrice White (1945): "Whale-hunting, the barnacle goose, and the date of the Ancrene Riwle". Three notes on Old and Middle English. The Modern Language Review 40 (3) pp. 205–207 Ver en liña

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Black, Jeff, Jouke Prop & Kjell Larsson (2007): Wild Goose dilemma. - Branta press, Groningen.
  • Bergmann, Hans-Heiner, Helmut Kruckenberg & Volkhard Wille (2006): Wilde Gänse - Reisende zwischen Wildnis und Weideland, G. Braun Verlag, Karlsruhe
  • Madsen, J., G. Cracknell & Tony Fox (1999): Goose Populations of the Western Palearctic, Wetlands International, Wageningen.
  • Erich Rutschke: Wildgänse, Lebensweise - Schutz - Nutzung, Berlin: Parey, 1997

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]